A terceira xornada de liga da temporada 2015/2016 non trouxo demasiada fortuna en canto a resultados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F., dándose ademais a circunstancia de que non consiguiron anotar ningún tanto.
O equipo alevín, que partía con moitas esperanzas nesta xornada, acabou sendo derrotado na mañá do sábado ante o Meaño F.C., nun encontro marcado pola chuvia e o mal estado do terreo de xogo do campo de O Leixo e no que os pupilos de Jonathan Pérez dispuxeron de ocasións para levarse o triunfo, pero o desacerto ante a portaría rival e os despistes defensivos condenaron a este equipo a sufrir a primeira derrota da temporada. De todos xeitos, seguen manténdose na quinta praza da clasificación e a próxima xornada agardan esquecer esta derrota cunha vitoria na súa visita ao feudo do E.F.B. Vilanova.
O equipo infantil tampouco conseguiu puntuar nesta xornada. Visita o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde o recibía o A.D. Arousa Fútbol-7. O equipo vilagarciano conseguiu impoñer a súa experiencia e o seu maior acoplamento e mostrouse contundente nos últimos metros, infrinxindo unha derrota por nove goles a cero ao conxunto de Martín Casais. A pesares de que os resultados non están a acompañar a este grupo de xogadores no que levamos de temporada o corpo técnico destaca os avances que se lograron a nivel táctico tendo en conta que se trata dun conxunto en proceso de formación e que leva pouco tempo traballando en conxunto.
O que tampouco logrou a vitoria foi o equipo cadete. Os rapaces que comanda Marcial Prado caíron derrotados no Municipal de Vilaxoán ante o San Martín C.F. A falta de acerto en ataque e a calidade do xogador local Martín Pintos, autos dos dous goles, provocaron que o equipo verdinegro fose derrotado por dous goles a cero. A retirada da competición da S.D. Amanecer obrigará ao conxunto cadete na próxima xornada, polo que o cadro de adestradores aproveitará esta situación para facer os axustes necesarios nun bloque aínda falto de efectivos e cunha nivel de rodaxe inferior á maioría dos rivais.
Finalmente, o conxunto do Armenteira C.F. que acadou un resultado máis desafortunado foi o equipo benxamín. A debilidade deste grupos de nenos quedou en evidencia ante o Portonovo S.D., un rival moi superior, que non tivo piedade e venceu por cero goles a vintecinco á escadra que dirixe Valentín Estévez. A labor formativa que está levando a cabo este corpo técnico non se está traducindo nos resultados, pero, á espera de reforzos, o grupo continúa traballando e intentando manter a moral alta, valorando os pequenos progresos aos que, pouco a pouco, se vai chegando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario