Buscar neste blog

domingo, 11 de decembro de 2016

As baixas e a falta de clemencia da S.D. Villestro condenan a unha abultada derrota ao equipo feminino do Armenteira C.F.

A S.D. Villestro non tivo clemencia dun equipo feminino do Armenteira C.F. que, lastrado polas numerosas ausencias, compareceu nun campo de A Barrosa con só once futbolistas en condicións físicas para xogar e que durante boa parte do encontro estivo con dez ou incluso nove xogadoras sobre o céspede artificial desta parroquia do concello de Santiago de Compostela. No encontro, que se disputou na tarde deste domingo, o cadro técnico que forman Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou un once inicial composto por Karla na portería, Fátima, Alessandra, Diana e Laura na liña defensiva, Azahara, Naomi e Raquel na liña de medios, Nerea Porta e Ana Lorenzo nos costados e Mar como única dianteira. Tras uns primeiros minutos nos que as verdinegras mantiveron a compostura, con certo rigor táctico e intensidade na presión, a S.D. Villestro comezou o seu recital de goles. A medida que o cansanzo ía facendo mella nunhas xogadoras visitantes que corrían dun lado a outro detrás dun balón que non se despegaba das botas das santiaguesas os goles ían bicando unha e outra vez as redes defendidas por Karla, que a pesares de ser unha das máis acertadas do seu equipo, tivo que ver como ata dezaséis goles entraban na súa portería. Os bos fundamentos tácticos e técnicos do conxunto local, formado por xogadoras dunha extraordinaria xuventude, facían sentir impotente ao Armenteira C.F. Os problemas físicos de Azahara que regresaba ao equipo despois de ter superado unha lesión de varios meses, obrigaron a abandonar o campo á centrocampista carrilexa. Tamén Alessandra e Mar tiveron que pasar varios minutos fóra do terreo de xogo, mentres que as locais trataban de que ningunha das súas xogadoras se fose para a casa sen anotar nunha situación tan favorable para elo. O resultado de dezaséis goles a cero, que pode sobrepasar os límites da sempre reprochable humillación aos conxuntos rivais que tantas veces se vén denunciando, mantén ás de Marcial Prado nunha duodécima posición que ocuparán ata o próximo 7 de xaneiro, cando se reanude a competición tras unhas merecidas vacacións de Nadal nas que tratarán de repoñer forzas e aumentar os ánimos ante unha segunda volta de liga na que agardan continuar coa progresión que levan experimentando dende que aló por agosto se dedicise poñer en marcha este interesante e arriscado proxecto.


Ningún comentario:

Publicar un comentario