Buscar neste blog

sábado, 4 de maio de 2019

Nova vitoria dun sólido Armenteira C.F. infantil que exerce de líder ante a C.E.D. Cotobade

ARMENTEIRA C.F. - C.E.D. COTOBADE - 7 - 1
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Carlos, Álex, Fran, Mateo; Andrés, Íñigo; Javi, Júnior, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Víctor, Villar, David, Ramón e Irene Varela.
GOLES:1-0. Minuto 1. Manu Meixús. 2-0. Minuto 5. Íñigo. 3-0. Minuto 25. Carlos. 3-1. Minuto 34. Pedro Solla. 4-1. Minuto 36. Manu Meixús. 5-1. Minuto 48. Irene Pesqueira. 6-1. Minuto 50. Manu Meixús. 7-1. Minuto 62. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Carballal Pérez. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo terceira xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns setenta espectadores, nunha mañá soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. defendeu con autoridade a condición de líder da Segunda autonómica infantil e venceu con claridade á C.E.D. Cotobade no partido disputado na mañá deste sábado no campo de O Leixo. Foi un encontro cómodo para o conxunto que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez, que axiña se adiantaron e que foron marcando as pautas do xogo ao longo dos 80 minutos. Nada máis comezar Manu Meixús recibía en profundidade e aproveitaba a súa velocidade e a súa capacidade de definición para colocar o un a cero. Pouco despois sería Íñigo o que culminaba na área pequena unha bonita acción colectiva. Un disparo de Carlos dende o borde da área, recollendo un rexeitamento tras un saque de curruncho, era enviado polo lateral de Lois ao fondo da rede dos de Cotobade para situar o terceiro tanto local. Unha volea de Pedro Solla dende fóra da área sorprendía por alto a Sergio, pero non foi suficiente para dar opcións á escadra visitante. Non tardou Manu Meixús en lograr a cuarta diana para o Armenteira C.F., finalizando unha das súas habituais internadas polo costado dereito. No segundo período o cadro local continou vivindo con placidez, fronte a un rival que apenas era quen de inquedalo en defensa. Irene Pesqueira, recibindo unha asistencia de Íñigo, despois de realizar un magnífico recorte, e Manu Meixús en dúas ocasións máis, a última delas mediante un excepcional disparo dende o borde da área, acabarían poñendo o sete a un co que se deu por finalizado o encontro. Non defraudou o equipo que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez á súa fiel afección, que tampouco faltou á súa cita para animar a un grupo de rapaces e rapazas que están a só dous pasos de acadar a gloria en forma de campionato de liga. O momento clave para acceder a ese gran éxito será a próxima fin de semana, cando se midan no campo de Outeiro-Perdecanai ao Barro C.F., segundo clasificado a dous puntos do cadro de A Armenteira. Un empate bastaría para que o Armenteira C.F. volva erguer o copa de campión de liga, algo que non ocorre dende que na temporada 1999/2000 o conxunto de categoría xuvenil que por aquel entón dirixía Julio Serén, e que tiña por capitán ao actual presidente Martín Casais e no que xa participaba o actual adestrador Fran Filgueira "Pacheco", aínda en idade cadete, se alzase co título da Segunda autonómica xuvenil.






Ningún comentario:

Publicar un comentario