Buscar neste blog

mércores, 29 de abril de 2020

O segundo reparto do Banco Solidario de Alimentos alivia a situación das familias máis vulnerables de A Armenteira

Fai case un mes que o Concello de Meis puxo en marcha o Banco Solidario de Alimentos. A iniciativa, coa que se pretende reforzar a aposta polas políticas sociais do equipo de goberno que dirixe Marta Giráldez consiste no acopio de alimentos e produtos de primeira necesidade para destinalos ás familias máis vulnerables a nivel económico do municipio. Persoas anónimas a título individual e empresas e colectivos sociais foron realizando as súas achegas, o que permitiu facer xa dous repartos dende que este proxecto botou a andar. O primeiro tivo lugar o domingo, 19 de abril, e o segundo realizouse a principios desta semana. De novo foron os membros de Protección Civil de Meis e os propios concelleiros e concelleiras as encargadas de desprazarse aos domicilios destas familias a facer chegar as patacas, o leite ou os produtos de hixiene. En base aos criterios establecidos polo servizo de asistencia social do Concello son arredor de trinta as familias beneficiarias, un número que se incrementou da primeira á segunda entrega. No caso de A Armenteira, o reparto correu a cargo dos voluntarios de Protección Civil do concelleiro Martín Casais, natural da parroquia e responsable das áreas de Sanidade e Medio Ambiente. Como sinalou o propio edil "esta iniciativa resulta tremendamente necesaria, e máis en circunstancias como as que vivimos actulamente, nas que o traballo e os ingresos escasean, mentres que os gastos e as necesidades incluso se ven incrementadas". "As visitas aos fogares e o contacto con estas familias permítennos coñecer de primeira man as condicións nas que se atopan, e escoitar os seus problemas e as súas preocupacións", remarcou Casais. A proximidade á veciñanza e a atención dos servizos básicos son aspectos nos que quixo incidir especialmente o novo equipo de goberno do Concello de Meis dende que tomou posesión aló por xuño de 2019. Para elo, e para manter iniciativas como o Banco Solidario de Alimentos, é preciso que os veciños e veciñas e os colectivos sigan realizando as súas aportacións, tanto nas caixas instaladas nos supermercados do municipio como a través do departamento de Servizos Sociais.




sábado, 25 de abril de 2020

Finalizado o reparto das mascarillas que o Concello de Meis distribuíu entre os nenos e nenas das familias que o solicitaron

O Concello de Meis deu por rematado este sábado o reparto de mascarillas entre a poboación infantil do municipio. Se a pasada fin de semana a institución que preside Marta Giráldez conseguiu finalizar a distribución porta a porta dunha mascarilla a cada persoa empadroada no Concello, neste caso tocoulle á xente máis nova censada en Meis. Confeccionadas con telas coloridas e con motivos vistosos, proporcionadas polo Concello a un grupo de costureiras que as elaboraron de forma voluntaria, este material de protección comezou a ser repartido ao longo do venres entre aquelas familias que o solicitaron tanto a través do número de teléfono do Concello, o 986712010, como a través do número de Protección Civil de Meis, o 986712211. Foron os propios concelleiros e concelleiras, ademais da alcaldesa Marta Giráldez, as que se desprazaron polos domilicios dos nenos e nenas para entregar as mascarillas. No caso de A Armenteira, esta tarefa correspondeulle a Martín Casais, concelleiro de Sanidade e Medio Ambiente, e natural e residente na parroquia, que levou a cabo un intenso labor de reparto para que deste xeito a rapazada poida estar provista deste material de protección antes deste domingo, 27 de abril, cando, segundo consta na prórroga do estado de alarma aprobada polo Congreso dos Deputados, este sector da poboación terá a posibilidade de saír dos seus fogares tras máis de corenta días de confinamento. Como se indica na normativa, as persoas menores de 14 anos poderán realizar unha saída ao día, de ata unha hora de duración, na compaña dunha persoa adulta coa que convivan,  e sempre que non se alonxen máis dun quilómetro do seu domicilio. Non deben abandonar temporalmente os seus fogares para realizar este tipo de paseos se presentan síntomas compatibles co coronavirus SARS-CoV-2, tales como tos, febre ou dificultades respiratorias, ou que se atopen en corentena. Así, entre as 9:00 e as 21:00 horas e respectando as medidas de distanciamento, terán a posibilidade de pasear e xogar nas zonas que rodean as súas casas, pero non nos parques ou noutras zonas de ocio infantil, as cales permanecerán cos seus accesos precintados para evitar aglomeracións e posibles contaxios. Segundo as recomendacións das autoridades sanitarias, o uso de mascarillas será recomendable, pero non obrigatorio. Aínda así, as precaucións que tomen as familias fai prever que as mascarillas formen parte da paisaxe habitual no escenario dos xogos dos nenos e nenas, xunto coas biclicletas, os balóns, os patíns, os monopatíns ou incluso os xoguetes electrónicos. Esta medida, que supón o primeiro paso no proceso de desescalada que se trata de organizar dende o goberno central, non constitúe un cambio significativo en áreas rurais como pode ser A Armenteira, pois a dispoñibilidade de xardíns, hortas ou outros espazos arredor das casas, permitían xa que tanto a mocidade como as persoas adultas vivisen esta época de confinamento nunhas condicións moi distintas e, dende logo claramente privilexiadas, respecto da poboación que habita en entornos urbanos.





domingo, 19 de abril de 2020

A solidariedade do banco de alimentos municipal chega ás familias máis vulnerables de A Armenteira

Fai unhas semanas que o grupo de goberno municipal do Concello de Meis decidiu pór en marcha o Banco Solidario de Alimentos. Dende entón diversos colectivos sociais e empresas, ademais de doantes anónimos, comezaron a realizar aportacións, tanto directamente ao departamento de Servizos Sociais como nas caixas instaladas nalgúns establecementos comerciais do municipio. Dada a situación de emerxencia social na que vivimos, agudizada pola crise provocada pola extensión da pandemia global do COVID-19, a institución que preside Marta Giráldez decidiu axilizar a distribución dos lotes entre as familias máis vulnerables do Concello. Este feito viuse favorecido ademais por iniciativas como a que levaron a cabo a Asociación Cultural San Gregorio e a Panadería Paradela, que a pesares de non poder realizar este ano a popular romaría nesta parroquia do municipio meisino, elaboraron un bolo de Pascua, que foi doado ao Banco Solidario de Alimentos, sendo repartido entre os distintos lotes da primeira entrega desta axuda, que se desenvolveu ao longo deste domingo, 19 de abril. Persoal de Protección Civil de Meis, na compaña dalgún dos compoñentes do grupo de goberno municipal, desprazáraronse este domingo ao longo e ancho do Concello para distribuír estes lotes. No caso da parroquia de A Armenteira son varios os fogares que, seguindo os criterios fixados e pautados polo departamento de Servizos Sociais, teñen dereito a ser beneficiarios destas achegas. Cabe lembrar que ademais dos lotes do banco de alimentos, as familias consideradas de carácter vulnerable veñen recibindo un cheque de emerxencia social, o cal lles permite adquirir alimentos e produtos de primeira necesidade en establecementos comerciais situados no municipio. O reforzo dos servizos de carácter social foi un dos puntos máis destacados do programa electoral co que Marta Giráldez concurriu aos comicios municipais do maio de 2019, aspecto que se viu refrendado polo pacto de goberno entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, que poñía fin a cuarenta anos de executivos conservadores e que pretende darlle unha nova orientación á xestión e á administración municipal, en particular en ámbitos como as políticas de atención social. Así, as dificultades económicas que sofren algunhas familias de A Armenteira e do resto do Concello, poderán ser paliadas coas entregas realizadas polo Banco de Alimentos Solidario, para o cal resulta imprescindible que se manteñan activas as doazóns tanto de colectivos como de persoas anónimas.

