O equipo alevín do Armenteira C.F. tivo poucas opcións nos partidos disputados durante este xoves, na que foi a primeira xornada do grupo B da fase previa do torneo Arousa Fútbol-7 de categoría alevín.
A ausencia de Luis Barral durante os encontros da mañá por motivos laborais permitiu a Alba Barral poñerse ao mando como primeira adestradora do equipo. No primeiro envite, ante o C.D. Cuatrovientos, presentou un sete inicial con Sergio Matilde baixo paus, Fran e Adri como centrais, Íñigo no mediocentro, Manu Meixús no costado dereito, Junior no esquerdo, e Brais Santamaría en ataque. O C.D. Cuatrovientos tratou de facerse co dominio do xogo, imprimindo maior ritmo á circulación do balón. As acertadas intervencións de Sergio Matilde impediron que os de Ponferrada tomasen vantaxe. Un doble remate a un saque de córner de Íñigo puido poñer por diante á escadra verdinegra, pero, aescasos intres do descanso, o C.D. Cuatrovientos finalizou en gol unha rápida xogada de contragolpe. A aceptable imaxe que deu a formación verdinegra durante o primeiro período non puido manterse tras o descanso, cando o rival acabou impoñendo o seu maior potencial ata vencer por cinco goles a cero. Unha clara ocasión de Manu Meixús, na que a fortuna non estivo do seu lado, foi a única aproximación dos de A Armenteira neses segundos doce minutos.
No segundo dos partidos da mañá o C.D. Areosa non deu ningún tipo de opción ao equipo de O Leixo, que se vía superado unha e outra vez pola velocidade das accións dos xóvenes futbolistas do clube vigués. Sen apenas posibilidades de xerar perigo na meta contraria e tratando de conter unha e outra vez as embestidas rivais, cun Sergio Matilde de novo inspirado, o Armenteira C.F. acabaría sucumbindo por nove tantos a cero.
Xa pola tarde, e desta volta coa presenza de Luis Barral no banquillo, o Armenteira C.F. afrontaba ante o Pabellón C.F. "C" o que a priori era o duelo que lle outorgaba maiores posibilidades de acadar un resultado minimamente positivo. A desmoralización das derrotas dos primeiros dous partidos fixo mella nos xogadores e xogadoras verdinegros, que non foron quen de darlle a intensidade necesaria ás súas accións, algo que resulta letal nun torneo do nivel do Arousa Fútbol-7. Só Fran, mediante un potente lanzamento de falta dende longa distancia, foi quen de probar ao meta dos ourensáns nestes primeiros momentos. Unha internada pola banda dereita e un balón colgado dende o costado esquerdo supuxeron os dous primeiros goles para o rival, que aínda acadaría un máis antes de chegar ao tempo de lecer. Na segunda metade o Armenteira C.F. reaccionou e foi capaz de dominar e hostigar a unha defensa rival que ata eses intres se estaba mostrando moi segura. Froito dese dominio chegou o gol de Íñigo, ao culminar na área pequena unha bonita xogada colectiva. Aínda dispuxeron os de O Leixo dalgunha ocasión máis, como a que tivo Adri cun libre directo dende a frontal da área. Con todo, o Pabellón C.F. "C" volveu sacar proveito da súa maior capacidade para facer circular o coiro e, nun perfecto contraataque, lograría o cuarto e último tanto do encontro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario