O Armenteira Veteranos venceu á A.C.D. Monte Xesteiras-Uzal Seguros por tres goles a sete no partido disputado na tarde deste sábado no campo de A Ran, en Cuntis. Foi nun encontro tolo, no que o conxunto que preside José Luis Galiñanes amosouse demasiado endeble en defensa, con numerosas concesións a un rival con non demasiados argumentos ofensivos e que acabou solventando sobre todo grazas á inspiración en ataque de Jorge Castro, que unha vez máis volveu poñer de manifesto que se trata dun dos futbolistas máis determinantes do grupo. O cadro verdinegro presentou un once inicial con Jose Outón en portería, Moncho, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro e Portas en defensa, Richi, Carlos, Javi e Joseíño na liña de medios, e Rafa e Jorge Castro na dianteira. Nada máis comezar o encontro, unha incursión por banda dereita da A.C.D. Monte Xesteiras rematou cun centro que se envelenaría e acabaría batendo a Jose Outón. O impacto causado por este gol tan temperán afectou a un Armenteira Veteranos que non daba atopado o seu sitio. Non era quen de manter a posesión do esférico, non conseguía trenzar xogadas en ataque e acusaba unha gran inseguridade cada vez que os de Cuntis se achegaban á súa área. O camiño da recuperación veu, como non podería ser doutra maneira, da man de Jorge Castro. Un penalti provocado polo dianteiro de Vilar, que el mesmo transformaría, poría a igualada no marcador. Con este resultado chegouse ao descanso e, no segundo período, o Armenteira C.F. parecía máis asentado e cómodo sobre o terreo de xogo, aínda que non lograba poñer fin aos seus males. Un golpe franco enviado ao longueiro da meta defendida por Joserra nesta segunda metade, remataría nos pés de Iván Carballeda que, libre de marca e sen demasiada oposición defensiva, poñía de novo por diante aos locais. A réplica daríaa Jorge Castro que, tras recibir na área non fallaría ante o gardamallas Juan Lamiño. Pero noutra indecisión en defensa dos de O Leixo, na que deron despexado un balón que non presentaba moita dificultade, Iván Cachafeiro colocaba dende o borde da área o tres a dous. Non se deu por vencido o Armenteira Veteranos e, aproiveitando os ocos que ía deixando a zaga rival, dous tantos de Manueliño e tres de Jorge Castro, o último deles dende o punto de penalti, ditaron sentenza e permitiron que os das terras de O Castrove se volveran atopar coa vitoria. Desesperados, cando a derrota parecía irremediable, os locais recurrían ás protestas ante un colexiado ao que non lle tremía o pulso. A expulsión de Jose Sánchez por dirixirse de forma irrespetuosa ao árbitro e a de David Garrido por derrubar a Jorge Castro sendo o último defensor na xogada que rematou co penalti que daría lugar ao último gol, eran a mostra máis clara da desesperación dun equipo ao que os fallos defensivos do Armenteira Veteranos deron vida dunha boa parte do encontro, pero que ao final rematou sucumbindo ante un rival con maiores recursos futbolísticos. Con este triunfo o cadro verde e negro sitúase na undécima posición con oito puntos. A próxima cita será o sábado 11 de novembro no campo de O Leixo ante o Cafetería Vilariño Cambados, segundo clasificado con dezanove puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario