O Armenteira Veteranos conseguiu impoñerse este sábado por dous goles a cero ao Interrías Villalonga no partido correspondente á segunda xornada da Segunda Autonómica de Veteranos, Grupo 1, da zona de Pontevedra. O encontro comezou con contratempos para o cadro verdinegros. As ausencias de varios dos seus xogadores, a causa principalmente do inicio das tarefas de vendima, en especial nalgunhas demarcacións, como na portería, condicionaron en gran medida as alineacións. Nos locais primeiro foi Marcos o que se dispuxo a colocar as luvas, para pasar logo o relevo a Javi, que principiou o partido baixo os paus, ata que finalmente, co encontro xa en transcurso, o habitual gardamenta Joserra chegou e e tomou a responsabilidsde de defender as redes de O Leixo. O ritmo lento, as constantes imprecións e o recurso continuo ao xogo directo parecían contaxiar a ámbolos dous conxuntos. Os de Vilalonga apenas inquedaban a área dos de A Armenteira, que tampouco conseguían aproximarse con claridade á meta defendia por Norman. Na segunda metade, José Luis Galiñanes decidiu cambiar o seu tradicional catro-catro-dous e realizar unha aposta ofensiva. Con tres defensas, con Martín como medio de enganche, catro centrocampistas e dous dianteiros, o Armenteira Veteranos adiantou as súas liñas na procura dunha vitoria que parecía resistírselle. A falta de acerto de dianteiros normalmente tan efectivos Manueliño e Jorge Castro desesperaba unha e outra vez aos locais. Non foi ata que, nun balón colgado que o meta visitante non conseguiu chapar, e que caiu nos pés de Jorge Castro, como os verdinegros se puxeron por diante no marcador. Esta vantaxe no marcador, aínda que mínima, permitiu que o Armenteira Veteranos vivise con tranquilidade os últimos minutos dun encontro no que o Interrías Villalonga apenas era incapaz de saír do seu terreo de xogo. Houbo tempo incluso para que de novo Jorge Castro culminase unha bonita xogada colectiva e fixase o resultado final de dous goles a cero. O triunfo deste sábado sitúa á escadra verdinegra na terceira posición, igualada a seis puntos cos outros dous equipos que lideran a clasificación, o Bar Santiaguiño e o Soho Cambados. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos debe rendir visita ao campo de A Lanzada para medirse a Os Raposos, un conxunto que se atopa no oitavo posto con tres puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario