A escasos días de que se produza o cambio de estación, a parroquia de A Armenteira consegui este ano adiantar as tarefas de adecentamento das marxes das rutas e viais públicos. Os máis de dous meses de parón provocado polo estado de alarma decretado polo goberno central a causa da pandemia global do coronavirus COVID-19 non impediron retomar axiña unhas actividades que resultan primordiais tanto para facilitar o tránsito dos veciños e veciñas como das numerosas persoas que visitan a parroquia na temporada estival. Xa en pleno estado de alarma, os catro operarios forman parte do plantel fixo do Concello para obras e actividades no exterior aproveitaron os ocos que lle deixaban as tarefas de desinfección, a asistencia a persoas en situación de vulnerabilidade ou outros traballos relacionados directamente coa pandemia, e que por aquel entón, como é lóxico, gozaban de prioridade, para comezar coa limpeza e o desbroce das zonas nas que a actuación era máis necesaria. Superados os momentos máis críticos da pandemia, o plantel municipal viuse reforzado con seis novos operarios, en virtude dunha axuda concedida pola Deputación Provincial de Pontevedra, que non puideron incorporarse ata finais do mes de maio, a pesar de que o proceso de selección se iniciaba no pasado mes de marzo. Con carácter temporal, estes operarios reforzarán as distintas áreas de traballo, dende desbroces e limpeza, ata albanelaría, canteiría e carpintería, e permitirán cubrir as numerosas necesidades que neste sentido presenta un Concello como Meis, o de maior extensión de toda a comarca de O Salnés. Nesta ocasión A Armenteira foi a primeira parroquia no que a alcaldía e as concellarías responsables destas áreas decidiron actuar. O desbroce a bordo do tractor e o repaso a pé coas máquina desbrozadoras, deixou limpos as marxes dos viais que percorren os distintos lugares que compoñen a parroquia. Ao tempo, co apoio dos operarios da Mancomunidade do O Salnés, levouse a cabo a limpeza do sendeiro que discorre a carón do río Armenteira, a popularmente coñecida como Ruta da Pedra e da Auga. A propia alcaldesa, Marta Giráldez desprazouse a pasada fin de semana ata esta ruta para realizar unha camiñata e comprobar o resultado destes traballos, tomando nota dalgúns detalles que é preciso mellorar, e que segundo sinalou, se acometerán en canto sexa posible. Estes traballos completáronse coa colocación de maceteiros no entorno do mosteiro cisterciense e coa reposición nas plantas nos que xa existían. Nun verán que se presenta atípico, e no que prevalecerán as medidas de seguridade, hixiene e distanciamento, a poboación de A Armenteira e as numerosas persoas que visitan un dos principais centros de atracción turística a nivel comarcal, poderán disfrutar dun entorno de gran beleza e xa preparado para unta temporada estival que se desenvolverá nunhas condicións tan especiais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario