O equipo infantil do Armenteira C.F. venceu por dous goles a un á E.F.B. Vilanova no partido disputado na mañá deste sábado no campo de O Leixo. Foi nun encontro intenso, cun final tremendamente emocionante, no que o cadro que dirixe Luis Barral demostrou entrega e un espíritu competitivo que parece recuperar tras un inicio de liga un tanto irregular. O técnico de Barrantes presentou un once inicial con Sergio Casal baixo paus, Javi, Xoán, Adri e Fran en defensa, Carlos, Migui e Íñigo na zona central do medio campo, Manu Meixús e Junior polos costados e Mosteiro en ataque. As principais novidades era a volta de Sergio Casal á portería tras superar a lesión de brazo que lle impediu disputar os últimos partidos na súa posición habitual, e a de Junior ao equipo tras máis dun mes fóra del. Axiña se lle puxo a situación a favor do Armenteira C.F. Mosteiro recibía un balón na área para adiantar aos seus cando só se levaban disputados seis minutos. Coa confianza do resultado os locais fíxeronse donos do xogo. Nunha das ocasión das que dispuxeron neste primeiro treito do encontro, de novo Mosteiro, tras unha bonita xogada combinativa na que Manu Meixús penetrou por banda e brindou unha perfecta asistencia ao atacante de San Martiño, marcaba o segundo tanto. Pouco a pouco foi a E.F.B. Vilanova desfacéndose do dominio do Armenteira C.F., e, nun lanzamento de falta dende a frontal da área, Pablo Rubianes recurtaba distancias. No segundo período mantívose a alternancia de chegadas dun e outro conxunto. O mediocampo perdía protagonismo, a creación de xogo era cada vez máis intermitente e eran os balóns en profundidade na procura da velocidade dos dianteiros a principal fonte de perigo. Neste contexto eran os locais os que sacaban maior produtividade. O desborde por banda de Manu Meixús e a potencia nos últimos metros de Mosteiro ben puideron deixar sentenciado o encontro para os de O Leixo. Aínda que o Armenteira C.F. mostraba certa solidez na zona defensiva, na que volveron sobresaír a contundencia de Xoán no centro da zaga e a loita constante dun Migui irredutible como de costume, a emoción caracterizou os intres finais. A E.F.B. Vilanova trataba de pechar aos verdinegros no seu campo, e estes buscaban liberarse con lanzamentos en longo na busca duns dianteiros aos que cada vez era máis difícil atopar. A desesperación dos visitantes facíaos caír nun xogo brusco por momentos e en reiteiras protestas, que o colexiado Mouriño San Martín sancionou con cinco cartóns amarelos, aos que se uniría a expulsión de David Señoráns por escupir nos pés do árbitro cando xa se dera por finalizado o encontro. Con este triunfo o equipo infantil do Armenteira C.F. sitúase na sétima posición con doce puntos, á espera da visita que a próxima fin de semana realizará ao campo de O Revel para medirse ao Vilalonga F.C., que ocupa a sexta praza, tamén con doce puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario