Luis Barral foi sen dúbida o gran protagonista do duelo de rivalidade que mediu na tarde deste sábado no campo de A Senra-2 ao Bar Santiaguiño e ao Armenteira Veteranos. A proximidade entre as localidades que representan cada un dos clubes, os lazos de amizade que unen aos moitos dos xogadores ou a condición de clientes do establecemento de hostalería que patrocina ao conxunto de Ribadumia dalgúns dos compoñentes do cadro verdinegro eran alicientes suficientes para convertir a esta cita nun partido especial. Pero quizais por enriba de todos eles estaba a presenza no conxunto local de Luis Barral, que esta temporada asumiu a responsabilidade de dirixir os equipos de fútbol-8 da entidade de O Leixo, que fixo que a expectación que levantou o encontro fose tal que un número imporante de seguidores do Armenteira C.F. se desprazase ata as modernas instalacións de A Senra para presenciar o encontro. A formación que capitanea José Luis Galiñanes formou cun once inicial con Joserra na portería, Moncho, Portas, Marcos e Richi na liña defensiva, Martín, Rafa e Cacabelos na zona de medios, e Galiñanes, Marcial e Manueliño en ataque. Dende o inicio o Bar Santiaguiño apropiouse do dominio do xogo e xa aos catro minutos tomaba vantaxe. Unha internada por banda dereita de Suso Álvarez facía chegar a pelota aos pés de Luis Barral que, favorecido por un extrano efecto na traxectoria da pelota, poñía o balón no fondo das redes defendidas por Joserra. Nunha xogada similar, de novo Suso Álvarez internábase pola banda dereita, para que, ante unha desaxustada defensa do Armenteira Veteranos, Santi Buceta lograse o segundo tanto. A partires de entón a escadra azulada admistrou con comodidade a súa renda baseándose na calidade individual de boa parte dos seus homes. Con todo o cadro visitante non perdeu a compostura e apoiados na garra e na motivación que supoñía un partido destas características dispuxo dalgunha ocasión que ben puido acabar en gol, pero nin Galiñanes, nin Manueliño, nin Marcial tiveron o acerto de anteriores citas. Xa na recta final unha combinación na que de novo participaba Luis Barral daría lugar ao terceiro gol. De todos xeitos, as noticias non serían do todo favorables para o dianteiro de Barrantes, posto que nesta xogada resultaría lesionado no seu xeonllo dereito, o que o obrigaría a abandonar o terreo de xogo. O resultado final de tres goles a cero non muda a clasificación de ningún dos dous conxuntos. O Bar Santiaguiño mantense no liderato con trinta e catro puntos e Armenteira Veteranos na novena posición con vinte. O parón da competición permitirá que os xogadores teñan un breve e merecido descanso ata o 7 de xaneiro, cando o Armenteira Veteranos teña que recibir no seu feudo á S.C.D. Terras de Curro, que ocupa o décimo terceiro posto con nove puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario