Buscar neste blog

domingo, 28 de febreiro de 2016

Xornada de empates e poucos goles para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol tiveron na xornada desta fin de semana, a vixésima na que vai de liga, unha xornada na que non conseguiron a vitoria e na que anotaron poucos goles, pero na que acadaron dous valiosos empates, a cargo do equipo cadete e do equipo alevín, ante rivais de notable potencial como o San Martín C.F. e o Unión Dena C.F.

O equipo benxamín, o primeiro en porse en marcha nesta fin de semana, visitaba na mañá do sábado o campo de Baltar-Fútbol-7, onde tiña que enfrontarse ao Portonovo S.D. O cadro local, que xa no encontro da primeira volta exhibiu sen escrúpulos a enorme distancia de nivel que o separa do conxunto que adestra Valentín Estévez acabou derrotando aos de A Armenteira por dezaséis goles a cero. A tarefa do adestrador cambadés seguirá baseándose en manter a fe e o ánimo dun grupo de rapaces e rapazas con ansias de aprender e de formarse no mundo do balompé, pero que están tendo que facer fronte a rivais cun camiño percorrido no fútbol moi superior ao que teñen feito eles. Na próxima fin de semana o equipo benxamín recibirá o sábado no campo de O Leixo, previsiblemente a partires das 11 horas, á S.D. Noalla, que ocupa a décima posición con trinta e dous puntos.

O equipo cadete recibía o sábado pola mañá no campo de O Leixo ao San Martín C.F., un dos rivais máis potentes do grupo e claro candidato ao ascenso de categoría. O gol de Villa aos catro minutos do partido parecía encarrilar o encontro para o cadro que dirixe Marcial Prado, pero as ocasións erradas polos rapaces do conxunto verdinegro e o bo facer no manexo do balón dos xogadores do equipo de Vilaxoán permitiron que os visitantes Ángel Señoráns igualasen o marcador ao inicio da segunda metade e puxesen o un a un co que acabaría finalizando o partido. Na próxima fin de semana o equipo cadete intentará manter a boa racha de xogo e resultados dos últimos partidos na cita que terá o sábado a partires das 12 horas no campo de O Leixo co S.D. Chispa, no que será un encontro correspondente á xornada 24, pero que foi adiantado de mutuo acordo entre ambos clubes.

O equipo alevín xogaba na mañá deste sábado no campo de As Cachizas un dos duelos máis atractivos da xornada neste grupo de categoría alevín. Nun partido no que houbo dúas partes ben diferenciadas, na primeira metada con dominio de xogo e con maior número de ocasións para a formación que dirixe Jonathan Crespo, e na segunda con dominio para o Unión Dena, que dispuxo de bastantes ocasións para desnivelar o marcador. Pero a notable labor defensiva e o desacerto dos atacantes de ámbalas dúas escadras fixo que o marcador non se movese e reflectise o cero a cero no que deu inicio o encontro. Unha vez máis o equipo alevín volveu a mostrarse como un bloque sólido e con capacidade de xerar fútbol, que é quen de plantar cara a calquera equipo da categoría, o que demostra que o bo traballo que se está realizando con este grupo de rapaces e rapazas da o seu froito cando saltan ao terreo de xogo. O próximo sábado, no campo de O Leixo, inicialmente a partires das 10 horas, o conxunto alevín terá que medirse a outro difícil rival, o Arosa S.C., séptimo clasificado con trinta e catro puntos, un menos có equipo de O Leixo, na que se pode considerar outra final máis das que lle quedan por xogar no que resta de temporada para unha formación que mantén intactas as súas aspiracións de loitar polos postos privilexiados da clasificación.

Para finalizar, o equipo infantil medíase na mañá do domingo no campo de O Pombal á A.D. Arousa F-7. O conxunto dirixido por Martín Casais realizou un dos partidos máis completos no que vai de temporada, mostrando orde e colocación no terreo de xogo e chegando en varias ocasións con perigo á área rival. A igualdade entre os dous equipos foi a nota predominante ata que, a vinte minutos para o final, nun remate que a afección do Armenteira C.F. reclamou como fora de xogo, o A.D. Arousa F-7 se puxo por diante no marcador. A partires de entón a moral dos rapaces do conxunto verdinegro, moi minada polos resultados desfavorables aos que están condenados partido tras partido, viuse abaixo, e o cadro de Vilagarcía anotaríase dous tantos máis ata conformar o cero a tres co que rematou o encontro. Na próxima fin de semana o equipo infantil non disputará xornada de liga debido a que o partido que debía disputar no campo de A Ran co Atlético Cuntis tivo que ser trasladado á Semana Santa pola imposibilidade do clube local para xogar o encontro.




































sábado, 27 de febreiro de 2016

Empate in extremis do Armenteira Veteranos en Castrelo

O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado un empate no campo de Castrelo, nun encontro marcado pola metereoloxía adversa e polo mal estado do terreo de xogo, no que surcos, herbas e pozas se alternaban sobre unha superficie na que estes futbolistas afeccionados se esforzaban en facer circular o balón. O equipo verdinegro saltou ao campo coa pretensión de levar o control do partido, pero os despistes defensivos levaron ao Castrelo C.F. Veteranos cunha vantaxe de tres goles a un ao descanso. Na segunda metade o equipo de O Leixo tratou de imprimir un maior ritmo ao xogo, e isto, xunto coa expulsión dun xogador local tras revolverse despois dunha entrada de Marcos, permitiron que o Armenteira Veteranos conseguise dous goles máis por mediación de Jorge Castro e de Manueliño, que unidos ao logrado por Marcial na primeira metade, outorgan un novo punto ao Armenteira Veteranos. Con este empate o cadro verdinegro mantense na séptima plaza con corenta e tres puntos. A próxima xornada o conxunto de A Armenteira recibirá a visita do Cobres-Carpintería Boubeta, que ocupa a terceira posición con cincuenta puntos.



venres, 26 de febreiro de 2016

O Armenteira Veteranos acude a Castrelo con esperanzas de lograr un novo triunfo

O campo de Castrelo acolle este sábado a partires das 16:30 horas un partido de rivalidade entre dous conxuntos de localidades veciña e que se coñecen sobradamente entres eles, o equipo local, o Castrelo C.F., e o Armenteira Veteranos. A diferenza de dous puntos na clasificación a favor do equipo verde e negro fai prever un encontro igualado e intenso, como xa foron os dous enfrontamentos nos que se viron as caras nos últimos meses, o partido de pretemporada no que os de O Leixo venceron por dous goles a tres, e o encontro da primeira volta no que o triunfo foi para os da parroquia cambadesa, tamén por dous goles a tres. O mal estado estado no que se está o campo Municipal de Castrelo pode ser un impedimento para que os xogadores desenvolvan a práctica do fútbol, aínda que os compoñentes destes dous equipos están acostumados a xogar en superficies que non soen caracterizarse por estar estar nunhas condicións aceptables para a práctica do balompé.


Rivais compricados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Portonovo S.D., San Martín C.F., Unión Dena C.F. e A.D. Arousa F-7, clubes clásicos no panorama futbolístico comarcal, serán os rivais aos que terán que enfrontarse os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na xornada desta fin de semana, vixésima da presente temporada.

O equipo benxamín visita na mañá do sábado o campo de Baltar-Fútbol-7, onde será recibido a partires das 10:30 horas polo Portonovo S.D., un equipo que ocupa a sexta posición con trinta e nove puntos, e que xa no encontro da primeira volta infrinxiu unha severa derrota aos rapaces e rapazas que adestra Valentín Estévez. O técnico cambadés agarda que o duro traballo que está a realizar comece a dar pouco a pouco os froitos no terreo de xogo, e é consciente da enorme dificultade que supón este partido, ante un rival cun potencial moi superior, como a maior parte dos conxuntos cos que se leva enfrontado esta temporada, na que as gañas e a ilusión por saltar ao campo destes xóvenes futbolistas do Armenteira C.F. non están sendo suficientes para conseguir resultados positivos.

O equipo cadete, que se atopa nunha boa racha de xogo e resultados, que agarda manter despois do partido desta fin de semana ante o San Martín C.F., ao que se vai medir no campo de O Leixo a partires das 11:30 horas. A formación que dirixe Marcial Prado atópase na séptima posición, con vintetrés puntos, e recibe a un rival que ocupa a terceira plaza, con trinta e dous puntos, polo que se presume como un test máis que esixente para os rapaces do cadro verdinegro. A fortaleza que está a exhibir nos últimos encontros o equipo cadete, a volta ao equipo despois de varias xornadas de Carlos Soto, así como as dificultades que soen plantexar aos rivais no campo de O Leixo son o mellor aval que poden presentar estes xogadores do Armenteira C.F., que no encontro da primeira volta saíron derrotados do Municipal de Vilaxoán por dous goles a cero, pero que aspiran a obter o título de mataxigantes do grupo despois de ter derrotado a C.D. Ribadumia e E.F.B. Vilanova, escadras que, ao igual cós vermellos, ocupan os postos privilexiados da táboa.

O campo de As Cachizas será o escenario este sábado a partires das 12:15 horas dun dos encontros máis atractivos da xornada no grupo 62 da categoría alevín na modalidade de fútbol-8. Será o partido que mida ao conxunto local, o Unión Dena C.F. e ao Armenteira C.F. O cadro meañés sitúase na terceira posición, con só tres puntos máis cá escadra que adestra Jonathan Crespo, polo que o duelo deste sábado vai ser crucial de cara ás aspiracións destes dous conxuntos no que resta de temporada. O técnico valgués terá algunha baixa significativa, pero amósase esperanzado en acadar un resultado positivo, ao igual que conseguiron na primeira volta, cando derrotaron ao equipo azul e branco por catro goles a dous. A boa imaxe que deron os rapaces e rapazas do equipo alevín no partido da pasada fin de semana ante o C. Xuventú Sanxenxo fai que as esperanzas que ten a parroquia verdinegra neste colectivo de xogadores se manteñan elevadas.

Finalmente, o equipo infantil recibe no campo de O Pombal, en Cambados, o domingo a partires das 11.30 horas, ao A.D. Arousa F-7. O equipo vilagarciano, que xa derrotou con claridade aos de Martín Casais no partido da primeira volta, mantense nunha posición cómoda na clasificación, no décimo posto, con vintedous punto, e voltará a ser outro difícil obstáculo para un grupo de xogadores que, a duras penas, trata de manter a fe a ilusión nunha temporada que está a ser moi compricada para eles. O pasado no cadro amarelo de Martín Casais engadirá un aliciente máis a un encontro que, finalmente, deberá disputarse no campo norte de O Pombal, que conta cun terreo de xogo de maiores dimensións có campo adxacente, polo que requirirá un esforzo extra para os xogadores do Armenteira C.F.
































martes, 23 de febreiro de 2016

O C.E.I.P. de Armenteira organiza unhas xornadas de portas abertas

O C.E.I.P. de Armenteira organiza o vindeiro venres 26 de febreiro, de 9.30 A 11:00 horas, e o martes 1 de marzo, de 9:30 a 18:30 horas, unhas xornadas de portas abertas dirixidas a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas coñecer as instalacións e o funcionamento deste centro educativo. Para elo editaron un folleto que están a distribuír polos distintos lugares do entorno no que se explica con detalle as aulas e os medios dos que dispoñen, os servizos que se prestan, as especialidades que se imparten e as actividades escolares e extraescolares que se realizan. O bo traballo e a implicación do equipo docente, así como o agradable ambiente de estudio que se respira no colexio son dous dos principais puntos que queren mostrar, especialmente aos pais e nais da parroquia de A Armenteira e das parroquias veciñas que poidan estar interesados en matricular os seus fillos e fillas neste colexio. Alertan que de persistir o descenso no número de matriculacións a Consellería de Educación podería decretar, nun futuro non moi lonxano, o peche do centro. Cabe indicar o que o C.E.I.P. de Armenteira, que conta na actualidade con 66 alumnos e alumnas e no que se imparten as etapas de Educación Infantil e Educación Primaria, abriu as súas portas no curso 1986-1987, e nestes trinta anos foron varias as xeracións de rapaces e rapazas que pasaron polas súas aulas e moitos os recordos que se agochan entre as súas paredes, polo que convidan tanto a todos aqueles que formaron parte desta comunidade educativa como a aqueles outros que desexen coñecela a que acudan a estas xornadas.



domingo, 21 de febreiro de 2016

O equipo alevín e o equipo cadete do Armenteira C.F. seguen con paso firme na liga

Os triunfos acadados polo equipo alevín e polo equipo cadete do Armenteira C.F. nos seus encontros desta fin de semana, décimo novena xornada de liga, mantéñenos na liña ascendente dos últimos partidos. Menos sorte tiveron o equipo infantil e o equipo benxamín, que caíron derrotados ante sendos conxuntos do Umia C.F. O clube de Barrantes, centro urbano de referencia pola súa proximidade para moitos veciños da parroquia de A Armenteira, volveu a poñer de manifesto a fortaleza que está mostrando nos últimos tempos e os seus cadros de categoría infantil e benxamín non perderon a oportunidade de derrotar con contundencia aos conxuntos do Armenteira C.F. que máis dificultades están afrontando esta temporada.

O equipo infantil acudía con bastante debilidade na mañá do sábado ao campo de A Bouza, en Barrantes, para medirse a un Umia C.F. notablemente superior. Os rapaces que nesta ocasión dirixiu Jonathan Crespo intentaron defender con dignidade a evidente debilidade ante o conxunto vermello, e con grandes esforzos mantiveron a orde táctica e trataron de sacudirse o dominio do rival pero, na segunda metade, o cansanzo e a desmoralización que os sucesivos goles do Umia C.F. provocaron nos xogadores verdineros fixeron que o Armenteira C.F. saíse finalmente derrotado de Barrantes por dezasete goles a cero. O debut co equipo infantil dos xogadores de categoría alevín Fran, Jeffrey e Jonathan Osuna foi unha das poucas notas positivas deste encontro para o clube de O Leixo. Na próxima xornada o equipo infantil recibe no campo de O Pombal ao A.D. Arousa F-7, décimo clasificado con vintedous puntos.

O equipo benxamín enfrontábase tamén o sábado pola mañá ao Umia C.F., pero neste caso no campo de O Leixo, en A Armenteira. A volta do adestrador Valentín Estévez, tras estar dous meses convaleciente a causa dunha lesión deportiva, produciuse nunhas circunstancias non do todo favorables, ante un rival con bastante máis potencial que acabou vencendo aos rapaces e rapazas do equipo verdinegro por dous goles a dezaséis. Os tantos do Armenteira C.F. foron obra do futbolista de Zacande Álex Grigorio. O próximo rival do equipo benxamín será outro conxunto de gran potencial, o Portonovo S.D., que ocupa a sexta posición con trinta e nove puntos.

O equipo alevín recibía a continuación no campo de O Leixo ao C. Xuventude Sanxenxo. Os rapaces e rapazas que adestra Jonathan Crespo levaron en case todo momento o dominio do xogo, movendo o balón con velocidade e xerando oportunidades ante a meta amarela. O gol inicial de Íñigo, aproveitando un rexeitamento do porteiro, tras un golpe franco lanzado por Adri, parecía encauzar o encontro para o equipo verdinegro, pero un gol do C. Xuventú Sanxenxo nun despiste defensivo fixo que o nerviosismo se extendese polas bancadas do O Leixo durante uns minutos. As continuas ocasións erradas polos de A Armenteira e un contragolpe do C. Xuventú Sanxenxo que conseguiron aplacar a duras penas os defensas e o porteiro local puxeron en alerta aos de Jonathan Crespo. Pero un gol de Adri nun disparo cruzado, outro de Manu Meixús tras unha bonita xogada elaborada, e finalmente outro de Adri cunha bolea de longa distancia, configuraron o catro a un final, que sitúa ao Armenteira C.F. na séptima posición, con trinta e catro puntos, a espera de enfrontarse na próxima xornada no campo de As Cachizas ao Unión Dena C.F., terceiro clasificado con trinta e sete puntos.

Finalmente, o equipo cadete desprazábase na mañá do domingo ata o campo de A Rapeira, en Portas, onde era recibido polo Atlético Cuntis. Os xogadores que adestra Marcial Prado, que no partido da primeira volta só puideron lograr un empate ante o conxunto das terras do Umia, saíron ao terreo de xogo con intensidade e enseguida plasmaron o potencial ofensivo do que dispoñen. Dous goles de Mathias e dous de Alberto, deron unha vantaxe de cero goles a catro aos verdinegros, que se viron empañados por dous goles dos de Cuntis nos minutos finais, que colocaron no marcador o resultado final de dous goles a catro. Con este triunfo o equipo cadete mantense na séptima posición, con vintetrés puntos. Cabe recordar que este conxunto do Armenteira C.F. conta cun encontro menos, o que comezou a xogar ante o Moraña C.F.  que foi suspendido aos cinco minutos polo colexiado debido á intensa néboa, como soe ocorrer con frecuencia, cubría o campo de O Leixo a pasada fin de semana,  e que foi trasladado definitivamente ao 2 de abril. Na próxima fin de semana os rapaces que dirixe Marcial Prado reciben no campo de O Leixo a un esixente rival, o San Martín C.F. A formación de Vilaxoán atópase no terceiro posto da táboa con trinta e dous puntos, e é un dos máximos favoritos a dar o salto de categoría.












sábado, 20 de febreiro de 2016

Un gol de Jorge Castro da un novo triunfo ao Armenteira Veteranos

Un gol de Jorge Castro ao rematar de cabeza un balón colgado nun libre indirecto serviu para que o Armenteira Veteranos vencese por un gol a cero ao Carballo da Portela A.C.D. e sumase tres novos puntos. O dianteiro de Vilar, que nesta ocasión disputou a maior parte dos minutos do encontro como centrocampista, volveu a dar mostras da calidade que atesoura, e aparte de levar o timón do equipo demostrou que nos metros finais está entre os xogadores máis decisivos da categoría. Nun partido rudo e con moito contacto físico, no que o conxunto visitante exhibiu o estilo correoso e loitador que o caracteriza, o Armenteira Veteranos tentou sempre de levar o control do xogo e achegouse en máis ocasións á área rival có seu contricante pero, a falta de acerto e a solidez e a sobriedade dos de Barro impediron que o cadro verdinegro se despexase no marcador e que incluso tivese algún sobresalto nalgunha das poucas ocasións nas que o Carballo da Portela A.C.D. rondou a meta defendida por Joserra. Con esta vitoria a escadra de O Leixo sitúase a séptima posición con cuarenta e dous puntos, unha cifra realmente loable, tendo en conta que nesta temporada estrea grupo despois do ascenso ao grupo 4A. Na próxima xornada o Armenteira Veteranos debe rendir visita ao Castrelo C.F., oitavo clasificado con dous puntos menos.


martes, 16 de febreiro de 2016

Un partido suspendido, unha vitoria e dúas derrotas para os equipos do Armenteira C.F. nesta xornada

Os partidos desta xornada, a décimo oitava no que vai de liga, depararon para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. unha vitoria, dúas derrotas e un partido suspendido, o que tiña que disputar o equipo cadete ante o Moraña C.F.

O equipo cadete, como vimos de indicar recibía esta fin de semana no campo de O Leixo ao Moraña C.F., non puido disputar o seu partido de liga xa que o colexiado, o señor Tajes Aboal, decidiu suspendelo cando levaban transcurridos cinco minutos alegando que a néboa que cubría o campo impedía o normal desenvolvemento do xogo. Agora, ámbolos dous equipos deberán porse de acordo para trasladar o que resta de partido a outra data, feito que vai ser difícil posto que os descansos aos que obriga a retirada de tres equipos da competición non coinciden na mesma xornada para ningún dos dous equipos. A pesares de non disputar este encontro o Armenteira C.F. segue manténdose na séptima plaza da clasificación, a catro puntos do Moraña C.F. A próxima fin de semama o equipo cadete deberá medirse ao Atlético Cuntis, que ocupa o décimo posto con trece puntos.

O equipo infantil volveu a pagar cara a súa inxenuidade e a falta de seguridade defensiva e caiu derrotado na tarde do sábado ante a S.D. Chispa por un gol a seis. O equipo celeste levou o dominio do encontro durante a maior parte dos minutos e impuxo a superioridade que indica a diferenza na clasificación na táboa entre ambos conxuntos. O grupo que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo non acaba de solventar as deficiencias coas que partiu a principio de temporada, e que se centran fundamentalmente na debilidade da parcela defensiva e na escasa creatividade do mediocampo. Na próxima xornada o equipo verdinegro deberá visitar a campo de A Bouza, na veciña localidade de Barrantes, onde se enfrontará ao Umia C.F., séptimo clasificado con vinteoito puntos.

O equipo alevín disputaba na mañá do domingo, no campo Municipal de Zacande, o derbi municipal ante o C.D. Mosteiro. As diferenzas clasificatorias entre ambos conxuntos non se mostraron nos primeiros minutos do encontro e os dous equipos dispuxeron de ocasións para poñer o marcador ao seu favor. Pero o gol de Adri para o Armenteira C.F. fixo que o rival se viñese abaixo, e o cero a cinco que reflexaba o resultado ao descanso, e o cero a nove final decantaron o encontro e deron un novo triunfo á formación que adestra Jonathan Crespo. Dase a curiosidade que, neste partido que enfrontaba aos dous únicos equipos con categorías de fútbol base do concello de Meis, os tantos foron anotados todos por xogadores e xogadoras naturais deste municipio. Hugo en tres ocasións, Adri e Manu Meixús en dúas, e Mosteiro e Sara Rey cun tanto, foron os goleadores do Armenteira C.F. Na próxima xornada o equipo alevín recibe no campo de O Leixo a C. Xuventú Sanxenxo, que se atopa un posto por debaixo do cadro verdinegro, na séptima plaza, con trinta puntos, é dicir, un punto menos que equipo de A Armenteira.

Finalmente, o equipo benxamín desprazábase na tarde deste martes ata A Illa de Arousa, onde era recibido no campo de A Bouza polo Céltiga F.C. O equipo illeño, dirixido por Ricardo Dios, terceiro clasificado, puxo en evidencia dende o inicio a súa clara superioridade sobre os rapaces e rapazas que está adestrando Víctor Saborido que, a pesares do seu sacrificio e as súas gañas de xogar o balón, volveron a sucumbir ante un rival moito máis poderoso. Ao igual que fixera no partido da primeira volta, o conxunto blanco e vermello soubo administrar con elegancia a diferenza de nivel entre ambos equipos, e por abultado que sexa o resultado final de catorce goles a un, actuou co respecto que caracteriza a unha entidade de tanta tradición futbolítista na nosa comarca como é o Céltiga F.C. O tanto acadado por Brais Charlín pódese considerar un novo progreso na lenta evolución da escadra verdinegra. A próxima fin de semana o equipo benxamín recibe no campo de O Leixo ao Umia C.F., un rival que ocupa a oitava posición con trinta e cinco puntos.







domingo, 14 de febreiro de 2016

O Armenteira Veteranos logra un novo triunfo en Vilalonga

O Armenteira Veteranos acadou este sábado un novo triunfo no encontro que o enfrontou ao Centro Cultural Vilalonga no campo de O Revel. A formación verdinegra acudiu a este partido con numerosas baixas, pero puido sobrepoñerse a estas circunstancias e conseguiu derrotar ao seu rival por un gol a catro, con tantos de Víctor, en tres ocasións, e do capitán Galiñanes. Con esta importante vitoria o Armenteira Veteranos avanza ata a oitava plaza, con trinta e nove puntos, nunha temporada que está sendo exitosa en canto a resultados para o equipo de O Leixo. Na próxima xornada o conxunto verdinegro recibirá no seu feudo ao Carballo da Portela, un equipo que ocupa a décimo segunda posición con vintecatro puntos.


venres, 12 de febreiro de 2016

O Armenteira Veteranos visita o Revel para medirse ao Centro Cultural Villalonga

O Armenteira Veteranos visita este sábado o campo de O Revel, en Vilalonga, para ser recibido polo Centro Cultural Villalonga a partires das 18 horas. O equipo celeste ao que o Armenteira Veteranos derrotou con apuros por dous goles a un no encontro da primeira volta, atópase agora na undécima posición con vintesete puntos, nove menos que o cadro verdinegro. O equipo de O Leixo, que rompeu a pasada fin de semana a racha de cinco vitorias consecutivas ao ser derrotado polo Monteporreiro-Muebles El Almacén, tras desperciar unha vantaxe de dous goles a cero, agarda que nesta ocasión non volva a ocorrer o mesmo, aínda que para esta cita terá de novo algunhas baixas significativas, o que restará potencial ao conxunto que capitanea José Luis Galiñanes. Os trinta e oito puntos cos que conta o equipo de A Armenteira manteno con esperanzas de optar aos postos altos da táboa e a poder loitar por unhas plazas de ascenso que, como é costume na liga organizada pola Asociación Cultural de Futbolistas Veteranos de Pontevedra, seguen sen ter unhas normas definidas con claridade.


xoves, 11 de febreiro de 2016

Nova xornada de liga para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. terán nesta fin de semana unha nova xornada de liga, na que sobresairá un novo derbi municipal entre a entidade de O Leixo e o C.D. Mosteiro, desta vez cos seus respectivos conxuntos de categoría alevín. Ademais, esta xornada presenciará o debut por esta temporada coa camisola verdinegra dos seus particulares Falcao e Lucas Pérez.

O equipo cadete recibirá o sábado no campo de O Leixo, a partires das 11:30 horas, ao Moraña C.F. Será o primeiro encontro da segunda volta para os rapaces que dirixe o adestrador meisino Marcial Prado, que tratarán de sacarse o mal sabor de boca do encontro da primeira volta no que, tras ter unha vantaxe de cero goles a dous, acabaron caendo por tres goles a dous, tras unha controvertida actuación arbitral, ao dar por válido un gol en posible fóra de xogo no último minuto do partido. O cadro morañés ocupa a sexta posición na táboa, unha por enriba do Armenteira C.F., con catro puntos de vantaxe, polo que os rapaces do clube verdinegro non queren perder a oportunidade de achegarse ao seu rival e de seguir escalando postos na clasificación.

Pola súa parte, o equipo infantil disputará o sábado a partires das 18:30 horas, no campo de O Pombal, en Cambados, o que será tamén o primeiro encontro da segunda volta. O rival, a S.D. Chispa, derrotou por cinco goles a un á formación que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo, pero despois de meses de duro traballo, nunhas condicións non sempre favorables, os rapaces que defenden as cores da entidade verdinegra queren mostrar sobre o céspede das instalacións cambadesas os progresos que cont tantas dificultades foron acadando. O punto acadado no encontro disputado ante o C.D. Portas a pasada fin de semana viu a reforzar a decaída moral duns esforzados xogadores, que ante o clube de Corón, décimo segundo clasificado, con dezaséis puntos, agardan seguir sumando puntos nun casilleiro escaso de puntos nesta temporada.

O equipo alevín disputará o domingo o que será un novo derbi do concello de Meis ante o C.D. Mosteiro. Será a partires das 12 horas no campo Municipal de Zacande, un escenario que viu como se repetían nas últimas temporadas enfrontamentos entre os dous clubes que, xunto co Zacande F.C., levan a bandeira do concello polos diversos campos do entorno. O conxunto que dirixe Jonathan Crespo, que venceu comodamente por dez goles a cero ao seu veciño no partido da primeira volta, non quere confianzas, e acudirá a esta cita coa intención de seguir sumando máis puntos aos vinteoito cos que conta actualmente, e ao mesmo tempo resacirse das derrotas das últimas dúas xornadas ante a E.F.B. Vilanova e o Portonovo S.D. A situación do rival, último clasificado cun único punto, outorga o papel de favorito ao Armenteira C.F., pero o técnico local insiste en que non cabe ningún tipo de relaxación, xa que ao respecto que senten pola entidade de O Mosteiro hai que engadir que se trata dun encontro de máxima rivalidade.

Finalmente, o equipo benxamín, visitará nesta xornada o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, ao Céltiga F.C., terceiro clasificado con corenta puntos. O fervor co que se viven estas datas festivas de Entroido na localidade arousana obrigou a trasladar o encontro ao martes 16, cando, a partires das 19 horas, os rapaces e rapazas de ambas formacións se medirán nun choque que se presenta claramente desigual, xa que o potencial dos rapaces e rapazas que dirixe Ricardo Dios está moi por enriba do que ten o grupo que está adestrando Víctor Saborido. Os leves progresos que xornada a xornada están a mostrar os compoñentes deste equipo do Armenteira C.F., que con traballo e ilusión están superando os obstáculos que a súa inexperiencia na práctica do fútbol lles impoñe, poida que sexan insuficientes para conseguir por fin sumar algún punto ante un rival que xestionou con respecto e elegancia a súa evidente superioridade no partido da primeira volta.
















Meis será unha festa

Poucos podían imaxinar fai trinta anos atrás que naquel descampado que, nun territorio con tanta riqueza forestal como as ladeiras do Castrove, os madeiros utilizaban para depositar moreas de leña agromaría un clube de fútbol. Nese lugar, e da man de Julio Serén e o malogrado Barreiras xurdiu aló por 1995 o Armenteira Club de Fútbol, e hoxe o Leixo é testemuña dese pasado de alegrías e desencantos, de goles marcados e goles errados, de centos de xogadas que acabaron en fóra de xogo ou entre as toxeiras que rodean o campo. Agora, vinte anos despois, cando o fútbol da comarca se xoga sobre tapete de céspede artificial a terra de O Leixo e o Armenteira Club de Fútbol seguen sobrevivindo nun entorno hostil no que a crise, o descenso demográfico e o esquecemento por parte das administracións públicas ameazan a un proxecto que con enormes gañas e ilusión sosteñen Serafín Melón dende a presidencia, Martín Casais dende a coordinación deportiva, e un puñado de directivos, adestradores, pais e nais que se reúnen cada fin de semana afinando as súas gorxas para dar alento aos nenos e nenas que locen polos campos da contorna a camisola verde e negra.

O derbi que este domingo a partires do mediodía disputarán no campo Municipal de Zacande os equipos de categoría cadete do C.D. Mosteiro e do Armenteira C.F., un dos moitos nos que se veñen encontrando estas dúas entidades temporada tras temporada, será unha nova oportunidade para disfrutar do fútbol modesto, do fútbol no seu estado puro, e o deporte do Concello de Meis volverá a vestirse de gala para ver como estes xóvenes deportistas que defenden as cores dos dous equipos con categorías de fútbol base do municipio se xuntan para divertirse coa súa afección favorita. O clube verdinegro, que conta na actualidade nos seus catro equipos de fútbol base con 66 licenzas federativas, o 50% de rapaces e rapazas do concello de Meis, nunca quixo deixar de ser un elemento representativo do concello ao que pertence e, aínda que pouco a pouco se foi abrindo con orgullo a outras localidades veciñas, o que fai que hoxe en día teña nas súas filas futbolistas de case todos os concellos da comarca, o carácter meisino e o arraigo á terra que o viu nacer son unha das principais señas de identidade do clube de A Armenteira.

O desembarco esta temporada de Miro Guzmán como principal mecenas da entidade verde e negra dalle a este choque, xa de por sí de gran rivalidade, un aliciente máis para que a numerosa afección que no noso concello ten o deporte do balompé poida achegarse ata Zacande e disfrutar dun encontro no que o respecto, a deportivade e o soño por ser futbolistas dos nenos e nenas de ambos equipos debe primar por enriba de calquera outro aspecto. Por todo isto, o fútbol fará, unha vez máis, que Meis sexa unha festa.


sábado, 6 de febreiro de 2016

O Armenteira Veteranos desperdicia unha vantaxe de dous goles ante o Monteporreiro-Muebles El Almacén

Nun encontro que estivo a piques de suspenderse debido á intensa néboa e ao forte temporal que azoutaba o campo de O Leixo o  Armenteira Veteranos caiu derrotado por dous goles a tres na tarde deste sábado ante o Monteporreiro-Muebles El Almacén. Jorge Castro, que se está a mostrar como o xogador máis desequilibrante do conxunto verdinegro, conseguiu anotar dous tantos que parecían encauzar unha nova vitoria para os locais. Pero, un gol tras rematar un atacante pontevedrés de bolea un saque de curruncho, e dous goles cando o encontro se aproximaba á súa fin deron puxeron o marcador a favor do Monteporreiro-Muebles El Almacén, mentres a desesperación se apoderaba dos xogadores do equipo local. Na próxima fin de semana o equipo de O Leixo desprazarase ao campo de O Revel, en Vilalonga, para xogar o encontro correspondente á vixésimo segunda xornada co Centro Cultural Villalonga. que ocupa á undécima posición con vintesete puntos, nove menos ca o Armenteira Veteranos.


Empate do equipo infantil do Armenteira C.F. e derrota dos equipos alevín e benxamín nos partidos desta semana

Os equipos de categoría alevín, benxamín e infantil do Armenteira C.F. disputaron esta semana os encontros aplazados correspondentes á xornada 13 ante o Portonovo S.D., a S.D. Pontearnelas e o C.D. Portas, conseguindo arrincar un punto unicamente o equipo infantil.

O equipo alevín recibiu na tarde do pasado mércores no campo de O Pombal ao Portonovo S.D. O equipo de Jonathan Crespo sabía do potencial do rival, líder destacado do grupo, que acadara a vitoria en todos os encontros de liga disputados, agás no que o enfrontara nese mesmo escenario cambadés ao C, Xuventude Cambados. O gol de Migui nos minutos iniciais do partidos deu esperanzas ao equipo verdinegro, pero estas esperanzas víronse truncadas cando o equipo visitante logrou a igualada apenas un par de minutos despois. A partires de entón o Portonovo S.D. convertiuse en dono absoluto do encontro e os goles foron caíndo un tras outro na meta defendida por Sergio. A vantaxe de un gol a sete ao descanso facía agardar unha goleada por parte do cadro blanquiazul, un equipo cun enorme vigor físico e cunhas grandes cualidades técnicas e tácticas nos seus xogadores en relación cos demais conxunto que conforman este grupo. O resultado final de un gol a once reflectiu esta diferenza de nivel entre ambos equipos, ante a que nada puido facer un Armenteira C.F. falto da intensidade e da velocidade nas transicións entre a defensa e o ataque doutros partidos. Na vindeira fin de semana o conxunto que dirixe Jonathan Crespo visita o campo de Zacande para medir as súas forzas co C.D. Mosteiro, no que será un novo derbi entre os dous equipos con fútbol base do concello de Meis.

O equipo benxamín enfrontábase na mañá do sábado no campo de O Leixo á S.D. Pontearnelas, o líder do grupo, no que se presumía como outro difícil envite para os rapaces e rapazas que está dirixindo Víctor Saborido. O equipo vilanovés, que conta cunha das canteiras máis emerxentes de entre as dos clubes da comarca, impuxo dentro o inicio do partido a súa superioridade, ante a que pouco puideron facer os esforzados xogadores e xogadoras do equipo benxamín do Armenteira C.F. A loita e o esforzo do equipo alevín non puideron evitar a derrota por cero a trece que indica o marcador final. Na próxima xornada o equipo de O Leixo debe visitar o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, para enfrontarse ao Céltiga F.C., terceiro clasificado con cuarenta puntos, un encontro que cun horario aínda por confirmar, debido ao intenso calendario festivo no que está inmersa a localidade arousana nestas datas de Entroido.

O equipo infantil tiña esta fin de semana unha grande oportunidade para acadar a primeira vitoria da temporada no partido que o enfrontada ao C.D. Portas. Ámbolos dous clubes acudían a esta cita con cero puntos no seu casilleiro, polo que un triunfo serviría para reforzar a moral duns rapaces resignados a sufrir derrota tras derrota nos seus encontros. O gol do xogador de categoría alevín Íñigo na primeira metade, tras un despexe dende case a liña que marca o medio do campo levou ao descanso aos visitantes con vantaxe no marcador. Pero, no segundo período, desta vez con fero vento en contra, o Armenteira C.F. apenas logrou achegarse á portería do cadro das terras do Umia. Un tiro de Santi a centro de Andrés Liu nunha bonita xogada combinativa foi a aproximación máis destacaba neste segundo tempo dos rapaces que dirixiu Jonathan Crespo. No resto dos minutos os xogadores do equipo de A Armenteira viviron agazapados no seus campo, facendo fronte ás embestidas que, a duras penas, trataban de lanzar os xogadores do C.D. Portas. E foi nun golpe franco que o meta Diego Núñez non logrou atallar, e que, no medio da pasividade dos defensores verdinegros, como Simón Pérez, conseguiu a igualadada, despoisde rematar ata en dúas ocasións ata introducir o esférico no interior das mallas verdinegras. Os minutos finais foron de sufrimento para o equipo infantil do Armenteira C.F., no medio dunha forte choiva e dun vento que sopraba cada vez con máis violencia, provocando que un dos colectores do lixo que rodeaban o campo de A Rapeira se introducise no terreo de xogo e desprendese a súa carga sobre o céspede. O empate final a un gol serviu para que os dous conxuntos lograsen por fin sumar, pero deixou para posteriores citas a oportunidade de lograr unha vitoria que os xogadores e as afeccións dos dous equipos tanto ansían. Na próxima xornada o equipo infantil do Armenteira C.F. recibe no campo de O Pombal, en Cambados, á S.D. Chispa, duodécimo clasificado con dezaséis puntos, no que será o primeiro encontro da segunda volta do grupo 8 do grupo de categoría infantil.

























venres, 5 de febreiro de 2016

Armenteira Veteranos e Monteporreiro-Muebles El Almacén mídense este sábado en O Leixo

O Armenteira Veteranos recibe este sábado a partires das 16:30 horas ao Monteporreiro-Muebles El Almacén. O equipo pontevedrés atópase na séptima posición cun punto máis ca o cadro verdinegro, polo que o encontro se presenta coma trascendental para ambos conxuntos de cara a loitar polos postos altos da táboa. A baixa de Richi por acumulación de cartóns amarelos, á que previsiblemente se sume algunha outra de última hora, farán que, unha vez máis, o Armenteira Veteranos teña que disputar un partido sen contar co plantel ao completo. A formación de O Leixo atópase nun bo momento de xogo e resultados, e tras vencer nas últimas xornadas ao Cafetería Pasaje, Salud, Catoira-Restaurante Xiabre, Montecarrasco e Pescados Nieves, agardar conseguir ante o equipo do populoso barrio pontevedrés a sexta vitoria consecutiva.


S.D. Pontearnelas e C.D. Portas, rivais dos equipos benxamín e infantil do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os equipos de categoría benxamín e infantil do Armenteira C.F. non descansarán nesta fin de semana de Entroido, e disputarán os encontros da xornada 13 que estaba previsto disputar nas datas de Nadal e foron aplazados para este mes de febreiro, ao que fixo o equipo alevín, que o pasado martes recibiu no campo de O Pombal ao Portonovo S.D.

O equipo benxamín recibe a partires das 11 horas no campo de O Leixo ao actual líder do grupo, a S.D. Pontearnelas. O equipo vilanovés está empatado a puntos co Meaño F.C., pero ten disputado un partido menos, polo que de conseguir este sábado a vitoria en O Leixo afianzarase no primeiro posto do grupo. Os rapaces e rapazas que está adestrando Víctor Saborido están levando a cabo unha lenta progresión, e son conscientes da dificultade da situación e de que os resultados son un elemento máis dos moitos que comprenden o proceso formativo no que están inmersos, polo que en partidos como o desta xornada saíran ao terreo de xogo a aprender e a disfrutar do seu deporte favorito sen preocuparse excesivamente polo marcador final.

O equipo infantil, pola súa parte, desprázase este sábado ata Portas, para medirse a partires das 12 horas, no campo de A Rapeira, ao C.D. Portas. Ámbolos dous conxuntos aínda non acadaron puntuar no que levamos de liga, polo que se prevé un encontro igualado entre dous equipos ansiosos por acadar a primeira vitoria da temporada. O cadro técnico verdinegro, formado por Martín Casais e Jonathan Crespo, agarda poder contar con todos os seus efectivos e poder dar á súa sufrida afección unha alegría en forma de triunfo.

martes, 2 de febreiro de 2016

O equipo alevín do Armenteira C.F. recibe este mércores ao líder no campo de O Pombal

O actual líder do grupo 62 da modalidade de fútbol-8 de categoría alevín, o Portonovo S.D., visita este mércores a partires das 19:30 horas o campo de O Pombal, en Cambados, para medirse ao Armenteira C.F. Trátase dun encontro pertencente á décimo terceira xornada de liga, que estaba previsto disputalo nas datas de Nadal, e que, de mutuo acordo entre ambos conxuntos, foi aplazado para este mes de febreiro. A baixa capacidade lumínica dos focos do campo de O Leixo fixo que tivese que ser trasladado ás instalacións deportivas cambadesas, de sobra coñecidas polos xogadores e xogadoras do equipo alevín, que en ocasións levan a cabo alí os seus adestramentos. Será un duro compromiso para o Armenteira C.F. xa que o rival desta xornada, quizais o gran favorito para lograr o campionato de liga, leva unha traxectoria impecable, con quince vitorias e unha soa derrota, que curiosamente sufriu no campo de O Pombal ante C. Xuventude Cambados.