Buscar neste blog

domingo, 14 de xaneiro de 2018

Clara vitoria do Armenteira C.F. infantil para finalizar a primeira fase da liga

FICHA TÉCNICA
CATOIRA S.D. - ARMENTEIRA C.F. 1 - 6
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Casal, Migui, Adri, Xoán, Fran; Íñigo, Hugo, Carlos; Manu Meixús, Júnior e Mosteiro. Tamén xogaron Javi, Sara Rey, Anabel, Jeffrey e Jose Domínguez.
GOLES: 1-0. Minuto 18. Hugo de Jesús. 1-1. Minuto 21. Manu Meixús. 1-2.  Minuto 30. Mosteiro. 1-3. Minuto 33. Migui. 1-4. Minuto 39. Mosteiro. 1-5. Minuto 54. Mosteiro. 1-6. Minuto 76. Mosteiro
ÁRBITRO: Maceira Pena. Non mostrou ningún cartóns nin a un nin a outro equipo.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta da primeira fase da Segunda infantil. Liga Pizza Móvil. Grupo 11., disputado no campo de As Lombas ante pouco máis de trinta espectadores nunha mañá fría, cuberta de brétema e sobre un terreo de xogo de céspede artificial notablemente desgastado.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. despediu a primeira fase da Segunda autonómica infantil cunha clara vitoria sobre o Catoira S.D. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de As Lombas. Foi un triunfo cómodo para os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral, que, con todo, estiveron lonxe do seu mellor nivel. Faltos de intensidade, relaxados na presión defensiva e imprecisos na circulación do balón a vitoria baseouse principalmente na superioridade na definición, na eficacia no corte en defensa e na velocidade polos extremos e na punta de ataque, onde Mosteiro volveu ser o futbolista máis determinante dos verdinegros. Tras uns minutos de tanteo, na que o Catoira S.D. tratou de asumir o dominio, un gol anulado a Íñigo por fóra de xogo cando este rematou sobre a liña de gol unha asistencia de Manu Meixús tería como réplica un contragolpe deficientemente defendido polo Armenteira C.F. que culminou Hugo de Jesús ante a saída de Sergio Casal. Buscou refacerse o conxunto de O Leixo, recurrindo á súa arma máis poderosa, os balóns en profundidade cara a Manu Meixús e a Júnior nos costados, e principalmente cara a Mosteiro. A falta de acerto nos pases e nos controis impedían que esa teórica superioridade se plasmase no marcador, e houbo que agardar a que Manu Meixús, tras unha internada pola banda dereita, cruzase o coiro ante Yago Meira para colocar a igualada. Mosteiro, tras recibir un balón en profundidade, encargábase de poñer o un a dous. Outra espectacular internada, neste caso do lateral Migui, era finalizada por el mesmo para marcar distancias co un a tres, e, de novo Mosteiro, sacaría proveito da súa velocidade para situar o un a catro co que se iría ao descanso. No segundo período o Armenteira C.F. administrou con comodidade a vantaxe. Sen brillantez no xogo, as escasas aproximacións dos locais foron solventadas con éxito por Xoán e Adri na zona de centrais e polas intervencións dun Sergio Casal bastante seguro baixo paus. Nos minutos finais a insistencia de Mosteiro tivo premio, e o dianteiro de San Martiño anotaría dous novos tantos. Con este triunfo o Armenteira C.F. remata esta primeira fase na oitava posición, con vinteún puntos. Agora queda agardar á configuración dos grupos, que se fará en función da clasificación dos equipos nesta primeira fase, e do calendario da segunda fase, que probablemente se dea a coñecer esta semana, aínda que xa se intúen algún dos rivais aos seguramente terá que enfrontarse o cadro que adestra Luis Barral. E.D. Arousa S.D. "B", Vilalonga F.C., E.F.B. Vilanova, S.D. Pontearnelas, C. Xuventú Sanxenxo, Atlético Cuntis, A.X.D. Verdugo ou Domaio F.C. son algúns dos clubes aos que con toda probalidade terá que medirse a escadra verdinegra nesta nova competición.








Ningún comentario:

Publicar un comentario