Buscar neste blog

martes, 29 de outubro de 2019

A Casa de Cultura de A Armenteira acolle este mércores a xuntanza entre a veciñanza de A Armenteira e o grupo de goberno de Meis

O local social de Vilar, tamén coñecido como Casa de Cultura, acolle este mércores, 30 de outubro, a partires das 20:00 horas, unha xuntanza á que están convocados todos os veciños e veciñas de A Armenteira. A través dun bando, que foi colocado nos distintos puntos da parroquia, a alcaldesa do Concello de Meis, Marta Giráldez, anunciou esta reunión na que como figura no documento informativo se tratará "a elaboración duns orzamentos municipais participativos e outros asuntos que poidan xurdir na propia xuntanza e que sexan de interese xeral". Dende a chegada ao poder o pasado mes de xuño do grupo de goberno que comanda o PSdeG-PSOE, Marta Giráldez e o seu equipo decidiron levar a cabo unha política máis achegada á veciñanza e que atenda ás preocupacións e as necesidades reais da poboación do municipio. Ao longo das últimas semanas, a alcaldesa, acompañada dos concelleiros e concelleiras Araceli Maquieira, José Ramón Vidal Juviño, Martín Casais e María Sancho, xunto cun técnico municipal, percorreron os locais públicos do Concello para desenvolver estas xuntanzas. Primeiro foi a quenda das parroquias de San Tomé de Nogueira e San Vicente de Nogueira, que se congregaron no auditorio do Centro Multiusos de O Mosteiro. A continuación tocoulle ás parroquias de San Martiño e San Salvador, que acudiron á reunión celebrada no local social desta última parroquia. O centro social do Campo da Boca, en Paradela, acolleu a reunión cos veciños e veciñas da parroquia natal e de residencia da alcaldesa. Tras este percorrido pola xeografía municipal o equipo de goberno desprazarase este mércores ata A Armenteira para abordar coas xentes de parroquia temas que de seguro serán de grande interese. A situación do proceso de concentración de parcelaria, o funcionamento e o progreso das obras de construción do saneamento, o desbroce das zonas de paso dos viais, a limpeza da maleza nas leiras e vivendas abandonadas, a ampliación do cemiterio, a falta de espazos de aparcadoiro nas proximidades do mosteiro cisterciense, os problemas causados polos cabalos mostrencos nas terras de cultivo, a necesidade de melloras nas instalacións do C.E.I.P. de Armenteira, o adecentamento e mellora no edificio da Casa de Cultura ou as actuacións que precisa o campo de fútbol de O Leixo posiblemente formen parte do contido dun acto que ao que se prevé que asista un amplo número de persoas. Marta Giráldez e os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno tomarán nota destas e doutras demandas e tratarán de incluílas, na medida do posible, na elaboración dos orzamentos municipais, ao tempo que confían en que a cordialidade e o espíritu contrutivo que caracterizaron as reunións anteriores primen tamén en A Armenteira este mércores a partires das 20:00 horas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario