Os sete magníficos é o título dunha película estreada 1960, pertencente ao xénero western, da que recentemente se ten feito un remake, e que conta a historia dos habitantes dun pobo mexicano que, ante os constantes ataques dos bandidos, deciden contratar os servizos de sete hábiles pistoleiros. Sen pistolas, sen colleitas que defender e sen extorsións contra as que loitar sete foron tamén os magníficos que este sábado, 22 de setembro, defenderon as cores e o orgullo do Armenteira Veteranos. Nun momento no que o fútbol en A Armenteira vive unha profunda crise, no que os caprichos e os intereses particulares de determinada xente e as estratexias de captación de futbolistas das categorías de base absolutamente depredadoras por parte de representantes de clubes veciños afectaron gravemente a entidades como o Armenteira C.F., a osadía e o mérito da actuación dalgunhas personas é digna de recoñecemento. Joserra, Portas, Javi, Martín, Pellejo, Galiñanes e Manueliño son os nomes destes singulares heroes. Cuestións laborais, problemas de saúde e ocupacións diversas deixaron seriamente mermado ao Armenteira Veteranos para esta temporada, situación que se viu empeorada polo desenvolvemento nestas datas das tarefas de vendima. Trátase dunha época na que, ano tras ano, o conxunto verdinegro afronta a difícil misión de reunir os xogadores suficientes para disputar os partidos. Pero nesta ocasión eran sete os que se presentaron no campo de A Reiboa, en Poio. Non acudían a practicar fútbol-sala, futbito ou un partido dunha liga de fútbol-7. O que se xogada era o encontro da terceira xornada do grupo 1 da Segunda Galicia de Veteranos, unha competición na que o número de participantes é loxicamente de once. Cunha cifra tan reducida de homes, no límite do permitido polo regulamento, e fronte a un adversario, o Poio-Bar Monterrei, cun notable potencial e cun banco de suplentes completo, estes modestos e entregados futbolistas correron, presionaron, pelexaron ao máximo e incluso conseguiron trenzar algunha xogada que inquedase ao meta rival. O resultado, como era de agardar, non foi favorable, aínda que, por enriba de todo, o máis importante e o que quedará para a lembranza será a valía e o acto heroico destes sete magníficos que o sábado, 22 de setembro de 2018, se vestiron co uniforme verde e negro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario