Dende fai uns meses os arredores do C.E.I.P. de Armenteira contan cun novo inquilino. Alguén podería pensar que se trata dun dos moitos peregrinos que, en pleno percorrido da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, deciden hospedarse no albergue instalado no local que tamén acolle a Casa de Cultura da parroquia. Pois non. Tratáse dun dócil e agarimoso gato que axiña se gañou o cariño dos nenos e nenas, do profesorado e do resto dos membros desta comunidade educativa. Non só lle deron un nome, tomado dunha famosa serie xaponesa de debuxos animados, senón que o levaron ao veterinario para que lle revisaran o estado da súa saúde e para desparasitalo. Doraemon atópase en perfecto estado, vese san e limpo e nótase agradecido polo cariño e a atención que lle prestan, pero dende a dirección do C.E.I.P. de Armenteira cren que o mellor para el sería atopar unha familia que o acolla. Por elo, puxéronse en contacto coas familias do alumnado do centro para buscar un fogar máis confortable para Doraemon. Ao parecer son xa varias as familias interesadas, polo que haberá que facer un sorteo entre as distintas solicitudes de adopción. En poucas semanas poderemos ver como un dos habitantes máis famosos de A Armenteira cambiará de residencia, pero de seguro que non deixará de habitar nos corazóns dos nenos e nenas que diariamente se lle achegaban para tratar de collelo no regazo, darlle un pedazo da merenda ou simplemente para amansalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario