Buscar neste blog

domingo, 9 de abril de 2017

Importante e merecida vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. ante o Atlético Cuntis

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu unha importante e merecida vitoria no partido disputado no campo de O Leixo ante o Atlético Cuntis na tarde deste sábado. Nunha tarde soleada e cunha intensa calor sobre as instalacións deportivas propiedade da Comunidade de Montes Chan da Fonte, o cadro que dirixe o cambadés Valentín Estévez "Tilín", presentou un once inicial formado por Santi baixo paus, Migui, Xoán, Sebas e Anabel en defensa, Andrés Liu, Carlos, Jose Otero e Kevin na liña de medios, Álex Ruel na mediapunta e Piñeiro en ataque. A superioridade dos locais xa se manifestou dende os primeiros momentos e no minuto dous unha excelente asistencia de Álex Ruel era aproveitada por Jose Otero ao definir con calidade ante a saída do meta cuntiense Carlos Amado. Apenas vinte minutos despois, de novo Jose Otero, moi inspirado na tarde deste sábado, colocaba un balón raso no fondo das redes dos de Cuntis. A comodidade que parecía marcar esta vantaxe comezou a cuestionarse nada máis comezar o segundo período, cando Martín Correa sacou partido das dúbidas da zona de centrais do Armenteira C.F. para apretar o marcador. Pero a reacción dos locais foi inmediata, e primeiro Borja Vieites en propia meta, Piñeiro cun disparo raso en carreira dende fóra da área e Jose Otero ao recoller un rexeitamento da defensa visitante colocaban un cinco a un que parecía que lles permitiría vivir placidamente a recta final do encontro. Pero o cansanzo e a relaxación destes últimos minutos fixo que os da vila termal adiantasen liñas buscando a meta defendida por Santi, e de novo Martín Correa e Víctor Iglesias deron emocion á ultima parte dun partido que remataría cun triunfo por cinco goles a tres, que aínda puido ser maior de ter máis fortuna os atacantes verdinegros nos varios lanzamentos que enviaron aos paus da portería contraria.  Este resultado mantén aos de O Leixo na novena posición, con trinta e nove puntos. A próxima xornada, na fin de semana do 22 e 23 de abril, a escadra que adestra "Tilín", terá un difícil compromiso na visita ao campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, onde se enfrontarán a un dos equipos que loitan polas prazas de ascenso, a S.D. Amanecer, cuarta clasificada con cincuenta e cinco puntos, aínda que cun partido menos disputado.


Ningún comentario:

Publicar un comentario