O Armenteira Veteranos caeu derrotado no campo de O Terrón ante o Caleiro C.F. Veteranos, nun encontro no que conseguiu ir ao descanso cunha vantaxe de un gol a tres, pero no que, o equipo celeste baixou o rendimento e acusou a diferenza de categoría respecto do rival no segundo período, finalizando o partido co resultado de seis goles a catro a favor do conxunto vilanovés. Os tantos do Armenteira Veteranos foron anotados por Jorge Castro, por partida doble, Martín, de penalti, e Xixí. A próxima fin de semana iniciarase o campionato de liga, e o equipo meisino, que esta temporada militará no grupo 4A, despois do ascenso acadado a pasada temporada, recibirá no campo de O Leixo ao Catoira.
Buscar neste blog
sábado, 29 de agosto de 2015
venres, 28 de agosto de 2015
O Armenteira Veteranos afronta o seu segundo partido de pretemporada
O Armenteira Veteranos afronta este sábado o seu segundo partido de pretemporada, e será a partires das 18 horas no campo de O Terrón ante o Caleiro C.F. Veteranos . Tras a vitoria acadada a pasada fin de semana ante o Castrelo o equipo celeste acude ilusionado a un encontro cun rival que milita nunha categoría superior, no grupo 2B, pero ante o que queren seguir mostrando as boas sensacións do último partido, onde destacou a aportación das novas incorporacións.
luns, 24 de agosto de 2015
O Armenteira C.F. presenta a súa campaña de abonos para a temporada 2015/2016
O Armenteira C.F. ven de presentar a campaña de altas e renovacións de abonos para a temporada 2015/2016. Como novidade con respecto a temporadas anteriores ofertarán distintos tipos de abonos, tratando de axustarse ás necesidades de cada soci@, e os prezos van dende os 5€ do carnet infantil aos 50€ do carnet de soci@ protector. Estes abonos van dirixidos tanto a particulares como a empresas. O clube agarda superar o número de soci@s das temporadas anteriores, polo que fai un chamamento aos seus afeccionados e simpatizantes para que se animen a retirar os seus abonos.
sábado, 22 de agosto de 2015
O Armenteira Veteranos imponse ao Castrelo no primeiro partido de pretemporada
O Armenteira Veteranos logrouse impoñerse na tarde do pasado sábado por un gol a dous ao Castrelo C.F. Veteranos, nun partido intenso e disputado, pero no que ambos equipos evidenciaron a falta de ritmo. O equipo celeste, que presentaba importantes baixas, logrou acadar unha vantaxe de dous goles, pero, na recta final do partido, cando os locais anotaron o seu único tanto, pasaron por certos apuros. Polo Armenteira Veteranos marcaron Xixí e o debutante Víctor que, xunto con Carlos e a volta ao equipo de Cacabelos foron as novidades máis destacables que presentou o equipo celeste.
Preséntase o programa de festas de verán de A Armenteira
A comisión de festas O`Noso presentou o programa de festas de verán que se desenvolverá a partires da próxima semana na parroquia de A Armenteira. As celebracións comezarán o sábado 5 de setembro, coa festa na honra de San Ero, cunha tirada de bombas e pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Carballeiras, que logo actuar´nas inmediacións do mosteiro de Armenteira, Pola noite haberá unha verbena coas orquestras California e La Torre. O sábado 12 de setembro terá lugar a festa na honra da Divina Pastora que tamén se iniciará unha tirada de bombas e un pasarrúas a cargo do grupo Os demos da petanca, que logo actuarán xunto ao mosteiro. Pola noite a verbena estará protagonizada polas orquestras Paraíso e Chicas Show. Cabe dicir que as misas na honra de San Ero e da Divina Pastora seguirán celebrándos, coma nos anos anteriores, os días 30 de agosto e 8 de setembro.
venres, 21 de agosto de 2015
Primeiro partido de pretemporada para o equipo de veteranos
O Armenteira Veteranos, que na temporada que vai comezar estreará categoría tras o seu ascenso ao grupo 4ºA da liga de fútbol de veteranos, terá este sábado o seu primeiro test de pretemporada, e será ante o Castrelo C.F. Veteranos, un equipo co que se volverá a atopar na liga. O partido disputarase no campo de Castrelo a partires das 18 horas e nel o conxunto que capitanea José Luís Galiñanes presentará algunha novidade con respecto a temporada pasada, aínda que a base do equipo segue estando formada polos xogadores da temporada pasada.
xoves, 20 de agosto de 2015
O xabarín segue causando estragos nos cultivos de millo
O xabarín ou porco bravo, como tamén é coñecida esta especie, segue atacando con dureza aos cultivos de millo en distintos lugares da parroquia de A Armenteira. A desesperación cunde entre os veciños que ven como, ano tras anos, as súas colleitas vense azoutadas polos ataques deste animal, facendo que moitos deles desistan de poñer en cultivos as súas leiras.
Éxito de visitantes na oficina de turismo do mosteiro de Armenteira
O punto de información turística que a Deputación de
Pontevedra ten no Mosteiro de Armenteira recibiu, no que levamos do ano 2015, a
12.176 persoas, o que supón un notable éxito de visitantes, agardando superar a
cifra de 14.176 do ano 2014. Estes datos colocan a esta oficina de turismo
entre as máis concurridas da provincia, estando en niveles similares aos doutras
oficinas situadas en lugares cun importante tirón turístico, coma a de Combarro,
ou por enriba das que existen no Palacete dos Mendoza, en Pontevedra ou no
Castelo de Soutomaior, que recibiron 9.626 e 8.051 turistas respectivamente.
mércores, 19 de agosto de 2015
Visita dos deputados provinciais ao campo de O Leixo
O campo de O Leixo, no que xogan os equipos de fútbol do Armenteira C.F., ademais do equipo de veteranos, recibiu na pasada tarde a visita dos deputados provinciais Chelo Besada, encargada da área de Deportes na Deputación Provincial, e Javier Dios Pomares, deputado do PSOE pola circunscripción de O Salnés. Alí seguiron as explicacións que lles deron os membros da Xunta Directiva do clube e comprobaron de primeira man as deficiencias que presentan estas instalacións deportivas. Os representantes do Armenteira C.F. móstranse esperanzados en que esta visita sirva para que a institución provincial se poña mans á obra e comece a solucionar os problemas que levan denunciando dende fai tempo.
martes, 18 de agosto de 2015
O Armenteira C.F. comeza os adestramentos de pretemporada
O proxecto do Armenteira C.F. para a temporada 2015/2016 botou a andar cos adestramentos de pretemporada na tarde do pasado martes. Nun campo de O Leixo no que aínda non se subsanaron as deficiencias que a xente do clube no deixa de denunciar déronse cita xogador@s das distintas categorías, dirixidos polos membros do corpo técnico, no que destacan a incorporación do cambadés Valentín Estévez como primeiro adestrador e a volta aos banquillos verdinegros de Martín Casais que, xunto con Marcial Prado e Jonathan Crespo, formarán o plantel técnico do clube na temporada que agora comeza.
sábado, 15 de agosto de 2015
O reto de Araceli Oubiña
La Voz de Galicia publica o reto que ven afrontando con valentía a cambadesa Araceli Oubiña. Deixo aquí o enlace.
Araceli Oubiña. La Voz de Galicia
Araceli Oubiña. La Voz de Galicia
O Armenteira C.F. realizou a presentación dos seus equipos para a temporada 2015/2016
Na tarde de onte, o Armenteira C,F, realizou a presentación dos seus equipos para a temporada 2015/2016, para a que contrará con equipos dende a categoría prebenxamín á categoría cadete. No acto, ao que, por diversos motivos, non puideron acudir algúns membros da Xunta Directiva, do corpo técnico e do plantel de xogador@s, explicáronse as liñas básicas do novo proxecto do clube (novidades, campaña de melloras das instalación, masa social, obradoiro de hábitos saludables...) e presentouse aos xogador@s ante os afeccionados alí presentes. A vindeira semana xa se desenvolverán con regularidade os adestramentos de pretemporada, que terán lugar os martes e os xoves a partires das 18:30 para os xogador@s prebenxamíns e benxamíns, e a partires das 19:30 para os xogador@s alevíns, infantís e cadetes.
xoves, 13 de agosto de 2015
Acto de presentación dos equipos do Armenteira C.F.
O
Armenteira C.F. celebra o próximo venres 14 de agosto o acto de presentación
dos seus equipos para a temporada 2015/2016. O acto terá lugar a partires das
19:30 horas no campo de O Leixo, e no mesmo daranse a coñecer as novidades do
clube para a vindeira temporada, tanto no relativo ao plantel de xogador@s como
ao corpo técnico. Tamén se anunciará a posta en funcionamento da campaña de
soci@s para a temporada que agora comeza.
Masiva afluencia de visitantes pola Ruta da Auga e da Pedra
A
Ruta da Pedra e da Auga, a senda fluvial que percorre os marxes do río
Armenteira durante un traxecto de aproximadamente sete quilómetros, nun entorno
rodeado de muíños, prados e natureza en estado salvaxe, está recibindo nestes
días unha masiva afluencia de visitantes. Son moitas as persoas que se achegan
ata a nosa zona para facer este roteiro, que ten como punto culminante o lugar
de chegada, xunto ao mosteiro de Armenteira, entre eles o presidente do goberno
Mariano Rajoy, tal e como recollen día tras día os medios de comunicación.
mércores, 12 de agosto de 2015
Nova singladura do Armenteira C.F.
O Armenteira C.F. inicia unha nova singladura a partires deste mes de agosto. Dende a Xunta Directiva prevén aumentar o número de xogador@s e de equipos, achegándose ás cen licenzas federativas. Sen embargo, tamén queren amosar o seu descontento polo abandono que sufren por parte das administracións públicas, principalmente do Concello de Meis, e, en concreto, quéixanse do estado no que se atopa o campo de O Leixo, que dende fai un tempo se atopa nunhas condicións impracticables e supón un perigo para a sáude para os practicantes do deporte rei. Agardan que a presenza estes días do presidente do goberno, Mariano Rajoy, por estes lares sirva de pulo para que os responsables políticos se acorden do clube que leva con orgullo o nome deste fermoso lugar.
domingo, 9 de agosto de 2015
Nace ARMENTEIRA. Con voz propia.
ARMENTEIRA. Con voz propia. nace como un medio de difusión de noticias e aspectos de interese da parroquia de A Armenteira e arredores. O propósito deste medio é dar a coñecer todo aquelo que a xente queira saber sobre a nosa parroquia e que a xente da nosa parroquia queira dar a coñecer.
ARMENTEIRA. Con voz propia. nace como un medio de e dende A Armenteira para A Armenteira e para o mundo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)