Buscar neste blog

domingo, 12 de novembro de 2017

O equipo feminino do Armenteira C.F. perde en Noalla outra oportunidade de puntuar

O equipo feminino do Armenteira C.F. perdeu este domingo unha clara oportunidade de puntuar no partido que disputou no campo de A Lanzada ante a S.D. Noalla. Tratábase dun rival directo e unha data sinalada no calendario do conxunto que dirixe Marcial Prado para sumar máis puntos a un casilleiro que de momento viña acumulando un escaso botín. Foi nun encontro no que ámbolos dous equipo ofreceron un discreto espectáculo futbolístico, no que o Armenteira C.F. volveu a pagar caros os erros tanto nunha como na outra área e no que a nota máis chamativa foi o debut coa camisola verdinegra de Lara, Banesa e Celaya, incorporadas durante no transcurso da semana procendentes do C. Juventud Cambados. O conxunto de O Leixo presentou un once inicial con Belén en portería, Fátima, Patri, Naomi e Laura en defensa, Sofía, Andrea e Ana Abal na liña de creación, Xeila e Paula polos extremos e Ana Martínez en ataque. Non comezou ben o encontro para as xogadoras verdinegras. Con só catro minutos disputados Marta Arís recibía un balón na área e cruzábao ata colocalo no fondo das mallas defendidas por Belén. Co gol en contra o Armenteira C.F. non conseguía facerse con dominio do xogo. Eran as de Noalla as que mantiñan a posesión, lideradas por María Otero na zona de creación e con Marta Arís como referencia en ataque. Houbo que agardar ao minuto 29 para que Paula aproveitase a súa punta de velocidade para, tras unha magnífica asistencia de Sofía, prantarse soa ante a meta Julia Miniño e poñer a igualada. Eran os mellores minutos das de A Armenteira. Un excelente lanzamento de falta de Sofía bateu na escadra local e Ana Martínez dispuxo dunha ocasión inmellorable fronte a fronte á gardamallas rival, pero, envio o coiro contra os pés da meta de Noalla. A fortuna que faltaba na área adversaria tívoa a S.D. Noalla cando, tras  unha volea que aparentaba non presentar ningún tipo de perigo, o balón quedou botando ante unha Belén que se quedou estática, permitindo a Silvia Santamaría rematar sen oposición e acadar o segundo tanto para as súas. No segundo período non cambiou moito a situación. Ao contrario, as chegadas á área contraria por parte dun e doutro conxunto reducíronse. Fallaban as forzas e as amplas dimensións do terreo de xogo de A Lanzada pasaban factura. Marcial Prado moveu o banquillo e deu a oportunidade de debutar ás novas fichaxes, pero as perspectivas de remontar o partido non melloraron. As locais non inquedaban a meta defendida por Belén e tampouco o facían as visitantes na defendida por Julia Miniño. A ocasión máis clara estivo nos pés de Celaya, que, soa ante a gardamallas rival, enviou o balón fóra. Non tivo moita máis historia o encontro e o dous a un co que finalizaran os primeiros corenta y cinco minutos acabou sendo o marcador final. Con este resultado o Armenteira C.F. continúa na décimo novena posición, con tres puntos. O próximo domingo terá unha nova cita para puntuar ante un rival que a priori parece resultar máis esixente que o desta fin de semana. Será ante a Rácing de Vilariño, que ocupa a terceira posición con vinteoito puntos. Marcial Prado e o seu corpo técnico terán que seguir traballando para conxuntar un plantel que esta temporada conta con maiores recursos que a pasada, un feito que non se está traducindo en resultados. Queda moita temporada por diante para responder ás expectativas que tanto a afección como a Xunta Directiva teñen postas neste grupo de rapazas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario