O Armenteira Veteranos conseguiu na tarde deste sábado, no campo de O Leixo, un contundente triunfo por oito goles a un ante o San Benitiño C.F. Veteranos-Joyería Groba. O partido estivo marcado polo permanente recordo á figura de Javier Martínez Ucha "Chicho ", un xogador que militou durante as últimas temporadas no conxunto verdinegro e que falecía o pasado luns nun fatal accidente de tráfico. Nos prolegómenos do encontro os compoñentes do Armenteira Veteranos rendiron unha merecida homenaxe ao seu compañeiro nun acto que contou coa presenza de boa parte dos familiares do falecido, e que consistiu na entrega dun cadro coa súa camiseta, que foi inmortalizado nunha fotografía na que tamén quixeron figurar os pais e a irmá de "Chicho". O equipo local formou con Joserra baixo paus, Portas, Marcos, Carlos e Richi na liña defensiva, Rafa, Javi, Cacabelos e Martín no mediocampo, e Jorge Castro e Galiñanes en ataque. As gañas por rendir tributo ao seu compañeiro fixeron que os locais saísen ao campo especialmente motivados. En apenas corenta minutos os de O Leixo xa deixaran practicamente sentenciado o encontro. Jorge Castro en dúas ocasións, Martín e o central Carlos, tras unha certeira cabezada a un saque de córner, enviaban ao descanso á formación que capitanea José Luis Galiñanes coa vantaxe suficiente para afrontar sen demasiados sobresaltos os restantes corenta e cinco minutos. A elo contribuiu tamén a pena máxima que o colexiado encargado de dirixir a cita, o célebre Rey Fierro, decidiu sinalar a prol dos de Portas, pero que non subiu ao marcador, xa que o balón saiu rebotado tras impactar co poste da meta defendida por Joserra e voltou ás botas do lanzador, invalidando a acción. No segundo período a relaxación dos verdinegros deu máis opcións de atacar aos visitantes, que recurtarían distancias por mediación de Hicham Kourati, sacando proveito dun balón que se escapou das luvas de Joserra. Pero de novo dous goles de Jorge Castro e outros dous de Marcial, un deles dende o punto de penalti, deixarían clara a superioridade dos de A Armenteira, que con esta vitoria se sitúan na novena posición con vinte puntos. Na próxima xornada, que se disputará o sábado 17 de decembro, a escadra verde e negra visitará o campo de A Senra, en Ribadumia, para medirse ao Bar Santiaguiño, lider do grupo con trinta e un puntos, no que será un duelo de gran rivalidade. A presenza no cadro de Ribadumia de Luis Barral, adestrador dos equipos das categorías de fútbol-8 dos de O Leixo, contribuirá a dar morbo unha cita na que ademais se mide a capacidade goleadora de dous dos máximos artilleiros do grupo, Jorge Castro e o propio Luis Barral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario