FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - C. ATLÉTICO PEREGRINA 2021 - 2 - 1
ANÁLISE: O Armenteira Veteranos logrou tres novos puntos claves para seguir na loita por acceder aos postos de privilexio na táboa. Foi nun partido intenso, bronco por momentos, ante o C. Atlético Peregrina 2021, un rival que aposta por levar ao seu principal valor, a condición física dos seus futbolistas. Non fixo un partido brillante do Armenteira Veteranos, que soubo encauzar o resultado no primeiro período, pero que sufriu certos apuros para conservar os tres puntos durante a segunda metade, sobre todo na recta final do encontro.
PRIMEIRA METADE: Apostou o Armenteira por saír cun plantexamento arriscado. A defensa de tres coa que experimentara nos últimos partidos convertiuse neste caso na formación de inicio. Con Marcos Bouzas, Carlos Muñiz e Martín na liña defensiva e Marcial e Rubén ocupando os carrís, o cadro verdinegro fiaba a súa estratexia a xogar coas liñas avanzadas e cunha aliñación inicial plagada de peloteiros. Pero esa proposta non parecía funcionar nos primeiros minutos. A presión alta e intensa do C. Atlético Peregrina 2021 estrangulaba a sáida de balón desde a zona defensiva dos locais e forzaba numerosas imprecisións. Xa é o Armenteira Veteranos un conxunto ao que lle custa habitualmente facerse co tacto do balón, e máis aínda ante un rival que ten a súa principal virtude na presión, na intensidade e no vigor físico. Con todo, a falta de pegada dos visitantes non poñía en demasiados apretos a meta defendida por Luis Martínez, e, na primeira ocasión na que os verdinegros se presentaron na área rival, Víctor, tras recibir un envío longo ás costas da defensa, controlaba o coiro, e acomodábase para superar co seu disparo a estirada do gardamallas Borja Cádiz e situar o un a cero. Limitados os labores de creación de xogo desde a liña do mediocampo, o Armenteira Veteranos parecía atopar a vía de perigo cara a portería adversaria, os balón longos buscando a velocidade e a capacidade de desborde de Víctor. Sen controlar demasiado a situación, os de A Armenteira ían sentíndose máis cómodos a medida que avanzaba a primeira metade e eran quen de enxendran máis accións de perigo. Nunha xogada similar ao do primeiro tanto, nun envío en longo que recibe Víctor, este asiste a José, que, na área pequena, e ante a saída do porteiro, coloca coa seu pé menos bo, o esquerdo, coiro no fondo da rede. Apenas tivo tempo para reaccionar o C. Atlético Peregrina mediante algunha leve acometida, antes de que o colexiado Doval Taín asubiase a fin da primeira metade.
SEGUNDA METADE: Tras a reanudación, o cadro visitante volveu con aínda máis intensidade. A enerxía e a viveza que exhibían algúns dos seus xogadores fíxose máis explícita neste segundo período. Non era quen o Armenteira Veteranos de igualar ese fútbol intenso, e apostaba pola orde, polo control e pola cordura. A pesar de todo, os arrebatos ofensivos do C. Atlético Peregrina non xeraban excesivo perigo, e agás algún saque de curruncho, e unha ocasión na que o esférico esvarou das luvas do meta Luis e que logro chapar sobre a liña de gol, as maniobras de ataque dos pontevedreses non alertaban en exceso aos locais. Pero esta aparente calma mudou por completo cando, nunha xogada iniciada tras un saque de banda no costado esquerdo do C. Atlético Peregrina, o coiro chegou a pés de Eduardo Caramés que, desde a frontal da área, empalmou un zapatazo que se colocou pegado ao pau esquerdo meta verdinegra. A incursión no terreo de xogo dun afeccionado do conxunto pontevedrés que desde facía uns minutos se asentara tras a portería do Armenteira Veteranos para tratar de arrebatarlle o coiro ao cancerbeiro Luis Martínez cando este