O Armenteira Veteranos logrou unha clara e importante vitoria por un gol a catro na súa visita ao campo de A Lanzada onde se mediu na tarde deste sábado ao equipo de Os Raposos. Os visitantes, que se presentaron no campo de Noalla con numerosas e importantes baixas iniciaron o partido con só once xogadores. Joserra na portería, unha defensa formada por Jorge Dávila, Marcos, Óscar e Portas, unha liña de mediocampo con Marcial, Rafa, Jorge Castro e Joseíño, e unha dianteira con Galiñanes e Manueliño, formaron o once de partida dun conxunto ao que se uniría Cacabelos no transcurso da primeira metade. O dominio apabullante dos de O Leixo durante os primeiros corenta e cinco minutos, apoiados da dirección favorable do vento e na súa maior capacidade física e técnica, deixaron practicamente sentenciado o encontro. Manueliño e Jorge Castro, ámbolos dous por partida doble, poñían unha vantaxe de cero goles a catro que facía case imposible a remontada de Os Raposos. As numerosas ocasións desperdiciadas polos dianteiros verdinegros puido deixar un marcador cunha goleada de escándalo. Na segunda metade, co vento en contra, co desgaste físico lóxico fronte a un rival con máis recambios e no medio da intensa chuvia que caiu sobre A Lanzada nos últimos minutos, os de A Armenteira cederon o dominio por momentos aos locais, que nunha das súas escasas aproximacións á meta defendida por Joserra lograron o gol da honra. Este triunfo sitúa ao Armenteira Veteranos no primeiro posto do grupo 1 da Segunda Autónomica de Veteranos. As tres vitorias nos tres partidos de liga disputados aúpano a un liderato histórico, que poñerá en xogo a próxima fin de semana no campo de O Leixo ante un dos conxuntos máis potentes da categoría, o Soho Cambados, terceiro clasificado con seis puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario