O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou un importante triunfo no partido disputado na mañá deste sábado no campo de A Granxa ante o conxunto local do Domaio F.C. Nunha apacible mañá e cunhas agradables vistas que tiñan como privilexiado fondo a ponte de Rande e a ría de Vigo os rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral acadaron unha vitoria por un gol a cinco que se cimentou nun gran nivel de intensidade e nun excelente traballo colectivo. O cadro técnico verdinegro presentou un equipo inicial con Jose Domínguez na portería, Fran e Álex Grigorio como centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús e Junior nos costados, Íñigo no mediocentro e Adri en ataque. A motivación co que afrontaban este encontro os xóvenes futbolitas verdinegros amosouse dende o inicio. Os primeiros minutos foron de claro dominio visitante e o Domaio F.C. vía como cada vez que trataba de saír do seu campo o coiro éralle arrebatado polas dilixentes accións defensivas dos de O Leixo. No minuto 7 un saque de córner efectuado por Manu Meixús caiu nos pés de Adri e o polivalente futbolista do O Marco non perdonou. Con esta desvantaxe no marcador os locais aumentaron o ritmo de xogo e fóronse a polo empate. O partido entrou entón nunha situación na que non tiña un dominador claro, con alternativas por ámbolos dous bandos. Pero a excepcional sobriedade defensiva exhibida polo Armenteira C.F. en A Granxa impedía que os da comarca de O Morrazo puidesen achegarse con perigo á meta defendida por Jose Domínguez. Un extraordinario lanzamento de falta de Fran acababa na escadra dos de Domaio e marcaba o rumbo do que restaba de partido. O defensa de Silván, que tivo unha extraordinaria actuación, marcaba de lanzamento de falta por segunda xornada consecutiva. Antes de chegar ao descanso, Manu Meixús, tras unha magnífica asistencia de Íñigo, definía con frialdade ante Alexandre Farto. No segundo período mantívose a tónica dos primeiros vintecinco minutos, e o Armenteira C.F., sen conseguir trazar xogadas combinativas longas, si mostrou maneiras de equipo grande e, coa súa tremenda pegada, sentenciaría o encontro. Íñigo aproveitando que o meta local abandonou a portería para saír a despexar co pé un balón e Adri mediante outro lanzamento de falta completarían a goleada verdinegra. Daniel García, xa nos últimos minutos, e sacando partido da baixada do ritmo dos visitantes, acadaba o gol da honra para o seu equipo. Con este triunfo por un gol a cinco o Armenteira C.F. segue mantendo a súa particular pugna co C. Xuventú Sanxenxo por facerse co liderato. Un punto separan aos da vila da Madama do cadro verdinegro, co que se agarda unha recta final apaixoante na disputa por un campionato de liga que parece que vai ser un man a man entre estes dous conxuntos. A próxima fin de semana a escadra que adestra Luis Barral recibirá no campo de O Leixo ao C.D. Bueu, último clasificado do grupo e que aínda non tivo a fortuna de estrenar o seu casilleiro de puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario