Buscar neste blog

mércores, 28 de novembro de 2018

Armenteira en pleno

Cun censo en progresivo e permanente descenso a parroquia de A Armenteira é unha das que conta con maior poboación das oito que compoñen o concello de Meis. Rebaixada a nivel municipal a fronteira dos 5.000 habitantes, feito que se reflictiría, entre outros aspectos, no descenso no número de concelleiros de cara ás eleccións do próximo mes de maio, os cales pasarían de 13 a 11, o comportamento demográfico de A Armenteira aínda rexistra unha tendencia máis negativa cá do conxunto do municipio. Con case 800 habitantes a parroquia que ocupa boa parte da ladeira do monte Castrove é xunto a Paradela e San Vicente de Nogueira unha das que posúe un maior número de residentes. No que si supera ás outras demarcacións do concello é na extensión territorial, formada principalmente por superficie forestal. Tres comisións de festas, tres clubes deportivos, dúas comunidades de montes, un colexio, un campo de fútbol, un campo de golf, un albergue de peregrinos, diversas asociacións de tipoloxía variada e, sobre todo, unha das rutas de sendeirismo máis concurridas de Galicia e un conxunto monacal de enorme valor histórico-artístico converten a A Armenteira nun dos principais referentes a nivel cultural, turístico e relixioso na comarca, e quizais na máis importante sinal de identidade que existe no concello de Meis. No ámbito político tamén veu ocurrindo o mesmo. Os responsables das organizacións políticas do concello sempre procuraron ter representación de xentes da parroquia. O Partido Popular e en menor medida o PSdeG-PSOE e o BNG fixeron engrosar as súas listaxes aos comicios municipais con persoas naturais ou domiciliadas en A Armenteira. O punto culminante deste proceso foi cando, a finais da pasada centuria, Julio Serén chegou a exercer a tenencia de alcaldía durante un breve período de tempo. Non cabe dúbida de que a voz e o voto da parroquia foron decisivos nos resultados das distintas eleccións, feito que, a xuízo de moitos veciños e veciñas, non foi tido demasiado en conta polas administracións que gobernaron ao longo dos últimos anos. Pero iso non fixo minguar a actividade tanto dos colectivos como das persoas que a título individual tratan de erixirse en representantes dunha veciñanza que sempre se caracterizou polo seu carácter calmado e escasamente reivindicativo. A cultura democrática e a paixón pola defensa dos intereses públicos prenderon con forza en A Armenteira e vivimos uns tempos frenéticos e moi animados en todo en canto á política se refire. Participación en actos, artellamento de estratexias, colaboración na formación ou na organización de agrupacións electorais... cada vez son máis evidentes os síntomas de que a parroquia non quere permanecer de costas á forma na que manexan os seus asuntos. Este xoves, 29 de novembro, a partires das 20:30 horas, celébrase na Casa Consistorial de Meis, en O Mosteiro, o que sexa posiblemente o pleno máis relevante dos que teñen lugar durante o ano. Entre os puntos da orde do día destacan a aprobación do inventario bens e viais de propiedade municipal e dos orzamentos para o ano 2019. Prevese unha sesión longa, na que, como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, non será extrano atopar a presenza de persoas da parroquia que, por propio interese ou como membros das asociacións, non queren perderse actos da trascendencia do deste xoves. O que é indiscutible é que A Armenteira, plena ou parcialmente, estará en pleno.





domingo, 25 de novembro de 2018

Reparto de puntos entre o Villalonga F.C. e o Armenteira C.F. infantil nun partido condicionado polos elementos

VILLALONGA F.C. - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 2
ARMENTEIRA C.F. Sergio; David, Íñigo, Álex, Víctor; Javi, Mateo; Ramón, Irene Varela, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Carlos e Fran.
GOLES:1-0. Minuto 13. David Bouzada. 1-1. Minuto 43. Manu Meixús. 2-1. Minuto 59. Alejandro Piñeiro. 2-2. Minuto 70. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Cáceres Villalba. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no
campo de O Revel, en Vilalonga, ante uns cincuenta espectadores, nunha mañá fresca e chuviosa, e sobre un terreo de xogo excesivamente empozado e nunhas condicións nada aptas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou engadir un novo punto ao seu casilleiro tras o partido que disputou este sábado no campo de O Revel ante o conxunto local do Villalonga F.C. Foi nun encontro claramente condicionado polos elementos, tanto meteorolóxicos, non parou de chover durante os oitenta minutos, como doutro tipo. As importantes baixas de Andrés, que no adestramento do martes sufrira una fractura no cúbito do brazo esquerdo, e de Júnior, aqueixado dun proceso gripal, deixaban bastante debilitado ao cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. A todo elo sumábase o mal estado do terreo de xogo, cheo de pozas, sobre todo nas zonas laterais, o que dificultaba enormemente unha práctica normal do fútbol. E por se foran poucas as adversidades, o equipo verdinegro viu como outro dos seus xogadores tiña que retirarse do campo lesionado. Neste caso foi o gardamallas Sergio, que ao igual que o fixera a pasada fin de semana, viuse obrigado a abandonar o partido antes de tempo a causa das molestias que vén sufrindo do abdutor. Mellor adaptados ás circunstancias do terreo de xogo, os futbolistas do Villalonga F.C. comezaron dominando. Unha indecisión de Íñigo, que protexeu o balón na área agardando a saída de Sergio para que agarrase o esférico coas mans, propiciou o primeiro tanto local, anotado por David Bouzada. A partires de entón o Armenteira C.F. tratou de reaccionar o as aproximacións á meta defendida por Noa Camiña comezaron a ser máis frecuentes. O balón freábase, os pases quedaban curtos e os futbolistas de ámbolos dous conxuntos tiñan que soportar cada vez máis peso sobre o seu corpo. Un dos principais prexudicados desta situación era Manu Meixús, que non era quen de sacar partido da súa velocidade e da súa capacidade de desborde. Pero non desistiu o dianteiro de Couso e, mediante unha excepcional volea, soubo superar á gardamallas celeste para anotar o primeiro tanto visitante. Houbo ocasións para que a escadra verde e negra fose con vantaxe ao descanso, aínda que tamén a puido levar o Villalonga F.C. que enviou un forte disparo contra o pau dereito da meta defendida por Sergio. No segundo tempo a tónica foi basicamente a mesma. O partido era de ida e volta, pero a lentitude coa que rodaba o coiro supoñía unha tremenda dificultade á hora de finalizar as xogadas. Un lanzamento de falta de Alejandro Piñeiro botáballe diante a Víctor, que substuíra ao mancado Sergio, e colábase polo medio das pernas cara o fondo da rede. Animados pola afección, os rapaces e rapazas do clube de O Leixo continuaron buscando a portería contraria e acabaron poñendo novamente a igualada no marcador. Unha vez máis sería Manu Meixús o que sorprendía ao gardameta local cunha estupenda volea. Nos minutos finais aínda habería posibilidades para desnivelar o encontro tanto por parte dun como por parte doutro equipo. Íñigo sacaría baixo paus un lanzamento dos celestes e tamén Manu Meixús, Mateo ou o propio Íñigo puideron conseguir que os tres puntos viaxasen cara a A Armenteira. Unha das notas características do encontro, aparte do protagonismo dos elementos, foi o regreso de Fran. O futbolista de Silván, tras uns meses de dúbidas, decidiu voltar ao clube no que militou durante as últimas temporadas. Con este resultado o equipo infantil do Armenteira C.F. colócase na décima posición, con cinco puntos, á espera de recibir a próxima semana á E.F.B. Vilanova, un dos conxuntos máis potentes do grupo, que ocupa a terceiro posto na táboa, con vintecatro puntos. A cita será, previsiblemente, o domingo, 2 de decembro, no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro.




luns, 19 de novembro de 2018

Partidos apretados dos equipos de A Armenteira na pasada fin de semana

A xornada da pasada fin para os equipos de fútbol de A Armenteira caracterizouse polos partidos apretados, emocionantes e equilibrados, sobre todo nalgún dos casos, aínda que finalmente a fortuna non estivo do lado dos clubes verdinegros. Nin o conxunto infantil do Armenteira C.F., nin o Armenteira Veteranos, nin tampouco o equipo sénior feminino da entidade de O Leixo conseguiron puntuar. Foron todas derrotas por escasa diferenza para uns clubes que partido a partido mostran unha franca progresión.

O primeiro en disputar o seu partido foi o equipo infantil. O cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez logrou ter unha vantaxe de dous tantos a cero nos primeiros minutos, pero antes do descanso xa acadara igualar o San Martín C.F. Nun encontro equilibrado, no que a posesión do esférico a tivo principalmente o equipo visitante, as ocasións estiveron repartidas a partes iguais. Os goles de Manu Meixús por partida dobre e de Júnior, e a pouco acertada actuación arbitral, moi protestada polo público que acudiu ao campo de O Leixo, marcaron un encontro que mantivo a tensión ata a recta final e que rematou cunha vitoria por tres tantos a catro para a escadra de Vilaxoán.

Tampouco acompañou a sorte ao Armenteira Veteranos. Fronte a un rival que se situaba na parte alta da táboa, o Barro C.F.-Cafetería Don Pincho, e que partía como claro favorito, o conxunto que capitanea José Luis Galiñanes deu a cara e vendeu moi cara a súa derrota. O penalti anotado polos locais nos intres iniciais tería unha rápida resposta tras unha gran xogada de Richi pola banda esquerda que sería culminada polo propio Galiñanes cun excelente disparo que sorprendía ao gardamallas local. Aínda que o dominio correspondeu ao conxunto de Barro durante a maior parte do tempo, o Armenteira Veteranos tamén chegou a gozar dalgunha ocasión. A mellor condición física do Barro C.F.-Cafetería Don Pincho, que nos últimos minutos baseaba o seu perigo principalmente nas internadas por banda, acabou desnivelando a balanza a prol do conxunto que preside José Sanmartín. Unha acción individual nun contraataque de Marcelino Sánchez, que se atopou a parcela central do campo libre de xogadores visitantes, acabou cun excelente disparo dende o borde da área do futbolista de Barro. O coiro entrou pegado ao pau dereito dun Jose Outón que nada puido facer. Restaban só tres minutos para o final e dous a un no marcador sería inamovible.

Con derrota tamén remataría o partido do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. ante o Independiente C.F. Nun encontro relativamente igualado as viguesas fixeron valer a súa maior capacidade no dominio do balón e unha pegada superior á das rapazas de dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado, que unicamente conseguiron perforar a portería rival nunha ocasión no que levamos de liga. Dous lanzamentos dende fóra da área, que non foi quen de atallar Anabel, decantaron o encontro para o equipo vigués. As aproximacións locais, protagonizadas fundamentalmente por Paula, non tiveron demasiado éxito, como tampouco o tivo unha execución de falta efectuada por Sara Rey, que chegou a impactar no longueiro visitante, tras ser desviado pola gardameta. O cero a dous co que finalizaron os sesenta minutos foi o reflexo de que como un equipo máis experto, o Independiente C.F., soubo dominar mellor en ámbalas dúas áreas.

A próxima fin de semana prevese que sexa de novo de duelos equilibrados para os equipos de fútbol de A Armenteira. Tanto o equipo infantil do Armenteira C.F. como o equipo sénior feminino visitan o feudo de conxuntos situados por debaixo deles na clasificación, o Vilalonga F.C. e o Colegio Apóstol Santiago respectivamente, mentres que o Armenteira Veteranos recibe no campo de O Leixo ao Os Amigos-Pavi Decor, que conta con sete puntos máis cá escadra verde e negra.






venres, 9 de novembro de 2018

Unha acción criminal

Se resulta moi impactante atoparse un animal abandonado, máis o é aínda cando se trata duns seres cuns escasos días de vida. O abandono de animais domésticos converteuse, desgraciadamente, nunha das principais lacras da nosa sociedade. Na maior parte son cans e gatos os que son deixados á súa sorte en lugares pouco vixiados, nos que, con fortuna, se poden atopar con alguén que os acolla e atenda, e repare na medida do posible o crime cometido por aquel desaprensivo ou desaprensiva que se desprendeu deles. Áreas forestais, polígonos industriais, zonas residenciais ou instalacións deportivas son os lugares favoritos para acometer tales atrocidades. Isto foi o que ocorreu este xoves no campo de O Leixo, en A Armenteira. Cando se dispoñían a comezar o adestramento, Marcial Prado e algunhas das xogadoras do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. escoitaron uns chíos que proviñan das bancadas. Ao achegarse o espectáculo que atoparon foi dantesco. Dentro dun caldeiro, acompañados dunha lata de refresco baleira, había seis cachorros, un dos cales xa estaba morto, que reclamaban de forma desesperada a presenza da súa nai. Cos corazóns compunxidos ante unha escena tan terrible axiña se puxeron en contacto coa Xunta Directiva, que regresaba a O Leixo despois dunha sesión de adestramento do equipo infantil no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro. As xestións dos directivos non tiveron unha atención inmediata. Nin a canceira provincial nin o Concello de Meis prestaban servizo a esa hora e tiveron que recurrir ao teléfono de emerxencias, o 112, onde lles indicaron que ata o día seguinte os animais non poderían ser recollidos. Para facerlles menos desagradable unha noite tan fresca e húmida os membros da directiva do clube de O Leixo acondicionáronlle un vestiario cunha estufa, roupa, cartóns e leite co que alimentarse. Houbo que agardar entón ata a mañá deste venres, 9 de novembro, para que uns operarios do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN) acudiran ás instalacións deportivas a recoller aos canciños. Non se pode dicir que a historia tivera un final feliz, pero polo menos foi menos cruel que o que poderían ter se a acción criminal do autor ou autora do abandono non se atopara coa intervención dunhas xentes que actuaron da forma máis lóxica e quizais máis correcta en casos coma este.


Este sábado, magosto en A Armenteira


Hai un refrán que di que "polo San Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto". Nas vésperas da data sinalada, na que o domingo, 11 de setembro, a parroquia veciña de San Martiño de Meis celebra o seu patrón, A Armenteira vive un ano máis un festexo tradicional que, dende fai uns anos, quixeron convertir nun momento de convivencia e confraternidade entre unhas xentes ás que as obrigas laborais e as tarefas cotiás non sempre permiten que se xunten. A pesares do tempo tremendamente desapacible que houbo durante practicamente toda a semana, a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira decidiu manter a data fixada para o acto. As previsións meteorolóxicas son algo máis benévolas para este sábado e agárdase que a choiva e o vento dean unha tregua para que as castañas asadas, os chourizos, os arenques, os doces caseiros, regados con viño novo, auga e refrescos, poidan ser degustados por todas aquelas persoas que, a partires das 17:00 horas, se acheguen ao entorno da Casa de Cultura da parroquia. O carácter íntimo que soe caracterizar a este evento non se verá modificado este ano, aínda que dende a organización prevén incrementar o número de asistentes este ano. Resgaradados do frío e a choiva, e á calor do lume, ao tempo que se contan uns contos e a música soa de fondo, a xente que este sábado, 10 de novembro, acuda a A Armenteira disfrutará da festa por excelencia do outono en Galicia que, como ocorre en moitas ocasións no magosto, cando a animación acade o seu grao máximo, a furruxa pode cobrar protagonismo e tinguir de negro as mans, as caras, as roupas e as distintas partes do corpo dos festeiros e festeiras.

luns, 5 de novembro de 2018

Festival goleador de Armenteira C.F. e Catoira S.D. en O Mosteiro

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - CATOIRA S.D. - 5 - 5
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Íñigo, Álex, David; Andrés, Javi, Mateo; Carlos, Irene Pesqueira e Manu Meixús. Tamén xogaron Dani Díez, Villar, Júnior, Ramón e Irene Varela.
GOLES:0-1. Minuto 9. Martín Manteiga. 1-1. Minuto 11. Manu Meixús. 2-1. Minuto 13. Manu Meixús. 3-1. Minuto 28. Manuel Meixús. 3-2. Minuto 31. Yago Mera. 3-3- Minuto 34. Minuto 34. Yago Mera. 3-4. Minuto 43. Yago Mera. 3-5. Minuto 66. Antón. 4-5. Minuto 69. Carlos. 5-5. Minuto 77. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Núñez Caamaño. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da sétima xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no
campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, antes uns sesenta espectadores, nunha mañá fresca, nublada e chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou sumar un novo punto ao seu casilleiro no encontro que disputou na mañá deste domingo, 4 de novembro, no campo Municipal de Meis. Foi tras un partido intenso, emocionante e cun auténtico festival goleador por parte de ámbolos dous conxuntos. O resultado de empate a cinco goles que reflectiu o marcador final é boa mostra do espectáculo que puideron contemplar as persoas que se achegaron a contemplar este duelo entre o Armenteira C.F. e o Catoira S.D. Presumíase un encontro relativamente equilibrado, dada a situación na táboa dos equipos que se enfrontaban, aínda que con lixeiro favoritismo para os das terras do Ulla, que axiña se adiantaban mediante un lanzamento de falta de Martín Manteiga que non puido ser repelido por Sergio, que chegou a tocar o balón, pero viu como se lle acababa colando entre as mans. O corpulento futbolista visitante que poñía por diante ao seu equipo, foi sen dúbida a principal preocupación dos de A Armenteira, que se atoparon con moitas dificultades para contrarrestar o seu poderío físico e a contundencia coa que pugnaba en cada xogada. Con todo, a reacción do cadro local non se fixo agardar e a velocidade e a calidade na definición nos metros finais de Manu Meixús conseguiron revertir a situación. Tres accións do veloz atacante de Couso remataron en tres tantos que colocaban en franca vantaxe á escadra verdinegra. Pero non houbo tranquilidade para a sufrida afección local e a relaxación e os desaxustes tácticos e defensivos deron a oportunidade de ir recurtando distancias ao Catoira S.D. Cun resultado de tres a tres ao descanso o segundo período presentábase pleno de emoción. E así foi. O baixón no ritmo de xogo dos locais permitiu que o conxunto viquingo lograse dous tantos máis. Un tres a cinco en contra facía supoñer que o Armenteira C.F. infantil estaba condenado a unha nova derrota. Ante isto, o adestrador Jorge Gómez decidiu adiantar a posición de Íñigo dende o centro da defensa ao mediocampo e apostar por un plantexamento máis agresivo. Varias foron as ocasións das que dispuxeron os futbolistas do clube de A Armenteira no último treito do encontro. Manu Meixús, Júnior, Javi ou Íñigo puxeron a proba ao meta visitante Pedro López, aínda que sen o acerto desexado. Si acertaría Carlos ao recoller unha asistencia de Manu Meixús e enviar o coiro suavemente cara o fondo das mallas da escadra de Catoira. E xa co encontro a piques de rematar, unha xogada na que Íñigo foi obxecto de falta por parte dun rival, e na que o colexiado aplicou a lei da vantaxe, era culminada de forma maxistral por Manu Meixús, debuxando unha parábola sobre o porteiro rival para situar o definitivo empate a cinco no marcador. O suspense prolongouse ata os últimos segundos. Unha falta cometida por Íñigo no borde da área, na zona dereita do ataque do Catoira S.D., provocou que a tensión se extendese por unha bancada ansiosa de festexar o punto que parecía acadar o equipo local. O lanzamento iríase por enriba do longueiro e o encontro finalizaría cun xusto e meritorio reparto de puntos entre dous conxuntos modestos, que ocupan a parte media-baixa da clasificación, pero que tiveron unha notable actuación e que ofreceron un bonito espectáculo sobre a superficie de céspede artificial do campo Municipal de Meis. Con este resultado o equipo infantil do Armenteira C.F. colócase na undécima posición, con catro puntos. A próxima fin de semana será de descanso para os rapaces e rapazas que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez, ao retirarse da competición o rival que lle correspondía, o C. Xuventú Sanxenxo "B", e non regresarán á competición ata previsiblemente o 18 de novembro, cando van recibir a visita do San Martín C.F., cuarto clasificado, con quince puntos.



xoves, 1 de novembro de 2018

Partido equilibrado do Armenteira C.F. feminino fronte ao Caldelas C.D.

 FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - CALDELAS C.D. - 0 -1
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Rocío, Lara; Sara Torres, Fátima, Banesa; e Bea. Tamén xogaron Paula, Sara Rey, Nerea e Vanessa.
GOLES: 0-1. Minuto 45. Rebeca Madarnas.
ÁRBITRO: Otero Rodríguez. Non mostrou ningún cartón durante o partido.
INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, que estaba previsto disputar no campo de O Leixo, en A Armenteira, pero que finalmente se disputou no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, ante uns cincuenta espectadores, nunha noite fría e chuviosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. volveu rozar de novo a posibilidade de puntuar. Foi nun partido relativamente equilibrado, no que o protagonismo recaeu principalmente nas inclemencias meteorolóxicas. O encontro, que estaba fixado para as 20:45 horas no campo de O Leixo, tivo que ser trasladado ao campo Municipal de Meis, onde acabou comezando ás 21:16 horas. A intensa néboa que cubría o campo de A Armenteira e o mal estado que presentaba a superficie de terra do campo, excesivamente enlameada e esvaradiza, provocaban que á escasa visibilidade se engadise o perigo físico para as propias xogadoras. Nestas condicións resultaba case imposible que o partido se desenvolvese con normalidade. Ante a ameaza do colexiado Otero Rodríguez de suspender o encontro a Xunta Directiva do Armenteira C.F. púxose rapidamente a realizar xestións para buscar unha solución ao problema. Contactaron co C.D. Mosteiro e conseguiron mudar de escenario. Só había que desprazarse ata a capital municipal e agardar a que rematase o C.D. Mosteiro-Unión Sampayo da Segunda Galicia da categoría sénior masculina. O equilibrio que caracterizou o encontro que o precedía, que finalizou con empate a un tantos, manifestouse tamén no duelo entre as de A Armenteira e as de Caldelas de Tui. Con alternativas por ámbolos dous bandos o dominio correspondeu en maior proporción ao cadro visitante. As claras ocasións das que dispuxeron Fátima e Paula no primeiro período e, sobre todo, as excelentes paradas de Anabel, deixaron en táboas o resultado ao descanso. Na segunda metade mantívose a tónica. A falta de acerto nos metros finais das futbolistas do Caldelas C.D. e as acertadas intervencións de Anabel parecían levar o encontro a un reparto de puntos. Pero Rebeca Madarnas, tras recoller de costas un balón na área verdinegra e xirarse para empalmar un potente disparo, poñía por diante á escadra tudense. Tivo oportunidades o Armenteira C.F. para acadar como mínimo a igualada. Unha internada de Paula pola banda esquerda era freada sobre a liña da área cunha falta por unha defensora visitante. O lanzamento da falta, efectuado por Rocío, foise por enriba do pau longueiro. Algún disparo de Lara, tanto en xogada como a balón parado, e algunha aproximación máis, esgotaron as opcións de puntuar para as mozas que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado, que sen realizar un mal partido, volveron pecar nos mesmos erros que as veñen condenando no que vai de temporada. A próxima xornada as féminas do Armenteira C.F. rendirán visita ao campo Federativo de Coia, en Vigo, para medirse ao Club Peñasco, que ocupa actualmente a cuarta praza con doce puntos.