Buscar neste blog

mércores, 31 de xullo de 2019

O Armenteira C.F. celebra este xoves unha reunión trascendental para o futuro das súas categorías de base

A Xunta Directiva do Armenteira C.F. convocou para este xoves, 1 de agosto, a partires das 20:30 horas, unha reunión que consideran trascendental para o futuro dun clube que vive un dos momentos máis delicados da súa historia recente. Á mesma están convocados os pais, nais, xogadores e xogadores e xogadoras das categorías infantil e cadete, categorías nas que, tendo en conta as licenzas tramitadas durante a temporada 2018/2019, a entidade verdinegra conservaría os dereitos federativos dos futbolistas ligados á entidade na campaña que vén de rematar. As dificultades sufridas ao longo do pasado verán, unidas a agresións externas que buscaban beneficiar a outros clubes, puxeron en risco a continuidade dun Armenteira C.F. sempre condicionado por carecer dunhas instalacións adaptadas aos tempos actuais e polo endémico abandono e esquecemento por parte das administracións públicas. Con todo, a entidade de O Leixo conseguiu sacar a competición un equipo sénior feminino, neste caso na modalidade de fútbol-7, e un equipo de categoría infantil, o cal baixo a batuta de Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez acadaría o título de campión de liga do grupo 62 da Segunda autonómica infantil. Tras semanas de intenso traballo na planificación da temporada 2019/2020, nas que a Xunta Directiva estudou as distintas alternativas de futuro, establecendo contactos con diversos clubes da contorna, e nas que un ano máis tivo que repeler os movementos doutras entidades que trataron de incorporar ás súas filas futbolistas do Armenteira C.F. sen comunicación previa aos seus dirixentes, feito eticamente moi reprobable, chega agora o momento de dar a coñecer, e de consensuar e acordar as opcións de futuro. Pais, nais, xogadores, xogadoras, así como simpatizantes da entidade que desexen acudir, terán a última palabra nunha decisión que marcará o porvir dun emblema dunha xente e dunha parroquia que non debe deixar desaparecer un dos seus símbolos máis recoñecidos e representativos. A cita será este xoves, na Casa de Cultura da parroquia, situada no andar superior do albergue de peregrinos, a partires das 20:30 horas.

luns, 29 de xullo de 2019

Estando contigo, contigo...

"Estando contigo, contigo, contigo, de pronto me siento feliz. Y cuando te miro, te miro, te miro, me olvido del mundo y de mí. ¡Qué maravilloso es quererte así!Estando contigo, contigo, contigo, me siento feliz." Este estribillo pertence ao tema co que Conchita Bautista representou a España no festival de Eurovisión en 1961. Era a primeira ocasión na que este país acudía ao popular festival e a enérxica interpretación da artista sevillana recibiu oito puntos na votación, situándose no noveno posto entre os dezaséis participantes. Pois dende fai uns días "Estando contigo" convertiuse na melodía de fondo de moitos veciños e veciñas de Couso. O responsable de tal feito non é outro que Manolo García Vázquez, un afeccionado ao mundo da canción que este martes, 30 de xullo, debutará ante as cámaras da Televisión de Galicia, e que nos últimos días retransmite de forma incansable polo seu potente equipo de son as probas de ensaio. Tras unha fulgurante estrea nos escenarios, con gran éxito de público nas primeiras actuacións, este compoñente do grupo Los Vázquez viu como a súa carreira musical ía decaendo. A enorme expectación que levantou nos concertos iniciais non se puido manter, ao tempo que diversos obstáculos se interpoñían no camiño. Con todo, Manolo conservou a súa fe e, despois duns meses apartado dos escenarios, a oportunidade venlle agora da man da Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira. A sociedade veciñal foi convidada por segundo ano consecutivo a unha gravación do programa da CRTVG Bamboleo, e nesta ocasión decidiu apostar por unha persoa con experiencia no mundo do cante para participar nunha das seccións. Xunto a Lucía Pérez, que representou a España no festival de Eurovisión de 2011, ao rapeiro DKB e a orquestra Trébol, o vocalista do grupo Los Vázquez será unha das principais atraccións que pasarán este martes polo Plató 1.000. Nas súas mans, ou mellor dito, nas súas cordas vogais, e no acerto que mostren el e o seu acompañante á hora de adiviñar títulos de cancións, estará o futuro da festa do San Xoán, evento que a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira aproveitará para promocionar ante as cámaras da canle autonómica. Pero Manolo non estará só. Contará co alento dunhas trinta persoas que se desprazarán dende A Armenteira ata Montouto, no Concello de Teo, nun autobús fletado pola organización. Será, sen dúbida, unha ocasión inmellorable para a promoción do San Xoán, unha oportunidade única para o relanzamento da carreira do grupo Los Vázquez e, sobre todo, unha experiencia inesquecible para todos e todas que asistan á gravación, así como para quen poida contemplar emisión do programa a través da pequena pantalla ou da páxina web da CRTVG.


venres, 26 de xullo de 2019

A lexislatura arrinca cun pleno no que A Armenteira volverá ser protagonista

Os resultados das eleccións municipais do pasado 26 de maio depararon un cambio de goberno no Concello de Meis. Tras o pleno de investudura e o pleno de organización, nos que se fixo efectivo o acceso á alcaldía de Marta Giráldez, en virtude do pacto entre PSdeG-PSOE e BNG, nos que os novos concelleiros e concelleiras tomaron posesión dos seus cargos e nos que ademais foron aprobadas as novas atribucións, este venres, 26 de xullo, a partires das 21:00, terá lugar o primeiro pleno de carácter ordinario deste mandato. Na orde do día figuran puntos como o nomeamento do representante suplente do Concello no Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés/Ulla/Umia, a aprobación da conta xeral do orzamento do Concello para o exercicio 2018, a relación de reparos de intervención para ese mesmo exercicio 2018, a posta en coñecemento do nomeamento de réxime de sesións e a delegación de competencias na Xunta de Goberno Local, así como a difusión das resolucións da alcaldía. Será un pleno no que novamente a parroquia de A Armenteira terá un papel protagonista, non só na medida en que se vexa afectada polas propostas e medidas adoptadas, senón pola presenza na sesión plenaria de dous concelleiros naturais da parroquia: Martín Casais, que forma parte do grupo do PSdeG-PSOE, e que asumiu as funcións de edil de Servizos Sociais, Sanidade e Medio Ambiente, e Ramón Prado, polo grupo do Partido Popular. Tamén entre o público, que se agarda que asista en modo considerable, haberá unha representación da parroquia que, como vén sendo habitual nos últimos tempos, acudirá á Casa Consistorial para non perder a oportunidade de comprobar en vivo como se rexen os destinos de A Armenteira e do Concello de Meis.

martes, 23 de xullo de 2019

Domingo de Armenteira

A historia, ou sendo quizais máis rigurosos a lenda, outorga a Don Ero a fundación do mosteiro de A Armenteira. Sería el o que se encargaría de mandar construír unha edficación na ladeira occidental do monte Castrove, nun lugar da súa propiedade, para retirarse a decansar  tras moitos anos de combate ao servizo do rei Alfonso VII. A ubicación obedecía de forma rigorosa ás normas ditadas pola Orde do Císter, que establecían que os novos mosteiros en zonas apartadas e poucos frecuentadas polos seres humanos. Non se pode afirmar con claridade que este papel de fundador fose exercido por Don Ero, xa que diversos achádegos parecen indicarnos que as orixes do mosteiro se romantan a unha época anterior. Pero o que si parece máis claro é que sería Don Ero o abade que durante o seu mandato incorporou o cenobio á orde do Císter. Este feito explicaría a cantidade de lendas atribuídas a este personaxe, que tratarían de darlle un carácter mítico e lexendario, para realzar e encher de grandeza a adhesión de A Armenteira á Orde auspiciada por San Bernardo de Claraval.

Fronte á gran popularidade da que goza Don Ero, outros abades e monxes que habitaron no mosteiro de A Armenteira permanecen case no absoluto anonimato. Unha desas figuras é Domingo de Armenteira, un personaxe que exerceu o cargo de abade nos anos iniciais do século XIV. Aínda que as referencias históricas son moi escasas, crónicas de monxes cistercienses da época, así como de laicos que o coñeceron, ensalzan as súas virtudes e a súa santidade xa en vida. Parece ser que tiña orixe española e que foi unha persoa cabal e con dotes providenciais, que soubo dirixir con tino a abadía nuns momentos que non foron para nada fáciles. Foi o século XIV un período no que unha terrible crise se extendeu por toda Europa. A fame, a peste, a guerra ou os ataques dos bandoleiros azoutaron con crueldade a estas terras, e aquí en Galicia as comunidades monásticas non foron alleas aos padecementos que provocou esta gran depresión. Incluso houbo mosteiros que viron perigar a súa existencia. Nestes momentos tan compricados os monxes de A Armenteira lograron sobrevivir en base a longas xornadas laborais, repartidas entre o traballo e a oración. Entregado ao seu oficio, o abade Domingo dirixiu con rectitude o convento, e non lle faltou tempo para atender as numerosas visitas de devotos e devotas que acudían en busca de curacións, curacións que hai quen di que continuaron tras a súa morte. Facendo gala de súa humilde, ao falecer fíxo que o soterrasen á porta da igrexa, para que todo o mundo puidede pisar a súa tumba. Enriba da cadaleito os monxes colocaron unha lousa labrada cun relevo coa figura do abade Domingo suxeitando un báculo na man esquerda e coa Regra de San Bieito na man dereita. Contan que eran moitas as persoas enfermas que se tendían sobre a súa tumba, para despois erguerse sas e libres de todo mal. Hai quen di ademais que había un burato na lápida, á altura da cabeza, do cal as xentes quitaban terra, coa que se fregaban a cara e o pescozo, ou que levaban a modo de amuleto, para desta maneira conseguir vencer determinadas enfermidades. Ao igual que moitos outros sepulcros que existían nas distintas dependencias do mosteiro de A Armenteira a lápida do abade Domingo desapareceu. Non se sabe cal puido ser o seu destino, pero independentemente de que os seus restos se sigan atopando nalgún lugar do edificio, o legado que nos deixou este monxe non debe ser esquecido. Convertido en santo, a Igrexa fixou o 21 de agosto como data para honrar a unha figura que posiblemente sexa ignorada por boa parte da poboación, e que sería conveniente lembrar e dar a coñecer, ao igual que ocorre con moitas outras personalidades que tiveron unha relación directa co mosteiro de A Armenteira ou coa parroquia en xeral, e que sen dúdida algunha contribuíron a darlle maior grandeza a un conxunto histórico-artístico e a un magnífico patrimonio natural e cultural que ano tras ano atrae a milleiros de visitantes que de seguro agradecerían poder descubrir as virtudes e as bondades de persoas como Santo Domingo de Armenteira.






xoves, 18 de xullo de 2019

Afluencia masiva á presentación das bases provisionais da reestruturación parcelaria de San Martiño-Armenteira

A presentación das bases provisionais do proceso de reestruturación parcelaria para as zonas de San Martiño-Armenteira arrincou este xoves, 18 de xullo, cunha masiva afluencia. O acto que congregou a un maior número de persoas foi a charla informativa que se desenvolveu en horario de mañá no Auditorio de Centro Multiusos de O Mosteiro. Iniciado cun breve discurso da alcaldesa Marta Giráldez, a continuación interviron responsables de Consellería de Medio Rural e da empresa Eido Ingenieros, encargada que levar a cabo estas tarefas nas parroquias de San Martiño e A Armenteira, así como noutras zonas da contorna. As súas explicacións centráronse en aclarar o estado do proceso, anteriormente coñecido como concentración parcelaria, pero que, tras o cambio da lexislación, pasou a ser denominado como reestruturación parcelaria. Con dúas fases, a de bases e a de acordo, esta reforma agraria, atópase precisamente na primeira delas, na cal se procede a unha catalogación das parcelas correspondentes a cada un dos propietarios. Unha vez revisadas para detectar posibles erros, presentando as alegacións oportunas, chegará o momento da seguinte fase, a de acordo, na que se deseñarán as novas parcelas e se entregarán ás persoas que pasarán a posuílas. Tras a charla tivo lugar a entrega dos boletíns, que tivo lugar no mesmo Centro Multiusos de O Mosteiro á mañá, e no Centro Social de Vilar, o local coñecido tamén como a Casa de Cultura de A Armenteira, xa pola tarde. A numeración, a localización e a superficie das parcelas, para o cal se colocaron planos nas paredes do Centro Social de Vilar, en A Armenteira, e que tamén poden consultarse a través de internet, ademais da correcta identificación dos seus donos, son os aspectos aos que ten que prestar especial atención quen recolla os boletíns. Pola súa parte, as dúbidas que ten que resolver con máis frecuencia o persoal da Consellería de Medio Rural están relacionadas basicamente coa interpretación da documentación entregada ou cos procedementos de venda, traspaso ou herdanza de propiedades que, segundo indican, poden seguir realizándose con normalidade e non interfiren no proceso de reestruturación parcelaria, sempre e cando se presenten os documentos preceptivos ante a oficina da Dirección Xeral do Catastro. A entrega de boletíns e a aclaración e resolución de dúbidas continuarán a partires do luns, 22 de xullo, no Centro Social de Vilar, e prolongaranse ata o mércores, 7 de agosto. En horario de mañá ou de tarde, ou en ambos, os veciños e veciñas serán recibidos polos técnicos, que tamén poderán atendelos nos despachos centrais de Pontevedra, no número de teléfono 988 218 007 ou no enderezo electrónico administracion@eidoingenieros.es.







martes, 16 de xullo de 2019

As bases da concentración parcelaria da zona de San Martiño-Armenteira, dispoñibles a partires deste xoves

O proceso de concentración parcelaria por fin parece que bota a andar nas parroquias de San Martiño e A Armenteira. A partires deste xoves, 18 de xullo, os veciños e veciñas propietarios de terreos terán á súa disposición un boletín que contén un resumo no que se relacionan as parcelas de bases da reestrutación parcelaria das zonas correspondentes a estas dúas parroquias. Persoal da Consellería de Medio Rural, encargado de levar a cabo este proceso, desprazarase este xoves ata o Concello de Meis para dar unha charla informativa ás 10:00 horas no Auditorio do Centro Multiusos de O Mosteiro, e a continuación proceder xa á entrega dos boletíns, acto que se repetirá á tarde, de 16:00 a 18:30 horas, no Centro Social de A Armenteira, a popularmente coñecida como Casa de Cultura. Segundo se informa, os asistentes poderán recoller a documentación que estea dispoñible presentando o DNI ou un documento equivalente. Para facilitar a recollida desta documentación os empregados da empresa encargada do proceso de concentración parcelaria acudirán ao Centro Social de A Armenteira dende o luns, 22 de xullo, ao mércores, 7 de agosto, en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e, en horario de tarde, de 15:30 a 18:30 horas, o luns, 22 de xullo, o martes, 23 de xullo, o martes, 30 de xullo, o mércores, 31 de xullo, o martes, 6 de agosto, e o mércores, 7 de agosto. Trátase dun paso inicial, pero de gran importancia, para impulsar un proceso tan demandando, pero tan complexo e que permanecía estancado durante os últimos anos, e que permitirá que a veciñanza poida acceder á información existente sobre a nova reestruturación parcelaria e presentar, de ser o caso, e dentro dos prazos estipulados, as alergacións que se consideren oportunas.



luns, 15 de xullo de 2019

Bamboleo agarda unha nova expedición procedente de A Armenteira

O programa da CRTVG Bamboleo agarda unha nova expedición procedente da parroquia de A Armenteira. O pasado ano, tamén neste mes de xullo, a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira e o Armenteira C.F. organizaron de forma conxunta unha visita ata o Plató 1.000, en Montouto, no concello de Teo, para participar na gravación do programa que presentaba por aquel entón o carismático Xosé Manuel Piñeiro. Fora curiosamente a última ocasión na que o showman de Allariz estivera á fronte de Bamboleo, e dende entón é Lucía Regueiro a que conduce o programa mentres Superpiñeiro se recupera dun problema de saúde. Con todo, a esencia deste xa veterano espazo televisivo mantense. Seccións do máis variado, todas elas nun tono do máis divertido e desenfadado, e música de grupos actuais de éxito e das orquestras máis importantes de Galicia, constitúen o plan que as entidades veciñais de A Armenteira e a CRTVG propoñen para o martes, 30 de xullo. Partindo de A Armenteira sobre as 18:00 horas, de forma totalmente gratuíta poderán disfrutar dunha experiencia que para moita xente resultará irrepetible. De feito, para que todas as persoas que o desexen teñan a oportunidade de asistir, iniciaron unha campaña de difusión a través das redes sociais, ademais de colocar carteis ao longo da parroquia de Armenteira e polos arredores. O prazo de incrición remata o próximo venres, 19 de xullo, polo que lembran que quen queira ir debe poñense en contacto coa Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira ou co Armenteira C.F. o antes posible.




xoves, 11 de xullo de 2019

A ollos do pai Castrove

Para moitos veciños e veciñas da parroquia de A Armenteira, do Concello de Meis ou da comarca de O Salnés existe, sen dúbida, unha gran referencia paisaxística. A posibilidade de ver o mar só dende algúns puntos e o carácter accidentado do relevo, cunha morfoloxía tan diversa e variada, converten ao Monte Castrove no faro que guía a visual de todas as miradas da contorna. A súa silueta resulta inconfundible sexa cal sexa o punto dende o que se divise. Cunha elevación máxima de 613 metros sobre o nivel do mar e cunhas formas redondeadas, desgastadas a causa de séculos e séculos de erosión, este monte serve de divisoria entre as vertentes que se dirixen cara a ría de Pontevedra e as que se toman destino cara a ría de Arousa. Repartido entre catro concellos, Poio, Pontevedra, Barro e Meis, este conxunto paisaxístico conta cunha enorme riqueza natural, histórica, artística e cultural. Nas súas proximidades atópase a aldea de A Escusa, que conta cunha capela adicada a San Ramón e cun curro de cabalos e que en agosto celebra a súa tradicional rapa das bestas, e máis cara abaixo, en dirección ao mosteiro de San Xoán de Poio, Riomouro, unha pequena aldea entre regatos e montañas, na que na actualidade apenas reside unha ducia de habitantes. Outros pequenos núcleos distribúense pola contorna, aínda que sen desprazarnos demasiado, en pouco máis dun quilómetro atopamos as instalacións dun campo de golf que a Comunidade de Montes Chan do Fento puxo en funcionamento fai dúas décadas e o conxunto arqueolóxico do Outeiro do Cribo, co seu famoso petróglifo en forma de labirinto. Tamén, nese entorno, xunto a un antaño concurrido merendeiro, existe un bosque de secuoias, doadas no ano 1992 pola entidade municipal de San Francisco, nos Estados Unidos, co motivo da celebración do quinto centenario da chegada a América de Cristovo Colón, ao cal diversas teorías atribúen Portocelo, no Concello de Poio, como lugar de nacemento.

Pero sobre este fantástico e fermoso entorno destaca sobremaneira o cumio do Monte Castrove. Cuns accesos relativamente cómodos, aínda que mellorables, o seu formidable valor patrimonial atrae a cada vez máis visitantes. En coche, en moto, en quad, a cabalo, en bicicleta ou a pé, son moitos os visitantes que acuden este enclave ao longo do ano. Coroan a cima catro antenas repetidoras do sinal de telefonía, internet e televisión, polas que levan anos mantendo un litixio os Concellos de Poio e de Pontevedra, e que o Instituto Xeográfico Nacional resolveu de forma diplomática, entregando unha parte a cada un dos municipios, e unha zona de mirador cunhas vistas privilexiadas do territorio situado arredor da Ría de Pontevedra, da ría de Arousa ou incluso da Ría de Vigo. O val de O Salnés, a península de O Grove, a illa da Toxa, a illa de Arousa, a illa de Sálvora, o Barbanza, a illa de Tambo, as illas Ons, o Morrazo e ata Cabo Silleiro están ao alcance das retinas das xentes que se achegan a este punto elevado para disfrutar desta marabillosa visual. Non é de extranar que séculos atrás os poboadores elixiran este lugar para establecer a súa residencia, como constatan os distintos restos arqueolóxicos, ou que se decidise instalar, en pleno cumio da montaña unha antiga capela de orixe románica, que se supón que estaba adicada a Santa Mariña, da que son visibles algúns vestixios. Foi precisamente a presenza desta ermida, a que as xentes deron tamén en denominar como O Castelo, como soían facer cando se trataba de calquera estrutura pétrea en zonas elevadas, a que paralizou a construción dun parque eólico sobre a cima do Monte Castrove. Xa en 1745, Frai Martín Sarmiento, un dos mellores e máis profusos cronistas que tiveron e terán estas terras, nun dos escritos nos que relataba as súas andainas,  describía a tremenda riqueza deste idílico enclave: "En todo canto andei de mariña, desde Ferrol até A Guarda e Tui, non achei punto de visión máis primoroso que este lugar. Nesa localización contempla un horizonte marítimo-terrestre amplísimo, onde o seu agudo e experto ollar identifica non poucos lugares, así como tamén a torre de Lobeira, os montes da torre de Meadelo e o castelo de Cedofeita. Mirando desde o Poio ó poñente érguense dous altos montes, un máis perto do mar que o outro; e ámbolos fan como un val estreito e precipitado, por onde baixa o río Mouro con dúas derivacións [...] [Dende O Castrove]… O monte do Acibal, que divide Lérez de Xebe. O castelo de Cedofeita, Tenorio,etc. Monte Porreiro e o castro de Mourente. Pedrafita, ou o Lauredo de Marcón. San Cibrán e todo o val. A bolsa ou ría do Ulló. As dúas rías xunqueiras de Lérez e de Alva . O convento de Lérez. Non se chega a ver a ponte nin a vila de Pontevedra, por estorbo do Montecelo, nin o Poio pola primeira derivación do Castrove. E finalmente vese todo o mellor de Galicia, e sería moi útil que un enxeñeiro subira ó lugar do Castrove, no que eu estiven, así na devandita ermida coma no cerro que está inmediato; que levara unha agulla de marcar ,un bo anteollo de longa vista, e un instrumento matemático ben grande e que fixera unha xeral demarcación de todo o que se alcanza a ver segundo os rumbos [...]"

Máis aló das sabias narracións de Frei Martín Sarmiento, o monte Castrove é, para amantes do sendeirismo, do ciclismo ou de calquera outra actividade en contacto coa natureza, induscutiblemente un enorme tesouro con aínda moito por descubrir, pero non tesouro oculto, senón un tesouro visible practicamente dende todos os puntos da contorna, que se ergue esplendoso para mostrar unha colosal figura que parece emerxer de entre os mares que bañan as rías de Arousa e e de Pontevedra, e que, dende as alturas divisa unha extensa área cunha beleza tan extraordinaria que só é posible contemplar a ollos do pai Castrove.







domingo, 7 de xullo de 2019

San Lourenzo, campión do I Torneo Interparroquial do Concello de Meis

O equipo que representou á parroquia de San Lourenzo de Nogueira logrou alzarse co título de campión no I Torneo Interparroquial do Concello de Meis, que se disputou este sábado, 6 de xullo, no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro. Oito foron as escadras en competición: Paradela, San Lourenzo de Nogueira, San Vicente de Nogueira, Santo Tomé de Nogueira, San Salvador de Meis, San Martiño, A Armenteira, a única parroquia do municipio que conta con equipos federados que levan o seu nome, ademais dun equipo convidado, representando á parroquia de Curro, do Concello veciño de Barro. Nos respectivos planteis había unha notable presenza de futbolistas de clubes pertencentes ao Concello, como o C.D. Mosteiro, o Zacande F.C., o Armenteira C.F. ou de equipos da liga de veteranos como C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto, o Armenteira Veteranos, ou o S.C.D. Terras de Curro, que disputa os seus encontros como local no campo Municipal de Zacande. A normativa da competición establecía que as formacións participantes debían estar compostas por xogadores nados ou residentes nas parroquias que representaban, ou ben cunha relación moi directa con ese territorio. Curiosamente, podería darse o caso de que Santi Mina, futbolista do Valencia C.F. e que está a piques de pechar o seu pase ao R.C. Celta de Vigo, puidese acudir a este torneo en representación de Santo Tomé, parroquia de orixe da súa actual parella. No referente á competición o resultado final non foi alleo á dinámina demográfica que presenta o municipio. Os equipos representativos das parroquias situadas en torno a PO-531, a estrada que une Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, territorios que destacan polo seu maior desenvolvemento económico, industrial e demográfico en relación co resto do municipio, deixaron claro dende o inicio o seu potencial. Paradela, San Vicente de Nogueira e San Lourenzo de Nogueira caracterízanse por un nivel de envellecemento non tan acusado, un aspecto resulta tremendamente condicionante á hora de configurar equipos para un torneo destas características. Foron os conxuntos desas tres parroquias, xunto co de Curro, parroquia situada tamén no paso da PO-531, os que disputaron as semifinais, das que saíron as escadras que se enfrontarían na gran final. Nas semifinais Paradela impúxose a Curro, mentres que San Lourenzo, tras un empate a tres tantos no partido, superou a San Vicente na quenda de penaltis. No partido polo terceiro e cuarto posto o triunfo sería para Curro, que venceu a San Vicente, derrotado de novo na quenda de lanzamentos dende os dez metros, e na gran final a vitoria acabaría sendo para San Lourenzo de Nogueira, que superou por dous goles a cero a Paradela, o teórico favorito. Foi un partido cómodo para o conxunto branco, no que sobresaíu a orde, a solidez defensiva e o enorme talento e capacidade de desborde dos seus xóvenes extremos. A alegría do campión foi evidente na entrega de trofeos. Paradela recibiu o trofeo de subcampión de mans da concelleira encargada de área de Deportes, María Sancho, mentres que a alcaldesa Marta Giráldez entregou a copa de campión ao equipo de San Lourenzo de Nogueira, que celebrou con enorme efusividade o título conseguido, tanto por parte de afección congregada nas bancadas como no propio terreo de xogo.




Experiencia enriquecedora para o equipo de A Armenteira no I Torneo Interparroquial de Meis

O equipo da parroquia de A Armenteira viviu unha enriquecedora experiencia no I Torneo Interparroquial do Concello de Meis que se celebrou este sábado, 6 de xullo, no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro. Organizado polo C.D. Mosteiro, este torneo reuniu a equipos representativos das sete parroquias do municipio, ademais dun representando á parroquia convidada, neste caso a de Curro, do veciño Concello de Barro. No caso do conxunto de A Armenteira, foron doce os futbolistas os que luciron a elástica rosa durante a competición, aínda que non todos puideron estar a tempo completo. Foi precisamente a cor da camiseta un dos detalles máis comentados durante a xornada deste sábado, ao ser considerada por moita xente como unha das máis fermosas e chamativas das que se exhibiron nas instalacións deportivas de O Mosteiro. No referente á competición, a fortuna non acompañou demasiado ao equipo de A Armenteira. A escaseza de efectivos fronte aos rivais lastou ao conxunto, que viu que tras adiantarse no primeiro partido fronte a San Salvador, a profundidade do banquillo dunha escadra que contaba entre outros con Marcial Prado, Juan Vidal ou o talentoso mozo Nico Fernández, permitiu que os amarelos acabasen remontando para vencer por dous tantos a un. No segundo encontro a historia repetiuse. Chegando a recta final con vantaxe fronte ao equipo da parroquia de San Tomé, no que militaban entre outros Toño Diz, Rubén Touriño ou Sindo Arosa, acabou logrando a igualada a dous tantos. No terceiro partido, ante San Martiño, a situación foi aínda máis cruel para o equipo rosa. Cando parecía que A Armenteira tiña a vitoria no peto, un gol xusto antes de que o colexiado decretase o final permitiu ao equipo que formaban entre outros xogadores como Óscar Barreiro ou Xabi Abal acadar un empate a dous tantos. Nas eliminatorias a esixencia era máxima, xa que o adversario era o que nese momento figuraba nas quinielas como o máximo favorito. Non deu opcións Paradela ao equipo da parroquia de A Armenteira e superou claramente aos rosas, que se levaron como principal lembranza o gol acadado por Argy tras unha espectacular chilena, ante a que nada puido facer o excepcional gardamallas Eloy Fernández. En definitva, este singular e novidoso torneo no noso Concello deixa unhas sensacións moi positivas para todos os que participaron e, en especial para o conxunto de A Armenteira. Sirra, Varela, Pacheco, Jorge Gómez, Adrián Fernández, Javi, Martín, Iván Borrageiros, Argy, xunto a Jonatan, Carlos e Suso, incorporados para a fase da tarde, e Jonathan Crespo e Jorge Dávila na dirección e coordinación, integraron un equipo que tivo unha actuación bastante aceptable. A nota negativa foi a lesión de Iván Borrageiros, que tivo que retirarse nada máis comezar o encontro fronte a San Martiño, tras sufrir unha torcedora de xeonllo, o que obrigou ao futbolista de San Amedio a desprazarse a un centro hospitalario da cidade de Pontevedra, onde lle foi realizado un recoñecemento médico. 







xoves, 4 de xullo de 2019

Todo listo para a participación do equipo de A Armenteira no I Torneo Interparroquial de Meis

Falta apenas un día para que se celebre o I Torneo Interparroquial de Concello de Meis e o equipo de A Armenteira xa ten todo listo para a participación nesta singular e novidosa competición. Finalmente serán catorce xogadores os que foron inscritos no conxunto impulsado e xestionado polo Armenteira C.F. Trátase sobre todo de xente vencellada, no pasado ou no presente, ao clube de O Leixo, e que se caracteriza por unha longa traxectoria e unha ampla experiencia no mundo do balompé. A pesares de ter configurado un plantel relativamente competitivo, o equipo de A Armenteira non o terá fácil no torneo. Encadrado no grupo A, xunto aos equipos das parroquias de Santo Tomé, San Martiño e San Salvador, a escadra da parroquia de maior extensión territorial do Concello iniciará a súa participación ás 9:45 fronte ao conxunto da parroquia de San Salvador. A competición disputarase en formato de liguiña á mañá, mentres que á tarde terán lugar as eliminatorias, nas que se cruzarán todas as formacións participantes. Tampouco será nada asequible esta fase, xa que no grupo B figuran conxuntos das parroquias de San Vicente, Paradela, San Lourenzo e da parroquia de Curro, pertencente ao Concello veciño de Barro. De todos xeitos, independentemente do resultado final, tanto para a organización, capitaneada polo C.D. Mosteiro, como para a representación de A Armenteira, o máis importante é poder disfrutar desta experiencia e compartir unha xornada de fútbol cos veciños e veciñas dun municipio no que este deporte segue levantando paixóns e que se seguro o fará de novo este sábado, 6 de xullo, no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro.