Buscar neste blog

sábado, 26 de agosto de 2017

Alerta polo descoido e a falta de limpeza no entorno do mosteiro de A Armenteira

Que A Armenteira é un dos principais referentes turísticos da comarca de O Salnés non cabe ningunha dúbida e que en concreto o entorno do mosteiro cisterciense é un dos lugares máis fermosos, valorados e que máis visitantes recibe ao longo do ano tampouco é discutible. Pero este enclave de tanto valor histórico, artístico, natural e cultural comeza a chamar a atención por outros motivos, e non é precisamente por motivos que contribúan a potenciar esa excelente imaxe que ten entre as numerosas persoas que o visitan. A falta de limpeza, os malos cheiros e o estado de relativo abandono que sufre por parte das administracións públicas é cada vez máis evidente. Papeis, restos de embalaxes, cabichas de cigarros e suciedade en xeral aparecen polos diversos currunchos. Fai tempo que os varrendeiros non pasan por alí. O regueiro que discorre paralelo ao muro do mosteiro está cheo de lixo e de herbas que sobresaen varios centímetros. A pasarela que separa a praza situada entre os locais de hostalería e a calzada está falta de mantemento e foi desprazada fai pouco por un autobús que accedeu indebidamente ata esa zona, xa que a entrada deste tipo vehículos está prohibida. As prantas dos maceteiros apenas foron regadas durante o verán e as malas herbas invaden case toda a súa superficie. Unhas marcas de excrementos de cabalos permanecen sobre as lousas da praza como se se tratase dunha lembranza dos tempos nos que este espazo era unha leira na que habitualmente pastaban este tipo de animais. E por enriba, os colectores do lixo emiten uns malos cheiros dende fai unhas semanas sen que puxese remedio a este problema. Colectivos veciñais, visitantes e boa parte das persoas que se achegan pola zona veñen manifestando o seu descontento ante tal estado sen que as autoridades, principalmente os máximos responsables do concello de Meis, tomasen as medidas necesarias. Non caben excusas para que a deixadez ensucie a imaxe dun dos lugares máis emblemáticos a nivel turístico de Galicia. Aquela paraxe que atraeu entre outras cousas pola súa pureza a Don Ero aló polo século XII non pode perder o seu encanto por un asunto de tan fácil solución. Corresponde ás administracións competentes tomar nota.






venres, 25 de agosto de 2017

O equipo feminino do Armenteira C.F. xa coñece o calendario de liga

A Federación Galega de Fútbol deu a coñecer este venres o calendario do grupo 3 da Segunda División Feminina na que, por segunda temporada consecutiva, militará o Armenteira C.F. O cadro que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado competirán esta temporada nun grupo formado por un elevado número de equipos, vinte, todos eles pertencentes á provincia de Pontevedra. As xestións realizadas pola Xunta Directiva conseguiron evitar os desprazamentos excesivamente longos que prevían os borradores iniciais de separación de grupos propostos pola Federación. O Sporting Club San Mateo, un dos conxuntos situados a maior distancia de A Armenteira, será o primeiro rival ao que terá que enfrontarse a escadra verdinegra. Será no campo de O Cruceiro, o domingo 3 de setembro, previsiblemente a partires das 17:00 horas, cando o segundo proxecto do equipo feminino do Armenteira C.F. bote a andar nunha competición oficial. O nome da parroquia e o do concello de Meis volverán pasearse polos terreos de xogo de Galicia, neste caso na zona sur, e a promocionar o deporte e a integración da muller nunha disciplina á alza e pola que o Armenteira C.F. realizará de novo unha ambiciosa aposta a nivel deportivo e económico.




domingo, 20 de agosto de 2017

Jonathan Crespo debuta á fronte da U.D. Estrella Dorada

A xornada desta fin de semana foi unha xornada de debuts para o Armenteira C.F. Pero non foron coa camisola verdinegra nin no campo de O Leixo, senón con outro clube e nun campo situado a un 20 quilómetros de distancia. A U.D. Estrella Dorada, unha entidade do veciño concello de Barro, puxo os seus ollos no Armenteira C.F. á hora de planificar a temporada que comezará en aproximadamente un mes. Tras varios contactos coa Xunta Directiva do clube de A Armenteira o máximo mandatario do clube de San Antoniño decidiu entregar o timón do seu próximo proxecto a un técnico que leva case unha década vinculado á entidade verdinegra e que esta campaña adestrará xunto a Eva López ao equipo benxamín. Jonathan Crespo será o encargado de dirixir unha arriscada e ambiciosa aposta na Terceira Autonómica. O técnico valgués non estará só nesta aventura. Ao seu carón irán Iván Borrageiros, secretario do Armenteira C.F. e Valentín Estévez "Tilín", adestrador para esta temporada do cadro xuvenil do clube de A Armenteira. Iván Borrageiros militou durante a súa formación futbolística no C.D. Ribadumia, no C.D. Mosteiro e no último equipo de categoría xuvenil do que dispuxo o Armenteira C.F., antes de que unha grave lesión o tivese apartado dos terreos de xogo durante uns anos. Pola súa contra Tilín conta cunha dilatada experiencia como futbolista, vinculada ao C. Juventud Cambados e á E.F.B. Vilanova nos seus anos de xogador de fútbol base, e ao Beiramar C.F. na súa etapa sénior. Os tres debutaron co seu novo conxunto no partido amigable que disputaron este domingo no campo do Monte da Lomba ante a U.D. San Miguel de Deiro. O cadro local, curiosamente dirixido por Javier Patiño, adestrador tamén do equipo cadete do Umia C.F., categoría coa que o Armenteira C.F. estableceu un acordo para esta temporada, é un dos claros favoritos a loitar polo ascenso á Segunda Autonómica, da que vén de descender esta temporada. A superioridade dos de Vilanova de Arousa foi evidente dende os primeiros intres. Cunha vantaxe de tres goles a cero con apenas dez minutos de xogo poucas esperanzas quedaron para a U.D. Estrella Dorada no que restaba de encontro. Jonathan Crespo aproveitou para facer probaturas cuns xogadores cos que comezou a traballar o pasado venres e que ademais teñen que acoplarse, xa que boa parte deles veñen de incorporarse ao equipo. Os cambios foron dando máis empaque á escadra e pouco a pouco os detalles de calidade non tardaron en aflorar. O resultado final de oito goles a un é anecdótico, tendo en conta que se trataba dun partido de preparación e a diferenza de rodaxe e acoplamento que existe entre os dous conxuntos. No caso de Valentín Estévez "Tilín" o partido apenas lle deu oportunidades de demostrar a súa valía na zona esquerda da defensa, xa que os problemas de xeonllo só lle permitiron estar uns quince minutos sobre o céspede, mentres que no caso de Iván Borrageiros, que ocupou as posicións de mediapunta e dianteiro, notouse que a súa forma física ten moito que mellorar, pero que, de progresar neste aspecto, pode convertirse nunha peza clave no equipo. De feito xa deixou varios pinceladas de calidade nas ocasións que o balón chegou aos seus pés. Queda moito traballo para Jonathan Crespo. O fútbol combinativo que tan bo resultado lle deu nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F. pretende agora trasladalo á Terceira Autonómica. Mimbres non lle faltan para desenvolver con éxito os seus propósitos. Futbolistas procedentes da Preferente Galicia e outros máis novos e ilusionados forman parte dun plantel no que o Armenteira C.F. decidiu tamén poñer o seu gran de area.




xoves, 17 de agosto de 2017

Notable aceptación dos plans de colaboración co Armenteira C.F.

Os plans de colaboración que o Armenteira C.F. está ofertando ás empresas e negocios particulares para a temporada 2017/2018 está tendo unha notable aceptación. A ampla masa social e de simpatizantes dun clube en continua expansión, a organización de eventos e torneos. así como a presenza cada vez máis activa nas redes sociais e nos medios de comunicación está resultando atractiva para os responsables destas empresas. Con todo, segundo sinalan dende a Xunta Directiva, as necesidades para esta campaña irán en aumento, xa que ademais de equipos dende a categoría benxamín ata a infantil e do equipo sénior feminino, contarán cun conxunto xuvenil, polo que o orzamento incrementarase de forma considerable. Pero, lembran, ao mesmo tempo tamén se incrementará a promoción das empresas que decidan unirse a uns plans de colaboración que permanecerán abertos durante toda a temporada e que, a partires de tan só 60 euros ofrece, ademais da difusión publicitaria no campo de O Leixo e nas publicacións nas redes sociais, o patrocinio de equipacións deportivas a un prezo máis vantaxoso e con máis rendabilidade que na maior parte dos investimentos deste tipo.


Promoven unha iniciativa para traer unha ITV móbil a A Armenteira

Por iniciativa de Daniel Otero, veciño do lugar de Valboa, estase levando a cabo unha recollida de matrículas para solicitar que unha ITV móbil para vehículos agrícolas se despraze ata a A Armenteira. El mesmo se está encargando de reclutar os datos identificativos deste tipo de maquinaria e xa son moitos os propietarios que respaldaron a idea. Boca a boca e lugar a lugar Daniel Otero afánase en convencer aos veciños e veciñas da necesidade de que a parroquia dispoña deste servizo. Colectivos como a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira axiña lle deron o seu apoio e ofrecéronse a recoller os datos a aqueles propietarios que o desexen. Así, os interesados só terán que contactar con este veciño ou coa asociación para conseguir que nunha parroquia eminentemente agraria e na que practicamente en todos os domicilios existe maquinaria deste tipo poida habilitarse un servizo tan necesario como unha inspección técnica de vehículos agrícolas.


domingo, 13 de agosto de 2017

Boas sensacións no primeiro partido de pretemporada do equipo feminino do Armenteira C.F.

O equipo feminino do Armenteira C.F. deixou unhas boas sensacións no primeiro partido de pretemporada, que disputou na mañá deste domingo no campo Manuel Jiménez de Vilagarcía de Arousa ante o Atlético Arousana. O cadro que dirixen por segunda temporada consecutiva Marcial Prado e Junior Tirado presentou un once inicial con Ángeles na portería, Belén Tesouro, Alessandra, Diana e Laura en defensa, Perla Meis, Sofía e Andrea na liña medular, Rocío e Belén Serantes polos costados e Nerea en ataque. Os primeiros corenta e cinco minutos caracterizáronse polo equilibrio e pola orde mostrada polos dous conxuntos.  Un inocente penalti, transformado por Raquel Ruel, permitiu que as locais fosen con vantaxe ao descanso. Na segunda metade o cansanzo das xogadoras fíxose evidente, acrecentado pola forte calor reinante nas instalacións deportivas de Fontecarmoa. Coas liñas cada vez máis separadas e con máis espazos as ocasións incrementáronse por ambas partes e, nesta situación, o maior acerto na definición das futbolistas do Atlético Arousana acabou reflectíndose no marcador final de catro goles a cero a prol das vilagarcianas. Un excelente lanzamento dende o borde da área de Andrea e unha pena máxima errada por Sofía foron as oportunidades máis claras das que gozou o Armenteira C.F. neste segundo período. No encontro puidéronse ver algunhas das caras novas que presenta a entidade verdinegra para a temporada que está a piques de comezar: Belén Tesouro, Perla Meis, Sofía, Andrea, Rocío, Belén Serantes, Nerea, Analía, Noelia ou Vanessa vestiron por primeira vez a camisola verdinegra ante unha afección que se desprazou en número maís ca considerable ata  Vilagarcía de Arousa. A próxima cita será o sábado 19 de agosto no trofeo Divina Pastora no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados.


Gran ambiente na presentación oficial do Armenteira C.F.

O acto de presentación oficial do Armenteira C.F. que tivo lugar na tarde do pasado sábado estivo marcado polo gran ambiente e as excelentes condicións meteorolóxicas. Aproveitando a celebración do Armenteira Jazz a Xunta Directiva do clube verdinegro organizou un evento máis chamativo e vistoso que o que viña realizando os anos anteriores. Conducido por Jorge Dávila, Alessandra Magariños e Eva López o acto deu a coñecer as novidades, os cambios e as continuidades para a temporada 2017/2018. Ao pacto instalado na denominada Praza de Vilar, nos arredores do famoso mosteiro cistercierse, foron subindo os distintos equipos: o equipo prebenxamín e benxamín, o equipo alevín, o equipo infantil e o equipo sénior feminino. Jonathan Crespo e Eva López, Luis e Alba Barral e Marcial Prado e Junior Tirado, adestradores ou adestradoras de cada un destes equipos, acompañaron na platea aos seus pupilos e non perderon a ocasión para dar un pequeno discurso ante o público asistente. Tampouco faltou á cita Nuria González, coordinadora do equipo feminino, que tomou a palabra para destacar o impulso experimentado polo segundo proxecto que o clube emprende con este grupo de rapazas. O peche final correspondeuse coa subida ao palco da Xunta Directiva e co discurso do presidente Martín Casais, que agradeceu a presenza do público e a especial colaboración para esta celebración e coa entidade en xeral da Asociación Terras Altas do Salnés, da Panadería San Antonio, de Viña Roel e de Autoescuela Caldas. As ausencias, particularmente notables no caso dos equipos de categoría cadete e xuvenil, non desluciron un acto que contou cun elevado número de asistentes e que destacou pola axilidade, a vistosidade e o alto nivel organizativo. Para o recordo queda a foto de grupo ante a fachada da igrexa do mosteiro cisterciense, á que se uniu o cura párroco de A Armenteira, Don Ramón Fernández Ramos.




xoves, 10 de agosto de 2017

Os prolegómenos do Armenteira Jazz acollerán a presentación oficial do Armenteira C.F.

A Xunta Directiva do Armenteira C.F. decidiu darlle un novo aire á presentación oficial para a temporada 2017/2018. O acto, que terá lugar o sábado 12 de agosto a partires das 17:30, celebrarase nos prolegómenos do Armenteira Jazz, o festival musical que por segundo ano consecutivo volverá traer o ritmo e a melodía aos arredores do mosteiro cisterciense. No evento daranse a coñecer as novidades que presenta a entidade verdinegra de cara a esta nova temporada. O equipo benxamín, que terá á fronte a Jonathan Crespo e a Eva López, o equipo alevín e o equipo infantil, dirixidos por Luis e Alba Barral,  e o equipo sénior feminino, que volverá ter a Marcial Prado como adestrador, subirán á pasarela da praza de entrada ao adro. A eles únese o equipo xuvenil, unha categoría na que o Armenteira C.F. non competía dende a temporada 2011/2012, e que agora, grazas a un acordo co Umia C.F. que engloba as categorías cadete e xuvenil, permitirá que o clube dispoña dun conxunto a cabalo entre o fútbol base e o fútbol sénior, e que estará baixo a dirección de Valentín Estévez "Tilín". Todo isto nun evento no que non faltarán a música, o bo ambiente e os pinchos que tanta fama dan á entidade de O Leixo.


domingo, 6 de agosto de 2017

Armenteira is different



Aló polos anos sesenta cando en boa parte dos países de Europa se seguía considerando a España como un lugar remoto e aillado dos seus veciños, e incluso había quen dicía que África comezaba nos Pireneos, o ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, promoveu un lema co que pretendía borrar esa mala fama que tiña o país. Ese non era outro que "Spain is different", e con el tratábase de atraer o turismo exterior, aproveitando o clima e as praias españolas. Quería dar a imaxe de que España era un lugar que estaba xa preparado para o turismo, para recibir turistas estranxeiros, un país nin mellor nin peor, un destino exótico e diferente ao dos seus países de orixe. Salvando as distancias e referíndonos a A Armenteira, había quen fai anos daba dela unha visión negativa e deformada, cando en realidade a situación na nosa parroquia non era moi distinta da dos seus lugares de residencia. Nos tempos actuais, superada a ignorancia desas mentes perversas e malintencionadas, e despois do espectacular progreso que viviu esta terra e Galicia e España en xeral, A Armenteira é un territorio moderno e avanzado e que nada ten que envexar a calquera outro. Ao contrario, o seu patrimonio histórico, artístico e natural atrae cada vez a máis visitantes. O entorno do mosteiro cisterciense, a Ruta da Pedra e da Auga, a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela ou as numerosas festas e eventos que se alí se celebran converten a este enclave nun referente turístico a nivel galego e español. Ás xentes dos arredores, doutras partes de Galicia e España que tradicionalmente nos visitaban foron uníndose xentes doutros países. Franceses, alemáns, británicos, italianos, portugueses ou incluso norteamericanos ou orientais déixanse ver polas corredoiras da parroquia e no entorno do mosteiro. Durante todo o ano, pero especialmente durante a Semana Santa e os meses do verán A Armenteira adquire un aire cosmopolita e os arredores deste magnífico conxunto arquitectónico transfórmanse nun universo plurilingüe, no que o galego e o castelán teñen cada vez menos protagonismo. Un exemplo desta universalidade foi a voda que se celebrou o pasado venres 4 de agosto. Deirdre e William, naturais de Irlanda, contraeron matrimonio nunha cerimonia relixiosa oficiada integramente en inglés, e na que o gaélico, idioma orixinario das Illas Británicas, tamén tivo cabida nas tarxetas entregadas aos asistentes. Un frade mercedario do mosteiro de Poio foi o encargado de conducir un acto no que practicamente todos os participantes procedían de máis aló dos Pireneos. Sen dúbida foi unha ocasión máis para demostrar que esta parroquia é un lugar especial, un lugar cun encanto que cautiva a todas aquelas persoas que a visitan, e para indicar que hai algo que cada día está máis claro, algo no que todos e todas que a coñecen están de acordo, e iso é que "Armenteira is different".




venres, 4 de agosto de 2017

Veciños e visitantes reclaman unha reordenación do tráfico nos arredores do mosteiro de A Armenteira

A elevada afluencia de visitantes que nestas datas estivais recibe A Armenteira, en especial os arredores do mosteiro cisterciense, está provocando problemas de circulación e estacionamento de vehículos, o cal que levou a que tanto os residentes na zona como as persoas que a visitan comezasen a expresar as súas queixas. A presenza de automóbiles e autobuses indebidamente estacionados, a difícil convivencia do tránsito de vehículos a motor cos numerosos peóns que se dan cita nestes días no lugar e a necesidade de espazos libres de tráfico e destinados de forma prioritaria ao disfrute cidadán son algunhas das súas principais reclamacións. Colectivos como a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira levan tempo propoñendo a aprobación dunha reordenación de tráfico e estacionamento neste entorno. Indican que debería levarse a cabo unha peonalización ou semipeonalización da zona que permitise que tanto vehículos como cidadáns puidesen facer uso do entorno sen entorpecerse nin poñer en perigo a seguridade viaria. Segundo sinalan "os perigos de atropelo son cada vez máis evidentes e calquera día pode ocurrir unha desgraza",  indican que "debería prohibirse o estacionamento de vehículos entre os pivotes no treito que sube da Ponte Xoán ao adro, instalando cadeas ou elementos similares" e suxiren que "a parte que vai dende o adro ata o cemiterio, incluíndo a praza situada entre os locais de hostalería, debería ter un uso fundamentalmente peonil, permitindo o acceso exclusivo aos residentes nas vivendas dos arredores do mosteiro cando o precisasen". O atractivo turístico que supón o mosteiro cisterciense, un conxunto arquitectónico que comezou a construírse no século XII, unido á chegada de camiñantes a través da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela e da Ruta da Pedra e da Auga, provoca unha elevada congregación de persoas na zona, un feito que contribúe a dar un ambiente máis animado e favorece o negocio dos locais da zona, ademais de promocionar e potenciar a imaxe deste enclave. Pero, tal e como afirman estes colectivos, sería urxente implantar unha reordenación que permitise un mellor uso e disfrute do entorno.




martes, 1 de agosto de 2017

Unha charla e un obradoiro para advertir dos perigos da vespa velutina

Tradicionalmente as avespas non gozaron da simpatía da xente. A diferenza das abellas, as avespas, avésporas, vespas ou nespras, nomes cos que son coñecidas, non perden o ferrete cando pican e non producen mel. Isto último, unido á forte dor que producen as súas picaduras, fixo que a presenza dos seus niños provocase pánico entre a poboación. Con todo, esta especie de insectos, da orde dos himenópteros, realizan unha importante labor no ecosistema. Encárganse de controlar de forma natural boa parte das pragas, xa que case todos os insectos considerados praga teñan a avespa como predador natural. Constrúen os seus niños de papel en forma de pelota en zonas elevadas ou baixo terra. A vespa raíña comeza soa a elaborar o niño, pero axiña cede o seu traballo a un crecente número de obreiras. Estes fogares colectivos poden albergar ata 5.000 obreiras e ter un diámetro de 50 centímetros. As obreiras morren no inverno, pero novas raíñas sobreviven ata a primavera seguinte. Pero dende fai uns anos este animal está cedendo protagonismo a outro insecto da súa mesma especie. Ese non é outro que a vespa velutina, ou vespa asiática, chamada así por ter orixe nese continente, dende onde chegou a Galicia, onde se instalou con facilidade debido á similitude do clima co das súas zonas de orixe. Considerada unha especie invasora, a vespa velutina chega a triplicar en tamaño ás vespas europeas ou ás abellas. Soe establecer os seus niños no alto das árbores, en colonias de máis de mil individuos. A súa chegada supuxo unha ameaza para a abella doméstica, da que se convertiu na principal depredadora. Aínda que a súa picadura non supón maior perigo para o ser humano cá das súas parentes europeas, si pode causar graves problemas de saúde no caso de que as picadas sexan múltiples ou no caso de persoas alérxicas ao seu veleno.

A proliferación de niños e o perigo que supoñen para ecosistema está provocando que a preocupación respecto da vespa velutina estea indo en aumento nos últimos tempos. Os medios de comunicación, os centros de ensino ou as institucións públicas veñen promovendo actividades para alertar deste problemática e para instruír á poboación en técnicas que permitan eliminar ou, canto menos, reducir a súa presenza. Unha desas actividades terá lugar este mércores en Meis. Será a charla informativa sobre a praga da vespa velutina que se celebrará no Centro Multiusos de O Mosteiro este mércores  2 de agosto a partires das 21:00 horas. O coloquio irá acompañado dun obradoiro para facer trampas, co que os asistentes poderán dispoñer dunha ferramenta co que facer fronte á ameaza que representan estes insectos. Coa celebración deste acto preténdese concenciar á poboación do risco que implica esta praga e inducir a que as administracións públicas actúen con maior eficacia para erradicala. As avespas europeas, as abellas, as persoas e o medio ambiente en xeral están gravemente ameazadas se non se detén o avance da vespa velutina.