Buscar neste blog

domingo, 4 de setembro de 2016

O equipo alevín do Armenteira C.F. proclámase campión do Torneo Triangular San Ero 2016

O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou este sábado proclamarse campión do Torneo Triangular San Ero 2016. Os rapaces e rapazas que adestra Luis Barral tiveron que agardar ao resultado do partido entre o Vilalonga F.C. e o A.D. Arousa F-7 para coñecer o seu rival no segundo encontro do torneo. A vitoria dos de Sanxenxo por dous goles a un fixo que o cadro verdinegro tivese que medirse entón neste segundo partido aos vilagarciáns e no terceiro, a hipotética final, ao Vilalonga F.C. Fronte á A.D. Arousa F-7, os nenos e nenas que dirixe Luis Barral levaron dende o primeiro momento o control do xogo e esa superioridade culminouse nos tantos de Manu Meixús e Brais Santamaría, que conformaron o dous a cero final. A cita final, ante o Vilalonga F.C., presentou a mesma tónica ca o encontro anterior, aínda que o dominio dos locais non acababa de plasmarse no marcador. O gol de Javi ao culminar unha xogada desenvolvida pola banda dereita do Armenteira C.F., serviu para abrir o camiño aos que anotarían Íñigo e Adri, que puxeron o tres a cero final. Esta notable actuación deu o título de merecido campión á formación de O Leixo. O abundante público que se congregou no campo puido presenciar, nun ambiente amenizado pola música e os pinchos que non cesaban de saír da cantina, como Martín Casais, presidente do Armenteira C.F., Rubén Serén, representante da Comisión de Festas O Noso, e Cristina Gallo, unha das principais promotoras da nova asociación veciñal, entregaban os trofeos aos tres equipos que participaron neste torneo. A próxima fin de semana será o turno da competición de categoría infantil e o domingo da de categoría sénior feminina.






Ningún comentario:

Publicar un comentario