Buscar neste blog

sábado, 22 de abril de 2017

Tres puntos de Portas para o Armenteira Veteranos tras un partido de escaso ritmo

O Armenteira Veteranos conseguiu na tarde deste sábado un novo triunfo que o consolida na décima posición, da cal xa non se moverá independentemente do que ocorra nos dous partidos que restan de campionato. E neste caso houbo un nome clave: Portas. Non nos referimos ao defensor verdinegro, que por outra parte realizou un máis que notable partido este sábado, senón á localidade das terras do Umia onde, no campo de A Rapeira, os de Armenteira se mediron ao San Benitiño C.F.V.-Joyería Groba. Alí foi onde se disputou un encontro que tivo unha anécdota xa antes de iniciarse. O colexiado Garrido Canosa esquecera o chiflo co que debería dirixir a contenda, polo que houbo que agardar a que lle proporcionasen un novo aparello. O Armenteira Veteranos, que partía co cartel de favorito, presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Portas e Richi en defensa, Carlos como pivote defensivo, con Marcial e Joseíño polos costados, Martín de mediocentro, Jorge na mediapunta e Galiñanes e Manueliño en ataque. Este novidoso e atrevido sistema trataba de reforzar o papel de Carlos en posicións máis avanzadas cás que ocupa habitualmente, e nas que actuara con éxito no partido da anterior xornada ante o Multitiendas S.D. A falta de adaptación ao sistema, que parecía desorientar ao Armenteira Veteranos tanto á hora de atacar como á de defender, a forte calor que imperaba a primeiras horas da tarde e os efectos do cansanzo que as festas que dende fai máis dunha semana se levan celebrando na parroquia do concello de Meis provocaron que o ritmo e a intensidade do xogo fosen escasos dende os primeiros minutos. Ningún dos dous conxuntos conseguía facerse dono da situación, aínda que todo comezou a cambiar cando o Armenteira Veteranos cambiou o sistema ao seu tradicional catro-catro-dous, Iso e a incorporación de Javi ao terreo de xogo deron máis protagonismo aos verdinegros, que no último suspiro do primeiro período se adiantaban cunha cabezada de Jorge Castro tras un excepcional centro de Joseíño. Na reanudación, o ritmo mantívose lento, e os tímidos ataques do San Benitiño C.F. Veteranos eran repelidos sen demasiados apuros por unha liña defensiva que contaba agora con Martín na zona dos centrais. Un envío en longo de Javi que Manueliño recibiu en carreira era colocado polo dianteiro de O Busto no fondo das mallas defendidas por Alejo Souto. A comodidade que supoñían estes dous tantos de vantaxe permitiu obrar con relativa comodidade aos de A Armenteira, que procuraron practicar un fútbol combinativo e moveron o balón con relativa fluidez. Sen crear excesivas ocasións e perdonando nas que se lle presentaron, os dous conxuntos parecían aceptar o destino que esta tarde lles deparaba. Pero a maior calidade dos visitantes aínda lles permitiría aumentar o marcador, e sería por medio dun moi motivado Marcial. O extremo de O Pazo, que tamén exerce de adestrador do equipo feminino do Armenteira C.F., sentiu durante todo o partido os ánimos que algunhas das súas pupilas lle deron dende as bancadas, e quixo agasallar este apoio cunha extraordinaria xogada individual na que, tras desfacerse de varios rivais, enviou o coiro ao fondo das mallas locais. Nos intres finais puido haber algún tanto máis para o Armenteira Veteranos, pero o marcador xa non se moveu do cero a tres. Con esta vitoria a escadra verdinegra, trinta e sete puntos, que o consolidan de forma definiva na décima plaza. A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos deberá recibir a visita no campo de O Leixo do Bar Santiaguiño, un conxunto que ocupa a cuarta posición con sesenta puntos, en plena loita polos postos que dan a opción de ascender de categoría. Será un novo duelo de rivalidade, que terá como principal incentivo a presenza nas filas da formación de Ribadumia de Luis Barral, adestrador dos equipos de fútbol-8 do Armenteira C.F. Luis, máximo artilleiro dos seu equipo, volverá ser unha seria ameaza para o Armenteira Veteranos, como o foi no encontro da primeira volta, no que resultou decisivo para a vitoria dos seus ao anotar un tanto e dar a asistencia para outro máis dos tres que o Bar Santiaguiño lle endosara aos de O Leixo.










Ningún comentario:

Publicar un comentario