O equipo xuvenil do Armenteira C.F. venceu por tres goles a un ao C.D. Bamio no partido que disputaron na mañá deste domingo no campo de A Bouza, en Barrantes. Era era a primeira ocasión na que este conxunto, froito do proxecto común entre o Umia C.F. e o Armenteira C.F., lucía a elástica verdinegra, aínda que problemas de loxística impediron que puidesen vestir a equipación completa, dando un aspecto canto menos chamativo. Coa parte de arriba verde e negra, o pantalón azul e as medias vermellas a escadra que adestra Valentín Estévez "Tilín" presentou un once inicial con Roberto baixo paus, Diego Berreco, Fari, Sergio Nogueira e Rafa en defensa, Cris Cores, Jona, Mathias e Cristian Abal no mediocampo, Hilias na mediapunta e Alberto como xogador máis adiantado. Axiña se lle poría de cara a situación ao Armenteira C.F. Unha internada pola banda esquerda de Cristian Abal remataba co balón nos pés de Cris Cores que, na área pequena e ante o gardamallas Rául Conde, non perdoou. Parecía que a inspiración estaba de lado de Cris Cores e, apenas quince minutos despois, o centrocampista de Castrelo tampouco fallaba ante a saída do meta contrario e deixaba ao seu equipo con todo a favor para levarse os tres puntos. Sen baixar o ritmo nin a intensidade os discípulos de Tilín trataron de administrar a vantaxe ante un C.D. Bamio que pouco a pouco ía atopando o camiño cara a portería defendida por un acertado Roberto. Un feito cambiou o rumbo do encontro no minuto 40. Nun aparatoso choque na disputa por un balón aéreo entre Fari e o visitante Yago Rodríguez ámbolos dous xogadores sufriron unha forte contusión que lles causou unha profunda brecha na fronte, obrigándoos a retirarse do terreo de xogo e a ser trasladados de forma inmediata a un centro hospitalario. A ausencia de Fari no centro da zaga provocou que o técnico local realizase un cambio de fichas. Saltou ao campo André e Rafa abandonou o lateral esquerdo para acompañar a Sergio Nogueira na zona central da defensa. A forte calor non impediu que a loita decaíse. Ben é certo que esta loita derivaba en momento de xogo duro, aspecto no que o colexiado actuou con distinto criterio á hora de sancionar. Ata cinco cartóns amarelos recibiu o Armenteira C.F. por ningún do cadro das ribeiras do Ulla. No minuto 51 Xoán Blanco, nun lanzamento de falta que se colou entre os defensores e o meta Roberto sen que ninguén o dese interceptado, recurtaba distancias para dar máis emoción aos minutos restantes. Pero a forzas dos visitantes ían a menos e o equipo verde e negro non pasaba demasiados apuros, podendo incluso poñer a sentenza se Alberto e, sobre todo, Adrián Castro, culminasen con éxito as claras oportunidades das que dispuxeron. Non foi así e isto mantivo vivo a un C.D. Bamio que se abalanzou sobre a meta local nos intres finais. Unha gran intervención por partida dobre de Roberto serviu para evitalo. Xa no tempo de desconto, co todos os xogadores vilagarciáns sobre a área do Armenteira C.F., incluído o porteiro, o equipo local armou un veloz contragolpe que acabou finalizando Rafa coa portería valeira despois de realizar un poderoso sprint. Con este resultado os de Tilín colócanse na terceira posición, con sete puntos, á espera do partido que os medirá a próxima fin de semana ao San Martín C.F., noveno clasificado con tres puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario