Buscar neste blog

sábado, 12 de novembro de 2016

Triunfo sen paliativos do equipo infantil do C.D. Ribadumia en O Leixo

O C.D. Ribadumia impúxose por un gol a seis no partido que disputou ante o equipo infantil do Armenteira C.F. na mañá deste sábado no campo de O Leixo. O cadro que adestran Pablo Torres e Roberto Pérez, líder destacado do grupo 9, quixo deixar clara dende o inicio o seu maior potencial. Sobre unha superficie do terreo de xogo embarrada, baixo unha intensa chuvia e no medio dunha espesa néboa, feitos que condicionaron e desluciron o espectáculo, a escadra aurinegra logrou ir cunha vantaxe de cero goles a catro ao descanso ante un Armenteira C.F. que non conseguiu entrar no encontro en ningún momento. Nin sequera o gol de Mosteiro avanzada a segunda metade conseguiu sacar da indolencia aos rapaces e rapazas que adestra Valentín Estévez "Tilín", que tiveron que ademais das numerosas adversidades tiveron que facer fronte ás sensibles baixas de Xoán e Migui, que debilitaron aínda máis a zona defensiva. A próxima fin de semana o equipo verdinegro terá outra difícil cita. Será no campo de As Cachizas ante o Unión Dena C.F., outro dos conxuntos chamados a loitas polos postos de privilexio e ante o que buscará aumentar a cifra de dez puntos cos que conta na actualidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario