Buscar neste blog

venres, 14 de abril de 2017

Vitoria da A.C.D. Ancorad´ouro F.S. no último partido do Armenteira C.F. na Arousa Fútbol-7 2017

O equipo alevín do Armenteira C.F. disputou na mañá deste venres o seu último partido na edición de 2017 da Arousa Fútbol-7. O partido que rematou coa vitoria da A.C.D. Ancorad´ouro F.S. por nove goles a cero permite aos da parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro clasificarse como primeiro de grupo para a segunda rolda, que terá lugar na tarde deste venres. As precaucións defensivas que tratou de tomar a adestradora Alba Barral, que presentou un sete inicial con tres futbolistas na liña defensiva, de pouco valeron ante un conxunto marinense que buscou dende o principio acadar unha cifra elevada de goles que lle fose suficiente para acceder á seguinte rolda. A falta de intensidade na presión, os despistes nas marcaxes e na colocación condenaron a un Armenteira C.F. no que destacou a rapidez no corte de Adri na zona defensiva e a axilidade de Sergio Matilde baixo os paus. As escasas aproximacións verdinegras á área contraria viñeron a través dalgún lanzamento de longa distancia de Adri e algunha xogada individual de Manu Meixús. O resultado final de nove tantos a cero, precisamente a diferenza de goles que precisaba a A.C.D. Ancorad´ouro F.S. para clasificarse, permitirá agora ao cadro marinense seguir competindo por lograr un pase á fase final que terá lugar en xuño. Todo se decidirá na tarde deste venres, e o rival do conxunto azul será o Pabellón F.C. "A", nunha das eliminatorias da que sairán xa pola noite os dous campións desta fase previa número 1, os cales gozarán do privilexio de enfrontarse a equipos de clubes de tanto prestixio como o R.C. Celta, o R.C.Deportivo de A Coruña, o Real Madrid C.F., o F.C. Barcelona, o Arsenal F.C. ou o París Saint-Germain F.C.


Ningún comentario:

Publicar un comentario