xoves, 16 de abril de 2020

O Concello de Meis finaliza o reparto de mascarillas porta a porta pola parroquia de A Armenteira

A extensión da pandemia do coronavirus COVID-19 obrigou ás distintas administración a tomar unha serie de medidas e a desenvolver iniciativas coas que protexer e axudar á poboación. No caso dos Concellos as medidas e as iniciativas foron diversas. Na maioría dos casos o primeiro grupo de poboación en recibir a atención da administración local foi a considerada como poboación de carácter vulnerable. Persoas maiores, con problemas de mobilidade ou discapacidade ou con enfermidades varias foron obxecto de medidas para facilitarlles a adquisición e trasladarlles aos domicilios alimentos, produtos de primeira necesidade ou medicamentos. Outras accións consistiron na desinfeccións dos lugares máis concurridos, como as beirrarúas dos cascos urbanos ou as entradas a supermercados, farmacias, centros de saúde, entidades bancarias ou as propias dependencias municipais. Nestas actuacións foi clave o papel desempeñado, non só polos funcionarios e polos membros das agrupacións de Protección Civil, senón tamén por grupos de agricultores, que de forma voluntaria, foron desinfectando os dintintos puntos dos Concellos cos atomizadores dos seus tractores. A colaboración voluntaria e desinteresada de grupos de costureiras permitiu confeccionar miles de mascarillas coas pezas de tela e goma subministradas dende as entidades municipais. Houbo tamén quen utilizou as impresoras 3D para elaborar este tipo de material de protección. Aparte destas iniciativas destinadas á poboación en xeral, as administracións locais desenvolveron outras centradas na poboación en idade infantil e xuvenil.  Unha delas foi a impresión das tarefas escolares que dende os centros educativos se envían ao alumnado nestes días de confinamento, ademais do transporte de forma gratuíta aos domicilios destas actividades impresas a aquelas familias que solicitaron este servizo por non dispoñer de medios informáticos ou de conexión a internet. Sen dúbida, a rapazada é unha das grandes vítimas desta reclusión forzosa nos fogares e a ela van dirixidas iniciativas como as felicitacións de cumpreanos a domicilio, con agasallos e música de fondo, que a través das agrupacións de Protección Civil, dos empregados e empregadas municipais ou dos propios edís, se levaron a cabo nalgúns Concellos. Noutros, con menos medios, sobre todo a nivel de persoal, estas celebracións terán lugar de forma conxunta para todos os nenos e nenas do municipio, e para as persoas que os acompañen, cando diminúa o perigo do SARS-Cov2 e se retorne a unha situación de relativa normalidade.

Un dos Concellos máis activos neste sentido é o Concello de Meis. Se fai unhas semanas comezaron a a repartir mascarillas, previa petición, polos distintos puntos do municipio, agora este reparto exténdese á totalidade da poboación meisina. Nos fogares que así o solicitaran xa dispoñían de dúas mascarillas por domicilio, pero a dispoñibilidade en maior número deste material de protección que confeccionaron os grupos de costureiras voluntarias fixo que o goberno municipal iniciase esta semana unha distribución máis intensiva de mascarillas. Membros da agrupación de Protección Civil, ademais dos propios concelleiros e concelleiras, incluída a alcaldesa Marta Giráldez, encárganse estes días de percorrer os 52 km² do territorio do Concello de Meis para que toda a veciñanza estea provista deste material no menor tempo posible. Elaboradas con tela e con filtro TNT, as mascarillas, acompañadas dun folleto explicativo, comezaron a ser distribuídas pola parroquia de A Armenteira este mércores, 16 de abril. No medio da choiva, que por momentos caía de forma intensa, os voluntarios de Protección Civil, Martín Casais, Araceli Maquieira ou Marta Giráldez foron realizando as entregas nos fogares, ao tempo que aproveitaron para ter unha breve conversa cos veciños e veciñas. Deste xeito, puideron atender directamente as demandas e as preocupacións das xentes da parroquia e coñecer de primeira man como están vivindo e soportando estas circunstancias tan excepcionais, tendo en conta ademais que atención presencial nas oficinas municipais se atopa suspendida de maneira temporal, que esta unicamente se limita a consultas e comunicacións vía telefónica ou a través de internet e das redes sociais.




domingo, 12 de abril de 2020

Unha Semana Santa na que só queda a lembranza

A Semana Santa de 2020 en A Armenteira, e en practicamente todo o mundo, está a ser distinta. Sen procesións, sen cerimonias relixiosas, sen retencións nas vías de acceso ás principais zonas turísticas, coas igrexas, coas cidades, coas praias, cos paseos marítimos ou coas estacións de esquí case desertas, a imaxe que se nos ofrece a través dos medios de comunicación é verdadeiramente atípica. O confinamento ao que nos obriga a pandemia do coronavirus COVID-19 provoca que as familias se refuxien nos seus fogares, que unicamente abandonan para realizar as actividades permitidas e para desempeñar aqueles traballos que tamén nestas circunstancias extraordinarias continúan sendo considerados esenciais. Os labores domésticos, incluso as tarefas agrícolas, xunto con aficións e actividades de lecer como ver televisión, películas, escoitar música ou consultar as redes sociais forman parte da axenda diaria das xentes, tanto nas zonas urbanas como nas rurais. No que si saen favorecidas as persoas que habitan nas zonas rurais é na tranquilidade, na liberdade ou na calidade de vida que o campo nos brinda, e que se valora especialmente en momentos como o que estamos vivindo. En A Armenteira a Semana Santa é unha época marcada en vermello no calendario. O bullicio, o balbordo, as aglomeracións que habitualmente se observan, principalmente ao longo da Ruta da Pedra e da Auga ou nos arredores do mosteiro cisterciense, deixaron paso ao silenzo e á quietude. Nin rapazada correndo, nin xinetes a cabalo, nin xentes paseando os seus cans pola ruta, nin terrazas, nin salóns dos locais de hostalería ateigados, nin misas, nin turistas visitando o conxunto monacal... nada, absolutamente nada. No seu lugar está o baleiro, unha situación tan peculiar que nin sequera as persoas de maior idade consiguen lembrar algo similar, e iso que pasaron por épocas de guerra, fame, miseria ou represión. Toda a semana, pero en particular o xoves santo, o venres santo, a fin de semana, co domingo de Pascua e a festa da xuventude, e, sobre todo, o luns, coa tradicional romaría na honra da Virxe das Cabezas, convertían a A Armenteira nun dos epicentros da festa en Galicia, unhas celebracións que continuaban ata a fin de semana seguinte coa verbena e as cerimonias relixiosas na honra da Virxe do Dolores. Como ben se acordou de lembrar o pasado luns, 6 de abril, o programa da CRTVG Actualizad@s na reportaxe que emitiu sobre a Semana Santa na nosa parroquia, nesta ocasión, e agardemos que por única vez na historia, só nos queda comentar as anécdotas e as experiencias dos anos anteriores, falar das ofrendas, da devoción, das camiñatas, da acampada, das tapas de pulpo, das comidas campestres, das copas na compaña de amigos e amigas ou mesmo da actuación da orquestra Panorama e, para o próximo ano, se por fin remiten os efectos desta terrible pandemia, xa haberá tempo a disfrutar dun dos eventos festivos con máis arraigo e tradición das que teñen lugar ao longo e ancho de Galicia. A nova comisión de festas, que dirixe Ramón Prado, o novo equipo de goberno municipal, que comanda Marta Giráldez, o equipo organizador dos actos relixiosos, co párroco Ramón Fernández Ramos á fronte, e, en xeral todos os veciños e veciñas, e todas as persoas que ano tras ano nos visitan, volverán, se as circunstancias non o impiden, con forza e ánimos renovados para darlle a A Armenteira e ás súas festas máis populares e multitudinarias o pulo e tratamento que se merecen.