O campo de Berdón volveu ser escenario de polémica como cada vez que o Armenteira Veteranos visita este campo no que, ano tras ano, o triunfo se lle segue resistindo. O conxunto verdinegro presentouse nas instalacións deportivas de Trabanca Badiña con Joserra baixo paus, Óscar Portas, Marcos, Carlos e Jorge Dávila en defensa, Pellejo, Martín, Cacabelos e Richi no mediocampo, e Jorge Castro e Manueliño en ataque. A escasa fortuna que soe acompañar ao Armenteira Veteranos cando se despraza ata Berdón xa se puxo de manifesto no minuto dous cando o conxunto rival, o Multitiendas S.D., transformaba un penalti que Carballal Pérez non dubidou en sinalizar. Con todo, o Armenteira Veteranos conseguiu resacirse e de novo apareceu a efectividade de Jorge Castro nos metros finais para igualar o marcador. Antes de chegar ao tempo de lecer Rafa colaba pola escadra vilagarciana un potente chut dende ángulo esquerdo da área. O partido poñíaselle de cara aos de O Leixo pero a tensión que sempre envolve as súas visitas a Berdón foi en aumento. As provocacións rivais unidas ao desacerto dun colexiado que pouco a pouco ía perdendo o control da situación meteron un partido nunha dinámica que en nada beneficiaba aos visitantes. Un derrubamento a Jorge Castro cando se presentaba en clara vantaxe ante a meta vilagarciana, que unicamente mereceu un cartón amarelo como sanción, alterou aínda máis os ánimos dos futbolistas que capitanea José Luis Galiñanes. A expulsión de Manueliño cando se dispoñía a incorporarse ao terreo de xogo dende o banquillo deixou ao Armenteira Veteranos sen un dos seus principais argumentos ofensivos. A partires de entón a tensión seguiu aumentando. Unha tangana e unha invasión de campo protagonizada por boa parte dos compoñentes do banquillo local descentraron aínda máis aos verdinegros, que viron como un centro caía na área pequena nos pés do talentoso Novais para igualar o encontro. E a falta de dous minutos para o final Antonio Collazo un preciso lanzamento de Antonio Collazo colábase pola escadra esquerda dun desesperado Joserra. A pesares desta derrota por tres goles a dous o Armenteira Veteranos mantense na décima posición. A próxima fin de semana os verdinegros buscarán reencontrarse coa vitoria no partido que os medirá no campo de O Leixo ao San Benitiño C.F. Veteranos-Joyería Groba, undécimo clasificado con catorce puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario