O equipo feminino do Armenteira C.F. realizou un aceptable partido na mañá deste domingo ante o Atlético Arousana "B" no campo Mari Paz Vilas de Bamio. Acompañadas por unha notable afección as rapazas que dirixe Marcial Prado presentáronse no campo da parroquia vilagarciana cun once inicial composto por Ángeles baixo paus, Fátima, Alessandra, Naomi e Laura en defensa, Raquel, Diana e Ana Martínez na liña de medios, Karla e Paula polos costados, e Mar como futbolista máis adiantada. O conxunto local tomou o mando do xogo dende os primeiros minutos, apoiadas na calidade do toque e no fútbol combinativo que forma parte da filosofía desta escola tan representativa dentro do balompé comarcal e galego. As de A Armenteira mantíñanse ordenadas e serias en defensa, afastando os balóns da súa área cando era posible, sen que Ángeles, que volvía á portería, curiosamente no día do seu cumpreanos, pasase excesivos apuros. Incluso houbo opcións para algunha arrincada e, nunha delas Paula quedouse soa ante a meta Adriana Álvarez, obrigando á gardameta vilagarciana a atallar en dous tempos o seu potente disparo, que aínda puido acabar nos pés de Mar. Pero nun balón perdido no mediocampo as locais trazaron unha xogada que acabou na área, no poder da talentosa María Vázquez que, cun par de recortes, perfilouse para enviar o coiro ao fondo das mallas verdinegras. A reacción do Armenteira C.F. non se fixo agardar e outra galopada de Paula pola banda esquerda era detida en falta por unha defensora local cando a xogadora de Pontevedra enfilaba a liña de portería. O colexiado Raposo García decretou penalti, que foi transformado por Ana Martínez coa clase e a calidade que a caracterizan. Coa igualada ao descanso parecía que o cadro verdinegro podería puntuar por segunda xornada consecutiva. Para desgracia para elas e para a súa animosa afección non foi así. Nada máis reanudarse o encontro Khaterine Gutiérrez recibe un balón en profundidade cara a liña de fondo do lateral esquerdo da área defendida polas visitantes e, aproveitando as dúbidas e a indecisión das defensas e da porteira., puxo por diante ao Atlético Arousana "B". Co marcador a favor todo foi moito máis fácil para a escadra vilagarciana. Fixéronse donas da situación e o Armenteira C.F. apenas era quen de cruzar o mediocampo e crear algunha xogada de perigo cara a área contraria. De novo María Vázquez, e a continuación Micaela López en dúas ocasións completaban o resultado final de cinco goles a un que co se chegarían aos noventa minutos. Os goles recibidos na segunda metade e a derrota final non deben empañar a boa actuación que estas rapazas realizaron sobre o terreo de xogo do Mari Paz Vilas. A orde e a seriedade defensiva, a pelexa no mediocampo, coa garra de Karla e a clase de Ana Martínez, o desborde e desequilibrio por banda de Paula e a velocidade de Mar en ataque son algúns dos argumentos dun equipo que pouco a pouco vai atopando a súa identidade, unha identidade forxada a base de ir superando dificultades nunha temporada, a primeira da historia no fútbol feminino para a entidade e para a maior parte destas mozas. Dende logo son elas as que están sentando as bases para o futuro dun equipo e dunha entidade que pretende seguir apostando por un proxecto e por unha modalidade como é a do fútbol feminino, que tanta ilusión transmite e tantas posibilidades de futuro aporta. Serán agora dúas semanas sen liga para o equipo feminino do Armenteira C.F. que, a expensas da organización dalgún partido amigable, poderá repoñer forzas e continuar coa preparación de cara aos dous partidos que restan para finalizar a competición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario