Se hai un adxectivo que poida definir o partido que o próximo sábado van disputar os equipos de categoría alevín do Armenteira C.F. e do C. Xuventú Sanxenxo ese é crucial. Crucial porque o cadro amarelo, que vencera con claridade nun encontro nefasto dos de A Armenteira na primeira volta, ocupa a primeira posición con corenta puntos, cedendo só un empate no que vai de liga, e foi ante o Catoira S.D., ao que o seu rival deste sábado vén de derrotar por un gol a catro. A tan só un punto atópase o conxunto que dirixen Luis e Alba Barral, que unicamente deixou escapar puntos naquela fatídica mañá de domingo no campo de Portonovo. A posible ausencia por motivos laborais de Luis Barral, a presión e o nerviosismo ante unha cita de tanta trascendencia podería afectar a estes xogadores e xogadoras, aínda que, a súa afouteza e coraxe, sobramente mostradas partido tras partido, farán que calquera destes ou outros obstáculos se lle atravesen no camiño, un camiño cara a gloria do fútbol que o clube de O Leixo non disfruta dende fai dezasete anos, cando aquel memorable equipo do que formaba parte o actual presidente da entidade, Martín Casais, se proclamara campión da Segunda autonómica xuvenil. Pero máis aló dos resultados, o que se vivirá este sábado a partires das 12:00 horas no campo de O Leixo será unha nova festa do fútbol na que se homenaxearán a dous clubes modestos da comarca, o C. Xuventú Sanxenxo e o Armenteira C.F., dous clubes que nos últimos anos están convertindo en clásicos os enfrontamentos entre os seus equipos de fútbol base. Sen ir máis lonxe, a pasada campaña mantiveron unha dura pugna por acceder aos postos de promoción de ascenso, mérito que finalmente acadaron os rapaces e rapazas da formación verde e negra. Do mesmo xeito, durante a primeira fase, disputada a unha única volta, a balanza volveu caír do lado dos de A Armenteira, que venceran en O Leixo por cinco goles a tres. Para acompañar o excepcional ambiente que se prevé nas bancadas, a Xunta Directiva do Armenteira C.F. volverá a apostar pola música, os pinchos e un escenario no que prime por enriba de todo o protagonismo duns valerosos futbolistas que, ben sexa defendendo as cores amarelas ou ben as verdinegras, e independentemente de cal sexa o resultado, merecen unha homenaxe coa que de seguro o fútbol e a afección os obsequiarán esta fin de semana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario