Os resultados das eleccións autonómicas celebradas este domingo 25 de setembro tamén depararon un resultado favorable para a candidatura encabezada por Alberto Núñez Feijóo. A marca Feijóo, que tanto se afanou en promocionar a dirección da campaña electoral do Partido Popular, relegando incluso a un segundo plano as siglas da propia formación política tivo un amplo respaldo entre os votantes que se achegaron ata a mesa electoral instalada na Casa de Cultura da parroquia. A listaxe encabezada polo político de Os Peares recibiu 283 papeletas, fronte ás 54 que decidiron apostar pola candidatura Partido dos Socialistas de Galicia. No terceiro posto en número de apoio situouse En Marea, mentres que as listaxes do Bloque Nacionalista Galego e a de Ciudadanos recibiron ámbalas dúas catorce votos. A xornada desenvolveuse con absoluta normalidade, coa única salvedade de que os membros da mesa electoral e os electores que ata alí se desprazaron tiveron que compartir unha vez máis o exercicio do voto co descanso dos peregrinos que albergan unhas instalacións nas que conviven os usos veciñais co aloxamento dos numerosos camiñantes que percorren a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario