Buscar neste blog

venres, 9 de novembro de 2018

Unha acción criminal

Se resulta moi impactante atoparse un animal abandonado, máis o é aínda cando se trata duns seres cuns escasos días de vida. O abandono de animais domésticos converteuse, desgraciadamente, nunha das principais lacras da nosa sociedade. Na maior parte son cans e gatos os que son deixados á súa sorte en lugares pouco vixiados, nos que, con fortuna, se poden atopar con alguén que os acolla e atenda, e repare na medida do posible o crime cometido por aquel desaprensivo ou desaprensiva que se desprendeu deles. Áreas forestais, polígonos industriais, zonas residenciais ou instalacións deportivas son os lugares favoritos para acometer tales atrocidades. Isto foi o que ocorreu este xoves no campo de O Leixo, en A Armenteira. Cando se dispoñían a comezar o adestramento, Marcial Prado e algunhas das xogadoras do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. escoitaron uns chíos que proviñan das bancadas. Ao achegarse o espectáculo que atoparon foi dantesco. Dentro dun caldeiro, acompañados dunha lata de refresco baleira, había seis cachorros, un dos cales xa estaba morto, que reclamaban de forma desesperada a presenza da súa nai. Cos corazóns compunxidos ante unha escena tan terrible axiña se puxeron en contacto coa Xunta Directiva, que regresaba a O Leixo despois dunha sesión de adestramento do equipo infantil no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro. As xestións dos directivos non tiveron unha atención inmediata. Nin a canceira provincial nin o Concello de Meis prestaban servizo a esa hora e tiveron que recurrir ao teléfono de emerxencias, o 112, onde lles indicaron que ata o día seguinte os animais non poderían ser recollidos. Para facerlles menos desagradable unha noite tan fresca e húmida os membros da directiva do clube de O Leixo acondicionáronlle un vestiario cunha estufa, roupa, cartóns e leite co que alimentarse. Houbo que agardar entón ata a mañá deste venres, 9 de novembro, para que uns operarios do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN) acudiran ás instalacións deportivas a recoller aos canciños. Non se pode dicir que a historia tivera un final feliz, pero polo menos foi menos cruel que o que poderían ter se a acción criminal do autor ou autora do abandono non se atopara coa intervención dunhas xentes que actuaron da forma máis lóxica e quizais máis correcta en casos coma este.


Ningún comentario:

Publicar un comentario