A xornada da pasada fin para os equipos de fútbol de A Armenteira caracterizouse polos partidos apretados, emocionantes e equilibrados, sobre todo nalgún dos casos, aínda que finalmente a fortuna non estivo do lado dos clubes verdinegros. Nin o conxunto infantil do Armenteira C.F., nin o Armenteira Veteranos, nin tampouco o equipo sénior feminino da entidade de O Leixo conseguiron puntuar. Foron todas derrotas por escasa diferenza para uns clubes que partido a partido mostran unha franca progresión.
O primeiro en disputar o seu partido foi o equipo infantil. O cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez logrou ter unha vantaxe de dous tantos a cero nos primeiros minutos, pero antes do descanso xa acadara igualar o San Martín C.F. Nun encontro equilibrado, no que a posesión do esférico a tivo principalmente o equipo visitante, as ocasións estiveron repartidas a partes iguais. Os goles de Manu Meixús por partida dobre e de Júnior, e a pouco acertada actuación arbitral, moi protestada polo público que acudiu ao campo de O Leixo, marcaron un encontro que mantivo a tensión ata a recta final e que rematou cunha vitoria por tres tantos a catro para a escadra de Vilaxoán.
Tampouco acompañou a sorte ao Armenteira Veteranos. Fronte a un rival que se situaba na parte alta da táboa, o Barro C.F.-Cafetería Don Pincho, e que partía como claro favorito, o conxunto que capitanea José Luis Galiñanes deu a cara e vendeu moi cara a súa derrota. O penalti anotado polos locais nos intres iniciais tería unha rápida resposta tras unha gran xogada de Richi pola banda esquerda que sería culminada polo propio Galiñanes cun excelente disparo que sorprendía ao gardamallas local. Aínda que o dominio correspondeu ao conxunto de Barro durante a maior parte do tempo, o Armenteira Veteranos tamén chegou a gozar dalgunha ocasión. A mellor condición física do Barro C.F.-Cafetería Don Pincho, que nos últimos minutos baseaba o seu perigo principalmente nas internadas por banda, acabou desnivelando a balanza a prol do conxunto que preside José Sanmartín. Unha acción individual nun contraataque de Marcelino Sánchez, que se atopou a parcela central do campo libre de xogadores visitantes, acabou cun excelente disparo dende o borde da área do futbolista de Barro. O coiro entrou pegado ao pau dereito dun Jose Outón que nada puido facer. Restaban só tres minutos para o final e dous a un no marcador sería inamovible.
Con derrota tamén remataría o partido do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. ante o Independiente C.F. Nun encontro relativamente igualado as viguesas fixeron valer a súa maior capacidade no dominio do balón e unha pegada superior á das rapazas de dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado, que unicamente conseguiron perforar a portería rival nunha ocasión no que levamos de liga. Dous lanzamentos dende fóra da área, que non foi quen de atallar Anabel, decantaron o encontro para o equipo vigués. As aproximacións locais, protagonizadas fundamentalmente por Paula, non tiveron demasiado éxito, como tampouco o tivo unha execución de falta efectuada por Sara Rey, que chegou a impactar no longueiro visitante, tras ser desviado pola gardameta. O cero a dous co que finalizaron os sesenta minutos foi o reflexo de que como un equipo máis experto, o Independiente C.F., soubo dominar mellor en ámbalas dúas áreas.
A próxima fin de semana prevese que sexa de novo de duelos equilibrados para os equipos de fútbol de A Armenteira. Tanto o equipo infantil do Armenteira C.F. como o equipo sénior feminino visitan o feudo de conxuntos situados por debaixo deles na clasificación, o Vilalonga F.C. e o Colegio Apóstol Santiago respectivamente, mentres que o Armenteira Veteranos recibe no campo de O Leixo ao Os Amigos-Pavi Decor, que conta con sete puntos máis cá escadra verde e negra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario