Buscar neste blog
venres, 14 de abril de 2017
Armenteira, no centro do camiño
Din que todos os camiños levan a Roma e que Santiago de Compostela é un destino ao que se pode chegar de moitas formas e por variadas rutas. Como centro relixioso, cultural e turístico que tamén é, A Armenteira foi dende sempre un lugar de paso e de encontro de fieis, de camiñantes e de visitantes de todo tipo. Este feito viuse acrecentado nos últimos tempos coa mellora do entorno do mosteiro cisterciense, ou coa posta en marcha da Ruta da Pedra e da Auga ou da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Todo isto contribuiu a potenciar aínda máis o valor dun lugar que polo seu patrimonio, pola súa cultura e pola súa paixase xa se atopaba entre os máis atractivos das Rías Baixas. Pero é en datas coma estas de Semana Santa cando o papel como destino de A Armenteira se reforza. Só fai falta ver a cantidade de persoas que percorren a Ruta da Pedra e da Auga, deixando escasa a zona de aparcadoiro dos arredores da rotonda de O Carballal, lugar de partida desta senda, ou a cantidade de peregrinos que se aloxan no albergue de peregrinos recentecemente inaugurado na pranta baixa da Casa de Cultura da parroquia. Milleiros de persoas que nestas datas festivas conflúen no entorno do mosteiro e que enriquecen o ambiente e enchen as terrazas e os salóns duns locais de hostalería que obteñen nestes días boa parte dos seus ingresos anuais. Mentres tanto, o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, volve deixarse ver por unha ruta que, igual ca a moitas outras persoas, o cautiva. A presenza do político pontevedrés xa se convertiu en algo cotián para os veciños e veciñas de A Armenteira, que adiviñan a súa chegada cando o dispositivo de seguridade que o acompaña aparece abrindo camiño. A Festa da Xuventude do próximo domingo, a tradicional Romaría das Cabezas do luns de Pascua ou a Festa dos Dolores do 23 de abril, con verbena na noite anterior, fan deste lugar no interior da comarca de O Salnés, a escasa distancia de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Sanxenxo, un punto de referencia e un lugar de visita obrigada para moitos visitantes. Testetumuña delo é a oficina de turismo que o organismo Turismo Rías Baixas instalou nas dependencias do conxunto monacal. Esta oficina, distinguida co selo Q de calidade, concedido polo Instituto de Calidad Turística Española, contabiliza con gran fiabilidade as cifras de visitas que ano a ano consolidan o papel de A Armenteira como centro dun gran número miradas e dunha gran variedade de camiños.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario