Buscar neste blog

sábado, 30 de abril de 2016

Un hat-trick de Jorge Castro marca as diferenzas en O Revel e da un novo triunfo ao Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos conseguiu sumar unha nova vitoria na tarde deste sábado no campo de O Revel, o Vilalonga no encontro que o medía ao Viajes Inter-Rías Villalonga. A tarde, que se presentaba soleada e autenticamente primaveral, non comezou ben para os verdinegros. Cando se levaban apenas cinco minutos de xogo os locais aproveitaban un desaxuste defensivo dos de O Leixo para adiantarse no marcador. Co resultado a favor e apoiado na creatividade do seu mediocampo, o Viajes Inter-Rías fíxose co dominio do balón e parecía levar o ritmo de partido sen pasar demasiados apuros. O Armenteira Veteranos decidiu entón reforzar a liña medular coa entrada de Marcial e o cambio de Martín á posición de medio volante. Esta variación táctica obrigaba ao conxunto verdinegro a sacrificar unha peza na punta de ataque, pero así conseguía frear a superioridade numérica que ata entón tiñan os de Vilalonga na zona de creación. Quedaba un único home na punta de ataque, que non era outro que Jorge Castro, sen dúbida un dos xogadores máis decisivos metros finais dos que militan neste grupo da liga de veteranos. A efectividade que soe exhibir o dianteiro de Vilar non tardou en deixarse notar, e ao fío do descanso recibiu un balón na área e o logrou axustalo ao pau dereito para colalo no fondo das mallas do cadro blanquivermello. Coa igualada no marcador e co vento a favor na segunda metade o Armenteira Veteranos tomou o control da situación e as aproximacións á área rival sucedíanse. E nese contexto volveu a emerxer a figura de Jorge Castro, primeiro resolvendo de novo unha xogada na área e logo sacando proveito dun balón que recibiu en profundidade. Coa frialdade que o caracteriza driblou e sentou ao porteiro e tivo tempo para orientarse e colocar o balón no fondo da rede ante a desesperación dos defensas locais. A partir de entón os verdinegros puideron manexar o partido con tranquilidade e só os discutidos fóras de xogo que o colexiado sinalaba unha e outra vez e o desacerto nos metros finais impediron que aumentasen a vantaxe. O desgaste físico do Armenteira Veteranos, que viron como o central Carlos, tras unha impecable actuación, tiña que retirarse por problemas físicos, e a incorporación de máis efectivos dos blanquivermellos en ataque déronlles a estes un alento final, que aproveitaron xa nos minutos de desconto para conseguir o seu segundo tanto nunha cabezada tras un libre indirecto que se escapou das garras do meta Joserra. Con este triunfo por dous goles a tres os de A Armenteira sitúanse no oitavo posto con cincuenta e tres puntos e mantéñense na loita por acceder á zona alta da táboa. Para confirmar estas aspiracións deberán superar a próxima semana no campo de O Leixo ao conxunto morañés do Cafetería Pasaje, que ocupa a décimo cuarta posición vintenove puntos.




venres, 29 de abril de 2016

O lugar de Cabeza de Boi prepárase para celebrar esta fin de semana as festas de San Xosé Obreiro

A parroquia de A Armenteira vivirá unha nova fin de semana de festas. Será o sábado 30 de abril e o domingo 1 de maio, cando no lugar de Cabeza de Boi, así como nos lugares anexos de As Pereiras e Gondes, se celebre a tradicional festa na honra de San Xosé Obreiro. Para este ano, a comisión de festas presidida por Álvaro Martínez deseñou un programa de festas que dará comezo o sábado día 30 coa verbena que protagonizarán os grupos musicais Arena e Alkar, dous clásicos das celebracións festivas da comarca. O domingo será o día forte, e comezará cun pasarrúas polos diversos recantos da parroquia, e a continuación oficiarase unha misa cantada por un coro na honra de San Xosé Obreiro, sita no lugar de Cabeza de Boi, ao pé da estrada que sobe cara o mosteiro de A Armenteira. A continuación organizaranse varios concursos, para os cales a Comisión ten preparadas varias sorpresas e premios e, para finalizar, pola noite, actuarán a orquestra Samba e o dúo Media Luna. Os representantes da Comisión de Festas agardan que un bo número de persoas acudan a este evento festivo, un dos máis significativos dos que teñen lugar no entorno, e polo que, no seu día pasaron algunhas das máis renomeadas orquestras de Galicia, como a París de Noia, a Gran Parada, a Sintonía de Vigo ou Los Satélites de A Coruña, e artistas tan relevantes como a malograda Ana Kiro.




Viajes Inter-Rías Villalonga e Armenteira Veteranos disputan en O Revel outro duelo directo

O Viajes Inter-Rías Villalonga e o Armenteira Veteranos disputan este sábado no campo de O Revel, en Vilalonga, a partires das 16 horas un partido entre dous equipos que aspiran alcanzar aínda a zona alta da táboa. A oitava posición, con cincuenta puntos, de os de O Leixo, e a novena, con cuarenta e nove, dos locais, fai que o encontro se presente a priori igualado, como foi o disputado na primeira volta, que acabou co resultado de empate a dous goles, e como soen ser os partidos que veñen disputando durante as últimas temporadas estes dous conxuntos, que son xa dous clásicos da liga de fútbol veterano. As ausencias de Moncho e de Joseíño, ás que posiblemente se una algunha máis a última hora, poder facer mella na escadra verdinegra, pero o amplo plantel co que conta esta temporada é un aval importante para facer fronte ás constantes baixas que se producen cada xornada.


A vixésimo oitava xornada preséntase para os equipos cadete, benxamín e infantil do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan esta fin de semana unha nova xornada de liga, a vixésimo oitava, na que os equipos cadete, benxamín e infantil afrontarán compromisos de desigual dificultade.

O equipo cadete recibe este sábado a partires das 11:30 horas, no campo de O Leixo, coa arbitraxe de Asensio Fariza, ao C.D. Bamio, un conxunto que ocupa a última posición na táboa con só un punto. Os xogadores que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido queren manter as opcións de achegarse aos postos altos da táboa e para elo deben vencer a un rival que acudirá ao campo de O Leixo coa intención de lograr a primeira vitoria da temporada. A baixa segura do gardameta Yago, á que se pode unir algunha máis de última hora, obrigará ao cadro técnico local a reestruturar o once inicial, no que se da por segura a presenza de novo no eixe da zaga de Carlos Soto.

O equipo benxamín, pola súa parte, visita na tarde do sábado o campo do Monte da Vila, onde, a partires das 16:30 horas, coa arbitraxe de Rey Prieto, deberá medirse á U.S.D. de O Grove. O cadro técnico formado por Valentín Estévez e Pol Dacosta terá unha difícil misión para organizar un plantexamento que free o potencial ofensivo dos mecos, sétimos clasificados con cincuenta e catro puntos. A baixa de última hora de Antonio fai prever que o conxunto verdinegro se poida presentar escaso de efectivos en terras peninsulares, aínda que tanto o corpo técnico como a sufrida afección manteñen as esperanzas nun grupo de rapaces e rapazas que seguen contemplando como os seus entregados adestradores lles van descubrindo os segredos do balompé. A progresión que está experimentando Sara Otero na portería, á que se uniu nas últimas xornadas a de Sergio Matilde nesa mesma posición, son dúas das notas máis positivas que fan albergar moitas ilusión nesta formación do clube verde e negro.

Para finalizar a xornada para o Armenteira C.F., o equipo infantil, que ven de disputar este venres o encontro aprazado da xornada 25 ante o C. Xuventú Sanxenxo, recibirá no campo de O Pombal, o domingo a partires das 11:30, ao Unión Dena C.F., e que volverá a ser dirixido polo colexiado Padierna Quintero. A escadra adestrada por Martín Casais e Jonathan Crespo terá outro difícil compromiso ante un rival que ocupa a terceira posición na táboa con cincuenta e oito puntos, e que xa no partido da primeira volta infrinxiu unha abultada derrota aos verdinegros. A máis que previsible baixa de Jose Otero, que estaba a convertirse nun dos principais pilares defensivos do conxunto infantil nas últimas xornadas, súmase aos diversos contratempos aos que habitualmente ten que enfrontarse este grupo de xogadores. O corpo técnico verase obrigado a recurrir novamente á convocatoria de varios xogadores de categoría alevín, que finalizada xa a súa liga, tratarán de reforzar e dar algo de alento a un equipo que tratar de manter o tipo ante as numerosas adversidades que lle van presentando.




Derrota do equipo infantil do Armenteira C.F. nun partido desafortunado en Baltar de Arriba

O equipo infantil do Armenteira C.F. sufriu unha clara derrota por sete goles a un no encontro deste venres ante o C. Xuventú Sanxenxo correspondente á vixésimo quinta xornada que fóra aprazado no seu día. O cadro verdinegro saiu falto de intensidade ao terreo de xogo de Baltar de Arriba e, xa no primeiro minuto, os locais aproveitaron unha perda de balón na defensa dos de A Armenteira para adiantarse no marcador. Este tanto significou unha dura lousa para a debilitada moral destes xogadores, que viron como no minuto once levaban xa unha desvantaxe de tres goles. A partires de entón o partido transcurriu moi cómodo para o C. Xuventú Sanxenxo, que puido contemporizar e gardar forzas para a cita que terá este sábado no campo de A Bouza ante o Umia C.F. A relaxación do conxunto amarelo permitiu que os visitantes puidesen aproximarse en máis ocasións á área rival na segunda metade e, nunha delas, unha arrancada do atacante Piñeiro culminou no fondo das mallas da meta defendida por Nico Freijeiro. O equipo alevín non vai ter moito tempo para laiarse desta derrota, xa que o domingo deberá recibir no campo de O Pombal ao Unión Dena C.F., terceiro clasificado con cincuenta e oito puntos.




xoves, 28 de abril de 2016

O equipo infantil do Armenteira C.F. disputa este venres en Baltar de Arriba o partido aprazado da xornada 25

O equipo infantil do Armenteira C.F. disputa este venres a partires das 19 horas, no campo de Baltar de Arriba e ante o C. Xuventú Sanxenxo, o partido correspondente á xornada 25, que no seu día aprazado debido á imposibilidade dos locais para xogar durante aquela fin de semana. O cadro que adestran Martín Casais e Jonathan Crespo contará en principio coas baixas de Jose Otero, Dani Feijóo e Tomás, polo que o cadro técnico se verá na obriga de convocar a algúns xogadores do equipo alevín. O encontro será dirixido por Padierna Quintero, un colexiado de orixe colombiana que destaca pola rixidez na aplicación das normas e que fai dúas semanas arbitrou o partido de liga que o equipo infantil disputou ante o Céltiga F.C. O undécimo posto, con vinteoito puntos, que ocupa o C. Xuventú Sanxenxo outórgalle o papel de favorito ante un cadro verdinegro está a espera de acadar o primeiro triunfo da temporada. Os de O Leixo non terán demasiado tempo para recuperarse da cita de Baltar de Arriba, xa que o domingo deberán enfrontarse no seu feudo de O Pombal ao Unión Dena C.F., noutro difícil compromiso para un grupo de xogadores que a duras penas trata de manter as gañas e a ilusión nunhas circunstancias tan compricadas como as que lles tocou vivir nesta campaña.


domingo, 24 de abril de 2016

A Copa Deputación finaliza para o equipo alevín mentres a liga continúa para o resto de equipos do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana trouxo consigo a fin da aventura na Copa Deputación de Pontevedra para o equipo alevín do Armenteira C.F., que rematou tamén a súa participación na liga a pasada fin de semana, mentres que os restantes equipos continúan nesta competición, da que veñen de disputar a vixésimo sétima xornada.

O equipo benxamín, o primeiro en dar comezo a xornada dos conxuntos de fútbol base do Armenteira C.F. recibiu na mañá deste domingo a visita da E.F.B. Vilanova. O cadro dirixido por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta segue coa súa lenta progresión e deu unha imaxe máis que aceptable ante os vilanoveses. A orde táctica e xogo combinativo dende a parte defensiva foron dous dos aspectos máis positivos que mostrou sobre a terra de O Leixo a formación verde e negra. A elo hai que unir o debut de Sergio Matilde baixo os paus  e a notable actuación do defensa Andrés Fernández, a tono co bo nivel do conxunto. O resultado final de cero goles a dez volve a ser, coma soe ser habitual, unha mera anécdota. A próxima fin de semana os rapaces e rapazas que comanda Valentín Estévez deben rendir visita a outro duro opoñente, a U.S.D. de O Grove, que ocupa a sétima praza con cincuenta e catro puntos.

O equipo alevín visita este sábado o campo Municipal de Forcarei para disputar a segunda eliminatoria da Copa Deputación de Pontevedra. Os aproximadamente 70 quilómetros que separan A Armenteira e a localidade da Terra de Montes e a hora de camiño eran dúas das principais preocupacións de Jonathan Crespo, que temía que o cansanzo do desprazamento puidese afectar aos seus xogadores. Quizais o cansanzo, quizais o estado do terreo de xogo do Municipal de Forcarei, cunha superficie de area totalmente irregular e nada propicia para a práctica do fútbol, que nada ten que envexar a calquera das praias do noso litoral, ou quizais tamén a importante baixa de última hora do central Xoán, foron causas determinantes para que o conxunto alevín non dese a imaxe que os seus seguidores e seguidoras están acostumados a presenciar. Dende o inicio o rival, a E.F.B. Terra de Montes mostrou moita máis intensidade e soubo impoñer a súa maior forza física e a súa adaptación ás difíciles condicións do terreo de xogo. O gol inicial dos locais tivo axiña a réplica por parte de Adri, cun gran lanzamento de falta. Coa igualada no marcador o partido parecía caír do lado do Armenteira C.F., que intentaba facer circular o balón e gañar a liña de fondo coa velocidade polos costados de Manu Meixús e Mosteiro. Pero a clara superioridade da E.F.B. Terra de Montes na pugna polos balóns divididos decantou e resolveu o encontro ao seu favor. En apenas cinco minutos os amarelos marcaron tres goles consecutivos, marchándose ao descanso cun resultado de catro goles a un. As ansias de remontar coas que saíron os visitantes na segunda metade foron sofocadas cun novo tanto da E.F.B. Terra de Montes, que aproveitou as dúbidas dos de A Armenteira á hora de despexar un balón na súa área. De nada serviron o tanto de Hugo despois dun golpe franco e o de Mosteiro cun lanzamento dende longa distancia. A remontada fíxose imposible ante un rival moito máis esgotado fisicamente. O cinco a tres co que rematou o encontro supón a fin da aventura do equipo alevín do Armenteira C.F. nunha Copa Deputación na que viña de superar na primeira eliminatoria á A.D. Arousa F-7, e na que que tanto os xogadores e xogadoras, como o corpo técnico e os numerosos afeccionados e afeccionados que os acompañan tiñan esperanzas de chegar lonxe. O Atlético Cuntis será o rival da E.F.B. Terra de Montes na seguinte rolda, na que a irregular superficie do terreo de xogo do Municipal de Forcarei volverá a ser o escenario dunha nova eliminatoria.

O equipo cadete tiña unha dura cita no campo de Monte Redondo, en Corón. O rival, a E.D. Arousa "B", é un dos conxuntos máis en forma do grupo e está en clara progresión de cara a acadar unha das dúas primeiras prazas, que dan dereito ao ascenso directo á Primeira Categoría Cadete. Os xogadores que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido saíron ao campo coa intención de manter a orde táctica e de aproveitar os ocos que podía deixar a defensa rival para lanzar contragolpes a un rival que dende o inicio se fixo o dono absoluto da posesión do balón. O tanto da E.D. Arousa S.D. "B" pareceu non poñer nerviosos aos de A Armenteira, que tiveron a oportunidade de igualar o encontro nun barullo na área que o dianteiro Alberto non conseguiu resolver, nun potente lanzamento de falta do central Carlos ou nunha carreira de Villa que definiu con pouca fortuna ante o meta arousán. Na segunda metade o cadro local fíxose máis claramente dominador do xogo ante un Armenteira C,F. que trataba de alonxar, con grandes esforzos, o perigo unha e outra vez creaban os locais arredor da meta defendida por Yago. E ese dominio acabouse plasmando con tres goles máis do equipo de Vilagarcía, que conformarían o catro a cero co que se chegou aos noventa minutos. A pesares desta derrota o equipo cadete do Armenteira C.F. mantense na sètima praza e aínda ten opción de seguir escalando na clasificación. Para elo deberá vencer a próxima fin de semana ao C.D. Bamio, que ocupa o último posto na táboa con só un punto.

Finalmente o equipo infantil tiña no campo de Baltar de Arriba un compricado compromiso ante o Portonovo S.D. "B". As numerosas baixas que está sufrindo nesta fin de temporada ao conxunto que adestran Jonathan Crespo e Martín Casais están debilitando aínda máis a unha formación con múltiples carencias. O cadro técnico viuse na obriga de recurrir ao equipo de categoría alevín para completar a convocatoria de trece xogadores coa que se presentou en Portonovo. Con todo os xogadores que defenderon a camisola verdinegra na mañá do domingo fixérono con relativa dignidade e trataron de manter a orde defensiva e de contragolpear ao ritmo que marcaba a potencia en ataque de Piñeiro. A evidente superioridade dos locais, que a base de toques foron impoñendo a diferenza que os separa dos verdinegros, acabou sendo reflectida no marcador final co resultado de nove goles a cero. De novo a destacada actuación do xogador de categoría alevín Mosteiro foi unha das notas máis significativas dun encontro no que o porteiro Santi tivo que ser substituído a causa da dor na man dereita, dando a oportunidade de exercer de improvisado gardamallas ao central Álex Ruel. A próxima fin de semana será intensa para o equipo infantil do Armenteira C.F., que na tarde do venres terá que volver ao campo de Baltar de Arriba para disputar o encontro que fora aprazado ante o C. Xuventú Sanxenxo, undécimo clasificado con vinteoito puntos, e o domingo recibirá no campo de O Pombal a visita do Unión Dena C.F., terceiro clasificado con cincuenta e oito puntos.













sábado, 23 de abril de 2016

Un gol de Chicho serve para sentenciar o partido entre o Armenteira Veteranos e o Pumas-Café Latino

Un gol de Javier Martínez "Chicho" serviu para sentenciar o encontro que na tarde deste sábado disputaron no campo de O Leixo o Armenteira Veteranos e o conxunto cangués do Pumas-Café Latino. O tanto do xogador de Valboa, que poñía o tres a un no marcador, deu a tranquilidade necesaria a un equipo verdinegro que pasou por máis apuros dos que debía tendo en conta como se desenvolveron os noventa minutos. O cadro de O Leixo levou o dominio do xogo dende o inicio, e dispuxo de numerosas ocasións para lograr un triunfo moito máis claro, que o desacerto dos atacantes locais e a gran actuación do meta do Pumas-Café Latino impediron. O tanto inicial dos de Cangas de O Morrazo foi rapidamente respondido por Jorge Castro coa calidade na definición que o soe caracterizar. Xa cando a primeira metade estaba a piques de chegar á súa fin, Alfonso, un dos futbolistas máis activos en ataque dos verdinegros, poñía ao seu equipo por diante. Na segunda metade o partido seguiu coa mesma tónica ata que o referido gol de Chicho puxo a sentenza e permitiu respirar con maior tranquilidade ao Armenteira Veteranos no cuarto de hora final. Con esta vitoria o equipo de O Leixo sitúase na oitava posición con cincuenta puntos, un menos có seu rival deste sábado. A expulsión da competición do Samieira C.F. Veteranos provocou que a organización da competición decidise retirar os puntos logrados polos demais conxuntos nos seus enfrontamentos cos de Poio. No caso do Armenteira Veteranos, que vencera ao Samieira C.F. Veteranos nos dous partidos que disputaron esta temporada, fóronlle restados seis puntos. Na próxima fin de semana o cadro verde e negro deberá visitar o feudo do Viajes Inter-Rías Villalonga, no que será outro duelo cun rival directo da zona media-alta da táboa, xa que este conxunto está situado un posto por debaixo dos de A Armenteira e leva sumado un punto menos.




venres, 22 de abril de 2016

Armenteira Veteranos e Pumas-Café Latino mídense en O Leixo nun duelo directo

O Armenteira Veteranos e o Pumas-Café Latino mídense este sábado. a partires das 17 horas, no campo de O Leixo, nun encontro que se presume como un duelo directo entre dous conxuntos que aspiran a acceder a zona noble da táboa. O quinto posto, con cincuesta e sete puntos, que ocupan os de Cangas de O Morrazo, e noveno posto, con cincuenta e tres puntos, no que se sitúan os de A Armenteira, reflicte a igualdade que hai entre os clubes que loitan na parte media-alta da clasificación, e que se prevé que se manifeste tamén sobre o terreo de xogo de O Leixo. Esta igualdade xa se mostrou no encontro da primeira volta, na que os verdinegros non puideron traerse os tres puntos fronte a un rival que acabou en inferioridade numérica. O dous a dous daquel partido é unha mostra do equilibrio que soe reinar nos enfrontamentos que soen medir nas últimas dúas temporadas a estes dous equipos, no que se pode considerar como un clásico da liga de fútbol veterano. A importante baixa da Marcos na zona defensiva, á que se podería sumar algunha máis a última hora, supón un serio contratempo para a formación que capitanea José Luis Galiñanes, que agarda poder resarcirse da contundente derrota sufrida a pasada fin de semana no campo de A Ran ante o líder da categoría, o Terras do Umia S.D.


Partidos de copa e liga nesta fin de semana para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan importantes partidos nesta fin de semana, pero será en competicións diferentes, pois mentres os equipos benxamín, cadete e infantil continúan disputando a competición de liga, no seu caso a vixésimo sétima xornada, o equipo alevín, que a pasada fin de semana finalizou esta competición, terá que desprazarse ata Forcarei para xogar a segunda eliminatoria da Copa Deputación ante o E.F.B. Terra de Montes.

O primeiro equipo do Armenteira C.F. en comezar a xogar nesta fin de semana será o equipo benxamín. O cadro adestrado por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta recibe no campo de O Leixo a partires das 11:30 horas á E.F.B. Vilanova, un conxunto que ocupa a undécima posición con trinta e dous puntos. Vai ser outra cita compricada para estes rapaces e rapazas, que continúan co seu proceso de formación no mundo do balompé, e que para esta fin de semana se presentarán no campo de A Armenteira coas baixas de último momento de Antonio e Brais Charlín. Nesta ocasión terán unha motivación engadida, xa que tratarán de brindar a súa actuación á súa compañeira Ainhoa, que dende o pasado luns conta cun novo compoñente na súa familia e na do Armenteira C.F. co nacemento do seu irmán Samuel.

O seguinte conxunto do Armenteira C.F. en poñerse a rodar  será o equipo alevín. O cadro que adestra o valgués Jonathan Crespo afronta a partires das 12 horas do sábado a segunda eliminatoria da Copa Deputación, na cal, tras superar na primeira rolda á A.D. Arousa F-7, lle correspondeu como rival a E.F.B. Terra de Montes, de Forcarei, unha formación que ven de superar na primeira eliminatoria ao Campo Lameiro C.D., ao que venceu por un gol a catro no seu feudo de A Chanciña. O longo traxecto que agarda á expedición do Armenteira C.F. que se desprazará ata o Municipal de Forcarei, 71 quilómetros e máis dunha hora de camiño, é a principal preocupación do cadro técnico. A superficie de terra do campo non debería ser unha dificultade engadida para este grupo de rapaces, xa que están acostumados a lidiar coas areas e as pedras do O Leixo no seu intento de dar un toque combinativo ao seu estilo futbolístico. Para esta cita Jonathan Crespo contará finalmente cunha convocatoria de doce xogadores, dadas as importantes baixas de última hora do central Xoán e da gardameta Anabel.

Xa pola tarde, a partires das 19 horas, virá a oportunidade do equipo cadete. O cadro que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido terá que visitar o campo de Monte Redondo, en Corón, onde vai ser recibido pola E.D. Arousa S.D. "B". O bloque vilagarciano, que forma parte dunha das escolas de fútbol base máis numerosas e potentes da comarca de O Salnés, sitúase na cuarta posición, con trinta e oito puntos, sete máis cós verdinegros, e está experimentando unha gran progresión na recta final de temporada, que o colocan como un dos máis claros candidatos a ocupar unha das dúas prazas que dan dereito ao ascenso directo de categoría. O técnico de Meis poderá contar en principio coa totalidade do seu reducido plantel para esta esixente cita, na que lograr a vitoria ou incluso puntar, se antolla vital para non perder de vista os postos altos da táboa.

Para finalizar a xornada, o equipo infantil, visita na mañá do domingo o campo de Baltar de Arriba, onde a partires das 10 horas se debe medir ao Portonovo S.D. "B". O cadro adestrado por Martín Casais e Jonathan Crespo atópase moi mermado de efectivos nas últimas xornadas, o que está obrigando ao corpo técnico a traballar cun grupo moi reducido de xogadores. Será necesario, polo tanto, contar con algún futbolista do conxunto alevín para completar a convocatoria e tratar de plantar cara a un rival en alza, que se atopa na quinta posición con corenta e seis puntos, e que nesta fin de temporada está apurando as súas opcións de acadar unhas das catro primeiras prazas e disputar, polo menos, as eliminatorias de promoción de ascenso á Primeira Categoría Infantil. O coñecemento do escenario no que se vai disputar o encontro e a aportación extra que pode supoñer a alineación dalgúns xogadores do conxunto alevín son as principais bazas ás que se agarran os sufridos afeccionados que acompañan partido tras partido a este grupo de futbolistas.
























domingo, 17 de abril de 2016

Fin de liga para o equipo alevín nunha xornada na que a vitoria se resistiu aos equipos do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana, a vixésimo sexta no que vai de liga, non foi moi afortunada en canto a resultados para os tres equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que disputaron partido de liga. A dificultade dos seus correspondentes rivais, fixo que nin o equipo infantil, nin o alevín e tampouco o benxamín puidesen sumar novos puntos ao seu casilleiro.

O primeiro equipo en disputar o seu partido, o equipo infantil, partiu con moitos contratempos no encontro que o mediu ao Céltiga F.C o sábado no campo de O Pombal, en Cambados. As numerosas baixas que presentou o conxunto que dirixiu Jonathan Crespo lastraron aínda máis a un cadro que xa de por sí se ven mostrando moi debilitado durante esta temporada. A presenza de só dez xogadores do plantel de categoría infantil fixo necesaria a convocatoria a última hora do porteiro Sergio Casal, así como dos tamén xogadores alevíns Mosteiro, Xoán e Íñigo. Tras uns primeiros intres de tanteo o Céltiga F.C., consciente da súa superioridade, foi impoñendo pouco a pouco o súa maior capacidade competitiva. O gol anotado por Falcao, que volvía a vestir a elástica verde e negra dous meses despois, co que se puxo o un a dous no marcador, parecía poñer algo de emoción ao partido, Pero axiña os de A Illa comezaron a marcar distancias e, co paso dos minutos, foron acabando con calquera posible suspense, ata configuar o resultado de un a once co que se chegou ao minuto noventa. A aceptable actuación do alevín Mosteiro, así como a aportación de Falcao na punta de ataque, que puido lograr anotar algún tanto máis, foron dous dos aspectos positivos dun conxunto ao que lle restan aínda nove xornadas para rematar a liga. Na próxima xornada, o equipo infantil debe rendir visita ao Portonovo S.D. "B", un equipo que ocupa a quinta posición con corenta e seis puntos.

O equipo benxamín tiña esta fin de semana cita no campo de A Rapeira. Foi na mañá do sábado ante a C.D. Portas, un dos conxuntos con maior potencial do grupo. Os rapaces e rapazas que dirixen Valentín Estévez e José Ramón Dacosta pouco puideron facer ante a superioridade do rival. Lastrados ademais polas baixas de última hora trataron de ofrecer resistencia ante as continuos achegamentos dos granates á meta defendida por Sara Otero. O resultado de dezaséis a cero co que rematou o encontro ven a ser outra anécdota máis no proceso de formación que se está a levar a cabo con esta xeración de xóvenes futbolistas. Na próxima fin de semana o equipo benxamín recibira a visita, no campo de O Leixo, da E.F.B. Vilanova, outra potente escadra que ocupa a undécima posición con trinta e dous puntos.

Finalmente, o equipo alevín disputaba na mañá do domingo no campo de Baltar-Fútbol-7 o que era o seu último partido dunha temporada na que rendiu a alto nivel. Como rival tiña ao Portonovo S.D., líder destacado, que logrou proclamarse campión de liga semanas atrás, e que se presentaba como unha durísima proba para os rapaces e rapazas que adestra Jonathan Crespo. Os resultados dos conxuntos cos que os de O Leixo competían por ocupar unha das seis primeiras posicións, que dan acceso a disputar unha promoción de ascenso cos equipos do grupo 61, foron favorables para o Armenteira C.F., polo que puideron tomarse con relativa tranquilidade o partido ante o Portonovo S.D. Tras o paseíño inicial ao xusto e moi digno campión de liga os de Jonathan Crespo plantáronse no terreo de xogo cunha orde e un nivel de intensidade que sorprendeu aos locais. O sistema de tres defensas, tres centrocampistas e un dianteiro que plantexou o técnico de Valga deu maior seguridade e maior solvencia defensiva, pero non restou potencial en ataque aos verdinegros. O gol de Mosteiro aos dous minutos, aproveitando un rexeitamento de meta local, puxo en vantaxe ao equipo de O Leixo, que aínda gozou dalgunhas ocasións máis nos pés de Manu Meixús, Zubo ou do propio Mosteiro. Non foi ata o minuto 15 cando os de Portonovo conseguiron a igualada cun disparo dende o borde da área. Cinco minutos despois e dun xeito parecido, os locais conseguían darlle a volta ao marcador. Pero o Armenteira C.F. non se rendiu, e seguiu loitando e aproximándose á portería defendida por Joel Losada, facendo soñar aos numerosos afeccionados que os acompañaron cun resultado favorable nun campo no que ningún equipo conseguiu sumar sequera un punto. O resultado de dous goles a un co que rematou o partido, que ven a significar a vitoria máis apretada das vintecinco das que conseguiu esta temporada o Portonovo S.D., da claras mostras do excelente rendemento que tiveron en Baltar-Fútbol-7 os pupilos de Jonathan Crespo. Esta notable actuación provocou os eloxios do numeroso público asistente, e de feito, os xogadores e o corpo técnico do cadro verdinegro recibiron as felicitacións de parte de representantes do clube rival, o que é outro exemplo máis da extraordinaria campaña e o magnífico traballo que se está levando a cabo con este grupo de rapaces e rapazas. Os corenta e sete puntos logrados, o sexto posto na clasificación final e a clasificación para a promoción de ascenso á Primeira Categoría Alevín, na modalidade de fútbol-8, son un premio máis que merecido para este marabilloso conxunto de persoas. A próxima fin de semana, o equipo alevín ten a oportunidade de seguir escribindo a fabulosa historia na que se convertiu esta temporada co encontro da segunda eliminatoria da Copa Deputación de Pontevedra que vai disputar a partires das 12 horas no campo Municipal de Forcarei ante a E.F.B. Terra de Montes, un cadro que militou esta temporada no grupo 63 da zona de Pontevedra, no que acabou ocupando a cuarta posición con trinta puntos, un posto por debaixo e con once puntos menos có equipo vilarciano da E.D. Arousa S.D. "B".













sábado, 16 de abril de 2016

Derrota sen paliativos do Armenteira Veteranos en Cuntis

O Terras do Umia S.D., líder destacado do grupo, e, sen dúbida, o equipo que atesoura maior calidade nos seus xogadores de todos os que compoñen o grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra, cumpriu os pronósticos e derrotou con claridade ao Armenteira Veteranos no encontro disputado na tarde deste sábado no campo de A Ran, en Cuntis. O cadro verdinegro saiu ao terreo de xogo coa intención de manter a orde táctica e aproveitar a velocidade en ataque de Manueliño e Jorge Castro. Pero as impresicións e os desaxustes tácticos foron unha dura lousa para o conxunto que capitanea José Luis Galiñanes ante un equipo que ten sobradas capacidades para convertir en castigo calquera concesión do rival. E así foi. Guiados polo talento de Nando, un futbolista que fai apenas un ano defendía as cores do C.D. Ribadumia na Terceira División, os locais quixeron deixar constancia da súa superioridade, e fóronse ao descanso cunha vantaxe de tres goles a cero. Os de A Armenteira trataron de reaccionar na segunda metade e buscaron incomodar a meta do Terras do Umia S.D., chegando a dispoñer dalgunha ocasión para dar algo de emoción ao partido ou, polo menos, maquillar o resultado. Jorge Castro, Manueliño, Joseíño ou Chicho tiveron nas súas botas a oportunidade de perforar as mallas contrarias, aínda que a oportunidade máis clara estivo nos pés de Alfonso. O mediocampista de Vilar asumiu a responsabilidade de lanzar un penalti que o colexiado sinalou despois de que un defensa rival tocase o balón coa man no interior da área, pero a mala fortuna fixo que o balón se fose por fóra, rozando o pau, á esquerda do porteiro. O resultado de cinco a cero co que rematou a cotenda, converte ao equipo caldense no único conxunto que, de momento, conseguiu derrotar ao Armenteira Veteranos nos dous partidos que disputaron esta temporada. Os de O Leixo, que se ven condenados tras esta xornada a descender ata o noveno posto, terán que medirse a próxima fin de semana ao Pumas Café Latino, no que ven sendo un clásico das ligas de fútbol veterano durante as últimas temporadas. O conxunto cangués, no que predominan os xogadores de orixe latiamericana, co que os verdinegros empataron a dous goles no partido da primeira volta, ocupa actualmente a quinta praza na táboa con cincuenta e sete puntos, catro máis que os de A Armenteira.


venres, 15 de abril de 2016

O Terras do Umia, líder destacado do grupo, recibe ao Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos visita este sábado o campo de A Ran, en Cuntis, onde vai ser recibido a partires das 19 horas polo Terras do Umia S.D. líder destacado do grupo, con setenta e catro puntos, cinco máis có seu inmediato perseguidor, o A Diario Multitienda, que ocupa a segunda das prazas que permiten o ascenso de categoría, e dezaséis sobre o terceiro clasificado, o Monteporreiro-Muebles El Almacén. Esta situación privilexiada permite aos locais contemplar con tranquilidade o que resta de temporada, aínda que a sempre incómoda presenza do Armenteira Veteranos pode constituír unha ameaza para os das terra do Umia. No partido da primeira volta o cadro verdinegro foi claramente superado por dous goles a cinco, aínda que os de A Armenteira son un conxunto con potencial e recursos suficientes para prantar cara a calquera equipo da categoría. Boa mostra delo foi a vitoria que, con relativa solvencia, lograron ante o A Diario Multitienda, ao que venceron en O Leixo por dous goles a cero. Unha derrota podería facer descender ao cadro que capitanea José Luis Galiñanes á novena posición, posto que Dorrón C.F. Veteranos e Viajes Interrías-Villalonga, clubes que o perseguen na clasificación, teñen, sobre o papel, partidos menos esixentes nesta xornada.


Fin de semana decisiva para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana preséntase como decisiva para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. de cara ás súas aspiracións no que resta de temporada, en especial para o equipo alevín, que o domingo disputa o seu último partido de liga, coa loita polos postos que dan acceso á promoción de ascenso en xogo.

O primeiro equipo do Armenteira C.F. en poñerse en marcha na fin de semana será o conxunto infantil, que o sábado a partires das 11:30 horas, no campo de O Pombal, recibe ao Céltiga F.C. O conxunto de A Illa de Arousa, que ocupa a oitava posición, con trinta e catro puntos, constituirá sen dúbida outra dura proba para os rapaces que nesta ocasión vai dirixir Jonathan Crespo que, tras tres sen semanas sen competición, agardan conseguir un resultado positivo ante un rival contra o que fixeron un partido aceptable no encontro da primeira volta. A velocidade de Jose Otero en ataque e a boa disposición táctica do equipo verdinegro, que conseguira chegar co resultado de cero a cero ao descanso, foron dous dos síntomas positivos que comezaron a dar motivos para a esperanza á sufrida afección que os ven acompañando cada xornada. A baixa máis que sensible de Álex Ruel, o principal baluarte defensivo da escadra de A Armenteira, supón un contratempo que Jonathan Crespo tratará de compensar coa volta de Falcao á alineación inicial. O futbolista de Meis, que volverá a lucir a elástica verde e negra despois de dous meses sen facelo, intentará aportar contundencia a unha zona ofensiva que tan só conseguiu perforar as porterías contrarias en once ocasións. Para completar a convocatoria o corpo técnico decidiu incluír na convocatoria a tres xogadores do cadro alevín, Xoán, Mosteiro e Íñigo, que veñen participando con asiduidade cos seus compañeiros de categoría infantil.

A continuación terá a súa oportunidade o equipo benxamín. O cadro que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta visitará o campo de A Rapeira, onde debe medirse á C.D. Portas, un dos conxuntos máis potentes do grupo. O cadro das terras do Umia sitúase no cuarto posto, con cincuenta e catro puntos, e xa derrotou con claridade á escadra verde e negra no encontro da primeira volta. A evolución experimentada nos últimos meses polos rapaces e rapazas do equipo de O Leixo agarda ser plasmada sobre o terreo de xogo de A Rapeira, a pesares de que o técnico cambadés do Armenteira C.F. tampouco poderá volver a contar con todos os seus efectivos. A falta de dous meses para que finalice a liga, os trece xóvenes futbolistas que acudan este sábado a Portas irán con gañas de aproveitar esta nova oportunidade para seguir medrando no mundo do balompé.

O último dos equipos en disputar xornada de liga nesta fin de semana será o conxunto alevín, posto que o equipo cadete terá que descansar de novo a causa das numerosas retiradas de clubes da competición no transcurso da temporada. O cadro que adestra Jonathan Crespo afronta a súa última xornada de liga, e o escenario para despedir a súa excelente campaña vai ser o campo de Baltar-Fútbol-7, onde será recibido polo Portonovo S.D. Con setenta e dous puntos, con vintecatro vitorias e unha soa derrota, con cento setenta e dous goles favor e once en contra, que lle permitiron proclamarse campión de liga e acadar o ascenso de maneira automática fai xa unhas semanas, a formación branca e azul é, a priori, o peor rival co que podería atoparse o Armenteira C.F, nunha cita tan decisiva. Pero, os rapaces e rapazas da escadra verdinegra, que están realizando unha campaña non menos meritoria, parten plenos de confianza para lograr un resultado positivo que sirva de colofón á súa excelente temporada. O sexto posto que ocupa actualmente o cadro alevín daríalle a oportunidade de participar na promoción de ascenso á Primeira Categoría Alevín da modalidade de fútbol-8. Na loita por estas prazas chegan á ultima xornada o C. Xuventude Cambados, a E.F.B. Vilanova, o Armenteira C.F. e o C. Xuventú Sanxenxo. Cambadeses e vilanoveses parten nunha situación máis favorable, xa que se enfrontan a C.D. Portas e Barro C.F. conxuntos situados na parte baixa da táboa, mentres que os de Sanxenxo e A Armenteira deben medirse aos dous equipos que encabezan a clasificación, o Atlético Cuntis e o líder Portonovo S.C. O cadro de O Leixo precisaría dun punto para asegurar a súa presenza na promoción, aínda esta participación podería estar garantida se o C. Xuventude Sanxenxo non consegue vencer no partido que disputará o sábado no campo de A Ran a partires das 10:30 horas.


























mércores, 13 de abril de 2016

Os penaltis deciden en O Leixo

Os lanzamentos dende o punto fatídico volveron a ser determinantes á hora de decidir o vencedor dunha eliminatoria. Neste caso foi na que disputaron os equipos de categoría cadete do Armenteira C.F. e o da S.D. Chispa. Nun partido no que o técnico local decidiu partir de inicio co seu once de gala, a excepción do mediocampista Mathias, que tivo que agardar a súa oportunidade no banquillo a causa duns problemas de saúde. O adestrador de San Salvador apostou por Yago na portería; por unha liña defensiva con Diego Berreco no lateral dereito, Sergio Nogueira e Carlos como centrais e Javi Moimenta no lateral esquerdo; por un mediocampo con Bale como mediocentro defensivo e con Roberto e Jose Piñeiro como volantes; e por unha liña de ataque con Villa pola dereita, Gulte pola esquerda e Alberto como dianteiro centro. A primeira parte foi de claro dominio dos de Corón, que saíron con maior intensidade e mostraron un maior criterio na circulación do balón. Froito deste dominio, Óscar Pazos, o xogador máis desequilibrante da S.D. Chispa, adiantou aos visitantes finalizando na área unha xogada xerada na banda esquerda do equipo celeste. Despois do período de descanso Marcial Prado decidiu dar entrada a Mathias, o que unido ao aumento na intensidade no xogo dos seus homes, fixo que na segunda metade o dominio pasase a mans dos de A Armenteira. Con todo, as ocasións claras facíanse agardar ante a desesperación dos afeccionados locais. Pero foi Alberto, co pundonor e a entrega que o caracterizan, o que resolveu unha xogada na área, na que tras estrelar o balón no pau, recolleu o rexeitamento  e colocou o esférico no fondo das mallas. Con este resultado chegaríase ao minuto noventa, co que houbo que recurrir aos lanzamentos dende o punto de penalti para dilucidar o gañador da eliminatoria. Alberto, Jose, Carlos e Diego Berreco converteron por este orde os lanzamentos para o Armenteira C.F., mentres que a S.D. Chispa só logrou materializar dous dos penaltis. Para coñecer o rival da seguinte rolda o cadro verdinegro terá que agardar ao vencedor da eliminatoria que disputarán a próxima semana o  C.D. Bamio e a E.D. Arousa S.D., con claro favoritismo para o segundo, líder destacado e que xa logrou ascender de forma matemática á Liga Galega.


martes, 12 de abril de 2016

Continúan a bo ritmo as obras de ampliación dos vestiarios de O Leixo

As obras de ampliación de O Leixo continúan a bo ritmo, e de cumplirse as previsións que se apuntan dende a Xunta Directiva do Armenteira C.F. e dende o Concello de Meis poderían finalizar nos próximos días no que á súa primeira fase se refire. Estas obras, que se iniciaron no mes de marzo, leváronse a cabo grazas a unha subvención outorgada o pasado verán pola Deputación de Pontevedra. A financiación da institución provincial permitiu construír unha base de cimentación de formigón, o peche e as divisións con bloques e a instalación de tuberías e as unidades de desagüe necesarias, todo elo executado pola empresa local Construser. Unha vez completadas estas tarefas, a continuación das obras pasou a mans do Concello de Meis que, a través dun equipo de operarios contratados recentemente, se está encargando nas últimas semanas da dotación de tabiques interiores e da cubrición do teito. A instalación de portas e ventás daría por finalizada esta primeira fase. A seguinte fase comprendería o adecentamento do interior, coas obras de fontanería e a dotación do mobiliario necesario para o seu uso. Con estas obras o Armenteira C.F. podería dispoñer de dous locais máis para vestiarios, unha necesidade que se ven reclamando dende anos atrás pola Xunta Directiva, debido sobre todo ao incremento do número de usuarios experimentado nas últimas temporadas e a incorporación de rapazas ás filas da entidade verdinegra, que obriga a que os nenos e as nenas deban turnarse á hora de ducharse e cambiarse.





       

O equipo cadete do Armenteira C.F. bota a andar na Copa Deputación

O equipo cadete do Armenteira C.F. inicia este mércores a partires das 20 horas, no campo de O Leixo, a súa participación na Copa Deputación. O rival que lle correspondeu en sorte é a S.D. Chispa, un conxunto que tamén compite na Segunda Autonómica Cadete, no grupo 8, no que ocupa a décima posición con vintedous puntos, nove menos que a formación que adestra Marcial Prado. Nos partidos que os mediron na presente temporada houbo cara e cruz para os verdinegros. Mentres que no encontro da primeira volta, disputado no campo de Monte Redondo, en Corón, a S.D. Chispa venceu por dous goles a un, no encontro da segunda volta, disputado fai pouco máis dun mes, o Armenteira C.F. impúxose por oito goles a tres, no que fora un festival ofensivo do conxunto de O Leixo, personalizado nas figuras de Alberto e Matías, con catro e tres goles respectivamente. Para a cita deste mércores o técnico de San Salvador agarda poder contar con todos os seus efectivos, incluído o xogador do equipo infantil Jose Otero, habitual xa nas convocatorias do cadro cadete. O equipo que resulte vencedor neste encontro terá que enfrontarse na seguinte rolda ao vencedor da eliminatoria que disputarán a próxima semana o C.D. Bamio e a E.D. Arousa S.D.


domingo, 10 de abril de 2016

Resultados dispares para os equipos alevín e benxamín do Armenteira C.F. na vixésimo quinta xornada de liga

Os dous únicos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. obtiveron nesta xornada, a vixésimo quinta no que vai de temporada, resultados ben dispares nos encontros que disputaron esta fin de semana. Mentres o equipo alevín vencía de forma contunde á S.D. Noalla, o equipo benxamín sufriu outra desafortunada derrota, neste caso ante o Catoira S.D.

O equipo alevín, que recibía na mañá do sábado no campo de O Leixo á S.D. Noalla partía coa clara intención de sumar unha nova vitoria e non fallar na súa loita por meterse nos seis primeiros postos da clasificación, que dan dereito a xogar unha promoción de ascenso. O técnico local, Jonathan Crespo, preocupado pola relaxación e o descenso do nivel de rendemento dos seus xogadores e xogadoras nos últimos encontros, quixo que o seu equipo saíse ao terreo de xogo sen ningún tipo de confianza. E así foi. Nada máis comezar o encontro o Armenteira C.F. conseguiu xa poñer o encontro de cara. Primeiro foi Zubo culminando na área pequena unha xogada colectiva, despois viría o tanto de Hugo cun disparo dende a frontal e despois chegaría un regueiro de goles que configurarían o once a cero co que rematou o partido. O reparto final de goles, por anecdótico que sexa, quedou en catro goles de Adri, dous de Zubo, dous de Mosteiro, un de Sara Rey e outro do sempre combativo Migui. Con esta vitoria o conxunto verdinegro mantense na sexta posición, con corenta e sete puntos, unha cifra que da claras mostras da excelente temporada que está a realizar a formación que dirixe o técnico de Cordeiro. A última xornada preséntase de infarto de cara as aspiracións de loitar por entrar nos seis primeiros postos da táboa, que darán dereito a disputar unha promoción de ascenso a aqueles equipos que as ocupen. O rival será a potente escadra do Portonovo S.D., líder destacado e que xa logrou o campionato do grupo de forma matemática fai unhas semanas. Os rapaces e rapazas do equipo de O Leixo necesitarían sumar un punto ante un rival que que só sufriu unha derrota no que levamos de temporada para asegurar a súa presenza entre os seis primeiros. De non lograr puntuar no campo de Baltar Fútbol-7 tería que agardar a que o C. Xuventú Sanxenxo non gañase no difícil campo de A Ran, no que se mide ao Atlético Cuntis, segundo clasificado do grupo. Con todo, independentemente do resultado que se dea na próxima xornada a temporada que está a realizar a escadra que adestra Jonathan Crespo pódese considerar como mínimo de excelente, e o colofón a tan fantástica campaña podería chegar coa participación na promoción de ascenso, coas eliminatorias da Copa Deputación e cos torneos de fin de temporada aos que este equipo vai acudir no mes de xuño.

Pola contra, o equipo benxamín non tivo tanta fortuna no encontro que o enfrontou a continuación no campo de O Leixo ao Catoira S.D. Os rapaces e rapazas que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta seguen co seu proceso de formación, e o traballo que adestramento a adestramento e partido e partido aplica de forma rigurosa o corpo técnico vai dando os seus froitos de forma lenta pero segura. A colocación no campo, os desprazamentos de balón e o intento de construción de xogadas son aspectos que deben primar sobre os resultados nas categorías iniciais do fútbol. O Armenteira C.F. é un clube que normalmente parte con desvantaxe a nivel de competivividade respecto doutros clubes nas primeiras etapas de formación, pero esas distancias vanse reducindo a pasos axigantados a medida que os futbolistas van subindo categorías. Por iso, a labor instructiva que se está a levar a cabo no equipo alevín é tan importante, e a súa importancia será máis valorada dentro duns anos, cando os coñecementos adquiridos por estes xóvenes futbolistas se plasmen máis claramente sobre os terreos de xogo. Por elo, a derrota por un gol a trece ante o Catoira S.D., con tanto de Álex Grigorio para os locais tras remexerse no chan e colocar o balón pegado ao pau esquerdo da portería, non é máis que unha anécdota neste proceso de aprendizaxe. O debut coa camisola verdinegra de Sergio Matilde, cunha actuación máis que aceptable, é outra nota esperanzadora de cara ao futuro prometedor que esta xeración de xogadores e xogadoras dará ao Armenteira C.F. A próxima cita para o conxunto que adestra Valentín Estévez será no campo de A Rapeira, onde se vai medir ao C.D. Portas, un dos rivais máis poderosos do grupo, que ocupa a cuarta posición con cincuentra e catro puntos.













sábado, 9 de abril de 2016

Un débil Samieira C.F. Veteranos cae a mans do Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos logrou este sábado, no campo de O Leixo, un cómodo triunfo ante o Samieira C.F. Veteranos. O que puido ser unha vitoria de escándalo, que debilidade e a inferioridade numérica coa que se presentaron os visitantes parecían anunciar, acabou cun marcador de catro a cero.  Os tantos de Manueliño por partida dobre, de Marcial e Javi contribuíron a sumar tres novos puntos para o cadro verdinegro nun partido que se pode considerar un monólogo do Armenteira Veteranos, ao que o equipo de Poio se viu obrigado a ceder a posesión da pelota dende o pitido inicial. Só a falta de puntería e a baixo nivel de intensidade no xogo que se foi apoderando dos xogadores locais impediron que a goleada fose maior. Catro balóns estrelados no pau longueiro e innumerables centros á área dun incombustible Marcial que non atopaban rematador son clara mostra do guión que seguiu o encontro. Unha das anécdotas máis chamativas do partido foi a presenza do central Portas na meta. A baixa do gardamallas Joserra deu a oportunidade baixo os paus ao de Paradela, que apenas tivo que lucirse no seu debut na portería. A súa acertada intervención ao deter en dous tempos os lanzamentos dos atacantes nunha das escasas chegadas dos visitantes foi un dos aspectos máis relevantes da súa actuación, que puido ser coroada aínda máis de materializar o penalti que, por aclamación dos seus compañeiros, se viu obrigado a tirar. Este novo triunfo mantén ao equipo verde e negro na zona noble da táboa, situación que buscará consolidar na próxima fin de semana coa visita ao campo de As Corticeiras, en Caldas de Reis, onde debe medirse ao líder destacado do grupo, o Terras do Umia.




A candidatura alternativa faise co goberno da Comunidade de Montes Chan da Fonte

Os comuneiros da Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte decidiron nas eleccións celebradas este sábado dar o seu apoio, de forma amplamente maiotaria, á candidatura encabezada por Serafín Melón, denominada a sí mesma como a "candidatura polo cambio". Cunha elevada participación, xa que acudiron 99 dos 108 comuneiros chamados ás urnas, un 91% do censo, a listaxe que se presentaba como alternativa de goberno logrou o 66% dos votos, 61 papeletas fronte ás 36 que conseguiu a candidatura que tiña a Gonzalo Otero como cabeza de cartel. A pesares da tensión que caracterizou os días previos a estas votacións, a xornada desenvolveuse con absoluta normalidade, sen que chegara a producirse ningún incidente digno de reseñar nas tres horas nas que a urna estivo a disposición dos electores. Unicamente, segundo resaltan os compoñentes da candidatura gañadora. houbo un pequeno enfrontamento dialéctico nos exteriores da mesa electoral momentos despois do peche da urna, no cal algunha das persoas ás que se aludía nuns panfletos anónimos repartidos pola parroquia nos días anteriores a estes comicios reprochou aos representantes da candidatura de Gonzalo Otero as descalificacións e os ataques insidiosos que aparecerían nos mesmos.

Este triunfo suporá un cambio significativo no rumbo da entidade, dado o carácter continuísta das xuntas rectoras que a gobernaron durante os últimos vinte anos. Gonzalo Otero, secretario da xunta rectora presidida polo anterior presidente, o recentemente falecido Antonino Martínez, representaba unha candidatura continuísta da política das dúas últimas décadas, nas que Julio Serén e o mencionado Antonino Martínez dirixiron a Comunidade. Con este cambio, a nova xunta rectora, na que chama a atención a xuventude de boa parte dos seus membros, deberá acometer a necesaria reforma duns estatutos que coinciden en sinalar como claramente obsoletos e deberá levar a cabo unha contención dos gastos correntes, que se conventiran nun dos principais puntos de discusión nas últimas xuntanzas dos comuneiros e comuneiras. Ademais, segundo eles mesmos afirman, tratarán de sacar o máximo aproveitamento das infraestruturas das que dispoñen, tratando de melloralas se é posible, e intentarán crear un clima de colaboración coas distintas entidades locais. As máis de 500 hectáreas de terreo, entre as que se inclúen instalacións tan representativas como o campo de fútbol de O Leixo ou centro CAAN, a canceira creada pola Deputación de Pontevedra, estarán durante os próximos catro anos baixo a batuta do grupo que comandarán Serafín Melón, na presidencia, e José Manuel Ucha, na vicepresidencia, e no tamén figuran nomes como os de Alfonso Serén, José Manuel Prado, Eva García, Javier Martínez "Chicho", Rubén Serén ou Martín Casais. Unha das súas primeiras actuacións debe ir dirixida a acabar co ambiente de crispación que caracterizou á entidade nos últimos tempos e, para elo, deben apelar ao diálogo e ao consenso que aseguren o entendemento entre os veciños e veciñas dos lugares de Vilar, Valboa e O Busto que contan con representación nesta Comunidade.


venres, 8 de abril de 2016

A Armenteira volve ás urnas

Sábado día 9 de abril. Día fixado no calendario para que a parroquia de A Armenteira volva ás urnas. Moitos pensarán que con elo volve a polémica que soe envolver cada cita electoral que se celebra nesta parroquia. As denuncias e as impugnacións de votos xa se converteron na tónica habitual cada vez que os veciños e veciñas de A Armenteira son chamados a votar. Que se se alterou o censo, que se se carrexan votantes, que se algunha persoa introduce máis papeletas das permitidas... A polémica parece non cesar cando a A Armenteira lle toca exercer este dereito tan democrático. Pero nesta ocasión non será para elixir alcalde, nin concelleiros, nin deputados autónomicos, estatais ou senadores, nin sequera serán todos os veciños nin terán dereito a participar os de todos os lugares da parroquia. Unicamente poderán facelo os veciños de Vilar, ao que ultimamente se anexa o lugar de Caroi, Valboa e O Busto, e só lles corresponderá un voto a cada domicilio que reúna no que se demostre ter residencia durante un número suficiente de meses do ano. Como vimos de explicar, trátase duns comicios especiais, dos cales sairá a xunta rectora que gobernará a Comunidade de Montes Chan da Fonte durante os próximos anos.

O falecemento o pasado mes de decembro do carismático Antonino Martínez, que ocupou o cargo de presidente desta entidade durante os últimos doce anos, deixou un baleiro de poder ao que este sábado tratará de dar solución a mesa electoral instalada para tal efecto no Local Social de Vilar. Fronte ao consenso na formación das candidaturas que soía caracterizar os anteriores procesos electorais nesta ocasión a parroquia preséntase dividida, ou iso é o que parece mostrar a existencia de dúas candidaturas, con ideas e propósitos que os seus representantes se afanan en diferenciar. A candidatura que poderíamos considerar como continuísta, ou incluso oficial, dado o perfil da maior parte dos seus membros, é a encabezada por Gonzalo Otero, un home ligado ao poder local que de forma tan avalladora ven exercendo na parroquia de A Armenteira José Luis Pérez Estévez. O peso que este candidato tivo na anterior xunta xestora, na que ocupaba o cargo de secretario, así como o seu pasado concelleiro na Corporación Municipal de Meis polo Partido Popular, formación na que volveu a concurrir nas últimas eleccións, parecen evidenciar ese perfil continuísta que tamén caracteriza a boa parte dos membros da candidatura que el encabeza. Pola contra, a candidatura alternativa, que se presenta a sí mesma como a opción de cambio, encabezada por Serafín Melón, o presidente do clube de fútbol local e ao que sempre se lle achacou un perfil progresista, acude a estas votacións coa intención de dar un xiro á xestión da Comunidade de Montes e a aportar un soplo de aire fresco nos postos de goberno. Na listaxe figuran representantes da Comisión de Festas "O Noso" ou do Armenteira C.F., que configuran unha candidatura no a xuventude é a nota predominante.

A responsabilidade de elexir a nova xunta rectora corresponderá aos 108 comuneiros da Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte, dos cales 21 corresponden ao lugar de O Busto, 43 ao de Valboa e 41 ao de Vilar. A nova directiva verase na obriga de reformar uns estatutos que datan de finais dos anos oitenta e que quedaron claramente obsoletos. A contención do gasto corrente dunha entidade que sempre se escudou na falta de recursos monetarios para acometer os seus proxectos, o aproveitamento das infraestrutas existentes, a reforestación duns terreos nos que o eucalipto é a especie hexemónica e a necesaria colaboración coas demais entidades locais deberían ser os eixes sobre os que xirase a política da admistración que a partires deste sábado colla a timón da Comunidade de Montes Chan da Fonte.

















O Samieira C.F. Veteranos acude este sábado ao campo de O Leixo coa intención da dar a sorpresa

O Samieira C.F. Veteranos será o rival que visite na tarde deste sábado, a partires das 17 horas, o campo de O Leixo para medirse a un Armenteira Veteranos que busca resarcirse da derrota sufrida a pasada fin de semana no campo de O Cruceiro fronte ao Dorrón C.F. Veteranos. O conxunto verdinegro, que terá a baixa segura de Richi e a posible de Moncho, a falta das confirmacións de última hora, quere lograr un novo triunfo que o manteña na loita por acceder aos postos privilexiados da táboa. Para elo terá que vencer ao equipo do concello de Poio, décimo noveno clasificado con doce puntos, ao que xa derrotou por cero goles a catro no encontro da primeira volta, nun partido que tivo que disputarse no campo de O Leixo, debido aos problemas cos que se atopou o Samieira C.F. Veteranos para atopar un oco para xogar a tarde do sábado no campo de A Reiboa.


O Leixo vivirá unha nova xornada de liga cos equipos alevín e benxamín como protagonistas

O campo de O Leixo será o escenario na mañá deste sábado dos dous únicos partidos que van disputar os equipos de fútbol base do Armenteira nesta fin de semana. O obrigado descanso ao que obriga a retirada de varios equipos da competición ao equipo cadete e o aplazamento para o venres 29 de abril, de maneira provisional e a petición do clube rival, do encontro que tiña que xogar o equipo infantil en Baltar de Arriba ante o C. Xuventude Sanxenxo, deixa aos conxuntos alevín e benxamín como claros protagonistas e ás instalacións deportivas do lugar de O Busto como escenario principal desta xornada.

O conxunto alevín será o encargado de iniciar a xornada. Será a partires das 11 horas ante a S.D. Noalla coa arbitraxe de Fernández Fernández. O cadro de A Lanzada ocupa a décimo terceira posición con once puntos, fronte ao sexto posto, con corenta e catro puntos que suma a escadra que sabiamente dirixe Jonathan Crespo. Esta diferenza na táboa parece outorgar un claro favoritismo aos locais, que se manteñen nunha pugna constante neste final de liga co Unión Dena, C. Xuventude Cambados, E.F.B. Vilanova, C. Xuventú Sanxenxo e Arosa S.C. por ocupar os seis primeiros postos, os cales dan dereito ao xogar unha eliminatoria de promoción de ascenso cos clubes que ocupen similares posicións no grupo 61 da delegación de Pontevedra. Con todo, o adestrador local non quere ningún tipo de confianza, e recorda que no partido da primeira volta a escadra verdinegra xa foi derrotado no campo de A Lanzada por catro goles a dous nunha nefasta actuación do seu conxunto. Para esta ocasión o adestrador valgués poderá contar con todo o seu plantel para loitar por conseguir unha vitoria que se antolla vital para manter as súas aspiracións, no que será o último partido de liga que dispute como local o equipo alevín na presente temporada.

A continuación, a partires das 12 horas, e coa arbitraxe de Ramos Nogueira, será a quenda do equipo benxamín, neste caso ante o Catoira S.D. O cadro dirixido por Valentín Estévez, que seguirá sen poder contar nin co defensa Ramón nin co atacante Brais Charlín, presentará a novidade de Sergio Matilde, que fará o seu debut coa camisola verdinegra. O cadro viquingo, que venceu aos verdinegros no encontro da primeira volta no campo de As Lombas por oito goles a un, sitúase agora na décimo cuarta posición con dezaséis puntos. O tanto do Armenteira C.F. fora logrado naquela ocasión por Brais Oubiña, sen dúbida un dos xogadores máis en forma e con maior capacidade de xerar perigro do conxunto benxamín. Nas súas botas e nas dos seus compañeiros, así como nas luvas dunha cada vez máis acertada Sara Otero residen as esperanzas dunha sufrida afección, que fin de semana que tras fin de semana acude aos campos nos que xogan para afinar as súas gorxas, tratando de dar ánimos a estes xóvenes e esforzados futbolistas. O bo traballo de formación que se está a facer dende o corpo técnico, para o cal os resultados son un aspecto máis, pero claramente secundario, está a dar os seus froitos, polo que estes rapaces e rapazas ven reforzadas en cada partido que xogan a ilusión e as gañas por seguir descubrindo os segredos dun mundo do balompé co que a maioría deles se atopou por primeira vez nesta temporada.
















xoves, 7 de abril de 2016

A Comunidade de Montes Chan da Fonte elixe este sábado a súa nova xunta rectora

A Comunidade de Montes Chan da Fonte, de A Armenteira, celebra este sábado 9 de abril eleccións da que sairá a súa nova xunta rectora. O falecemento o pasado mes de decembro de Antonino Martínez, que ocupou a presidencia desta entidade durante os últimos doce anos, deixou un baleiro de poder que agora aspiran a ocupar os representantes das dúas candidaturas que concurren a estes comicios. Por unha banda está a candidatura que se presenta como continuísta, na que figura como cabeza de lista Gonzalo Otero, veciño do lugar de Valboa, ex-concelleiro na Corporación Municipal de Meis polo Partido Popular e secretario da xunta rectora saínte, e na que aparece no segundo posto ,como candidato a vicepresidente, o veciño do lugar de Vilar Jesús Hay. Por outra banda está a candidatura alternativa, que se define a sí mesma como a candidatura polo cambio, encabezada por Serafín Melón, veciño do lugar de O Busto e presidente do Armenteira C.F., na que figura como número dous e candidato á vicepresidencia José Manuel Ucha, veciño tamén do lugar de O Busto. Na Comunidade de Montes Chan da Fonte, unha das dúas que existen na parroquia de A Armenteira, están representados e dispoñen da condición de comuneiros os veciños dos lugares de Vilar, Caroi, Valboa e O Busto, tendo dereito a un voto por domicilio, sempre e cando este estea habitado como mínimo seis meses ao ano. Dentro dos terreos pertencentes a esta entidade aséntanse instalacións como o campo de fútbol de O Leixo, cedido ao Concello para uso dos clubes deportivos locais, ou o centro CAAN, a canceira contruída e promovida pola Deputación de Pontevedra, e que presta servizo a 50 municipios da provincia. Ademais nos últimos anos foron creadas varias rutas BBT nos terreos propiedade da Comunidade, nos que aparición de trampas, que provocaron máis dun accidente entre estes deportistas, causaron unha agria polémica entre os colectivos ciclistas e anterior directiva da entidade, a cal sempre negou estar detrás da colocación destas trampas. A tensión neste contenda electoral foi en aumento nos últimos días, feito que se viu acrecentado coa aparición duns carteis anónimos con descalificacións e ataques persoais aos compoñentes da candidatura encabezada por Serafín Melón. Estas votacións, que terán lugar na mesa electoral que se vai establecer Local Social de Vilar, son de vital importancia para A Armenteira, posto que do seu resultado depende o futuro da xestión dun valioso patrimonio forestal, sen lugar a dúbidas un dos principais recursos cos que conta a parroquia, polo o sentir maioriatario dos veciños é que a xornada electoral se desenvolva nun clima de normalidade e coa máxima cordialidade.


mércores, 6 de abril de 2016

Triunfo e primeira eliminatoria superada para o equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu na tarde deste mércores no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, á A.D. Arousa F-7 por un gol a tres, o que lle permite superar a primeira eliminatoria da Copa Deputación de Pontevedra na modalidade de fútbol-8. O partido púxose axiña de cara para o conxunto que adestra Jonathan Crespo. Nun saque de curruncho lanzado por Hugo o central Íñigo logrou dirixir o balón no centro da área co seu pé dereito cara o fondo das mallas do cadro amarelo. A partires de entón o partido parecía presentarse cómodo para os rapaces e rapazas da formación verdinegra, e aínda máis cando Zubo aproveitou un balón que recibiu en profundidade superando a entrada do porteiro local, que intentou derrubar ao dianteiro chinés, pero este conseguiu proseguir coa súa carreira e conducir o balón ao interior da portería do A.D. Arousa F-7. Esta vantaxe provocou que os de A Armenteira entrasen nun clima de relaxación, permitindo que o equipo vilagarcián se fose facendo coa posesión do esférico e comezase a chegar con máis frecuencia ao marco defendido por Sergio. Nun deses achegamentos, Ismael Silva, o futbolista con maior vigor físico dos que participaron no encontro, culminou unha xogada individual pola banda esquerda colocando o balón dentro das redes visitantes. O Armenteira C.F. tratou de reaccionar e facerse co control dun partido que se mantiña con dominio alterno, e a tranquilidade para os verdinegros non chegou  ata que a falta de tres minutos para o final, nun balón en longo lanzado por Migui, que nin Zubo nin o gardameta local alcanzaron a contactar, o un a tres final subía ao marcador. Na seguinte rolda o equipo verde e negro terá que medirse á E.F.B. Terra de Montes. un conxunto que ven de rematar a liga, na que competiu no grupo 63 da zona de Pontevedra, finalizando na cuarta posición. Será un desprazamento longo para os de A Armenteira, xa che lles agarda aproximadamente unha hora de viaxe ata o campo Municipal de Forcarei, unha instalación deportiva que tampouco lles debería resutar extrana aos futbolistas que dirixe Jonathan Crespo, posto que ao igual que o campo de O Leixo, conta cun terreo de xogo con superficie de terra.


martes, 5 de abril de 2016

O equipo alevín do Armenteira C.F. afronta en Berdón a primeira eliminatoria da Copa Deputación

O equipo do Armenteira C.F. afronta este mércores a partires das 17:30 horas, no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, o primeira eliminatoria da Copa Deputación de Pontevedra. O rival que lle correspondeu en sorte e que exercerá como local será o A.D. Arousa F-7. O conxunto vilagarciano, que comparte grupo co cadro verdinegro, é un rival que experimentou unha considerable mellora na segunda volta da liga, polo que se presume como unha dura proba para a formación que adestra Jonathan Crespo. Nos encontros que os mediron na presente liga o Armenteira C.F. conseguiu impoñerse por cero goles a cun no partido da primeira volta, con gol de Manu Meixús, mentres que no da segunda volta, disputado fai apenas dúas semanas, o equipo verde e negro venceu en O Leixo ao A.D. Arousa F-7 por sete goles a un. Cabe recordar que esta eliminatoria dispútase a partido o único, co que a escadra que este mércores resulte vencedora en Berdón pasará á seguinte rolda, na que terá que desprazarse ata Forcarei para medirse á E.F.B. Terra de Montes, que ven de eliminar ao Campolameiro C.D. a pasada fin de semana.


domingo, 3 de abril de 2016

A vitoria resísteselle aos dous equipos do Armenteira C.F. que xogaron esta fin de semana

O dous equipos das categorías de fútbol base do Armenteira C.F que disputaron xornada de liga nesta fin de semana, o equipo cadete e o equipo benxamín, non puideron lograr a vitoria, pese a realizar un fútbol aceptable e merecedor duns resultados máis favorables.

O equipo cadete disputaba este sábado no campo do O Leixo o tempo restante do encontro  corresponde a décimo oitava xornada fronte ao Moraña C.F. que o colexiado decidira aprazar o 13 de febreiro a causa da intensa néboa que merodeaba o lugar de O Busto, e no o balón rodara unicamente cinco minutos. Os rapaces que dirixe Marcial Prado saíron ao terreo de xogo coa intención que manter o bo rumbo da segunda volta e conseguiron levar o dominio do encontro durante a maior parte do tempo, pero faltoulles fortuna nos metros finais. Foi cando só restaban tres minutos cando o dianteiro Alberto logrou adiantar no marcador aos locais. Parecía que o triunfo se ía a decantar do lado verdinegro, pero unha falta ao borde da área cometida por Diego Berreco foi perfectamente executada dous minutos despois polo xogador morañés Roberto Maquieira, fixando o resultado de empate a un co que finalizaría o partido. Este resultado deixa ao conxunto adestrado por Marcial Prado na sétima posición, a tres puntos do Moraña C.F., que continúa no sexto posto. A retirada da competición de varios equipos dos que ían a competir neste grupo obrigará ao cadro verdinegro a descansar durante as dúas próximas fins de semana, co que o técnico local aproveitará para ir preparando a cita da primeira rolda da Copa Deputación de Pontevedra que o medirá no campo de O Leixo á S.D. Chispa. que terá lugar previsiblemente en torno ao día 20 de abril.

Pola súa contra, o equipo benxamín desprazábase na mañá do sábado ata o campo Municipal de Zacande para disfrutar dun novo derbi municipal entre os dous únicos conxuntos con categorías de fútbol base que hai no Concello de Meis. O C.D. Mosteiro partía como favorito dada a súa mellor posición na táboa, aínda que os rapaces e rapazas adestrados por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta realizaron un partido serio no que trataron de combinar e sacar o balón xogado dende atrás e a base de ímpetu realizaron máis dun achegamento á área rival, pero dous envíos ao longueiro e o desacerto nos metros finais impediron que puideron lograr algún tanto. O cadro da capital do municipio acabou facendo valer a súa maior experiencia e contundencia en ataque e impúxose finalmente ao equipo verdinegro por seis goles a cero. De novo a boa actuación da gardameta Sara Otero, así como o bo traballo no mediocampo dun moi motivado Álex Grigorio, que competía fronte a algúns dos seus compañeiros de estudo, ou a loita e a insistencia na zona de ataque de Brais Santamaría foron algúns dos aspectos máis destacables dun conxunto cada vez máis completo a nivel colectivo e no que o boa labor de formación que está a facer o corpo técnico dirixido por Valentín Estévez estase a mostrar cada vez que estes xóvenes futbolistas saltan ao campo. Na próxima fin de semana o equipo benxamín recibirá a visita do Catoira S.D., un cadro que a décimo cuarta posición con dezaséis puntos.



sábado, 2 de abril de 2016

Derrota pola mínima do Armenteira Veteranos en Dorrón

O Armenteira Veteranos caiu derrotado ante por un gol a cero ante o Dorrón C.F. Veteranos no encontro dispustado na tarde deste sábado no campo de O Cruceiro. As importantes baixas dalgúns xogadores máis habituais e con maior peso no equipo, como a de Carlos na zona defensiva, a de Javi no mediocentro, e as de Manueliño e Jorge Castro en ataque condicionaron dende o inicio o partido para o conxunto verdinegro. O Dorrón C.F. Veteranos tratou de levar o control do xogo dende os primeiros minutos, apoiados no súa superioridade física e nun público que a ritmo de megáfono non cesaba de animalos. O único gol do encontro produciuse xa na primeira metade, nunha xogada defortunada na que Portas tratou de obstaculizar un disparo que ía cara a meta defendida por Joserra, con tal mala sorte que desviou a traxectoria do balón, deixándoo fóra do alcance do gardamallas de Couso. Na segunda metade o equipo de A Armenteira achegouse con máis insistencia a área rival, pero as impresións nos pases nun terreo de xogo enlameado debido a unha choiva incesante e a falta de puntería, supuxeron unha dificultade engadida para os atacantes do clube visitante. Este resultado fai que ámbolos dous conxuntos igualen a cincuenta puntos na clasificación, aínda que a mellor diferenza de goles nos duelos directos a favor dos de O Leixo, que venceron por dous goles a cero no partido da primeira volta, sitúa a este por enriba do equipo veciño. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos recibirá a visita doutro conxunto dunha localidade próxima, o Samieira C.F. Veteranos, que ocupa a décimo novena posición con doce puntos.


venres, 1 de abril de 2016

Dorrón C.F. Veteranos e Armenteira Veteranos disputan este sábado un novo partido de rivalidade

A xornada deste sábado, na que se vivirán clásicos como o que van disputar o Real Madrid e o F.C. Barcelona, ou os derbis que enfrontarán o Celta e o Deportivo ou o C. Xuventude Sanxenxo e o Portonovo na Rexional Preferente a nivel local, deparará un novo duelo de rivalidade no grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra. Será o que se viva este sábado a partires das 17:30 horas no campo de O Cruceiro, que medirá aos conxuntos do Dorrón C.F. Veteranos e do Armenteira Veteranos. A proximidade entre as localidades que representan cada unha destas escadras, apenas dous quilómetros separan os seus estadios, o coñecemento mutuo entre moitos dos xogadores dun e doutro equipo e o continuos enfrontamentos que se veñen repetindo temporada tras temporada entre estes dous conxuntos da a este partido un sabor especial co que o numeroso público que se agarda que asista ao campo de O Cruceiro vai ter a oportunidade de disfrutar dun espectáculo futbolístico no que a motivación, a intensidade e, sobre todo, a deportividade, deberían ser as notas predominantes.


O equipo cadete e o benxamín protagonizan a xornada desta fin de semana para o Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana, a vixésimo cuarta no que vai de liga, traerá unicamente dous partidos para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. Será os que disputen o equipo cadete no campo de O Leixo contra o Moraña C.F. e o equipo benxamín contra o C.D. Mosteiro no campo Municipal de Zacande.

O equipo cadete disputará a este sábado partires das 11:30 no campo de O Leixo o partido fronte ao Moraña C.F. que debía terse celebrado na súa totalidade  o 13 de febreiro, pero que o colexiado suspendeu cando se levaban soamente cinco minutos de xogo alegando que a néboa impedía ter unha visibilidade suficiente, feito moi discutido polos representantes de ámbolos dous equipos. Polo tanto o encontro reanudarase co resultado de cero a cero que figuraba nese momento no marcador, agardando que o mal tempo que se anuncia para o sábado non volva ser motivo para que o colexiado encargado de dirixir o partido, González Caramés, decida suspendelo de novo. Sobre o papel preséntase coma un duelo igualado xa que só tres puntos separan aos morañeses co conxunto conxunto que dirixe Marcial Prado, que ocupan a sexta e a sétima posición respectivamente. No encontro da primeira volta o Armenteira C.F. chegou a ir gañando por cero goles a dous, pero foi acabou sendo derrotado por tres goles a dous cun gol dos vermellos no último minuto que a afección verdinegra reclamou como fóra de xogo. Todo isto fai que a cita deste sábado sexa crucial para a futuro dos dous equipos no que resta de temporada.

Nunha fin de semana na que se disputa un F.C. Barcelona-Real Madrid e un Celta-Deportivo o concello de Meis volverá a vivir un novo derbi municipal. Será o que disputen no campo municipal de Zacando o sábado a partires das 12 horas os equipos de categoría alevín do C.D. Mosteiro e do Armenteira C.F. A diferenza de novo de nove puntos na clasificación entre os locais, décimo sextos clasificados, e o cadro verdinegro, que ocupa a décimo oitava praza, podería facer penser que se podería tratar dun duelo igualado, pero a maior experiencia e o maior potencial exhibido polo conxunto da capital do municipio no que levamos de temporada outorgalle a estes o papel de favoritos. Con todo, os rapaces e rapazas que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta tentarán manter a ilusión e as gañas por seguir progresando e disfrutanto do fútbol que os caracterizan dende o inicio desta campaña. Para a cita deste sábado o técnico cambadés non poderá contar nin con Ainhoa nin con Brais Charlín, dúas baixas sensibles para un conxunto xa de por sí bastante debilitado.