A Armenteira viviu este mércores un dos enterros máis multitudinarios que se recordan. O falecemento na madrugada do pasado luns de Javier Martínez Ucha "Chicho" nun tráxico accidente de tráfico causou unha profunda conmoción na parroquia e foron moitas as persoas que se desprazaron ata o seu domicilio nas horas posteriores ao suceso, ao tanatorio de Ribadumia, onde se velou o seu cadáver, e ata a igrexa do mosteiro de Armenteira, onde tiveron lugar as exequias fúnebres e o enterro. "Chicho" era unha persoa moi querida e aprezada polos veciños, á que todos recordan pola seu carácter aberto e a súa cercanía, e que sempre estivo moi implicado nas actividades sociais e culturais e nas entidades representativas da parroquia. Aos seus 36 anos contaba xa cun amplo currículum de colaboracións. Formou parte do Armenteira C.F., primeiro como xogador dos equipos da base e logo como membro da Xunta Directiva, na que durante uns anos ocupou o posto de vicepresidente. Nas últimas temporadas continuou ligado ao deporte militando no Armenteira Veteranos e participando activamente nos eventos ciclistas. Tamén foi durante varios anos un dos integrantes máis recoñecidos da Comisión de Festas O´Noso e actualmente era un dos representantes da Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte. Por todo elo estes días vivíronse con extrema tristura nunha parroquia que quixo expresar o tremendo cariño que sentía por el acudindo en masa á súa despedida e gardando un respectuoso silenzo durante a misa de funeral e o traslado do seu corpo ao cemiterio. Algunha das entidades das que formou parte xa anunciou que nos próximos días levará a cabo algún acto para recordar e homenaxear a súa figura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario