O equipo alevín do Armenteira C.F. sufriu unha contundente derrota na visita que realizou na mañá deste sábado ao campo de As Cachizas. Coas importantes ausencias de xogadores habituais nas convocatorias de Luis e Alba Barral como Fran e Jose Domínguez, afectados por sendos procesos víricos, e de Íñigo, que non acaba de superar os seus problemas musculares, o cadro verdinegro presentábase en clara inferioridade ante un Unión Dena C.F., que a tenor da situación na clasificación, parecía un rival directo. Nada máis iniciarse o encontro unha cabezada á saída un córner adiantaba aos branquiazuis. O Armenteira C.F. tratou de resacirse, pero nin Manu Meixús, moi vixiado polos defensores rivais, nin Junior, que ocupou a posición de dianteiro centro, conseguiron convertir en gol as aproximacións á área do Unión Dena C.F. das que foron protagonistas. Co paso dos minutos os locais foron impoñendo a súa maior contundencia. Desbordaban por banda e e chegaban en vantaxe ao remate fronte a uns defensores visitantes e a un meta Sergio Matilde que loitaban con impotencia fronte á superioridade nos metros finais do adversario. A maior efectividade dos de As Cachizas acabou plasmándose no resultado de cinco a cero co que rematarían os cincuenta minutos, un resultado quizais demasiado abultado para o que se puido observar sobre a herba artificial de Coirón. A próxima semana os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral disputarán a última xornada desta primeira fase de liga, e será no campo de O Leixo ante o C. Xuventú Sanxenxo, outro rival directo que ocupa a sétima posición, con sete puntos, un máis cá formación verdinegra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario