FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - SAN ROQUE CASABLANCA - 3 - 1
ARMENTEIRA C.F.:Lola; Alba, Rocío; Sara Rey, Sara Torres, Ana; e Anabel.
ÁRBITRO: Covelo Bugallo. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da primeira fase da Liga Feminina de fútbol-7, que se disputou no campo de O Leixo, ante uns vinte espectadores, nunha anubrada e temperada e sobre un terreo de xogo cunha superficie irregular, lisa e compacta por zonas, e branda e esvaradiza por outras.
CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. segue completando un máis ca aceptable inicio de temporada. Na mañá deste domingo logrou a segunda vitoria do que vai de liga, e foi un triunfo claro e solvente, no que o cadro que dirixe Marcial Prado se mostrou superior ao seu rival e no que apenas pasou por apuros en defensa. Con só sete xogadoras dispoñibles, e polo tanto de novo sen recambios no banco de suplentes, o Armenteira C.F. feminino afrontaba outra difícil cita en O Leixo. As intensas choivas caídas ao longo da noite deixaran o terreo de xogo nunhas condicións bastante impracticables nas zonas dos ángulos do saque de córner, polo que a situación non era a máis favorable para disputar un encontro no que a priori se medían dous conxuntos a loitar por ocupar a zona media da táboa. O equilibrio dos primeiros minutos, con alteranativas por ambos os dous bandos, foi roto por Anabel, ao culminar un contragolpe cruzando o coiro ante a saída da gardamallas Antía Rodríguez. A futbolista cambadesa, que aínda arrastraba molestias no seu pé dereito do partido do pasado xoves ante o Club Peñasco no campo Federativo de Coia, exerceu de principal referencia en ataque das verdinegras. Empregouse con contundencia Anabel nos balóns divididos, especialmente cando tivo que enfrontarse á gardamallas do San Roque Casablanca. Acadarías as viguesas a igualada tras un potente lanzamento de falta executado por Laura Vázquez que, tras golpear o pau longueiro, veu a dar contra as costas de Lola para introducirse nas redes locais. Axiña reaccionou o Armenteira C.F. e Sara Rey, sen apenas oposición, volvería poñer por diante ás súas. Nunha acción similar novamente a futbolista de San Martiño, rematando co xeonllo, colocaría o tres a un. A comodidade da vantaxe, unida á orde e á fortaleza defensiva das mozas que adestra Marcial Prado, fixeron inoperantes os escasos argumentos defensivos que exhibiu o San Roque Casablanca. Pouco tivo que intervir Lola, pero cando se viu a obrigada a facelo, a meta de Vilariño mostrouse con seguridade e confianza. Faltou pausa e calma á hora de combinar para que a escadra local puidese trenzar algunha acción de ataque que permitise ampliar o marcador, aínda que, o resultado final reflectiu con xustiza o observado durante os sesenta minutos de xogo. Con este triunfo o Armenteira C.F. sitúase na oitava posición, con sete puntos, a espera de rendir visita a próxima fin de semana ao Mondariz F.C., sexto clasificado con dous puntos máis cás rapazas da entidade verdinegra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario