Buscar neste blog

domingo, 26 de novembro de 2017

Apretado encontro para o equipo alevín do Armenteira C.F. en Soutomaior

O equipo alevín do Armenteira C.F. disputou na mañá deste domingo un axustado partido no campo Graciano Padín ante o conxunto local do C.D. Soutomaior "B". Foi un encontro apretado no que o cadro local se mostrou superior nos primeiros minutos, pero no que o acerto de Sergio Matilde na portería e a mellora progresiva do xogo dos de A Armenteira lle permitiron competir e manterse con opcións ata o final. O corpo técnico que forman Alba e Luis Barral presentaron un equipo inicial con Sergio Matilde baixo paus, Sara Otero, Andrés e Álex Grigorio en defensa, Brais Santamaría, Ainoha e Mateo na zona de medios e Aldara en ataque. O dominio inicial dos locais axiña se materializou co tanto de Pedro Lorenzo, que cruza o balón ante a saída do meta verdinegro. Apoiados nunha mellor disposición sobre o campo e nunha maior fluidez na circulación do esférico os de Soutomaior entraban unha e outra vez polos costados e creaban ocasións que provocaban o lucimento dun Sergio Matilde ao que ata a afección local se rendía e recoñecía as súas paradas con aplausos. Sacudíndose do dominio dos das terras do Verdugo o Armenteira C.F. comezou a aproximarse á área rival. Nunha excelente asistencia ao saque dun córner de Andrés Brais Santamaría cabeceaba ao fondo das mallas para acurtar distancias. No inicio do segundo período Pedro Lorenzo batía outra vez a Sergio Matilde para ampliar vantaxe para os locais, pero, os rapaces e rapazas que dirixe Alba Barral non se amilaron e, sólidos e contundentes en defensa, agora liderados dende a zona central da zaga por Álex Grigorio, e intensos na disputa dos balóns divididos, asumiron o papel de dominadores. A pesares de que o C.D. Soutomaior "B" dispuxo dalgunha ocasión, eran os de A Armenteira os que gozaban da maior parte das mesmas. Nunha delas Aldara recibe un balón en profundidade e bate a Antón Lorenzo. Só a falta de fortuna e acerto impediron que un Armenteira C.F., inferior quizais en fútbol, pero superior en loita e entrega, puidese arrincar un punto do Graciano Padín. Con este resultado os nenos e nenas do equipo alevín do Armenteira C.F. colócanse na oitava praza con oito puntos. A próxima fin de semana deberán recibir a visita do A.D. Arousa F-7, que ocupa a décimo terceira posición con tres puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario