Buscar neste blog

domingo, 27 de novembro de 2016

O Atlético Arousana "B" non da opción ao equipo feminino do Armenteira C.F.

O equipo feminino do Armenteira non puido repetir triunfo esta semana. Se a pasada fin de semana lograba unha histórica vitoria na súa visita á localidade de A Estrada este domingo o resultado foi ben distinto. Gran culpa diso tívoa o Atlético Arousana "B", unha formación que pertence a un clube pioneiro no fútbol feminino e que dende fai uns anos se convertiu na referencia neste deporte para o cada vez maior número de nenas que se animan a calzar as botas para defender as cores dalgúns dos moitos equipos que existen na contorna. O cadro técnico local, formado por Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou unha alineación con Karla na portería, que suplía á lesionada Uxía, Fátima, Alessandra, Diana e Laura na liña defensiva, Ana Lorenzo, Naomi, Nerea Baños e Raquel no mediocampo, Ana Martínez na mediapunta e Ángeles como xogadora máis adiantada. Dende os primeiros minutos o cadro vilagarciano apropiouse da posesión do balón e o Armenteira C.F. apenas conseguía saír do seu campo. Un lanzamento que superaba en altura a Karla servía para inaugurar o marcador a prol do Atlético Arousana "B" e a partires de entón comezou a sucesión de goles na meta verdinegra. A polémica chegou cando o colexiado Sartages Bermúdez sancionou cun penalti un forcexeo de Laura cunha atacante do cadro amarelo. As protestas de Marcial Prado acabaron co adestrador de San Salvador expulsado. Nada puido facer Karla ante o lanzamento dende os once metros de Cristina Bemposta. O equipo visitante, liderado na zona de creación por Ana González, administrou con comodidade a vantaxe ante unhas xogadoras verdinegras que se resignaban e que trataban de buscar o gol da honra con balón en profundidade a Mar, pero a dianteira vilagarciana, mermada polos problemas de saúde que sufriu esta semana, víase impotente na batalla contra as defensas adversarias. O marcador final acabaría reflectindo un cero a  nove, que reflicte ben ás claras a diferenza que hoxe en día existe entre ámbalas dúas escadras. Con todo, as xogadoras do Armenteira C.F. non perderon a oportunidade de rendirse unha pequena homenaxe de despedida a Nerea Baños, a súa compañeira que, por motivos profesionais, vese obrigada a trasladarse temporalmente a Madrid.  O próximo domingo as rapazas que adestra Marcial Prado recibirán de novo en O Leixo ao C.F. Rúa-Valdeorras. O conxunto ourensano ocupa a quinta praza con vinte puntos, polo que vai supoñer outro reto compricado para as de A Armenteira.


Ningún comentario:

Publicar un comentario