O equipo alevín conseguiu unha abultada vitoria no partido disputado na mañá deste domingo no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados. Un cero a sete que deixa ben ás claras a superioridade que exhibiron os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral. Seis deses goles foron anotados nunha primeira metade na que os de A Armenteira mostraron maior intensidade e maior fortaleza física. Manu Meixús, que volveu ser un auténtico pesadelo para os rivais pola banda dereita, inauguraba o marcador ao culminar unha xogada individual. Logo virían os catro tantos de Adri, que foi letal neste primeiro período ocupando a posición de dianteiro centro, o bonito gol de Javi, colocando un lanzamento con rosca pegado ao pau esquero da meta defendida por Roi Pena. No segundo tempo Luis Barral aproveitou a vantaxe no marcador para facer probas e profundizar no traballo táctico do equipo, e non sería ata os intres finais cando Manu Meixús, de novo tras unha xogada individual, pechaba o marcador. Este triunfo sitúa ao equipo verdinegro na sexta posición con seis puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana, no campo de O Leixo, á Asociación Xuvenil Saraiba do Mar, unha entidade deportiva que leva traballando dende fai uns anos na localidade de Portonovo, centrada fundamentalmente ata agora no fútbol-sala, e que esta temporada decidiu ampliar o seu proxecto e adentrarse no mundo do fútbol-base.
Ningún comentario:
Publicar un comentario