Buscar neste blog

domingo, 9 de abril de 2017

O Armenteira Veteranos leva os tres puntos tras un azaroso partido ante o Multitiendas S.D.

O Armenteira Veteranos logrou unha importante e meritoria vitoria por tres goles a un no partido disputado na tarde deste sábado ante o Multitiendas S.D. Entre a forte calor e nunha animada xornada de fútbol no campo de O Leixo, o cadro verdinegro presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Portas, Óscar e Richi en defensa, Marcial, Carlos, Martín e Joseíño na liña medular, e Jorge Castro e Galiñanes en ataque. Sen recambios no banquillo e con relevantes ausencias os locais afrontaron o encontro con cautela fronte a un rival que destaca pola súa capacidade combinativa, con xogadores de gran calidade para esta categoría como Novais ou José Torres. O equilibrio foi a nota predominante dende os primeiros minutos e as ocasións claras tardaron en chegar. No minuto 35 apareceu a figura de Jorge Castro, que resolveu con precisión un balón que recibiu na área visitante. O dianteiro de Vilar foi un auténtico pesadelo para o conxunto vilagarciano, que vían como unha e outra vez os seus defensas se vían superados por un dianteiro que suma xa 30 goles no que vai de liga. De novo Jorge Castro sería protagonista tres minutos despois, ao provocar un penalti que el mesmo lanzou, para que foi detido en primeira instancia polo meta Pichel, pero que un atento Marcial remachou ao fondo das mallas. Na segunda metade os visitantes intensificaron o ritmo do xogo, buscando con maior insistencia a meta defendida por Joserra. Froito deste dominio viría unha pena máxima, desperdiciada polo Multitiendas S.D. Pero sería tras un libre indirecto a prol do Armenteira Veteranos cando os de Vilagarcía montaron un rápido contragolpe que pillou desprevenida á defensa verdinegra, e que Antonio Collazo acabaría convertindo en gol. A partires de entón a polémica tomou o partido. As reiteradas protestas dos futbolistas vilagarciáns ás decisións do colexiado Tranchero Castro, acabaron por colmar a paciencia do árbitro, que obrigou a retirar do banquillo a todos aqueles que non contaban coa correspondente licencia. Con todo, as protestas non cesaron, e despois dun novo penalti a favor dos visitantes, que o colexiado mandou repetir tras ser convertido no primeiro lanzamento, e que foi enviado fóra no segundo, a rebeldía do Multitiendas S.D. non fixo máis ca ir en aumento. O reforzo moral que supuxo para o Armenteira Veteranos o fallo desta pena máxima púxose de manifesto nunha bonita xogada colectiva que Carlos finalizaría en gol. O futbolista de Fofán, que exerceu de mediocentro, demarcación na que destacara nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F., tivo unha excepcional actuación e levou con firmeza o timón da liña de creación dos verdinegros. Un envío en profundidade cara Jorge Castro foi interceptado fóra da área coa man polo gardamallas Pichel, o que supoñía o segundo cartón amarelo e a expulsión. O descontento con esta decisión provocou que os vilagarciáns amagasen con abandonar o partido e, novamente o encontro estivo detido durante varios minutos. A partires de entón os locais xestionaron con comodidade a vantaxe e acabaron facéndose con tres puntos que os manteñen na décima posición con trinta e catro puntos. Na próxima xornada, a disputar o sábado 22 de abril os de O Leixo deberán visitar o campo de A Rapeira, en Portas, para medirse ao San Benitiño C.F. Veteranos-Joyería Groba, décimo cuarto clasificado con dezaoito puntos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario