Buscar neste blog

xoves, 30 de marzo de 2017

Empate sen goles do equipo infantil do Armenteira C.F. en Monte Redondo

O equipo infantil conseguiu un valioso empate sen goles no partido disputado na tarde deste xoves no campo de Monte Redondo, en Corón, ante a S.D. Chispa. O partido, correspondente á xornada 25, a disputar a próxima fin de semana, e adiantado a petición do clube local, medía a dous rivais directos na zona media-alta da táboa clasificatoria do grupo 9 da Segunda autonómica infantil. A importante ausencia de Santi na zona defensiva, foi cuberta polo adestrador verdinegro, Valentín Estévez Tilín” coa convocatoria do xogador do equipo de categoría alevín Adri, que formou no once inicial. No medio dunhas meteorolóxicas adversas, baixo unhas trombas de auga que fixeron perigar a celebración do encontro, S.D. Chispa e Armenteira C.F. xogaron un partido igualado, discreto, no que, a pesares da sucesión de alternativas nunha e noutra área, o equilibrio e a falta de acerto foron a nota predominante. O cadro visitante puido levarse os tres puntos en dúas claras ocasións das que disfrutou na segunda metade, pero a inspiración non acompañou ás accións ofensivas do conxunto de O Leixo. Tampouco estivo inspirada a formación local, na que os bos conceptos e os argumentos futbolísticos que soen caracterizar a este equipo, composto fundamentalmente por nenas, e sobriamente dirixido pola adestradora de Barrantes Cristina Escudeiro, non deron froito nesta chuviosa tarde en Corón. Con este empate o Armenteira C.F. mantense na novena posición, con trinta e seis puntos, a tres da S.D. Chispa, aínda que cun partido disputado menos. A próxima xornada, os rapaces e rapazas que comanda Tilín” deberán recibir no campo de O Leixo ao Atlético Cuntis, un conxunto situado a once puntos da escadra verde e negra.



luns, 27 de marzo de 2017

Valiosa e traballada vitoria do equipo feminino do Armenteira C.F. ante o Atlético Estrada E.D.

O equipo feminino do Armenteira C.F. conseguiu este domingo unha valiosa e traballada vitoria ante o Atlético Estrada E.D. Nunha fresca tarde foron numerosos os afeccionados que acudiron á chamada da Xunta Directiva, que a través de carteis, das redes sociais ou do boca a boca tratou de mobilizar a todas as persoas ao seu alcance para que prestasen o seu apoio a estas rapazas neste importante e trascendental partido. O cadro técnico que compoñen Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou un once inicial con Uxía na portería, Laura, Alessandra, Naomi e Fátima en defensa, Raquel, Diana e Karla na liña de medios, Ana Lorenzo polo costado dereito, Paula polo costado esquerdo e Ana Martínez na punta de ataque. Nada máis darse por iniciado o encontro as esperanzas locais parecían crebarse cando, no minuto 3, Fátima tratou de despexar un balón que foi a tropezar nunha compañeira e caiu ao pés de Sandra Domínguez, que batiu a Uxía. Co resultado en contra o Armenteira C.F. lanzouse ao ataque, e atopou a súa principal vía de acceso nos balóns en diagonal cara Paula, que se convertiu nun auténtico Puñal polo lado esquerdo. Ata dúas ocasións claras tivo a extremo de Pontevedra, nas que a fortuna e os nervios a traizoaron, ata que Ana Martínez se quedou soa ante a meta estradense e puxo o empate no marcador. De novo Ana Martínez, dous minutos despois, recibiu un balón en profundidade, e coa serenidade e a calidade que a caracterizan, bateu á meta Cristina Fernández e colocou por diante ás verdinegras. Non tardaría moito en reaccionar o Atlético Estrada E.D. e aproveitando o desconcerto defensivo das locais poría de novo a igualada no marcador. A resposta do Armenteira C.F. volveu pasar polos lanzamentos en profundidade que atopaban a Ana Martínez ou ben á velocidade de Paula, que en dúas arrincadas lograba sendos goles que parecían encarrilar o partido para as de O Leixo. Xa na segunda metade Ana Martínez completaba o seu hat-trick para tranquilizar a unha afección que vía que desta volta o triunfo se ía quedar na casa. Pero a saída do terreo de xogo de Naomi, que por motivos laborais tivo que abandonar o terreo de xogo, e o cansanzo das xogadoras do Armenteira C.F., que só dispoñían dun recambio, fronte ás catro suplentes que reforzaron ás estradenses, provocaron que a recta final do encontro tivese por escenario principal a metade de campo defendida polas verdinegras. Nunha desas aproximacións visitantes, unha indecisión entre as centrais, que trataban de despexar de cabeza, e a porteira, deixou o balón para que unha dianteira rival recurtanse distancias. Pouco despois a mala fortuna contribuiu a dar aínda máis emoción ao partido. Un balón raso e suave xogaba unha mala pasada a Uxía e escapábase ao fondo das mallas. Quedaron por diante dez minutos intensos nos que as futbolistas do Armenteira C.F. se defenderon con garra para amarrar unha vitoria por cinco goles a catro, a segunda que acadan na presente temporada, e que supón o premio xusto e merecido ao sacrificio que semana a semana e partido a partido realizan estas mozas nunhas circunstancias non demasiado favorables e cuns resultados adversos que non diminuiron o seu ánimo nin a súas gañas de seguir aprendendo e progresando. Foi un exemplo de compromiso e implicación a nivel colectivo que buscarán repetir o próximo domingo na cita que terán no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante o Atlético Arousana, décimo clasificado con vinte puntos.






sábado, 25 de marzo de 2017

O Armenteira Veteranos afúndese nos últimos minutos en O Pombal ante o Cafetería Vilariño

O Armenteira Veteranos caiu derrotado por catro goles a dous no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de O Pombal ante o Cafetería Vilariño-Cambados. Cun plantel moi limitado en canto a número de efectivos, só doce xogadores presentou o cadro verdinegro sobre as instalacións deportivas cambadeses, os de A Armenteira realizaron un partido completo e competiron de igual a igual ante un conxunto que se sitúa na terceira praza da clasificación e que está entre os máis claros candidatos ao ascenso de categoría. Foron os locais os que se adiantaron por mediación de Adrián Vilas ao que os de A Armenteira deron resposta a través dun Jorge Castro que volveu ser o seu futbolista máis incisivo. Un penalti errado polos verdinegros iniciaría un conxunto de fatalidades que levarían á perda dun encontro no que estiveron nunha disposición máis que favorable para levarse os tres puntos. A falta de vinte minutos para a finilización do partido Jorge Castro convertía en gol un lanzamento de falta pero, a partires de entón, o cansanzo e os problemas físicos do Armenteira Veteranos comezaron a pasar factura. De novo Adrián Vilas remachaba na área pequena un balón que caiu nos seus pés, e dúas xogadas orixinadas por Adrián Ferreiros, un corpulento pero habiloso atacante, acabarían co coiro no fondo das mallas defendidas por Joserra. Para resarcirse desta derrota, o Armenteira Veteranos, que continúa unha semana máis na décima posición, volverá probar sorte o próximo sábado repetindo visita ao campo de O Pombal, aínda que nesta ocasión será para medirse ao Albariño Veteranos, quinto clasificado con corenta e seis puntos.


O equipo infantil do Armenteira C.F. derrota de novo e recurta distancias co Unión Dena C.F.

O equipo infantil do Armenteira derrotou por tres goles a un ao Unión Dena C.F. no partido disputado na tarde deste sábado no campo de O Leixo. Ante un agradable ambiente e unhas poboadas bancadas os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín" superaron con éxito unha dura proba, ao igual que xa fixeran na primeira volta, cando tamén lograran levarse os tres puntos de As Cachizas. O encontro tiña varios alicientes a engadir a rivalidade pola proximidade entre ambas localidades e a escasa diferenza na táboa entre ámbolos dous conxunto. Un deles era a presenza no banquillo visitante de José Agís "Pichi", ex-adestrador do Armenteira C.F. e que dirixiu durante a súa etapa prebenxamín a algúns dos xogadores do cadro verdinegro aos que se mediu este sábado. Pola súa contra, "Tilín", que tivo que cumprir sanción tras a expulsión do pasado sábado en Ribadumia, presentou un once inicial con Sergio Casal na portería, Migui, Xoán, Santi e Sebas en defensa, Carlos e Jose Otero como mediocentros. Álex Ruel e Andrés Liu nos costados, Hugo na mediapunta e Piñeiro en ataque. O encontro caracterizouse pola intensidade dende os primeiros intres. Alternábanse as aproximacións á área rival dun e outro equipo. A seguridade de Sergio Casal baixo paus impedía que os balóns longos ás costas dos centrais que enviaban os de Dena, e que tanto dano facían ao Armenteira C.F., tivesen maiores consecuencias. Un saque de córner cabeceado ao fondo da rede verdinegra por Edu Baquero adiantaba aos visitantes. Non tardarían moito en respostar os locais e Jose Otero colocaba un disparo de media distancia no fondo das mallas defendidas por Roberto García. Sen agardar ao descanso, unha gran xogada individual de Álex Ruel, na que se desfixo da varios contricantes, era rematada en gol tras un potente zapatazo do mediocampista de Meaño, que fai anos militou no Unión Dena C.F. e ao que tanto añora a afección de As Cachizas. Á volta do descanso os visitantes aumentaron o ritmo de xogo e cercaron a meta de Sergio Casal, pero o Armenteira C.F. defendeu con orde e mostrouse sólido interceptando as accións de ataque dos branquiazuais, que pecaron tamén de falta de puntería. Unha excelente asistencia de Hugo era culminada por Piñeiro para poñer a tranquilidade dunha afección local eclipsada polos enferverorizados ánimos dos afeccionados que se desprazaron dende Dena. Os cambios de xogo e disposición táctica realizados por "Tilín", destacando sobre todo a colocación de Álex Ruel no centro da zaga, fixeron que os locais non pasasen por excesivos apuros na recta final dun partido que remataría cunha vitoria por tres goles a un que mantén ao Armenteira C.F. na novena posición con trinta e cinco puntos. A próxima cita para a escadra verde e negra será o xoves 30 de marzo, a partires das 19:30 horas, no campo de Monte Redondo, en Corón, ante a S.D. Chispa, un posto por enriba e con tres puntos de vantaxe sobre o conxunto de O Leixo.





Nova vitoria dun equipo alevín do Armenteira C.F. que continúa con paso firme na loita polo liderato

O equipo alevín logrou vencer por un gol a seis no partido que disputado na tarde deste sábado ante o Barro C.F. O encontro, que a petición do Barro C.F. ao que lle correspondeu exercer de local, tivo lugar nun campo de O Leixo que rexistrou unha notable asistencia. A boa marcha do conxunto que dirixen Luis e Alba Barral, a disputa a continuación do partido do equipo infantil da entidade verdinegra e o agradable ambiente que semana a semana se potencia dende a Xunta Directiva animaron a un número importante de persoas a desprazarse cara o lugar de O Busto para disfrutar dun espectáculo que de seguro non os defraudou. Xa no minuto 2 Junior adiantaba ao Armenteira C.F. e a partires de entón o dominio foi sempre exercido polos de O Leixo. Pero non resultaba fácil adentrarse na nutrida defensa dos de Barro. A corpulencia dos futbolistas da zona central do equipo visitante e a insistencia dos xogadores verdinegros en entrar por dentro dificultaban as operacións. Habería que agardar a que Manu Meixús resolvera con elegancia ante o meta Brais Iglesias para que a situación se tornase definitivamente favorable. Adri tras un lanzamento de falta e, xa no segundo período Brais Santamaría tras golpear o coiro de forma involuntaria nun dos seus brazos, Íñigo ao recoller un rexeitamento do porteiro tras un golpe franco e Manu Meixús despois doutro excepcional lanzamento de falta completarían o botín goleador dos de A Armenteira. Só un disparo de El Mehdi Namiri, facilitado pola débil presión dos defensores do Armenteira, permitiría aos visitantes anotar o seu único tanto da tarde. Con este triunfo a escadra que adestra Luis Barral mantense na segunda praza da táboa, con trinta puntos, a só un punto do C. Xuventú Sanxenxo, co que prosegue na dura pugna por lograr un campionato dunha liga que esta fin de semana daba por rematada a primeira volta. A próxima fin de semana estes rapaces e rapazas volverán asaltar o liderato na esixente cita que terán no campo de A Granxa ante o Domaio F.C., cuarto clasificado con vinte puntos.




Boa imaxe do equipo benxamín do Armenteira C.F. no último partido de liga

O equipo benxamín do Armenteira C.F. despediu este sábado o campionato de liga da Seguna Fase Benxamín, no seu grupo 64A,  danto unha imaxe máis que aceptable ante o Céltiga F.C. Nunha mañá fresca en O Leixo os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral fixeron fronte a un dos conxuntos máis potentes do grupo, que ademais forma parte dunha das canteiras máis numerosas e prolíficas da comarca, como é a do clube de A Arousa. O equilibrio e as alternativas nunha e outra área foron a nota dominante dende o inicio do encontro e non sería ata o minuto 21 cando Max Rial conseguía resolver unha xogada na área e bater a Sara Otero. Na segunda metade mantívose a igualdade, pero a falta de claridade nas xogadas de ataque do cadro verdinegro e a maior pegada dos visitantes, permitiría ao Céltiga F.C. acadar dous novos goles por mediación de Eric García e Jorge Willisch. A réplica do Armenteira C.F. veu unha vez máis a través dun Brais Charlín menos inspirado que noutras ocasións que, tras internarse na zona esquerda da área rival, colocou o balón no fondo das mallas, lonxe do alcance do meta Borja Dacosta. Este resultado final de un gol a tres deixa ao conxunto de O Leixo na oitava posición, mentres que os de A Illa de Arousa rematan finalmente da segunda posición, con trinta e un puntos. Agora será tempo de Copa Deputación e de torneos para todos estes equipos de categoría benxamín. Para o Armenteira C.F, será a oportunidade de continuar coa progresión que foron experimentando ao longo dunha temporada na que os avances foron máis que evidentes, na que lograron puntuar en cada unha das dúas fases, e na de seguro que acadarán algún logro máis antes do 30 de xuño.


xoves, 23 de marzo de 2017

O valor do triunfo

Sóese dicir que máis que gañar ou perder o importante é participar. Para o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. está premisa é basica, e foi comunmente aceptada por todas aquelas persoas que, dunha maneira ou outra, colaboraron na posta en marcha deste proxecto. A inexperiencia era a nota característica. A primeira vez na historia que a entidade competía cun equipo feminino, un grupo de xogadoras, un excelente grupo humano, pero sen apenas experiencia no fútbol, un cadro técnico pouco afeito a estas circunstancias... Todo un cúmulo de factores que facían prever que ía ser unha temporada difícil en moitos aspectos. Se ben é certo que os resultados non se deben medir exclusivamente en vitorias ou derrotas, e esa foi a filosofía que asumiron os responsables do proxecto, neste senso a sorte non foi favorable para estas futbolistas. Pero o traballo, as gañas, a ilusión e a identificación coas cores verdinegras de todas as persoas que se embarcaron nesta singladura non decaiu e, aló polo 20 de novembro do pasado ano chegou o premio. Nunha tarde fría e chuviosa no campo Manuel Regueiro de A Estrada estas rapazas lograron vencer e lograr un triunfo que quedará inscrito con letras de ouro na historia do Armenteira C.F. Non fora un partido fácil. Os nervios, a tensión coa que xogaron ámbolos dous conxuntos, a lesión da porteira Uxía... Moitas dificultades ás que lograron sobrepoñerse cunha coraxe envexable.

Pasaron catro meses dende entón e este domingo estas mozas teñen de novo a oportunidade de atoparse coa gloria. O Atlético Estrada E.D. visita O Leixo para disputar un duelo no que se porá en xogo o orgullo e a valía dous equipos modestos que loitan por facerse un oco nunha modalidade deportiva á alza. O valor relativo que pode ter o triunfo para outros moitos equipos adquire aquí un carácter especial. Acostumadas a convivir con resultados adversos o 26 de marzo o Atlético Estrada E.D. e o Armenteira C.F. tratarán de prantar cara ao destino e lograr a merecida recompensa ao sacrificio de toda unha temporada. Para elo, é preciso que todos e todas, e que esa afección que, de forma acondicional, as leva acompañando partido tras partido, poñan o seu grao de area para que o valor do triunfo, ese valor relativo ou non, poida ser disfrutado por estas valerosas xogadoras. A Xunta Directiva do Armenteira C.F. non escatimará esforzos, e ao bo ambiente, ao sabor dos pinchos que serven habitualmente nos partidos agarda engadir o sabor da vitoria.



sábado, 18 de marzo de 2017

O Armenteira Veteranos cumpre e vence con claridade ao Catoira Veteranos

O Armenteira Veteranos venceu con claridade ao Fonte da Garza-Catoira Veteranos no partido disputado na tarde deste sábado no campo de O Leixo. O marcador final de catro goles a cero reflicte a superioridade que mostraron os de José Luis Galiñanes, que cumpriron co papel de favoritos que lles outorgaba a situación na táboa clasificatoria e lograron encadear dúas vitorias consecutivas despois de varios meses sen facelo. O conxunto verdinegro presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Óscar, Marcos e Portas en defensa. Marcial, Javi, Jorge Castro e Joseíño na liña de medios, e Galiñanes e Manueliño en ataque. A intensa calor coa que nos agasallaron estes días de despedida do inverno condicionou un encontro no que o ritmo lento e tedioso que impuxeron os de Catoira acabou contaxiando ao Armenteira Veteranos. Serios e ordenados e intentando trazar un xogo combinativo dende a zona defensiva, sen dúbida a súa liña máis potente, os futbolistas das terras viquingas parecían máis asentados e fixéronse coa batuta do xogo nos primeiros minutos. Os locais, imprecisos e faltos de presenza no mediocampo, buscaban facer dano por banda e contactar cuns atacantes que se perdían entre a seguridade dos centrais do equipo rival. Apenas sentía perigo Joserra e a cuestión era abrir a lata. É o Armenteira Veteranos un conxunto que se sente máis cómodo ante contricantes que deixan espazos polos que poden penetrar os seus veloces e incisivos atacantes. E sería Jorge Castro, ocupando xa a posición de dianteiro, o encargado de marcar o camiño do gol aos seus compañeiros. O dianteiro de Vilar recibiu en profundidade e definiu con suavidade ante a saída de Francisco García. Con esta vantaxe ao descanso todo parecía máis fácil para os de O Leixo. Sen forzar demasiado a máquina, o renda dos locais íase incrementando ao tempo que os problemas físicos mermaban aos futbolistas de Catoira. Un gran centro de Manueliño era recollido e enviado ao fondo das mallas rivais por un Galiñanes que volvía a anotar por segundo partido consecutivo. Manueliño, cun excepcional disparo dende fóra da área á escadra poñía o tres a cero e, de novo, Manueliño lograba culminar dentro da área unha combinación en ataque para fixar o catro a cero. Habería máis ocasións para os locais, especialmente nos pés de Rafa, que quixo probar o seu excelente disparo dente media e longa distancia, pero o marcador xa non se movería. Con este triunfo o Armenteira Veteranos consolídase na parte media da táboa, na décima posición con trinta e un puntos. O próximo sábado, os verdinegros deberán desprazarse ata o campo de O Pombal para medirse a un dos conxuntos máis potentes do grupo, o Cafetería Vilariño-Cambados, terceiro clasificado con cincuenta puntos.





