Buscar neste blog

mércores, 14 de decembro de 2016

O Armenteira C.F. estará presente na Asemblea Xeral da Federación

O Armenteira C.F. respondeu de forma afirmativa á convocatoria da Federación Galega de Fútbol para a Asemblea Xeral que se vai celebrar este xoves 15 de decembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Unha delegación do clube, co presidente Martín Casais á cabeza, desprazarase ata a capital da comunidade autónoma, onde a partires das 20 horas terá lugar o acto, no que se tratarán, entre outros aspectos, a aprobación do orzamento de gastos e ingresos do ano 2017 e creación dunha fundación abandeirada pola propia entidade federativa. Asimesmo a institución que preside o ribadumiense Rafael Louzán procederá á entrega entre os clubes asistentes dun lote de balón do modelo oficial elixido para as competicións que organiza. O Armenteira C.F. vén sendo habitual neste tipo de citas nos últimos tempos. Durante a pasada temporada acudiu ás distintas xuntanzas ás que foi convocado pola Federación. En palabras do seu máximo responsable, Martín Casais "a asistencia a este tipo de eventos é moi importante para calquera clube, en especial para o noso. Estes actos contribúen a reforzar a nosa imaxe de cara o exterior e permítennos coñecer de primeira man as propostas da Federación e as sensibilidades doutros clubes, xa que no discurrir da competición non sempre temos a ocasión de tratar certos temas. Ademais, para unha entidade como a nosa, con tantas necesidades de mellora e tantas demandas pendentes, a presenza nun foro como este é unha excelente oportunidade para a voz do Armenteira C.F. se escoite xunto á dos principais clubes de Galicia", finalizou remarcando o mandatario verdinegro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario