Buscar neste blog

sábado, 11 de maio de 2019

Remontada do Armenteira C.F. infantil en Barro para situarse a un paso do título

BARRO C.F. - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 2
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Fran, Carlos; Andrés, Javi; Mateo, Íñigo, Júnior; e Manu Meixús. Tamén xogaron Irene Pesqueira, Villar, David, Ramón e Irene Varela.
GOLES:1-0. Minuto 7. Hugo Alfonso. 2-0. Minuto 45. Nazaret Díaz. 2-1. Minuto 46. Manu Meixús. 2-2. Minuto 53. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Arosa Martínez. Mostrou cartón amarelo a Fran por parte do Armenteira C.F. e cartón vermello a Hugo Alfonso por parte do Barro C.F.
INCIDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de Outeiro-Perdecanai, en Barro, ante uns douscentos espectadores, nunha tarde soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións moi aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. sitúase a un paso do título do grupo 62 da Segunda autonómica infantil tras o empate a dous tantos acadado na tarde deste sábado no campo de Outeiro-Perdecanai ante o conxunto local do Barro C.F. Foi nun tenso e emocionante encontro, que congregou a unha numerosa afección, tanto dun como do outro bando. Ocupando o primeiro posto o Armenteira C.F. e o segundo o Barro C.F., con dous puntos menos, e sendo actualmente os dous únicos aspirantes ao campionato, era moito o que se xogaban esta xornada. De resultar gañador o cadro local contaría con moitas posibilidades de facerse co campionato de liga, mentres que de vencer o Armenteira C.F. resultaría campión xa de forma matemática. A tensión e o nerviosismo eran evidentes dende o primeiro minuto. Atenazado e preso da presión do partido o Armenteira C.F. comezou moi impreciso. Con maior corpulencia na maior parte dos xogadores e con maior poderío físico, o Barro C.F. asumiu o dominio nos primeiros intres do encontro. Recurría á súa arma máis poderosa, a gran velocidade en ataque de Nazaret Díaz. De pouco parecía servir a especial vixianza a este futbolista que deseñaran o cadro  técnico que compoñen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. Tras un primeiro aviso do atacante de Barro, que enviou o coiro ao lateral da rede da portería defendida por Sergio, un erro no despexe dos centrais verdinegro deu co balón nos pés de Nazaret, que tivo que ser derrubado por Fran no borde da área cando enfilaba o camiño para a portería dos de A Armenteira. Unha falta necesaria pola que recibiu cartón amarelo o central de Silván, e que sería executada de forma acertada por Hugo Alfonso, colocando por diante aos locais. Co marcador a favor, o Barro C.F. baixou o ritmo ao tempo que os visitantes foron adiantando liñas e ían achegándose á portería contraria. De novo era Manu Meixús a principal referencia do ataque verdinegro, e non tardaría moito o dianteiro de Couso en deixar mostras da súa gran calidade, dando o primeiro susto á afección de Barro nunha ocasión na que logrou desfacerse de varios rivais. Só as luvas do orondo gardamallas local Damián evitaron o empate. Pouco a pouco ía collendo confianza o Armenteira C.F., que agora, con Íñigo na posición de central, sufría menos en defensa. Pero nada máis iniciarse o segundo período, unha serie de erros á hora de despexar por parte dos defensores verdinegros permitiu que Nazaret se fose en velocidade e batese novamente a Sergio. Non tardou en reaccionar o cadro visitante, e Manu Meixús, culminando unha xogada individual, recurtaba distancias. Alentado polos berros de ánimo da afección, que entonando o "sí se puede" trataba de empurralos cara adiante, os rapaces e rapazas do Armenteira C.F. comezaron a crer na remontada. E sería outra vez Manu Meixús o encargado de superar a Damián para situar a igualada. Transcurriron a partires de entón uns minutos de relativa tranquilidade para os visitantes, que incluso gozaron dalgunha ocasión para colocarse por diante no marcador. As esperanzas verdinegras pareceron esvaecerse nunha acción na que a afección do Barro C.F. chegou a celebrar fervorosamente o gol, liberando o estrés acumulado ao longo do partido. Pero o tanto foi anulado polo colexiado Arosa Martínez, decretando fóra de xogo. Os últimos minutos foron de tremendo suspense, con ataques constantes do Barro C.F., algúns sacados baixo paus pola defensa visitante, aínda que con gran tesón, e cun sacrificio e cun  esforzo colectivo admirable, ante un rival de enorme esixencia, os rapaces e rapazas do equipo infantil do Armenteira C.F. lograron arrincar un empate que os deixa nunha situación inmellorable de cara a alzarse co campionato de liga. Resta unicamente unha xornada, na que o Armenteira C.F. debe recibir ao Caldas C.F., cuarto clasificado con vintesete puntos, mentres que o Barro C.F. deberá desprazarste ata o campo do Casal para medirse a outro compricado rival, o C.D. Moaña "B". A escadra verdinegra precisa acadar o mesmo resultado que logre o equipo de Barro para conseguir o título de liga. Tratarase, sen lugar a dúbidas, e independentemente de cal sexa a resolución final, dun máis que meritorio colofón a unha traxectoria ligueira que poucas persoas podían imaxinarse que remataría de maneira tan exitosa.








1 comentario:

  1. Tenéis publicadas en este artículo fotos de dos menores de edad para los cuales no tenéis permiso para difundir su imagen. Por lo que está tarde se procederá a poner una denuncia en la guardia civil

    ResponderEliminar