O líder e a polémica arbitral derrotan ao equipo infantil do Armenteira C.F. no campo de A Senra

O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por catro goles a cero ante o C.D. Ribadumia no partido disputado na tarde deste sábado no campo de A Senra-2 ante o C.D. Ribadumia. Era unha cita tremendamente esixente para os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín", xa que o rival é o líder destacado e conta cun potencial bastante superior ao de calquera outro conxunto do grupo. Con todo, o equipo infantil do Armenteira C.F. mantivo a compostura, especialmente nos primeiros minutos, e con orde e sacrificio colectivo soubo prantar cara á escadra aurinegra. O gol de Manuel Mougán poñía de cara o encontro para os locais, pero non sería ata o segundo período, cando unhas controvertidas decisións do colexiado Piñeiro Docampo, tremendamente protestadas polo adestrador visitante Valentín Estévez "Tilín", marcarían definitivamente o rumbo dos minutos restantes. No medio da polémica dous goles caerían a prol do C.D. Ribadumia, mentres un desesperado "Tilín" era sancionado cun cartón vermello directo por un colexiado moi condicionado polo ambiente e a presión, e que non estivo demasiado afortunado sobre o céspede artificial das modernas instalacións deportivas de Santa Baia. Este resultado mantén na novena posición a unha formación verdinegra que terá unha difícil cita a próxima fin de semana no campo de O Leixo ante un rival directo na zona media-alta da táboa, o Unión Dena C.F., sétimo clasificado con trinta e oito puntos, seis máis ca os de A Armenteira.


Bo partido do equipo benxamín do Armenteira C.F. ante a A.X. Saraiba do Mar

O equipo benxamín deu unha máis que aceptable imaxe no partido que disputou na tarde deste sábado ante a A.X. Saraiba do Mar no campo de O Leixo. A intensisade e a igualdade foron dúas notas prediminantes nun encontro no que o equilibrio entre ámbolos dous conxuntos foi unha constante durante boa parte do tempo. A importante baixa de Ainoha supoñía un serio contratempo ao que tratou de facer fronte o plantexamento do corpo técnico que forman Luis e Alba Barral. Tras uns primeiros minutos de equilibrio, axiña se adiantarían os locais ao culminar Mateo Besada unha xogada na que viu favorecido polas facilidades defensivas que lle deu o Armenteira C.F. Trataría de reaccionar o equipo de O Leixo, e foi nunha destas aproximacións cando Uxía, tras unha extraordinaria serie de regates de Brais Charlín, recollía un balón que volvía despois de impactar no poste dereito e colábao no interior das mallas  defendidas por Mateo Besada. Co resultado de empate ao descanso, parecía que o  Armenteira C.F., comezaba a ilusionarse con poder aumentar o seu casilleiro de puntos. Pero o cansanzo, a maior experiencia e a calidade nos metros finais contribuiron a que os de Portonovo acabasen levándose os tres puntos. Puideron os de O Leixo acadar algún tanto máis, guiados principalmente pola potencia dende a zona de mediocentros de Sara Otero, e pola capacidade de desequilibrio na zona de ataque de Brais Charlín, pero nin a sorte nin a puntería estiveron do seu lado. O resultado final de catro goles a un mantén ao equipo benxamín do Armenteira C.F. na oitava praza, da que tratará de subir a próxima fin de semana, na que será a última xornada de liga,  cunha vitoria ante o Céltiga F.C., terceiro clasificado con vintecinco puntos.


Cómodo triunfo ante o C.D. Lérez que sitúa ao equipo alevín do Armenteira C.F. coma líder provisional

O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu un cómodo triunfo por dez goles a cero ante o C.D. Lérez no partido que disputaron ámbalas dúas escadras na mañá deste sábado no campo de O Leixo. O cadro que adestran Luis e Alba Barral partía como claro favorito ante a escadra do C.D. Lérez, un conxunto que forma parte da estrutura de fútbol base do Pontevedra C.F., e esa superioridade xa se mostrou nada máis darse por iniciado o encontro. Con apenas uns segundos de xogo Manu Meixús resolvía de forma maxistral unha xogada colectiva e, a partires de entón, o maior potencial futbolístico e físico do Armenteira C.F. foise plasmando pouco a pouco nun marcador que reflectiu ben ás claras esta diferenza de nivel. Cinco tantos de Manu Meixús, dous de Adri, un de Fran tras un lanzamento de falta, outro de Íñigo e finalmente outro de Brais Santamaría foron a testemuña nun partido que lle outorgou tres novos puntos a un conxunto verde e negro que esta semana non só estreaba unhas flamantes camisetas, senón que tamén se coloca no liderato do grupo 63A da Segunda fase alevín, á espera do que suceda no partido trasladado para o próximo martes ás 17:00 horas no campo de O Pombal entre o C. Xuventude Cambados e o C. Xuventú Sanxenxo. De producirse un empate ou de vencer os locais, esta posición de liderato sería xa oficial para os rapaces e rapazas do clube de O Leixo. Está sendo unha segunda fase especialmente exitosa para os pupilos de Luis Barral, que xornada a xornada ofrecen un recital de fútbol, destacando sobre todo a riqueza e a variedade de recursos ofensivos, que os colocan actualmente como o conxunto máis goleador do grupo. A próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. terá unha nova oportunidade para seguir na competida loita polo título de campión de liga no partido que vai disputar no campo de Outeiro-Perdecanai ante o Barro C.F., décimo clasificado con sete puntos.


luns, 13 de marzo de 2017

O C.D. Unión fulmina as esperanzas do equipo feminino do Armenteira C.F.

O C.D. Unión venceu por cero goles a oito ao equipo feminino do Armenteira C.F. nun partido que medía ao décimo primeiro clasificado, o equipo rianxeiro, e ao décimo segundo, o cadro que dirixe Marcial Prado. Tan só tres puntos separaban a ámbolos dous conxuntos, polo que de lograr vencer as de A Armenteira estaría en disposición de subir algún chanzo na clasificación. Pero por desgracia para as xogadoras verdinegras e para a súa incondicional afección non foi así. O cadro técnico que encabeza Marcial Prado presentou un once inicial con Uxía de gardamallas, Laura, Alessandra, Diana e Fátima en defensa, Ana Martínez, Naomi e Ana Abal no mediocampo, Ángeles e Paula polos costados, e Mar en ataque. As ilusións locais axiña se virían abaixo cando Laura Gómez se aproveitou dunha serie de fallos e imprecisións defensivas para levar o coiro ao fondo das redes defendidas por Uxía. Puideron aumentar a vantaxe as rianxeiras tras unha pena máxima sinalada polo colexiado Pérez Malvido por mans de Alessandra, unha decisión moi protestada polos afeccionados do Armenteira C.F. ao considerar que se trataba dunha acción involutaria e que ademais tivera lugar fóra da área. O erro da lanzadora puxo xustiza ao erro arbitral, pero non tardaría moito Laura Gómez en anotar un novo tanto para o seu equipo, que se iría ao descanso con cómodo resultado de cero a tres. Á volta do tempo de lecer outra vez Laura Gómez daba por finalizadas as esperanzas de remontada do Armenteira C.F. con dous novos tantos que, xunto cos anotados por María Cerneira e Maite Novo completaban a goleada coa que o conxunto de O Barbanza se levou os tres puntos de O Leixo. As locais dispuxeron dalgunha oportunidade, as máis claras estiveron nos pés de Paula e de Mar, pero a fortuna este domingo non estivo do lado das futbolistas das terras cistercienses. O próximo domingo estas xogadoras volverán probar sorte na difícil cita que terán ás 12:15 horas no campo de Vista Alegre ante a E.F.M. Concello de Boiro, o cadro que ocupa o liderato do grupo con cincuenta e dous puntos.


Importante triunfo do equipo alevín do Armenteira C.F. tras un intenso e emocionante partido en Cambados

O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu un importante triunfo na visita que na mañá deste domingo realizou ao campo de O Pombal, en Cambados, onde se enfrontou ao C. Xuventude Cambados. Era un duelo de gran rivalidade e que se prevía intenso, como así foi, medía ao segundo clasificado, o cadro que dirixe Luis Barral, e ao que ocupa o terceiro posto. O técnico de Barrantes que non puido contar con Brais Santamaría nin con Álex Grigorio, baixa a última hora, dispuxo un equipo inicial con Jose Domínguez na portería, Fran e Andrés Fernández como centrais, Javi por diante da defensa, Íñigo no mediocentro, Manu Meixús pola banda dereita, Junior pola esquerda e Adri en ataque. O inicio do de claro dominio verdinegro. A motivación coa que saiu o Armenteira C.F. traduciuse xa no primeiro minuto co tanto que logrou Junior cun potente disparo tras unha xogada persoal. Pouco tardou en reaccionar o conxunto local, e aproveitando un erro na saída do balón dos de A Armenteira Francisco Serto poñía e igualada. Este gol non supuxo un freo ás intencións dos verdinegros e Adri, coa voracidade que o caracteriza, anotaría dous novos tantos que parecían dar certo alivio á nutrida afección que se desprazou ata O Pombal para animar aos de O Leixo. Un erro similar ao que dera lugar ao primeiro gol dos de Cambados, permitiría que Pablo García acadase o segundo gol para os seus e apretase o marcador. Unha estratexia no saque de córner, na que un futbolista cambadés despitou á defensa verdinegra ao deixar pasar o balón polo medio das súas pernas, acabaría no fondo das redes defendidas dun Jose Domínguez que pouco puido facer ante o disparo de Francisco Bugallo. Antes de chegar ao descanso Adri, e logo, xa na segunda metade, Íñigo e Manu Meixús volvían a poñer terra de por media para os visitantes pero, un contraataque no que os futbolistas do C. Xuventude Cambados se levaron varios balóns divididos e un rexeitamento tras un lanzamento de falta que se escapou das mans de Jose Domínguez darían dous novos goles ao conxunto amarelo nun desenlace do encontro que resultou especialmente emocionante. Con esta importante vitoria, o Armenteira C.F. mantense na segunda posición, con seis puntos de distancia sobre o seu rival deste domingo, que segue na terceira praza, e sitúase a só un punto do C. Xuventú Sanxenxo, que só puido empatar no partido que disputou no campo de As Lombas ante o Catoira S.D. Restan dous partidos para rematar a primeira volta e toda a segunda volta, polo que o camiño aínda se prevé longo e difícil para os nenos e nenas que dirixe Luis Barral, pero a escadra verdinegra depende de sí mesma para loitar por un campionato de liga que sen dúbida sería o mellor premio ao traballo e implicación do magnífico grupo humano que forma e rodea este equipo. Para continuar con esta exitosa ruta intentarán vencer a próxima fin de semana en O Leixo ao C.D. Lérez, un conxunto que pertence á estrutura de fútbol base do Pontevedra C.F. e que ocupa a oitava posición con once puntos.


sábado, 11 de marzo de 2017

Jorge Castro guía ao Armenteira Veteranos cara un gran triunfo en Barrantes

O Armenteira Veteranos conseguiu un importante e traballado triunfo por catro goles a cinco na visita que na tarde deste sábado fixo ao campo de A Bouza, en Barrantes, para medirse ao Umia C.F.-Boa Vila, no que o protagonismo volveu recaír unha vez máis en Jorge Castro, autor de catro dos cinco tantos verdinegros, que foi un auténtico pesadelo para unha defensa local que se mostrou fráxil e insegura. O conxunto de O Leixo formou con Joserra baixo paus, Jorge Dávila, Carlos, Portas e Richi en defensa, Marcial, Javi, Rafa e Joseíño na liña medular, e Jorge Castro e Galiñanes na punta de ataque. Os primeiros minutos foron de equilibrio, nos que o Umia C.F.-Boa Vila se esforzaba en expoñer o seu xogo combinativo mentras que os de A Armenteira se defendían con garra e, dirixidos por Javi dende a zona de mediocentros, trataban de chegar rápido posible á zona de ataque, onde buscaban con insistencia a presenza de Jorge Castro. Foi precisamente o dianteiro de Vilar o que adiantaría aos seus ao finalizar con gran precisión unha xogada de contragolpe. Pouco duraría a alegría para os verdinegros, pois unha pena máxima sinalizada polo colexiado Fernández Rodríguez sería transformada por Martín Barral. A réplica do Armenteira Veteranos viría novamente da man de Jorge Castro que, culminando outro contraataque e recollendo un rexeitamento do meta Tucho, lograría dous novos tantos que poñían unha vantaxe que puido ser máis clara se Claudio Feijóo non rematase en gol unha bonita xogada colectiva do seu equipo e se o propio Jorge Castro fose quen de enviar ao fondo das redes un man a man que acabaría entre as luvas do gardamallas local. Tras o período de lecer o Umia C.F.- Boa Vila adiantou filas e imprimiu un maior ritmo ao xogo, pero unha incursión en ataque dos verdinegros polo costado esquerdo, deixaría o coiro nos pés de Galiñanes despois de varios rexeites, e o atacante de Valboa non perdonaría. Con todo, a tranquilidade que parecía traer o marcador para os visitantes non foi posible. Outro penalti a prol dos vermellos sería convertido novamente por Martín Barral e Severo Piñeiro, un dos futbolistas de menor estatura dos que compareceron sobre o terreo de xogo, empalmaría unha sensacional cabezada no primeiro pau despois dun saque de córner. Con tempo aínda para reaccionar, o Armenteira Veteranos foi máis efectivo có rival e Jorge Castro volvería sacar proveito da súa calidade e potencia nos metros finais para impoñerse á zaga dos de Barrantes e fixar o marcador final de catro goles a cinco. A rivalidade do duelo e a tensión acumulada ao longo do encontro derivaron nunha trifulca cando o colexiado deu o asubío final que, xunto co forte golpe sufrido polo meta Joserra nos ósos propios do nariz durante a primeira metade e que obrigou a manter detido o partido varios minutos, constitúen os dous aspectos máis negativos dunha cita fútbolística que reuniu a dous conxuntos de dúas localidades tan próximas e con tantos lazos en común e que viron como nos enfrontamentos desta temporada a cor verdinegra predominou sobre a vermella, xa que no partido da primeira volta o Armenteira Veteranos lograba tamén vencer en O Leixo por catro goles a tres. Esta vitoria deixa á escadra que preside José Luis Galiñanes na décima posición, con vinteoito puntos, que tratará de manter o próximo sábado na cita na que recibirán a visita do Fonte da Garza-Catoira Veteranos, décimo quinto clasificado con oito puntos.






Sene Ousmane volve resultar decisivo ante o equipo alevín do Armenteira C.F.

Sene Ousmane, o potente e talentoso extremo zurdo da A.C.D. Ancorad´ouro F.S. volveu marcar as diferenzas no partido que disputaron o seu equipo e o conxunto benxamín do Armenteira C.F. O dianteiro de orixe africana resultou decisivo para que a escadra de San Tomé de Piñeiro se levase un triunfo por tres goles a oito nunha mañá de sábado na que o futbolista marinense compartiu protagonismo coa intensa néboa que cubriu o terreo de xogo do campo de O Leixo durante boa parte do tempo. Os primeiros minutos foron de tanteo, con alternativas por ámbolos dous bandos, pero axiña os visitantes lograron tomar vantaxe por mediación de Aarón Gómez, que batiu a Sara Otero despois dunha internada por banda esquerda na que apenas atopou oposición por parte da defensa verdinegra. A reacción do Armenteira C.F. non se fixo agardar, e foi de novo o seu principal referente ofensivo, Brais Charlín, neste caso a través dun lanzamento directo de córner. Entón chegou o momento de Sene Ousmane, que comezou un recital ofensivo no que se viu favorecido pola escasa resistencia e a falta de contundencia na marcaxe e no corte dos defensores locais. Tres goles consecutivos do extremo marinense e outro de Hamza Farrah puxeron en bandexa o triunfo á A.C.D. Ancorad´ouro e remataron coas esperanzas da afección local. Na segunda metade os nenos e nenas da escadra verdinegra saíron a xogar as súas últimas bazas, e lograron facerse co dominio do xogo nos primeiros minutos. Dous novos goles de Brais Charlín, un ao culminar unha xogada colectiva e outro executando un perfecto lanzamento de falta, non foron suficientes para inquedar a un rival no que Pablo Maquieira, Sene Ousmane e Hamza Farrah non quixeron dar cabida á emoción e dictaron sentenza para a que é a segunda vitoria da temporada para o cadro azul. Só dúas xornadas lle restan á competición, nas que A.X. Saraiba do Mar e o Céltiga F.C. agardan a un equipo alevín do Armenteira C.F. que está completando con éxito esta etapa de fútbol formativo e que intentará sumar algún punto máis antes de que se dea por finalizada a temporada. O seu rival da próxima fin de semana, A.X. Saraiba do Mar, que ocupa a terceira posición con vintetrés puntos, vai ser un duro escollo para que a formación verdinegra vexa completamente cumpridos os seus obxectivos.


venres, 10 de marzo de 2017

A nova asociación veciñal de A Armenteira comeza a súa andaina na Casa de Cultura

A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, a nova asociación veciñal nacida co impulso dun grupo de persoas da parroquia iniciou este venres a súa andaina cun acto de presentación pública ao que convidaron á veciñanza, así como aos representantes das demais entidades da parroquia, dos grupos políticos con representación no concello de Meis e aos medios de comunicación. Máis de medio centenar de asistentes déronse cita na Casa de Cultura, un lugar emblemático que leva sendo motivo de conflito nos últimos anos a causa da instalación do albergue de peregrinos e a progresiva restricción dos usos veciñais nun local cedido polas xentes da parroquia e sufragado en parte coa aportación da C.M.V.M.C. Chan do Fento e do cal os veciños puideron volver disfrutar dun acto que por esta razón adquiriu xa un carácter simbólico. A apertura do evento correu a cargo de María Carramal, unha das principais impulsoras da sociedade, que deu a benvida aos asistentes e presentou un a un aos seus compañeiros e compañeiras. A continuación fixo a súa intervención Martín Casais, presidente da asociación que, tras agradecer a masiva afluencia, explicou os motivos que os levaron a por en marcha este proxecto e os obxectivos e ideais cos que parten. O vicepresidente Javier Limeres espuxo as demandas, as propostas e as actividades a realizar, e Jorge Dávila, o secretario, detallou algún dos aspectos básicos de funcionamento da entidade, con especial referencia ás formas de asociación. O acto pechouse coa quenda de rogos e preguntas, na que os veciños e veciñas expresaron súas reividicacións respecto da urxencia da concentración parcelaria, da extensión do saneamento a todos os lugares da parroquia, da necesidade de ampliación do cemiterio, da mellora dos viais, da falta de puntos de luz ou da preocupación polo futuro do colexio e suxeriron actividades e cursos a realizar. De todo elo tomaron nota os representantes do Partido Popular, do PSOE e do BNG, así como o alcalde José Luis Pérez Estévez, que deron a noraboa e mostraron o seu apoio aos impulsores da iniciativa. Martín Casais, Javier Limeres, Jorge Dávila, Cristina Gallo, María Carramal, Iván Borrageiros, Eva Varela, Isidoro Martínez e Marta Martínez serán agora os encargados de dirixir o rumbo dunha nave que xurde coa intención de convertirse na "casa común" de todos os veciños e veciñas para darlle forma e presentar ante as administracións competentes as demandas, as propostas e as ideas que estes lles plantexen e de desenvolver todo o tipo de actividades en beneficio da parroquia e da súa xente.







luns, 6 de marzo de 2017

A nova asociación veciñal de A Armenteira prepara o acto de presentación do próximo venres

A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, nome co que decidiron bautizar a esta nova entidade o grupo de persoas que a leva promovendo dende fai uns meses ultima estes días os preparativos para o acto de presentación que terá lugar o próximo venres día 10 de marzo na Casa de Cultura da parroquia. Segundo indican os carteis informativos que están colocando por distintos lugares da parroquia, no acto presentarase publicamente aos integrantes da Xunta Directiva e expoñeranse os principios e os fins cos que nace así como a forma de funcionamento e as normas que regulan a asociación. Para finalizar haberá un momento para que os asistentes resolvan as súas dúbidas e plantexen as súas demandas e as súas propostas aos membros do equipo directivo que, como eles mesmos afirman, pretenden crear unha entidade que defenda os intereses dos veciños e veciñas e os represente ante as distintas administracións públicas, que organice todo tipo de actividades dirixidas á xentes do lugar e á parroquia en xeral e, sobre todo, que se converta na "casa común" para todos os veciños e veciñas de A Armenteira, unha casa aberta e participativa, na que todos e todas poidan colaborar, opinar e aportar ideas. E para comezar elixiron o escenario máis oportuno, a Casa de Cultura, un local que nos últimos tempos está sendo motivo de conflito e que este venres volverá estar a disposición da veciñanza para este importante evento.




domingo, 5 de marzo de 2017

O equipo feminino do Armenteira C.F. planta cara á S.D. Pontearnelas en As Chans

O equipo feminino do Armenteira C.F. realizou un máis que aceptable partido e plantou cara á S.D. Pontearnelas no partido disputado na tarde deste domingo no campo de As Chans, no que as locais que acabarían levando o triunfo por tres goles a cero. O cadro adestrado por Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou un once inicial con Uxía na portería, Laura, Alessandra, Diana e Fátima en defensa, Raquel, Nerea e Ana Martínez no mediocampo, Ana Abal e Paula polos costados, e Mar na dianteira. A principal novidade das de O Leixo era a volta ao equipo de Nerea, unha futbolista que tivo que trasladarse a terras castelás por motivos laborais e que regresaba esta fin de semana aproveitando os días de descanso antes de voltar á Meseta. Nada máis dar comezo o encontro, un saque de córner das rapazas da S.D. Pontearnelas que Fátima tratou de despexar no primeiro pau, terminaríase colando nas mallas defendidas por Uxía. A pesares do mazazo que supuxo este tanto, as de A Armenteira repuxéronse e procuraron manter a compostura e a orde no campo. Unha internada pola banda esquerda deixaría o coiro nos pés de Jessica Janeiro, que non perdonou. Con todo, as xogadoras verdinegras seguiron loitando, cunha Diana moi seria no corte, coa dirección no mediocampo de Ana Martínez, coa profundidade que aportaba Paula por banda e, sobre todo, polo bo traballo e o sacrificio colectivo. Só nunha ocasión conseguiron perforar as locais a meta de Uxía neste segundo período, e sería de novo por mediación de Jessica Janeiro, que volvería culminar na área pequena unha asistencia recibida dende o lado esquerdo. Para as visitantes a ocasión máis clara estivo nos pés de Paula, pero a extremo de Pontevedra non estivo acertada ante Estefanía Soto, enviando o balón pegado ao pau esquerdo. A próxima fin de semana as mozas do clube verdinegro buscarán unha nova oportunidade de puntuar na cita que terán no campo de O Leixo ante o C.D. Unión. O conxunto de Rianxo conta unicamente con tres puntos máis có Armenteira C.F., polo que poder ser unha situación propicia para aumentar o casilleiro de puntos.


Triunfo dun equipo alevín do Armenteira C.F. que se mostrou superior en Marín

O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu por dous goles a catro á E.F. Villa de Marín no partido que mediu a ámbolos dous conxuntos na mañá deste domingo no campo de San Pedro. O cadro que dirixe Luis Barral afrontaba unha das citas máis esixentes do que resta de temporada, xa que só tres puntos separaban aos verdinegros dos marinenses. O técnico de Barrantes presentou un equipo inicial con Jose Domínguez baixo paus, Fran e Adri coma centrais, Javi por diante da defensa, Íñigo coma mediocentro, Manu Meixús e Junior nas bandas e Brais Santamaría en ataque. O dominio correspondeu dende o primeiro minuto ao conxunto verdinegro, que mantiña a posesión do balón e trataba de entrar por banda e buscar a un Brais Santamaría que non conseguía atopar situación claras de remate. A boa colocación en defensa da E.F. Villa de Marín e a acertada actuación do seu gardamallas Omar Khelifa comezaba a desesperar á nutrida afección que acudiu a animar aos de A Armenteira. Non sería ata o último minuto da primeira metade cando os de Luis Barral lograrían romper o entramado defensivo dos locais. Tras un saque de córner efectuado por Manu Meixús o balón caiu dentro da área na perna dereita de Adri, que enganchou unha excepcional volea ante a que nada puido facer o meta marinense. Coa vantaxe que daba o marcador os de O Leixo saíron con máis confianza na segunda metade. Chegou entón o momento de Manu Meixús, que unha vez máis se mostrou tremendamente incisivo pola banda dereita e, valéndose da súa enorme capacidade para diblar e definir, soubo culminar as boas asitencias que os seus compañeiros lle deron e acadar tres goles consecutivos para asegurar un triunfo máis para o Armenteira C.F. Un discutido penalti que o colexiado Santiago Iglesias sinalizou cando Álex Grigorio se arrastrou para ceder un balón a Sergio Matilde, e que foi transformado por Marcos González e outro tanto deste mesmo xogador nos intres finais puxeron algo de emoción a un partido que se levou con absoluta xustiza unha escadra verdinegra que, sen estar excesivamente brillante, si se demostrou superior e merecedora de levarse tres novos puntos que a consolidan na segunda praza da táboa clasificatoria. A próxima fin de semana os rapaces que adestra Luis Barral terán outra difícil cita, e será no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados, terceiro clasificado por dezaoito puntos, tres menos cós de A Armenteira.


O equipo infantil do Armenteira C.F. sentenza na segunda metade en Berdón

O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou unha clara vitoria por un gol a seis no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de Berdón ante o C. Vilagarcía S.D. "B". Con todo, a contundencia do resultado non se corresponde coa imaxe que deu o equipo que dirixe Valentín Estévez "Tilín", que deixou moitas dúbidas en varias fases do encontro. O técnico cambadés presentou un once inicial formado por Sergio na portería, Migui, Xoán, Sebas e Santi en defensa, Carlos e Jose Otero na zona de creación, Álex Ruel e Mosteiro polos costados, Hugo na mediapunta e Piñeiro como futbolista máis avanzado. A primeira parte caracterizouse polas impresicións e pola escasa fluidez no xogo por parte de ámbolos dous conxuntos. Un magnífico centro dende a banda dereita de Álex Ruel sería rematado de forma extraordinaria por Jose Otero para adiantar aos verdinegros. Axiña viría a resposta dos vilagarciáns, que empatarían por mediación de Roque Blanco, pero enseguida chegou a reacción por parte dun activo Álex Ruel, que permitiría que o seu equipo se fose con vantaxe ao descanso. Na segunda metade a superioridade do Armenteira C.F. foi aínda máis evidente, sentíndose cada vez máis cómodo sobre o terreo de xogo e facendo disfrutar aos afeccionados que os acompañaron con momentos de fútbol dinámico e combinativo, ao tempo que ían aumentando a renda no marcador. Piñeiro, Hugo, Migui e Andrés Liu completarían o botín goleador que os de O Leixo se trouxeron de Berdón. Chama a atención o tanto logrado de cabeza por Migui, pouco acostumado a anotar goles dese tipo, xa que se trata do futbolista de menor estatura do equipo. Con este triunfo o cadro que adestra "Tilín" sitúase na oitava posición, con trinta e dous puntos, da que tratará de ascender a próxima fin de semana no encontro que o medirá no campo de O Leixo á A.D. Arousa F-7, un conxunto que ocupa a décimo sexta praza e que aínda non conseguiu sumar ningún punto no que levamos de liga.


sábado, 4 de marzo de 2017

O Armenteira Veteranos entrega os tres puntos nos pés de Ricardo

O Armenteira Veteranos sufriu unha derrota por dous goles a tres no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de O Leixo ante o Cafetería Impacto-Mosteiro, no que representou un novo derbi municipal entre os dous equipos de categoría de veteranos que existen no concello de Meis. O cadro verdinegro presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Portas, Carlos e Óscar en defensa, Pellejo, Cacabelos, Jorge Castro e Alfonso no mediocampo, e Manueliño e Galiñanes na liña de ataque. Os primeiros minutos foron de tanteo, nos que os do O Mosteiro mostraban maior capacidade combinativa, sobre todo grazas á habilidade para xogar de costas e á calidade técnica do seu dianteiro Ero Pons, que se convertiu nun verdadeiro quebracabezas para os locais. Pese ás imprecisións do Armenteira Veteranos, que dificilmente conseguía enfiar xogadas de máis de tres toques seguidos e que recurría con demasiada insistencia ao fútbol directo, serían eles o encargados de inaugurar o marcador. Unha perfecta asistencia de Cacabelos foi aproveitada en velocidade por Manueliño para poñer o un a cero co que se chegaría ao descanso. Foi no segundo período no que se produciría un feito determinante, a incorporación ao terreo de xogo de Ricardo Fernández, un dos futbolistas de maior nivel dos que militan neste Grupo 1 da Segunda autonómica de veteranos e que no seu día defendeu ás cores do Pontevedra C.F. na Segunda División B, do C.D. Mosteiro na Terceira División, ou do C.D. Ribadumia, ao que levou á Rexional Preferente desempeñando o dobre papel de xogador e adestrador. Bastáronlle corenta minutos ao grovense para decantar o encontro para os visitantes, pero os méritos habería que atribuílos máis aos erros dos locais que á excelente clase do dianteiro meco. Primeiro foi un lanzamento de córner directo, logo un lanzamento no que golpeou mal o esférico, despitando ao meta Joserra e colándoselle polo medio das pernas e, finalmente, unha indecisión entre o propio Joserra e o defensa Óscar ao solventar unha cesión aos pés do porteiro deixaría o coiro en poder dun Ricardo que resolveu coa súa habitual mestría. De pouco valeu o arreón final do Armenteira Veteranos, que conseguiría reducir distancias cun penalti provocado e materializado por Jorge Castro, pero que non tería máis tempo de reacción ao decretar Otero Rodríguez a finalización do encontro engadindo unicamente uns segundos de prolongación. O colexiado non tivo en conta as diversas interrupcións deste segundo período, no que o xogo estivo parado entre outros motivos pola lesión de Pellejo, que tivo que retirarse do campo cunha forte dor no nocello, ou de Ricardo Férnández, que nos intres finais abandonou o terreo de xogo queixándose das costas. Esta derrota mantén ao Armenteira Veteranos na décima posición con vintecinco puntos, da que tratará de saír o próximo sábado no duelo de rivalidade que o medirá no campo de A Bouza, en Barrantes, ao Boa Vila-Umia C.F., sétimo clasificado con trinta e oito puntos.









Derbi municipal de categoría benxamín cunha primeira metade igualada

O C.D. Mosteiro e o Armenteira C.F. viviron na mañá deste sábado, no campo Municipal de Zacande, un novo derbi municipal que volveu medir aos dous clubes con categorías de fútbol base do concello de Meis. Neste caso foron os equipos alevíns os que se mediron sobre o tapete de céspede artificial da parroquia de San Vicente de Meis. A sensible baixa de última hora de Ainoha condicionou o equipo inicial que presentou o cadro técnico que forman Luis e Alba Barral. Con Sara Otero baixo paus, Saray, Ramón e Borja en defensa, Lucas Otero, Óscar Lois e Brais Charlín na liña de medios, e Uxía como futbolista máis adiantada presentáronse os de O Leixo nun partido que se caracterizou pola igualdade e a sucesión de alternativas durante o primeiro período, pero que acabou caíndo do lado dos de O Mosteiro ao desmoronarse a estrutura táctica verdinegra tras o descanso. Ao tanto de Lucas Blanco, que poñía por diante aos locais, respondía pouco despois Óscar Lois tras enganchar unha magnífica volea tras un saque de córner efectuado por Brais Charlín. Con este marcador chegaríase ao tempo de lecer e, a partir de entón, os da capital municipal comezaron a tomar vantaxe mentres contemplaban como o Armenteira C.F. ía descoidando pouco a pouco a orde e a colocación a medida que os goles se colaban nas mallas defendidas por Sara Otero. Un balón en profundidade recollido por Iván Sabarís, nunha xogada na que Ramón se quedou coma único defensor, non foi desaproveitado polo atacante do C.D. Mosteiro para poñer o dous a un no marcador. As esperanzas verdinegras rematarían cando de novo Iván Sabarís colocaba un disparo dende o borde da área no fondo da rede dun conxunto visitante que se afundiu nos últimos minutos e acabou sendo derrotado por sete goles a un. A próxima fin de semana os nenos e nenas que dirixen Luis e Alba Barral terán unha nova oportunidade de puntuar no duelo que os enfrontará a próxima fin de semana á A.C.D. Ancorad´ouro F.S., que ocupa a sétima praza con tres puntos, os mesmos que suma o cadro de A Armenteira.