O campo de Berdón foi o escenario da segunda vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. na presente temporada. O cadro que adestra Valentín Estévez "Tilín" impúxose na mañá deste domingo de forma clara á A.D. Arousa F-7. O encontro, que se convertiu nun clásico das categorías de fútbol base comarcal, viña aderezado pola boa relación que tradicionalmente manteñen as dúas entidades e pola presenza nas filas da escadra amarela de Rubén García, xogador durante as tres últimas temporadas do Armenteira C.F. A superioridade que facía agardar a diferenza na clasificación entre ámbolos dous conxuntos comezouse a mostrar xa dende a primeira metade. Piñeiro e Jose Otero poñían en vantaxe aos verdinegros antes de chegarse ao descanso. No segundo período a formación de O Leixo seguiu ampliando o marcador. Santi cun disparo dende fóra da área, Álex Ruel resolvendo na área unha xogada iniciada por el mesmo, Hugo recollendo un rexeitamento do longueiro, Sebas cunha volea dende a frontal da área e Kevin en dúas ocasións, a última delas cun lanzamento dende a zona do córner, puxeron o resultado final de cero goles a oito. Esta vitoria coloca aos de Tilín no oitavo posto con dez puntos. A visita do líder, o C.D. Ribadumia na próxima xornada porá a proba aos rapaces e rapazas da entidade verdinegra, que este ano parten cunhas expectativas moderadamente elevadas, e que deberán confirmar ante o potente equipo aurinegro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario