Buscar neste blog

domingo, 29 de novembro de 2015

Actuacións aceptables aínda con fortuna desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. tiveron unha sorte desigual nos encontros disputados na xornada deste fin de semana, na que finalmente só o equipo alevín conseguiu saír vitorioso. O descanso das respectivas ligas na próxima fin de semana permitirá dar un respiro no intenso traballo que están a levar cada un dos conxuntos da entidade verdinegra.

O equipo benxamín caiu derrotado no encontro que o sábado disputou no campo de O Terrón, ante a E.F.B. Vilanova, que acabou vencendo á escadra que adestra Valentín Estévez por doce goles a cero. O conxunto de O Leixo segue demostrando que ten marxe de mellora e que vai cumprindo pouco a pouco os obxectivos cos que partiron a principio de temporada. Na próxima xornada, dentro de dúas semanas, terán que recbir a visita da U.S.D. de O Grove, un cadro que ocupa a quinta posición con vintedous puntos.

O equipo cadete recibía o sábado á E.D. Arousa S.D. B, un conxunto que deixou claro sobre o terreo de xogo de O Leixo que é hoxe en día unha das mellores escolas de formación en fútbol base da zona, e acabou vencendo por un gol a dous aos rapaces que nesta ocasión foron dirixidos por Víctor Saborido. O gol de Mathias, que adiantaba aos locais no marcador, foi insuficiente ante un rival que demostrou ter máis criterio no manexo do balón e que impuxo a súa calidade nos metros finais. Na vindeira xornada, dentro de dúas semanas, o equipo cadete debe desprazarse a terras vilagarcianas para medirse ao C.D. Bamio, actual colista do grupo.

O cadro alevín tivo un difícil encontro no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, O A.D. Arousa F-7 foi un digno rival para a formación que adestra Jonathan Crespo, mostrándose coma un conxunto serio e ordeado e con boas condicións físicas, a pesares de que ocupa provisionalmente a última praza na táboa. O desacerto no remate e a falta de claridade no toque fixeron que o sufrimento se fose estendendo entre os xogadores visitantes pero, un gol de Manu Meixús a dez minutos do final permitiulles levar os tres puntos e manterse na pugna polos postos altos da clasificación, Na vindeira xornada, o 12 de decembro, o equipo alevín recibe a visita do Barro C.F., que se atopa na undécima posición con nove puntos.

O último encontro da xornada para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. disputouno unha vez máis o equipo infantil, que nesta ocasión recibía no campo de O Pombal, en Cambados, ao Portonovo S.D. B.  Os rapaces que dirixe Martín Casais están mostrando notables progresos, e xornada a xornada, vese que o acoplamento e o rigor táctico son cada vez maiores. Con todo, son moitos os aspectos a mellorar, como se volveu a manifestar no encontro deste domingo, no que o rival acabou plasmando a súa superioridade e vencendo aos verdinegros por un gol a seis. Os constantes desacertos do colexiado Gómez Cerqueiro fixeron aflorar as protestas nun encontro no que os locais tiveron ocasións para aumentar o marcador, pero só conseguiron materializar unha por mediación do dianteiro alevín Zubo. Na próxima xornada deberán visitar o campo de As Cachizas para enfrontarse ao Unión Dena C.F., un conxunto que ocupa a quinta plaza con vinte puntos.


sábado, 28 de novembro de 2015

Clara derrota do Armenteira Veteranos ante o Terras do Umia S.D.

O Armenteira Veteranos sufriu na tarde deste sábado unha clara derrota ante o líder do grupo 4A, o conxunto caldense do Terras do Umia S.D. Nun encontro no que os visitantes se puxeron con dous goles da vantaxe nos primeiros minutos do encontro os verdinegros trataron de plantar cara a un rival que demostrou que o posto que ocupa na táboa non é froito da casualidade. Rafa, dende longa distancia, como nos ten acostumados, e Galiñanes, aproveitando o exceso de confianza do porteiro caldense á hora de querer xogar o balón cos pés, anotaron os goles do Armenteira Veteranos, ata conformar o  resultado de dous a cinco co que concluiu o encontro. A liga non se deterá a pesares da ponte da próxima fin de semana, e o conxunto verdinegro deberá visitar a localidade de Cangas do Morrazo para medirse ao Pumas Café Latino, que ocupa o sexto posto na clasificación con sete puntos máis ca eles.

venres, 27 de novembro de 2015

O Armenteira Veteranos recibe a visita do líder do grupo, o Terras do Umia S.D.

O Armenteira Veteranos recibe este sábado, no campo de O Leixo,  a partires das 16:15 horas, ao Terras do Umia S.D. O cadro verdinegro leva dous triunfos consecutivos, que o acomodaron na zona tranquila da táboa, no décimo posto, con dezanove puntos, pero nesta ocasión terá un duro test ante o conxunto caldense, que se atopa no primeiro lugar e que sufriu unha soa derrota no que levamos de temporada. O conxunto local non poderá contar con Portas nin con Moncho, por acumulación de tarxetas, polo que se verá resentido na parcela defensiva.


Dous partidos como locais e dous como visitantes agardan aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan nesta fin de semana partidos nos que xogarán coma locais, caso do equipo cadete e do equipo infantil, ou coma visitantes, coma no caso do equipo benxamín e do equipo alevín.

O equipo benxamín visita o campo de O Terrón, en Vilanova de Arousa, para medirse o sábado a partires das 10:30 horas á E.F.B. Vilanova. A formación que dirixe Valentín Estévez acude moi mermada a terras arousanas, aínda que irán coa ilusión de competir ante un rival que ocupa a décimosegunda plaza na clasificación con doce puntos.

O equipo cadete recibe o sábado a partires das 11:30 horas ao E.D. Arousa S.D. B. O cadro vilagarciano ocupa a sexta posición, con doce puntos, cinco máis que os pupilos de Marcial Prado que, nesta ocasión non poderá sentarse no banquillo local por motivos profesionais. Os problemas físicos dalgún dos xogadores verdinegros son a principal preocupación do equipo cadete, que agarda sumar unha nova vitoria despois do triunfo da pasada fin de semana no amigable ante o A.D. Arousa F-7.

O equipo alevín visita o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde debe enfrontarse o sábado a partires das 12 horas ao A.D. Arousa F-7, un conxunto que se atopa no derradeiro lugar da clasificación,con cero puntos, pero que nas últimas xornadas está dando síntomas de recuperación, polo que seguramente vai plantexar dificultades ao cadro que dirixe Jonathan Crespo, que nesta ocasión tampouco poderá contar con todos os seus efectivos. A derrota do C. Xuventú Sanxenxo ante o C. Xuventude Cambados no partido adiantado á xornada do venres ofrece a posibilidade aos verdinegros de igualar aos de Baltar de Arriba no caso de acadar a vitoria en terras vilagarcianas.

Finalmente, o equipo infantil recibe o domingo a partires das 11:30 horas ao Portonovo S.D. B. Será, como ven sendo habitual esta temporada neste equipo no campo de O Pombal, en Cambados, un escenario que decidiu acoller ao Armenteira C.F. infantil e no que cada vez se está a sentir máis a gusto. A esixencia do rival, que se atopa na novena posición da táboa con doce puntos, non aplaca os ánimos dos rapaces que adestra Martín Casais, que comezan a dar notables mostras de mellora, como se demostrou a semana pasada en A Illa de Arousa ante o Céltiga F.C., ao que chegaron a plantar cara e ante o que conseguiron chegar ao descanso co resultado igualado a cero goles.

domingo, 22 de novembro de 2015

O equipo cadete, único conxunto do fútbol base do Armenteira C.F. que saiu vitorioso nesta fin de semana

O equipo cadete foi o único dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que logrou a vitoria  nos encontros disputados nesta fin de semana, nunha xornada intensa en canto a encontros se refire.

O equipo alevín tiña un duro compromiso ante o Atlético Cuntis, un conxunto que tamén se atopa na parte alta da táboa, ante o que finalmente caiu superado por un gol a dous. Os xogador@s que dirixe Jonathan Crespo volveron a saíron faltos de intensidade, e, aos catro minutos de partido, os visitantes xa se impoñían por cero goles a dous. A superioridade física do rival foi un duro obstáculo que os verdinegros non puideron esquivar, e a reacción que tiveron na segunda metade, na que Manu Meixús conseguiu colocar dentro das mallas un balón que recibiu na área, non foi suficiente para sacar un resultado positivo. Na vindeira xornada o conxunto alevín visitará o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde se medirá ao A.D. Arousa Fútbol-7, último clasificado do grupo con cero puntos.

O equipo benxamín tampouco acadou un resultado positivo nesta ocasión, na que foi derrotado polo C.D. Portas por cero goles a dezaséis. Os rapaces que adestra Valentín Estévez volveron a mostrar o seu carácter batallador, pero as limitacións tácticas e a falta de experiencia do plantel, provocaron unha nova derrota. A próxima xornada deberán desprazarse ao campo de O Terrón para medirse á E,F,B, Vilanova, un equipo que ocupa duodécima posición con doce puntos.

Outro conxunto que tampouco conseguiu puntuar foi o equipo infantil. O cadro que dirixe Martín Casais fixo un encontro aceptable, posiblemente o mellor no que levamos de temporada, no partido que disputo no campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, ante o Céltiga F.C. A orde táctica e a seriedade defensiva que amosou o equipo fixeron que chegasen ao descanso co resultado de cero a cero. Pero, na segunda metade, os fallos de concentración, a relaxación da orde táctica e os problemas físicos de varios xogadores provocaron que o rival acabase impoñendo a súa maior pegada. Na próxima xornada o conxunto verdinegro debe recibir no campo de O Pombal ao Portonovo S.D. B, un cadro que se atopa na novena plaza con doce puntos.

Finalmente, o equipo cadete, ao que a retirada da competición do conxunto cadete do C.D. Mosteiro obrigou a descansar nesta fin de semana, aproveitou para disputar un encontro amigable para seguir afinando a forma. Foi ante o cadro vilagarciano do A.D. Arousa Fútbol-7, co cal comparte grupo, e o técnico verdinegro, Marcial Prado, puido facer as probas que un partido destas características permite. O resultado final foi de dous goles a un favor do Armenteira C.F., con tantos de Alberto e Mathias. O próximo fin de semana recibirán no campo de O Leixo ao E.D. Arousa S,D. B, un equipo que se atopa no sexto posto con doce puntos, cinco maís que os xogadores verdinegros.












sábado, 21 de novembro de 2015

Triunfo contundente do Armenteira Veteranos ante o Samieira

O Armenteira Veteranos logrou unha clara vitoria no partido disputado na tarde deste sábado no campo de O Leixo. O conxunto verdinegro, que nesta ocasión vestiu de celeste, debido á súa condición de visitante nesta xornada, logrou impoñerse por catro goles a cero ao Samieira C.F. Veteranos. Pero non se tratou dun partido fácil para o grupo que capitanea José Luís Galiñanes, xa que non estiveron atinados no dominio do balón e permitiron que o rival tivese o control do centro do campo durante bastantes fases do primeiro período. O gol de chilena de Manueliño nos últimos intres do primeiro tempo, e os de Rafa, Alfonso e Jorge Castro no segundo período significaron a segunda vitoria consecutiva para o conxunto meisino, que se afianza na zona cómoda da táboa, á espera de recibir na próxima xornada ao ata este momento líder, o Terras do Umia.

venres, 20 de novembro de 2015

Novo partido de rivalidade para o Armenteira Veteranos na xornada desta fin de semana

O Armenteira Veteranos ten na xornada desta fin de semana, a duodécima no que vai de liga, a un novo conxunto veciño, o Samieira C.F. Veteranos. Para evitar a coincidiencia co gran clásico do fútbol español, o Real Madrid - F.C. Barcelona, ambos conxuntos víronse obrigados a trasladar o horario do encontro ata as 16 horas e o escenario, que será no campo de O Leixo, e non en A Reiboa, onde disputa habitualmente os seus partidos o cadro do concello de Poio. Este feito pode supoñer unha vantaxe para o equipo verdinegro, máis adaptado ás irregularidades do terreo de xogo do campo, pero os xogadores que capitanea José Luís Galiñanes queren fuxir de favoritismos ante un rival que ocupa a penúltima plaza na clasificación con dous puntos, pero que non porá as cousas fáciles aos locais.


Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan unha intensa xornada de fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen nesta fin de semana unha xornada intensa, na que os equipos alevín, benxamín e infantil disputarán os seus correspondentes partidos de liga, mentres que o equipo cadete terá un partido amigable para seguir completando a súa rodaxe.

O equipo alevín recibirá a partires das 11 horas do sábado ao Atlético Cuntis no campo de O Leixo. O conxunto que dirixe Jonathan Crespo, que contará de novo con baixas significativas, recibe a un rival que se atopa na terceira posición da táboa con só un punto máis ca os verdinegros, polo que, de superalos, aseguraranse finalizar a xornada como mínimo no cuarto posto.

O equipo benxamín recibe a continuación, tamén no campo de O Leixo, a partires das 12 horas ao C.D. Portas. O conxunto das terras do Umia ocupa o décimo posto na clasificación, con doce puntos, polo que se supón que será un difícil obstáculo a superar para a escadra dirixida por Valentín Estévez, a cal comeza a dar pequenos pasos no proyecto de formación co que partiu esta temporada.

O equipo infantil visita na mañá do domingo o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, onde a partires das 11 horas debe medirse ao Céltiga F.C. Os rapaces do cadro verdinegro, con Martín Casais á fronte, parten coma vítimas ante un rival que ocupa a décima posición na táboa con nove puntos. pero, os síntomas de mellora que están a mostrar nas últimas xornadas parecen dar esperanzas de deixar unha boa imaxe nas terras da Arousa.

Finalmente, o equipo cadete, que esta fin de semana debe descansar de novo a causa da retirada do rival ao que debía enfrontarse nesta xornada, o C.D. Mosteiro, disputará na mañá do domingo, a partires das 11:30 horas, un partido amigable ante o cadro vilagarciano do A.D. Arousa F-7, un conxunto que forma parte do seu mesmo grupo de liga e que tampouco ten competición nesta fin de semana. Os rapaces que adestra Marcial Prado, queren seguir coa rodaxe que lle impediu levar a cabo a accidentada pretemporada que sufriron e tratarán de sacar un resultado positivo despois da dolorosa derrota sufrida ante a S.D. Chispa na última xornada que disputaron, nun partido no que o técnico local aproveitará para realizar as probas propias dun partido amigable.


domingo, 15 de novembro de 2015

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. conclúen a oitava xornada con tres derrotas

A oitava xornada de liga non deparou uns resultados demasiado afortunados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. Infantís, alevíns e benxamín saíron derrotados dos seus respectivos encontros.

O equipo benxamín sufriu unha nova derrota na súa visita ao campo de As Lombas, onde caiu derrotado por oito goles a un polo Catoira S.D. O conxunto que comandan Valentín Estévez e José Ramón Dacosta segue dando pequenos pasos no seu proxecto de formación, que pouco a pouco se van plasmando nos terreos de xogo. Como nota positiva destaca o primeiro gol que anotaron esta temporada, que foi obra de Brais Santamaría. Na vindeira xornada recibirán a visita do C.D, Portas, un rival que se atopa na décima posición da táboa con doce puntos.

O equipo alevín tiña unha dura proba no campo Manuel Jiménez, en Vilagarcía de Arousa, Alí medíase ao Arousa S.C. O cadro que dirixe Jonathan Crespo saiu a competir sen a intensidade suficiente ante un rival que moveu o balón con máis criterio e mostrou maior fluidez no xogo. O gol de Fran nos minutos finais da primeira parte e o de Mosteiro na segunda metade engadiron emoción a un encontro no que, a ocasión desperdiciada por Zubo cando o resultado reflectía un tres a dous para os locais, fixo  que os verdinegros perdesen a oportunidade de sacar un resultado positivo da súa visita a terras vilagarcianas e acabasen sendo vencidos por catro goles a dous. Na próxima xornada reciben ao Atlético Cuntis, un equipo que ocupa o terceiro posto na clasificación con só un punto máis que o Armenteira C.F.

O cadro infantil recibía na mañá do domingo ao C. Xuventú Sanxenxo. Os rapaces que dirixe Martín Casais fixeron un partido aceptable, pero de novo os falta de contundencia en defensa e a relaxación nas marcaxes fixeron que o rival impuxese a súa maior pegada en ataque e acabase derrotando aos locais por cero goles a dez. O debut de Diego Núñez na portería, realizando algunha parada de mérito, supuxo unha das notas significativas do encontro. Para a vindeira fin de semana o conxunto infantil debe desprazarse ata A Illa de Arousa para enfrontarse ao Céltiga F.C., un equipo que ocupa a décima posición con nove puntos.


sábado, 14 de novembro de 2015

Merecida vitoria do Armenteira Veteranos ante o Dorrón C.F.

O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado unha vitoria merecida ante o equipo veciño do Dorrón Veteranos. Nun campo de O Leixo cun ambiente favorable para a práctica do fútbol debido á agradable climatoloxía e a boa entrada que presentaba, o conxunto local saiu moi motivado dende o inicio do encontro, mostrando gran intensidade en cada unha das accións e levando as rendas durante a maior parte do tempo. Os goles de Galiñanes na primeira metade e de Alfonso dende unha distancia superior a vinte metros na segunda, supuxeron unha bagaxe suficiente para afrontar con relativa tranquilidade a parte final do partido. A expulsión de Javi por dobre amarela a cinco minutos da finalización non inquietou aos verdinegros que, con este triunfo, se consolidan na zona media da táboa. A vindeira fin de semana visitan o campo de A Reiboa, en Poio, para medirse a outro equipo veciño, o Samieira C.F. Veteranos.


venres, 13 de novembro de 2015

Partido de rivalidade para o Armenteira Veteranos na undécima xornada de liga

O Armenteira Veteranos afronta na xornada desta fin de semana un partido de máxima rivalidade, xa que se mide ao Dorrón C.F. Veteranos. Se ven é certo que a competencia entre estas dúas escadras se reduciu nos últimos tempos, a proximidade entre as dúas localidades, a escasa distancia que separa os campos de fútbol destes equipos e o feito de que varios xogadores se coñezan entre eles, fai deste encontro un novo clásico do fútbol veterano da comarca. O partido comezará o sábado a partires das 16:30 horas, nun campo de O Leixo no que prevé rexistrar una aceptable afluencia de afeccionados. O cadro visitante está realizando un bo inicio de campaña, ocupando o cuarto posto na clasificación, con 22 puntos, fronte ao undécimo, con trece puntos, do conxunto verdinegro, pero, a pesares do previsible favoritismo dos granates, os locais intentarán levarse un novo triunfo que lles permita subir chanzos da táboa.


Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan con ilusión a oitava xornada de liga

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontar a xornada de liga desta fin de semana, a oitava na que vai de liga, con ilusión de acadar uns resultados favorables. Serán tres os equipos que saian a escea, o benxamín, o alevín e o infantil, xa que o equipo cadete verase obrigado a descansar pola retirada do Marín C.F., o rival que lle correspondía nesta xornada.

O equipo benxamín viaxa a terras viquingas para enfrontar no campo de As Lombas, a partires das 10:30 horas do sábado ao Catoira S.D. O cadro que dirixe Valentín Estévez agarda ter maior fortuna nesta ocasión e lograr sumar os primeiros puntos na temporada ante un rival que se atopa na súa mesma situación.

O conxunto alevín desprázase ata Vilagarcía de Arousa, onde, a partires das 11 horas do sábado se vai enfrontar ao Arosa S.C. O equipo arlequinado ocupa a oitava posición, a só tres puntos dos verdineros, polo que a vitoria dos de Jonathan Crespo é vital para que poder seguir nos primeiros postos da táboa. A baixa, unha vez máis, de Migui e os problemas físicos de Xoán son as principais preocupacións do técnico valgués, que volve a atoparse xusto de efectivos na parcela defensiva.

Finalmente, o cadro infantil recibe no seu feudo do O Pombal, en Cambados, ao Club Xuventú Sanxenxo o domingo a partires das 11:30 horas.

O conxunto amarelo ocupa a novena posición, con nove puntos, polo que se presume como un difícil contricante para os rapaces que adestra Martín Casais, que ademais conta para este envite coas baixas do meta Santi e do centrocampista Raúl.



domingo, 8 de novembro de 2015

Nova vitoria do equipo benxamín e derrota dos demais equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A séptima xornada de liga trouxo unha nova vitoria para o equipo alevín, que segue pelexando na parte alta da táboa, e as derrotas dos equipos cadete, benxamín e infantil, aínda que por resultados non demasiado abultados.

O equipo cadete non tivo moita fortuna na súa visita ao campo de Monte Redondo, en Corón, onde o sábado caiu derrotado por dous goles a cero ante á S.D. Chispa. Os xogadores que adestra Marcial Prado, que contaban coa importante baixa de Villa, foron superados por un rival que demostrou ter unha calidade superior á que reflicte a súa situación na táboa. A retirada de varios equipos do grupo da competición fará que o cadro cadete non teña partidos de liga durante as próximas dúas fins de semana.

O equipo benxamín disputaba o sábado o derbi municipal ante o C.D. Mosteiro. Nun encontro no que os pupilos de Valentín Estévez intentaron poñer a súa máxima intensidade o equipo da capital do concello de Meis acabou impoñendo a súa maior experiencia, cun resultado de cero goles a trece. O conxunto verdinegro vai facendo fronte pouco a pouco ás limitacións coas que partiu a inicios de temporada e comeza a dar mostras de progresión. Para a vindeira fin de semana os rapaces do equipo benxamín desprazaranse ata o campo de As Lombas para enfrontarse ao Catoira S.D.

O que si volveu a lograr a vitoria foi o equipo alevín. O cadro dirixido por Jonathan Crespo recibía a un duro rival, o Unión Dena C.F., que tamén se atopa loitando por ocupar os postos altos da clasificación. O equipo verdinegro axiña se puxo con vantaxe no marcador, cos goles de Manu Meixús e Zubo, e con este rédito tivo que facer fronte ás acometidas do conxunto rival, que puxeron a proba en varias ocasións o sistema defensivo e a seguridade do gardamallas Sergio. Xa na segunda metade de novo Zubo, que se está a convertir na principal arma ofensiva do equipo, e Adri, deron unha cómoda vantaxe de catro goles a cero aos locais, que se viu maquillada con dous goles do Unión Dena, un deles de penalti, nos minutos finais. Con este triunfo a formación alevín sitúase no terceiro posto da táboa, empatado a puntos co C. Xuventude Cambados, que ocupa o segundo lugar. Na próxima fin de semana deben rendir visita a outro difícil rival, o Arosa S.C., que se atopa na oitava posición a tres puntos do Armenteira C.F..

O cadro infantil rendía visita na mañá do domingo ao campo de As Lombas en Catoira. Nun encontro no que os de Martín Casais tiveron varias aproximacións á área rival, o Catoira S.D. acabou impoñendo a súa contundencia en ataque e venceu por seis goles a cero aos visitantes, con cinco tantos de Daniel Vidal. As baixas de última hora coas que contou o adestrador verdinegro lastraron aínda máis a un conxunto que mostra serias limitacións dende o inicio de temporada. Na vindeira fin de semana terán que recibir ao Xuventú Sanxenxo, un rival que volverá a ser un duro test para uns xogadores que pouco a pouco queren plasmar sobre o terreo de xogo o bo traballo que se está a facer nos adestramentos.




sábado, 7 de novembro de 2015

O A Diario Multitienda derrota con claridade ao Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos sufriu na tarde do pasado sábado unha clara derrota no encontro que disputou no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante o A Diario Multitienda. O conxunto verdinegro viu como o seu rival se adiantaba no marcador, pero, Rafa, cun tiro dende fóra da área que tocou nun rival lograba igualar o encontro. Pero un gol de penalti pouco antes de finalizar a primeira parte e outro nun despiste na marcaxe tras un balón colgado á area decantaron o partido para o conxunto local, que aínda acadaría un tanto máis, ata conformar o catro a un final. O A Diario Multitienda mostrouse superior principalmente no que se refire ao ritmo de xogo e na contundencia en ataque, que o acreditan como un dos favoritos ao ascenso de categoría. A pesares da derrota o Armenteira Veteranos mantense no undécimo posto da clasificación. A vindeira semana recibirá a visita dun conxunto veciño, o Dorrón C.F. Veteranos, nun encontro que se prevé de gran intensidade.

venres, 6 de novembro de 2015

Difícil saída para o Armenteira Veteranos nesta fin de semana

O Armenteira Veteranos viaxa nesta fin de semana ata Vilagarcía de Arousa, onde, o sábado a partires das 16 horas, no campo Manuel Jiménez, se enfronta ao A Diario Multitienda. O cadro vilagarciano ocupa a terceira praza na clasificación, con vinte puntos, sete máis có conxunto verdinegro, e será un rival moi esixente para a formación que capitanea José Luis Galiñanes. Na pasada temporada ambas escadras compartiron categoría no grupo 4B, e o conxunto de O Leixo non conseguiu superar en ningún dos dous encontros aos vilagarcianos, finalizando cun empate o partido disputado en Vilagarcía e con triunfo visitante o disputado en A Armenteira. Nesta ocasión, nunha nova categoría, tras o ascenso acadado por ambos clubes, o Armenteira Veteranos ten esperanzas de vencer por fin a este rival.



Intensa xornada para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Esta fin de semana será intensa para os equipos do Armenteira C.F. Os catro equipos enfróntanse a rivais con distintas aspiracións segundo os casos.

O primeiro equipo en comezar a xornada será o equipo cadete, que se despraza ata Corón para enfrontarse o sábado a partires das 10.30 horas á S.D. Chispa coa arbitraxe de Agustín Ramos Nogueira. O conxunto vilanovés ocupa o undécimo posto na clasificación con tres puntos, pero non será un contricante fácil para os xogadores que adestra Marcial Prado.

A continuación será a quenda do conxunto benxamín, que recibe no campo de O Leixo ao C.D. Mosteiro o sábado a partires das 11 horas, no que será un novo derbi municipal entre equipos dos dous clubes con fútbol base no concello de Meis. O bloque que dirixe Valentín Estévez agarda conseguir os primeiros puntos da temporada ante un equipo rival que ocupa o décimoquinto posto na táboa con tres puntos. Para esta ocasión o técnico verdinegro parece que vai poder contar con todos os seus efectivos.

O equipo alevín recibe a partires das 12 horas no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F. Os rapaces que comanda Jonathan Crespo están mostrando un bo nivel no que levamos de temporada e agardan poder mantelo ante un rival que ocupa a terceira praza na clasificación cun punto máis có conxunto verdinegro. O triunfo da pasada semana ante o Xuventú Sanxenxo contribuiu a aumentar os ánimos dun equipo que seguirá contando coa importante baixa de Migui en defensa.

Finalmente, o equipo infantil desprázase o domingo ata o campo de As Lombas, onde, a partires das 11 horas, se vai medir á S.D. Catoira. Os rapaces que adestra Martín Casais aínda non lograron puntuar no que levamos de temporada, e teñen a esperanza de poder conseguilo ante un rival que se atopa no décimo quinto posto da clasificación con tres puntos.


domingo, 1 de novembro de 2015

Importantes triunfos dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. obtiveron na xornada de liga desta fin de semana, a sexta no que vai de competición, importantes triunfos ante rivais compricados que se atopaban na zona alta das súas respectivas táboas clasificatorias. Con todo, non todos os equipos puideron puntuar nesta xornada.

O equipo alevín visitaba o campo de Baltar de Arriba, para medirse ao Xuventú Sanxenxo, un cadro que estaba a realizar un gran inicio de campaña e que se atopaba no segundo posto da clasificación. Os discípulos de Jonathan Pérez xogaron un partido serio en defensa e foron resolutivos en ataque, onde, unha vez máis, destacou a figura de Zubo. O dianteiro chinés volveu a dar mostras da súa punta de velocidade e da súa calidade na definición e foi o autor dos tres tantos do conxunto verdinegro, co que segue situándose entre os máximos artilleiros da clasificación. Con este triunfo o conxunto alevín suma xa doce puntos no seu casilleiro e consolídase na parte alta da clasificación. Na próxima fin de semana reciben a visita doutro dífícil rival, o Unión Dena C.F. que tamén se atopa na pugna por ocupar a parte alta da táboa.

Outro equipo do Armenteira C.F. que acadou un importante triunfo foi o equipo cadete, que se impuxo ao C.D. Ribadumia por un gol a cero cun tanto de Marcos Acha nos últimos intres do encontro. A formación que dirixe Marcial Prado realizou un partido completo tanto en defensa como en ataque e dispuxo de ocasións para lograr unha vantaxe aínda maior. O gol do triunfo deixou desconcertado ao equipo rival, que acudía ao campo de O Leixo no terceiro posto da táboa, o que fixo que algúns dos seus xogadores se comportasen de maneira antideportiva, tanto co colexiado como coas instalacións, o que motivou as queixas dos afeccionados e da Xunta Directiva do Armenteira C.F., que viron con asombro como golpeaban as portas do vestiario visitante. Na vindeira xornada o cadro verdinegro acudirá a Corón para enfrontarse no campo de Monte Redondo á S.D. Chispa, agardando manter a racha positiva das últimas semanas.

O que non tivo tanta sorte foi o cadro benxamín. As moitas dificultades ás que se está enfrontando este conxunto volveron a porse en evidencia no campo de As Cachizas, en Dena, onde foron derrotados por vinteún goles a cero polo conxunto local. Dende o corpo técnico son conscientes das limitacións deste grupo de xogadores e xogadoras, pero resaltan que se está a dar unha pequena progresión a nivel de efectivos e a nivel táctico e técnico, nun conxunto no que a inexperiencia dos seus compoñentes é a nota significativa. Na vindeira semana o equipo benxamín recibirá a visita do C.D. Mosteiro, no que será un novo derbi entre os dous clubes con fútbol base do concello de Meis.

O equipo infantil recibía este domingo no seu feudo do campo de O Pombal, en Cambados, á S.D. Noalla. Os rapaces que dirixe Martín Casais realizaron unha primeira parte aceptable, dando mostras de seguridade en defensa e con varias aproximacións á área rival. Nunha delas, Mori, tras un barullo, logrou o único tanto local. Pero, un gol da S.D. Noalla ao fío do descanso supuxo un mazazo moral para os compoñentes do cadro verdinegro, do cal xa non se repuxeron, o que fixo que o rival se volcase en ataque e acabase derrotándoos por un gol a dez. Na próxima fin de semana visitarán o campo de as As Lombas para medirse á S.D. Catoira, un equipo que tamén se atopa na parte baixa da clasificación.