trataba de recollelo do fondo da rede, orixinou unha tangana, á que se uniron varios membros do banco de suplentes do equipo visitante. A postura pusilánime do colexiado e a actitude agresiva dos futbolistas do C. Atlético Peregrina, que xa se puxeran de manifesto ao longo do encontro alongou durante uns minutos a liorta. Na recta final do encontro o Armenteira Veteranos seguiu sen facerse co control do xogo, e aínda que logrou aproximarse nalgunha oportunidade á área rival, sobre todo a través de Víctor ou de José, e dispuxo da ocasión máis clara nunha recuperación de Martín en tres cuartos de campo na que, tras adentrarse na área, e asistir a Bambán, este non puido definir ante a interposición dos defensores rivais. As arrancadas, repletas de puxanxa, coas que os futbolistas do C. Atlético Peregrina buscaban a meta verdinegra puxeron a proba ao resistencia defensiva dos de A Armenteira, e desta volta si conseguiron aguantar e conseguir que os tres puntos se quedaran na casa
MVP: A que foi a incorporación estrella do Armenteira Veteranos para a temporada 2024/2025 comeza a asentarse no equipo e a dar os seus réditos. Tras un fulgurante inicio no primeiro partido de liga no campo de O Cruceiro, en Dorrón, Víctor non puido gozar da continuidade nin da regularidade que todos desexaban. A súa potencia, velocidade, capacidade para conducir e desbordar fan do futbolista de San Martiño un dos activos máis valiosos do cadro verde e negro. E esas virtudes expresáronse con claridade no partido deste sábado. Logrou abrir o marcador e asistiu a José, co que forma unha produtiva sociedade no segundo tanto, e foi, ao longo dos noventa minutos un verdadeiro quebradeiro de cabeza para a defensa rival. Acabou co corpo magullado e cunha man mancada, feridas de guerra dun auténtico batallador no ataque do Armenteira Veteranos, que de seguro terá moito que dicir no que queda de temporada.
ANÉCDOTA: Para moitos é o mellor adestrador que pasou polo campo de O Leixo nos tempos nos que o Armenteira C.F. dispoñía dun equipo na Terceira Autonómica. Chegado desde o veciño Umia C.F. Suso Conles deixou a súa impronta na entidade verdinegra en base á entrega, seriedade e profesionalide coa que exerceu o seu cargo na dirección técnica. Amante dos datos, das estatísticas e da análise pormenorizada e individualizada do rendemento do equipo e de cada xogador en particular, Suso Conles é aínda obxecto de admiración por parte de moitos dos futbolistas que pasaron polas súas mans. E, como xa ocorrera fai unhas temporadas, cando se mediu ao Armenteira Veteranos formando parte do plantel do C.D. Portas Veteranos, Suso volveu verse as caras con algúns dos que foran os seus pupilos e que agora consumen as súas ansias de fútbol na equipo veterano verdinegro. Con seis décadas ás súas costas, segue destilando doses do calidade, como demostrou este sábado no Municipal de Zacande, na que exerceu, como director do xogo do seu equipo desde a zona do mediocampo, unha labor de dirección que, neste caso desde o banco, como fixera fai máis de dez anos no Armenteira C.F., desempeña actualmente no C.D. Portas da Terceira Futgal.
CLASIFICACIÓN E PRÓXIMA XORNADA: Con este triunfo, o Armenteira Veteranos conserva a sexta posición na táboa, con dezasete puntos. Na próxima xornada, o conxunto verdinegro deberá visitar o campo Municipal de Castrelo, no municipio de Cambados, para enfrontarse ao Castrelo C.F. Veteranos, que ocupa o décimo posto, con trece puntos. Será a reedición doutro duelo clásico da liga local de veteranos, que se vén repetindo temporada tras temporada, entre dous equipos veciños que se coñecen sobradamente e que medirán de novo as súas forzas sobre a superficie de terra do campo da parroquia cambadesa.